IgadiPaper nº115

Distribuir

Distribuir contido

Albania: xiro coa vista na UE

a) Introdución

 A contundente vitoria de Edi Rama, candidato da coalición Alianza para unha Albania Europea liderada polo Partido Socialista (PS), nas eleccións lexislativas albanesas celebradas o pasado 23 de xuño, non só pon fin ao mandato do  actual primeiro ministro conservador Sali Berisha (candidato da Alianza para o Traballo, o Benestar e a Integración, liderada polo Partido Democrático, PD) senón que traza unha “folla de ruta” basicamente encamiñada a propiciar para Albania o seu estatus de país candidato ao ingreso na Unión Europea (UE).

Rama, un ex inmigrante de 49 anos que anteriormente fora ministro de Cultura e alcalde da capital Tirana durante o período 2000-2011, obtivo o 57% dos votos, polo que o PS obtén un total de 84 dos 140 escanos no Parlamento albanés. Pola súa banda, Berisha (64 anos) e o PD alcanzaron o 39% dos sufraxios, con 56 escanos, constituíndo así a maior derrota para os conservadores desde 1997.

Está por ver se a vitoria de Rama constitúe un necesario bálsamo para que Albania recupere a estabilidade tras anos de tensa polarización e estancamento político, en especial trala polémica reelección de Berisha nas anteriores eleccións parlamentarias de 2009, cuns resultados que non foron aceptados por un Rama que dende entón veuse constituíndo como o seu principal rival político. Do mesmo xeito, estas eleccións de 2013 determinaron un cambio político indubidable: é a primeira vez que Berisha (quen gobernou Albania durante trece anos desde que en 1991 iniciarase a transición post-comunista) acepta a súa derrota electoral, deixando así o poder a resultas dunha votación popular. Anteriormente, en 1997, Berisha fora derrocado por unha revolta tras un notorio escándalo financeiro.

Ademais da recuperación da estabilidade política, os outros temas que gravitaron con forza nestas eleccións e que ben puideron influír na vitoria de Rama centráronse na necesidade de solucionar unha persistente crise económica nun dos países máis pobres de Europa, así como propiciar o combate á corrupción e á criminalidade, factores que igualmente certifican o fracaso da estratexia occidental nos Balcáns impulsada pola OTAN e a UE. A necesidade de concretar un pacto político para alcanzar o estatus de candidato para ingresar na UE, cobrou relevancia no contexto preelectoral albanés tendo en conta que, tras un ano de desacordos políticos, o Parlamento aprobou por unanimidade a finais de maio un paquete de leis trazado dende Bruxelas que permite acelerar as negociacións dunha eventual admisión.

b) A urxencia da estabilidade

Cunha contundente vitoria electoral que lle permitirá gobernar cunha notable  maioría parlamentaria, o próximo primeiro ministro albanés, o socialista Edi Rama, encara un período de goberno 2013-2017 onde a estabilidade política e socioeconómica e as negociacións de eventual admisión na UE, constituirán os seus principais retos e desafíos.

Trala transición post-comunista iniciada en 1991, Albania atravesou tensos períodos de violencia e inestabilidade política, en gran medida fraguados pola herdanza dunha cultura autoritaria e autárquica, con escasa transparencia política e respecto dos procedementos democráticos. Ao mesmo tempo, este panorama de inestabilidade e polarización intensificouse ante a persistencia dunha corrupción establecida en todos os niveis da administración pública e dunha crónica crise económica que lastra a un dos países máis pobres de Europa, cunha renda per cápita quea penas alcanza os US$ 4.000. A emigración constitúe igualmente un factor social constante e latente na Albania post-comunista, con especial incidencia cara países membros da UE como Italia e Grecia.

