images publicacions IgadiPaper111

IgadiPaper nº111

A reivindicación de Galicia como actor estratéxico da Lusofonía

(14/2013)

A reivindicación de Galicia como actor estratéxico da Lusofonía

Unha reflexión trala aprobación da Iniciativa “Valentín Paz-Andrade” e o XXVI Cumio España-Portugal
a) Introdución

images publicacions IgadiPaper111

A aprobación o pasado 14 de maio e por unanimidade parlamentaria da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol de incorporar o estudo do idioma portugués nos centros educativos galegos así como para promover unha estratexia plenamente galega de cara á Lusofonía, implica un exercicio de reflexión sobre o papel histórico, político e cultural que debe xogar Galicia como vértice de unión e achegamento cara o mundo lusófono, así como a elaboración de propostas de actuación efectivas, con especial incidencia en escenarios emerxentes no plano internacional como é o caso de Brasil.

Esta proposta precisa abordarse coa maior celeridade. Trala celebración, un día antes en Madrid, do XXVI Cumio España-Portugal, que reuniu ao xefe do Executivo español, Mariano Rajoy e o primeiro ministro portugués, Pedro Passos-Coelho, constatouse o esquecemento de Galicia na aproximación entre os dous Estados. O marcado acento económico outorgado a este cumio, con especial atención nas políticas conxuntas para acometer a recesión económica e impulsar o emprego, engadido á persistencia por outorgarlle prioridade aos investimentos en materia de infraestruturas viarias, diluíu seriamente a necesidade de discernir sobre outras perspectivas de carácter mais estratéxico, en especial no sentido de fomentar unha aproximación máis decidida de cara á Lusofonía que coloque a Galicia como un actor fundamental.

Neste sentido, compre salientar o negativo balance institucional para Galicia da aproximación entre os gobernos de España e Portugal, fortalecido nos últimos anos ncoa afirmación e potenciación dun eixe Madrid-Lisboa que claramente supedita e incluso despraza da atención as prioridades estratéxicas establecidas con anterioridade dentro do eixe conformado por Galicia-Norte de Portugal. En paralelo, cabe subliñar a perda de influencia de ambas as dúas comunidades nos respectivos gobernos. Isto tradúcese, ó mesmo tempo, nunha sensible diminución do peso político a nivel ibérico por parte de entidades como a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ou o Eixo Atlántico, as cales contan cunha notable traxectoria no impulso de proxectos de Cooperación Transfronteiriza se ben feble á hora de definir estratexias de inserción e actuación de cara o mundo lusófono.

b) A ILP “Valentín Paz-Andrade”: unha reivindicación histórica

Impulsada polo empresario de orixe viguesa Xosé Carlos Morell, a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Valentín Paz-Andrade([1]) que con máis de 17.000 firmas recollidas empraza á Xunta de Galicia a recuperar os vínculos de Galicia con Portugal e a Lusofonía, entre outras demandas a través do ensino do idioma portugués nos centros educativos galegos, foi finalmente aprobada por unanimidade o pasado 14 de maio por parte das catro formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia: Partido Popular de Galicia (PPdG); Partido Socialista de Galicia (PSdG); a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE); e  Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Esta iniciativa inclúe como referencia os esforzos que desde 1992 realiza a Comunidade Autónoma de Estremadura para o ensino oficial do portugués como segunda lingua estranxeira nos seus centros educativos, así como a creación a partir de 2004 dunha Asociación de Profesores de Portugués en Estremadura (APPEX). No seu discurso ante o Parlamento, Morell informou que en Galicia “só 600 persoas” teñen acceso ao ensino do portugués([2]). Así e todo, a aprobación en sede parlamentaria considera unicamente o carácter opcional do ensino do portugués, posición particularmente defendida polo PPdG. O resto das formacións políticas amosaron unha posición máis ampla, decididos  a “restituír a normalidade lingüística” e “reivindicar” os lazos históricos e culturais entre Galicia, Portugal e o mundo lusófono.

