images publicacions IgadiPaper112

IgadiPaper nº112

XXI Cumio da Unión Africana. Un balance tras 50 anos de integración

(15/2013)

XXI Cumio da Unión Africana

Un balance tras 50 anos de integración

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper112

 

Baixo o lema “Panafricanismo e Resistencia Africana”, entre o 22 e 27 de maio celebrouse o XXI Cumio Ordinario da Unión Africana (UA) en Adís Abeba (Etiopía), coincidindo co 50º aniversario da creación da súa predecesora, a Organización da Unión Africana (OUA). Co énfase na concreción dun Plan Estratéxico 2014-2017, os xefes de Estado e de Goberno dos 54 países pertencentes á UA debateron a necesidade de primar o desenvolvemento económico e a solución de controversias como factores motrices da cohesión.

O “panafricanismo”, soño de unidade continental impulsado medio século atrás por líderes independentistas como Kwane Nkrumah, Julius Nyerere, Patricio Lumumba e Jomo Kenyatta, afronta na actualidade un panorama que inclúe diversos retos e desafíos, contextualizados por notables avances políticos e económicos así como a consolidación da UA como foro de diálogo e solución de controversias. Entre as decisións mais relevantes deste XXI Cumio da UA destaca a histórica creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR) orientada á resolución inmediata das crises e conflitos rexionais.

A pesar da persistencia de problemas crónicos como a pobreza, conflitos secesionistas e guerras de carácter sectario e tribal (República Democrática do Congo, Sudán do Sur, Nixeria), rebelións, golpes militares e intervencións exteriores (Libia, Malí), crises humanitarias (Sudán), dependencia da axuda económica exterior e do efecto socioeconómico de diversas pandemias (VIH), África avanza na concreción de modelos de desenvolvemento cada vez mais autóctonos, na consolidación de sistemas democráticos e de notables avances da sociedade civil, observando de cerca a dinámica rexional de rebelións e cambios políticos inesperados, como a Primavera árabe no Magreb.

Ao mesmo tempo, o fomento dunha nova concepción Sur-Sur permite desprazar a tradicional percepción “eurocentrista” de considerar a África como “actor periférico” do sistema mundial, para observar a súa evolución como un continente en ascenso e con mediana incidencia no panorama internacional. Esta realidade ponse de manifesto na presenza africana en foros globais como os BRICS, IBSA e ASA, así como na cada vez maior implicación en África de actores externos como China, Brasil, India, Rusia, Xapón e Turquía, entre outros.

b) Un momento marcado polo optimismo

Unha sensación de moderado optimismo imperou nos encontros e debates realizados durante o XXI Cumio da Unión Africana (UA), celebrado na súa sede central na capital etíope Adís Abeba entre o 22 e 27 de maio, coincidindo co 50º aniversario da integración e unidade africana establecida trala creación da Organización da Unión Africana (OUA), predecesora da actual UA. Paralelamente, durante este cumio celebrouse o Día de África, o pasado 25 de maio.

Este cumio foi o primeiro organizado polo novo presidente da UA, o anfitrión e primeiro ministro etíope Hailemariam Desalegn, quen substituíu en xaneiro pasado á outrora presidenta, a ex ministra surafricana de Exteriores Nkosazana Dlamini-Zuma, elixida en 2012 como a primeira muller en ocupar este cargo. A presidencia da UA acorda unha elección anual rotativa entre as cinco rexións que dividen o continente africano: Norte de África (Magreb), África Occidental, África Central, África Oriental e África do Sur.

A razón deste moderado optimismo estriba principalmente no notable desempeño económico africano. Segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), actualmente un total de 11 das 20 economías con máis rápido crecemento a nivel mundial están localizadas en África, destacando entre elas África do Sur, Angola (produtor petroleiro), Níxer e Serra Leoa (minería), Gana, Nixeria, Quenia e Etiopía.

Nas súas previsións económicas para 2013 e 2014, o FMI sinala que África pode constituírse como a próxima “locomotora” do crecemento económico mundial, destacando o seu dinamismo por riba incluso de Asia, con índices de crecemento estimados en 5,6% para 2013 e 6,1% para o próximo ano([1]), destacando o desempeño da economía surafricana con índices de crecemento estimados en 2,8% (2013) e 3,3% (2014).