Trala transición iniciada en 1991, Albania estivo gobernada durante trece anos e en diversos períodos, por Sali Berisha, acusado por numerosos sectores de propiciar este sistema de corrupción e autoritarismo político. Con diversa intensidade, a maioría dos procesos electorais da Albania post-comunista determinaron unha dinámica de violencia postelectoral, acusacións de fraude e de falta de transparencia que motivaron o rexeite na aceptación dos resultados por parte de diversos liderados políticos.

Este nivel de inestabilidade e polarización tivo un momento chave trala polémica reelección de Berisha nos anteriores comicios lexislativos de 2009. Aqueles resultados non foron recoñecidos por Rama e o PS. Posteriormente, os comicios municipais de 2011 intensificaron aínda máis unha polarización política entre o PS e o PD que, en determinados contextos, incluso adquiriu matices de eventual retorno da violencia. Dende entón, o país balcánico vive unha tensa confrontación política que dificultou a aprobación parlamentaria de diversas leis, en especial aquelas relativas aos termos de negociación con Bruxelas sobre a candidatura para un eventual ingreso na UE.

Non obstante, Rama igualmente arrastra diversas acusacións de favoritismo político e de corrupción durante a súa xestión como alcalde da capital Tirana entre 2000 e 2011. Se ben logrou transformar a paisaxe urbanística da capital albanesa, en aras de deixar atrás o legado comunista, diversos sectores acusárono de propiciar subornos de ata o 20% na adxudicación de obras a determinados construtores, demandas que terminaron sendo efectivas de cara a obstaculizar a posibilidade dun cuarto mandato de Rama como alcalde nas eleccións municipais de 2011.

c) Obxectivo estrela: o ingreso na UE

Así e todo, o panorama político 2013 é levemente diferente. Como observador electoral, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) garantiu a transparencia dos comicios lexislativos do pasado 23 de xuño toda vez que a aceptación da súa derrota por parte de Berisha, aínda que dous días despois da votación, fortaleceron un ambiente de normalidade.

Rama e o PS deberán agora afrontar importantes desafíos aínda que baixo un clima político menos tenso, reforzado por unha maioría parlamentaria que pode afianzarse no caso de pactar con Ilir Meta, líder do Movemento Socialista pola Integración (LSI), facción xurdida do PS no 2004 e que ata hai pouco formou parte da coalición gobernante co PD de Berisha desde 2009.

Pero o tema estratéxico para o próximo goberno de Rama será consolidar o estatus de candidato á  admisión na UE. A finais de maio, o Parlamento albanés aprobou tres leis impulsadas dende Bruxelas relativas ao funcionamento da administración pública, o Tribunal Supremo e o regulamento do Parlamento, que son vistas por Albania e a UE como necesarias para alcanzar o estatus de candidato á admisión. Durante a súa campaña electoral, o ata agora primeiro ministro Berisha tentou “vender” esta aprobación como un logro do seu goberno cara a UE, aspecto que finalmente terminou mais ben favorecendo as aspiracións do seu rival Rama.

d) O fracaso da estratexia occidental

Pero diversos claroscuros se cernen sobre a transición post-comunista no país balcánico e, especialmente, pola escasa eficacia da estratexia fomentada durante anos por Europa e EUA, ata o punto de que Albania tense identificado como unha especie de “Estado fracasado” e, incluso, de “narco-Estado”, a tenor da proliferación de redes de narcotráfico, un caso similar á da veciña Cosova.

Membro da OTAN desde 2009, ano no que igualmente solicitou o seu ingreso na UE, Albania ven estando na órbita de atención occidental desde o inicio da transición post-comunista. Non obstante, o país balcánico adoece de problemas crónicos que evidencian as deficiencias desta marcada orientación pro-occidental, fomentada principalmente polo propio Berisha durante os seus períodos de goberno. Precisamente, no recente contexto electoral, Berisha afianzou a súa campaña en potenciar os “logros” obtidos polo seu goberno, traducidos no ingreso albanés na OTAN e na súa solicitude de negociacións de admisión na UE.