Durante a súa alocución parlamentaria, Morell destacou a “vantaxe competitiva” que supón para Galicia a súa inserción na Lusofonía, tendo en conta que o mundo lusófono agrupa a máis de 250 millóns de persoas de fala oficial portuguesa, constituíndo un 3,6% da poboación mundial, e sendo o portugués a lingua oficial en varios países e lingua de traballo en 20 organizacións internacionais. O seu peso global intensifícase ao constituír aproximadamente o 4,6% do PIB mundial, cun 2% do comercio internacional e unha diáspora de cinco millóns de persoas([3]).

O radio de acción do mundo lusófono agrupa a países como Portugal, Brasil, Angola, Guiné Bissau, Mozambique, Cabo Verde, Timor Leste e Saõ Tomé e Príncipe, así como territorios como Macau (China), ex colonias portuguesas radicadas na India (Goa, Damán e Diu, Dadra e Nagar Haveli), e outros territorios onde existe a fala portuguesa pero cunha incidencia menor, como son os casos das zonas fronteirizas entre Brasil, Bolivia, Paraguai e Uruguai([4]).

Neste sentido, a iniciativa Paz-Andrade sinala unha alternativa de actuación para Galicia ante a actual conxuntura de crise económica, con especial incidencia cara o “auxe de novas potencias como Brasil, Angola…”, especialmente no caso brasileiro, considerada “a quinta maior economía do mundo e a primeira de América Latina”([5])

c) Repensar unha estratexia lusófona para Galicia

Para Galicia, apostar pola Lusofonía implicaría vertebrar as ferramentas de soft power de carácter cultural, empresarial, de diáspora e incluso político cara países emerxentes con cada vez maior liderado global onde existe unha dinámica diáspora galega (Brasil). Paralelamente, esta estratexia incide na perspectiva de abrir canais de relación con outros mercados que poden igualmente considerarse como relevantes e eventualmente estratéxicos, como Angola (terceiro produtor africano de petróleo) e Cabo Verde (turismo), e que igualmente impliquen eventuais polos de atracción de investimentos e de proxección de mercado laboral.

Se ben a aprobación parlamentaria da Iniciativa “Paz-Andrade” supón un paso oficial e reivindicativo de histórica importancia, a conxuntura actual obriga a repensar unha estratexia galega de cara á Lusofonía que conteña, principalmente, a recuperación do peso político e institucional galego de cara a este escenario xeopolítico con cada vez maior capacidade emerxente.

Esta recuperación de peso político esixiría a adopción de alternativas que poden ter estratéxica incidencia principalmente no marco de fomentar unha maior presenza política de Galicia como membro permanente dentro da Comunidade de Países da Lingua Portuguesa (CPLP)([6]), da que actualmente Galicia é observador asociado. Inserido dentro da CPLP, o radio de actuación para Galicia pode centrarse cara a África lusófona (Angola, Cabo Verde, Mozambique, Guiné Bissau), onde Galicia xa ten experiencia a través de diferentes entidades e variables, incluída a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento; e  cara o “espazo MERCOSUR”, colocando a Brasil como epicentro de actuación.

Paralelamente, débese axilizar un maior apoio institucional no fomento das actividades de entidades existentes dentro do espazo xeográfico e territorial da Eurorrexión Galicia e o Norte de Portugal que posúen unha importante traxectoria e percorrido. Neste sentido identificamos como actores fundamentais á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que en 2008 conformou unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT); as súas entidades política e administrativas, sendo estas a Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte)([7]) de Portugal; ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular; ás iniciativas de cooperación universitaria e de investigación como o Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER)([8]); ao fomento na creación de Eurocidades (Chaves-Verín, intercambios entre Tui e Valença do Minho); e ao labor de difusión da lingua e cultura portuguesas a través de institucións como a Academia Galega de Lingua Portuguesa (AGLP), entre outras.

Finalmente, outra ferramenta de estratéxica difusión e inserción o constitúen os medios de comunicación, en especial a transmisión de TV portuguesa en Galicia, así como unha maior atención informativa por parte dos medios de comunicación galegos cara o acontecer en Portugal e o mundo lusófono, tendo en conta o notable déficit informativo e de comunicación existente entre Galicia e a Lusofonía.

d) Recuperar peso político a nivel ibérico

A nivel ibérico, Galicia e o Norte de Portugal deben conxuntar esforzos para recuperar o seu histórico papel de vertebración política e institucional en relación aos respectivos Estados e proxectalo de cara ao mundo lusófono. Unha posición sensiblemente alterada trala perda de impulso constatada nos últimos anos e agravada trala irrupción activa doutros territorios fronteirizos.  

Así e todo, cómpre destacar a potencialidade do Eixo Atlántico como entidade impulsora e xestora da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), cunha incidencia que pode permitirlle afirmarse como un importante lobby de carácter público e privado a nivel ibérico e europeo.

A recuperación do peso político por parte de Galicia e o Norte de Portugal representa unha necesidade estratéxica, á vista da conxuntura de crise económica que condiciona as relacións ibéricas, tal e como se observou no recentemente celebrado XXVI Cumio España-Portugal de Madrid. Este cumio afianzou aínda con maior forza a tendencia a diluír estes foros cara aspectos sumamente concretos e de menor calado estratéxico que, inevitablemente, provocan constantes friccións nas relacións bilaterais.

A axenda céntrase, principalmente, na finalización dos prazos temporais establecidos para as infraestruturas viarias (AVE, ferroviaria, autovías, portos e aeroportos); no cobro das peaxes nas autovías SCUT portuguesas; na recesión económica e o seu impacto directo no desemprego, especialmente na mocidade; e a situación da balanza comercial([9]), entre outras.  Por tanto, a preponderancia económica deste cumio imprime unha practicamente nula atención á concreción de políticas conxuntas a nivel ibérico cara escenarios estratéxicos de actuación, especialmente a Lusofonía, onde Galicia pode constituírse nunha voz de referencia.  

Con todo, a aprobación parlamentaria da “Iniciativa Paz-Andrade” supera notablemente o baleiro de carácter oficial e institucional, sobre a reivindicación histórica e cultural de Galicia como actor de importancia para o mundo lusófono, implicando ao mesmo tempo a necesidade de tecer unha estratexia coherente de inserción neste espazo de interese xeopolítico, cultural e empresarial.

IGADI. 16 de maio de 2013

 



 

([2]) “Pacto político para introducir el idioma portugués en Galicia”, La Voz de Galicia, 15 de maio de 2013. Ver en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/05/14/pacto-politico-introducir-idioma-portugues-galicia/0003_20130520130514134256770.htm

([3]) Ibid.

([4]) “El Portugués, lengua estratégica para Extremadura”. Ver en: http://cosoberaniaolivenza.blogia.com/temas/lengua-portuguesa-en-olivenza.php

([5]) “Unanimidad en el Parlamento para que Galicia ‘aproveche’ la Lusofonía”. Ver en: http://www.eldiario.es/galicia/Unanimidad-Parlamento-Galicia-aproveche-lusofonia_0_132287506.html

([7]) A Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte) está por elixir unha nova presidencia, actualmente en mans do presidente interino Carlos Neves, un dos candidatos a ocupar este cargo tralo cese de Carlos Lage en febreiro de 2012 e o posterior pasamento do seu sucesor Duarte Vieira en febreiro de 2013. Xunto a Carlos Neves, as outras candidaturas para a presidencia da CCDR-N son Juvenal da Silva Peneda, Ricardo Magalhăes, Alvaro Santos, Carlos Duarte e Paulo Gomes. Para maior información, consultar: “Arranca a corrida à liderança da CCDR-N e à gestăo de milhões”, Jornal de Notícias (Portugal), Segunda Feira, 13 de maio de 2013.

([8]) Constituída polas universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro, así como pola Xunta de Galicia e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Máis información en: http://fceer.org/index.php?pid=home

([9]) Segundo informou Pedro Reis, presidente da Agência para o Investimento e Comercio Externo de Portugal (AICEP), no primeiro trimestre de 2013, as exportacións portuguesas cara España subiron nun 2%, con valor de 2.713 millóns de euros, mentres as importacións dende España caeron un 11,1%, cun saldo negativo para Portugal por valor de 1.458 millóns de euros. Para maior información, consultar en: “Recuperaçao da economia năo demorará a chegar”, Jornal de Notícias (Portugal), Segunda Feira, 13 de maio de 2013.