Este boom do crecemento económico africano débese principalmente ao aumento sostido dos prezos das materias primas, que permitiron igualmente un  incremento dos investimentos exteriores no continente. Xunto á sensación de optimismo polos resultados económicos, a necesidade de afianzar os mecanismos autóctonos de integración imprimiu o seu selo neste cumio. Segundo expresou días antes da xuntanza a presidenta saínte da UA, Dlamini-Zuma, o continente debe transitar por camiños propios de integración en materia económica e de seguridade, superando así a tradicional dependencia da axuda exterior.

c) “Panafricanismo” para a resolución de conflitos

Creada en 2002, a UA consolídase non só como a sucesora da extinta OUA senón como o principal foro de diálogo e de solución de controversias actualmente existente nun continente tradicionalmente estigmatizado por guerras de carácter étnico e tribal, pola explotación indiscriminada dos seus recursos por parte de intereses foráneos, polas secuelas da pobreza, das desigualdades e de pandemias sanitarias (en especial a expansión do VIH), así como de constantes crises e inestabilidade política e social, expresada en golpes militares e rupturas de incipientes procesos democráticos.

Neste sentido, o Cumio de Adís Abeba implicou unha reflexión sobre a vixencia do “panafricanismo” propio do proceso de descolonización das décadas de 1950 y 1960, impulsado entón por líderes independentistas como Nkrumah, Nyerere, Lumumba, Kenyatta, Ben Bella e Gamel Abdel Nasser. Esta renovación do “panafricanismo” ven agora contextualizado polos consecuentes avances políticos, económicos e sociais que ven presentando África nos últimos anos, que igualmente determinan a súa inserción nun sistema internacional cambiante, virado para a concreción dun mundo multipolar e de mecanismos de integración Sur-Sur.

O peso cada vez maior da UA como foro de integración e de resolución de conflitos concrétase igualmente en razón dunha ampla variedade de iniciativas impulsadas nesta a súa primeira década de existencia como sucesora da OUA. Estas iniciativas de recente creación e outras en proceso de desenvolvemento céntranse en mecanismos autóctonos de integración e na adopción de estratexias transversais, tales como a Convención Africana para a Conservación dos Recursos Naturais e a Política da Terra en África e a Corte Africana de Dereitos Humanos e das Persoas, entre outras.

Así e todo, a axenda do XXI Cumio da UA incluíu a discusión de temas moitos mais polémicos e controvertidos como son os conflitos acaecidos en Malí trala intervención militar francesa en febreiro pasado, a guerra civil na República Democrática do Congo (con cinco millóns de mortos desde 1998), a violencia intrarrelixiosa en Nixeria, os conflitos secesionistas entre Sudán e Sudán do Sur (independente desde 2011), os problemas de disolución estatal, da piratería e do integrismo yihadista en Somalia e noutras partes do Sahel e do Corno de África, a crise política en Madagascar; e outros aspectos relativos á situación da muller e temáticas de xénero.  

 

images artigos IgadiPaper112 a

Principais focos conflitivos en África (2013)
Fonte: http://www.ikimap.com/ikimap/conflictos-en-africa-2013

Neste sentido, a decisión estratéxica mais importante adoptada neste XXI Cumio da UA é o anuncio da creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR), inicialmente concibida pola UA en 2002 pero que neste cumio de Adís Abeba, recibiu o impulso para facela operativa a partir de 2015.

Esta FAR estaría eventualmente conformada por 32.000 efectivos militares ou civís, e alcanzaría a súa operatividade a través das achegas e financiamento ofertadas por países como África do Sur, Etiopía e Uganda, en especial en réxime de voluntariado([2]). Por tanto, a potenciación da FAR implica basicamente un reto estratéxico para a UA, tendo en conta a forte dependencia exterior como se evidenciou na recente intervención francesa na crise de Malí, entre xaneiro e febreiro pasado. No contexto desta crise, a UA ensaiou igualmente unha operación de intervención rápida a través do despregue dun milleiro de efectivos.

O Cumio de Adís Abeba emitiu igualmente unha dura crítica da UA á Corte Penal Internacional (CPI), realizada da man do anfitrión e presidente rotativo Desalegn. Este acusou ao CPI dunha presunta “caza racial” ao declarar que “o 99% dos casos da CPI son contra africanos”([3]), aspecto que afasta a estes procesos xudiciais do seu obxectivo principal, relativo a “evitar a impunidade”. Estas declaracións realizáronse trala aprobación por parte da UA dunha resolución no sentido de que a CPI transferira á xustiza de Quenia o caso do presidente dese país, Uhur Kenyatta e do seu vicepresidente William Ruto, imputados por crimes de lesa humanidade por presuntamente instigar á violencia postelectoral en Quenia entre 2007 e 2008, nuns sucesos que causaron 1.300 mortos e centos de miles de desprazados([4]).

d) Brasil e África: unha relación estratéxica

Mentres o Cumio de Adís Abeba concluía cunha histórica declaración de reafirmación do “panafricanismo”, a través a construción dunha “África máis unida integrada e pacífica”([5]), outro aspecto de notorio interese foi a presenza de líderes e convidados provenientes de países en desenvolvemento con históricas e cada vez maiores relacións co continente africano, con especial incidencia no caso de Brasil.

Neste sentido, e como exemplo de potenciación das relacións Sur-Sur e da activa diplomacia africana levada a cabo por Brasilia na última década, a presidenta Dilma Roussef anunciou no evento a condonación e reestruturación da débeda externa por parte de doce países africanos, valorada en US$ 840 millóns. Desde 2003, Brasil abriu un total de 19 embaixadas en África, aumentando a 37 as súas representacións diplomáticas neste continente([6]), ademais de fortalecer a súa dinámica presenza a través dos foros BRICS, IBSA e América do Sur-África (ASA).

A consolidación desta relación afro-brasileira consolídase tendo en conta que, en 2012, os fluxos de intercambio comercial entre Brasil e África ascenderon aos US$ 26.500 millóns. Igualmente, desde 2011 funciona na localidade brasileira de Fortaleza a Universidade Federal da Integración Afro-Luso-Brasileira (UNILAB), financiada polo goberno brasileiro e que alberga a máis de 200 estudantes africanos([7]).

Paralelamente, a presenza en Adís Abeba do viceprimeiro ministro chinés, Wang Yang, confirma o papel preponderante e estratéxico por parte de China no continente africano. Precisamente, a nova sede da UA na capital etíope, inaugurada en xaneiro de 2012, foi totalmente financiada por China, valorada en US$ 200 millóns. Cómpre igualmente destacar a asistencia a este cumio doutros convidados internacionais como o  secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durăo Barroso, o presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba, Esteban Lazo Hernández, o presidente francés François Hollande, o secretario de Estado estadounidense, John Kerry, e o ministro arxentino de Exteriores, Héctor Timerman, os cales reflectiron coa súa presenza a importancia cada vez maior de África nos seus respectivos contextos diplomáticos e comerciais.

IGADI. 28 de maio de 2013.


([1]) HELBLING, Thomas, “Perspectivas de la Economía Mundial. Gracias a las políticas adoptadas, mejorarán las perspectivas de la Economía Mundial”, Fondo Monetario Internacional, Boletín del FMI, 16 de abril de 2013. Ver en: http://www.imf.org/external/Spanish/pubs/ft/survey/so/2013/RES041613AS.htm

([2]) “L´Union Africaine annonce la création d´un force d´intervention rapide », Jeune Afrique, 27 de maio de 2013. Ver en : http://www.jeuneafrique.com/Article/ARTJAWEB20130527191757/union-africaine-ramtane-lamamra-faa-sommet-de-l-ual-union-africaine-annonce-la-creation-d-une-force-d-intervention-rapide.html

([3]) “La Unión Africana acusa a La Haya de una ‘caza racial’”, El Comercio (España), 27 de maio de 2013. Ver en: http://www.elcomercio.es/rc/20130527/mas-actualidad/internacional/union-africana-acusa-haya-201305272147.html

([4]) Ibid.

([5]) “Cumbre de la UA concluye en Etiopía con declaración sobre siglo africano”, Radio Internacional de China e Axencia Xinhua (China), 28 de maio de 2013. Ver en: http://espanol.cri.cn/741/2013/05/28/1s279925.htm

([6]) “Roussef viaja a Etiopía para el cincuentenario de la Unión Africana”, lainformación.com (España), 24 de maio de 2013. Ver en: http://noticias.lainformacion.com/politica/cumbre/rousseff-viaja-hacia-etiopia-para-el-cincuentenario-de-la-union-africana_Ic5SewcEt7Rq2sABHTL662/

([7]) Ibid.