Á inestabilidade política se lle engade unha precariedade económica e un agudo drama social. Cunha débeda pública calculada en US$ 8,4 millóns, correspondendo a un 61% do PIB, oficialmente, a taxa de desocupación laboral en Albania alcanza o 13% da poboación economicamente activa, pero diversas fontes afirman que existe unha economía ilegal que alcanza o 30-40% da poboación.

Un deficiente aparato industrial e de infraestruturas, a persistencia da economía rural e a excesiva dependencia das remesas da diáspora albanesa, calculada  aproximadamente nun millón de persoas (un terzo da poboación albanesa), amosan un cadro de profundas contrariedades.  Paralelamente, a proliferación da criminalidade en mans de mafias de narcotráfico, prostitución e tráfico de persoas fan de Albania un país de tránsito destas redes criminais dende Asia Central e Turquía ata Europa Occidental.

Estes problemas evidencian as carencias e o fracaso da estratexia occidental nesta rexión balcánica, con notable presenza de misións de paz e de transición de posguerra tanto da OTAN como da UE e da ONU en territorios veciños de Albania como Bosnia-Hercegovina e Cosova (misións da UNMIK e KFOR). Non se debe esquecer que nesta rexión balcánica e euroasiática pola que transita Albania, o peso da OTAN certifícase ao estar presente en países como Turquía e Grecia (ingresaron en 1952), Romanía, Bulgaria e Eslovenia (2004) e Croacia e a propia Albania (2009), toda vez está en negociación o eventual ingreso de Macedonia.

d.1) O mito da “Gran Albania”

Outro aspecto que evidencia o fracaso occidental ten que ver coa pasividade da OTAN, da UE e da ONU á hora de acometer e, incluso, de frear a recreación dunha especie de “pan-albanismo” fomentado dende diversos colectivos nacionalistas albaneses de cara as comunidades étnicas albanesas en Cosova, Macedonia, Montenegro, Bosnia-Hercegovina, Grecia e Serbia.

Mapa en idioma albanés que recrea as comunidades étnicas albanesas nos Balcáns, comunmente utilizado polos movementos nacionalistas albaneses para fomentar a idea da “Gran Albania”. Fonte:  wikimedia.org > Ethnic_albania.jpg

Este “pan-albanismo” constitúe claramente un grave factor de inestabilidade balcánica, implicando así unha responsabilidade directa para as misións militares da OTAN, da ONU e da UE na rexión. Así, este eventual “pan-albanismo” tivo a súa repercusión no conflito de Cosova (1999), especificamente a través do Exército de Liberación de Cosova (UÇK en albano-cosovar), considerado por EUA e a UE como “grupo terrorista” e cun liderado político e militar que estivo durante anos en mans do actualmente primeiro ministro de Cosova, Hashim Thaci.

Igualmente, a recreación dunha especie de “Gran Albania” pesou na formación do Exército Nacional de Liberación en Macedonia así como do Exército Nacional de Albania, unha facción armada xurdida durante a crise financeira e política albanesa de 1997, que provocou a caída do entón goberno de Berisha, dando paso a un estado de “semi-caos” e guerra civil que posibilitou unha intervención militar aprobada pola ONU e liderada principalmente por Italia.

Se ben a incidencia deste “pan-albanismo” vese actualmente minorada e supeditada aos imperativos de estabilidade política e económica e na consolidación democrática en Albania, a súa influencia segue a constituír un elemento potencialmente conflitivo dentro do volátil mosaico étnico e relixioso balcánico. Pola contra, e a fin de afastar esta imaxe de inestabilidade, o goberno e a diáspora albanesa veñen impulsando nos últimos anos unha serie de investimentos en materia turística, a fin de aproveitar a xeografía costeira adriática e mediterránea albanesa como destino de baixo custe.

IGADI. 28 de xuño de 2013

AnexoTamaño
IgadiPaper nº115408.91 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais