IgadiPaper nº116

Distribuir

Distribuir contido

Brasil: un difícil plebiscito para Dilma

a) Introdución

Brasil vive un inédito clima de mobilización cidadá, derivada dunha inesperada perspectiva de crise socioeconómica e demandas de reforma política que contrastan coas expectativas emanadas dende o exterior cara un país constantemente sinalado como unha “potencia emerxente”.

A proliferación de diversas protestas con forte represión policial durante as dúas semanas de celebración da Copa FIFA de Confederacións, orixinalmente relacionadas coa alza no prezo dos transportes e as deficiencias dos servizos públicos, condicionan a xestión da presidenta brasileira Dilma Rousseff, cunha abrupta caída de popularidade que complica as súas expectativas de eventual reelección presidencial nos comicios de outubro de 2014, e a estratexia para potenciar unha imaxe benevolente dun país que deberá organizar o Mundial de Fútbol FIFA 2014 e os Xogos Olímpicos (XX.OO) de Río de Janeiro de 2016.

O catalizador destas protestas comezou coas mobilizacións impulsadas polo Movemento Passe Livre (MPL) e da Plataforma pola Reforma do Sistema Político, demandando a gratuidade dos deficientes servizos de transporte, un aspecto sumamente sensible de cara á organización destes eventos deportivos. Paralelamente, as protestas intensificáronse ante o oneroso custe de organización da Copa FIFA Confederacións, do Mundial 2014 e dos XX.OO 2016.

O medre das mobilizacións e protestas implicou a participación dun variado conglomerado de clases sociais cunhas demandas que se orientaron a esixir unha profunda reforma do sistema político brasileiro (con escándalos de corrupción como o mensalăo), da excesiva burocracia e paternalismo político, da preponderancia de lobbies políticos e empresariais nas principais institucións públicas e puxar por minorar as desigualdades socioeconómicas.

A fin de tomar a iniciativa política para aplacar a intensidade destas protestas, Rousseff anunciou a finais de xuño a posibilidade de adiantar unha reforma política de carácter constituínte que permita a eventual celebración dun plebiscito en outubro próximo. Pero as perspectivas de levar adiante esta reforma son sumamente incertas e ata pouco esclarecedoras, tendo en conta a inicial indiferenza cidadá e a preponderancia no Congreso e no Senado dos lobbies políticos, empresariais e rexionais que inflúen poderosamente na política estatal. Por tanto, e no caso dun rexeitamento lexislativo da súa proposta de plebiscito, Dilma recibiría unha dura derrota política que complica as súas aspiracións de reelección en 2014.

b) A “rebelión das clases medias”

A sorpresa e certo nivel de estupor e incredulidade que dentro e fóra de Brasil causaron a proliferación de protestas e mobilizacións populares nun país en ascenso como Brasil, obrigan a sinalar unha serie de contrastes e complexidades dentro dunha sociedade que vive inesperados niveis de transformación e cambio social.

Con diversos matices, este proceso de cambio vense manifestando nas últimas dúas décadas, particularmente coa xestión presidencial de Fernando Henrique Cardoso (1995-2002), con forte énfase macroeconómico, e principalmente pola posterior instauración de políticas progresistas de calado social trala chegada ao poder do Partido dos Traballadores (PT) a partir de 2002, coa xestión do ex presidente Lula da Silva e da súa sucesora e actual mandataria Dilma Rousseff.

O Brasil actual observado dende o exterior cun notable nivel de admiración polos seus sucesivos índices de crecemento económico, atracción de investimentos estranxeiros e notables avances sociais (40 millóns de brasileiros saíron oficialmente da pobreza na última década, conformando unha “nova clase media”)([1]), encara agora un período de complexidades e incertezas políticas e sociais. Todo isto dentro dun marco macroeconómico controlable e de notables expectativas: un desemprego do 4,5%, unha inflación próxima ao 6% e perspectivas de crecemento económico de 2,5% para finais de 2013, os cales permitirían dalgunha forma superar o período de recesión e de baixos índices de crecemento (0,9%) presentados desde 2011.

A vaga de mobilizacións e protestas populares acaecidas entre o 15 e 30 de xuño, simultaneamente coa celebración da Copa FIFA das Confederacións, foi popularizada nos medios como “a rebelión das clases medias”, logrando reunir en diversas cidades brasileiras a aproximadamente 300.000 persoas en cada mobilización.

Orixinalmente mobilizadas pola alza do transporte e o incomodo cidadá ante as deficiencias dos servizos públicos, o catalizador das protestas foi o oneroso custe de organización da Copa FIFA Confederacións 2013, do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016, con investimentos públicos valorados en US$ 31.300 millóns, correspondendo aproximadamente a un 1,26% do PIB brasileiro([2]). Un factor que explica o estupor cidadá ten que ver co estilo “clientelar” e “paternalista” na concesión dos contratos de construción dos estadios e infraestruturas([3]).

Só para a organización desta Copa das Confederacións, o goberno programou unha forte mobilización militar de 23.000 efectivos, con incidencia na represión das protestas cun peso relevante. Paralelamente, e de cara ao Mundial 2014, os onerosos investimentos públicos en materia de infraestruturas de transporte e construción de novos estadios alcanzou os US$ 15.000 millóns([4]), notoriamente superior ao custe de organización de anteriores Mundiais de fútbol.  

Este malestar cidadá explica igualmente unha serie de variables de carácter  xeracional, coa súa consecuente variación de prioridades. Segundo o brasileiro Instituto Datafolha, un 53% dos manifestantes destas mobilizacións teñen menos de 25 anos mentres 7 de cada 10 aseguraron que era a primeira vez que participaban nunha manifestación pública e 8 de cada 10 declararon non militar en partido político algún([5]).

Por tanto, esta radiografía evidencia a dinámica de inserción de cambios sociais e xeracionais operados durante a década de goberno do PT, contrastando claramente co imaxinario público que dende o exterior se ten de Brasil. Segundo Datafolha, na cidade de Săo Paulo, principal centro económico, financeiro e político e lugar onde comezaron as mobilizacións, máis dun 70% dos seus cidadáns seguiron con interese as protestas mentres só un 18% mostrouse interesado pola Copa FIFA de Confederacións.

A nivel estatal, a enquisa de Datafolha asegurou que un 77% dos brasileiros apoiaron as protestas mentres que, a nivel institucional, o Congreso Nacional ostenta un récord de 82% de desaprobación cidadá. Precisamente foi en Săo Paulo onde se suspendeu a medida de alza do transporte público, tal e como anunciou o seu gobernador Geraldo Alckim, do opositor de centrodereita Partido Social e Democrático Brasileiro (PSDB). Outros temas como a inseguridade cidadá xeran igualmente polarización e descontento. A taxa de homicidios en Brasil é dun 27,5% por cada 100.000 habitantes([6]).

Velaí a razón da popularidade e aceptación social do Movemento do Passe Livre (MPL), o actor fundamental das recentes mobilizacións en Brasil. Ante o descrédito da clase política e de boa parte das institucións públicas, o MPL preséntase como unha organización claramente horizontal e plural, afastada do estilo xerárquico e burocrático dos grandes partidos políticos, cun carácter independente, autónomo e de busca de consensos sen ataduras e “partidistas” aínda que non apolítico([7]). Tras crearse en Salvador de Baía en 2003, o MPL alcanzou a súa plenitude grazas ao Foro Social Mundial de Porto Alegre de 2005, factor que lle confire unha clara lexitimidade dentro dos movementos sociais e progresistas.

c) O PT ante as incertezas da reforma

Sorprendido pola intensidade das protestas, moitas delas acaecidas nas aforas dos estadios onde se xogaba a Copa FIFA de Confederacións, o goberno de Dilma tentou tomar a iniciativa reuníndose cos principais dirixentes do MPL e da recentemente creada Plataforma pola Reforma do Sistema Político, así como con alcaldes, gobernadores e líderes de partidos políticos, entre os que destacou a presenza do socialista Eduardo Campos, eventual rival electoral de Dilma para os comicios presidenciais de 2014.

A partir destas reunións, Dilma anunciou, dun xeito igualmente sorprendente, a posibilidade de iniciar un proceso de reforma constitucional do sistema político brasileiro, a través dunha consulta de carácter constituínte en outubro de 2013.

O anuncio de reformas constitucionais por parte de Dilma ben pode ser explicado por dúas variables: a súa caída de popularidade desde que comezaron as protestas (ata 27 puntos porcentuais dende que comezou a crise, o seu índice mais baixo desde 2011); e as súas pretensións de reelección presidencial de cara aos comicios de outubro de 2014, onde a incidencia destas mobilizacións e o pulso político dentro do Congreso para aprobar estas reformas, poden pasar factura electoral a Dilma.

Sen especificar claramente o seu contido, a proposta pode igualmente ilustrar un carácter simplemente “cosmético” orientado a calmar as protestas sociais. Pero existen diversos desafíos para levala adiante, tendo en conta, entre outros, que o gobernante PT debe recoller un mínimo de 1,5 millóns de asinamentos para solicitar ante o Congreso esta convocatoria de referendo.

A caída de popularidade de Dilma así como as cada vez mais intensas protestas no sector médico ante a contratación de profesionais estranxeiros (entre eles facultativos cubanos) son igualmente aspectos que o PT debe ter en conta. De feito, a oposición de centrodereita do PSDB liderada por Aecio Neves, outro eventual rival electoral de Dilma, anunciou que esta contratación de médicos cubanos supón unha medida que atenta “contra a soberanía nacional”, cualificándoa como medida de aparente “intromisión política e ideolóxica” similar á existente en países veciños como Venezuela e Bolivia.

A intensidade das protestas levou ao goberno a adoptar determinadas medidas de carácter excepcional, cualificadas dende a oposición como “populistas”. Estas refírense ao eventual abaratamento e incluso a gratuidade dalgunhas entradas para o Mundial 2014 para os sectores mais desfavorecidos. Paralelamente, a petición de Dilma de convocar a un plebiscito non goza dun apoio político considerable por parte doutros partidos políticos, que toman boa nota dunha marcada indiferenza cidadá. O ex presidente Cardoso considerou este plebiscito como “unha modalidade de réximes autoritarios” mentres que José Serra, candidato electoral do PSDB en 2002 e 2006, cualificouno de “absurda”.

Esta perspectiva ben podería obrigar a Dilma a utilizar con carácter de urxencia unha carta política e electoral estratéxica, que ten que ver co presumible protagonismo que poda adquirir o ex presidente Lula da Silva en apoio do plebiscito. Lula, quen segue a conservar impresionantes niveis de popularidade que chegaron a alcanzar o 80%, xa se pronunciou publicamente a favor desta consulta.

d) O escollo parlamentario

Pero está por ver se catalizar a popularidade de Lula a favor do plebiscito pode acabar sendo prexudicial e contraproducente para as aspiracións de reelección presidencial de Dilma.

O pasado 2 de xullo, Dilma enviou esta proposta de plebiscito ao Congreso, enmarcada nunha inédita crise política, a peor desde que chegou á presidencia en xaneiro de 2011, que ameaza seriamente con provocarlle unha notable derrota política con claras implicacións electorais no 2014. Desde a opinión pública brasileira se considera que o goberno de Dilma aborda todo tipo de contradicións nas súas declaracións sobre a necesidade do plebiscito, sensación que afirma un clima de debilidade e de certo pesimismo para levar adiante esta proposta([8]).

Pero existen outros obstáculos de carácter institucional que Dilma deberá afrontar para poder levar a cabo a súa proposta. O principal ten que ver co apoio do Congreso Nacional, o único facultado para convocar o plebiscito, onde o PT conserva a maioría pero verase na obriga de negociar pactos políticos con outras formacións, especialmente o centrista Partido do Movemento Democrático de Brasil (PMDB), con quen mantén actualmente unha coalición parlamentaria.

Non obstante, especúlase cunha división interna no PMDB a propósito de apoiar ou non a proposta de Dilma e do PT, especialmente en materia de financiamento público dos partidos políticos, prerrogativa apoiada polo PT pero non polo PMDB([9]). Noutro senso, algúns puntos estratéxicos de discusión que poden provocar friccións e tensións políticas parlamentarias teñen que ver coa elección popular das listas de candidatos dos partidos políticos, as medidas que limiten as coalicións parlamentarias e a posibilidade de impulsar as Iniciativas Lexislativas Populares como mecanismo de participación política da sociedade civil.

Outro punto clave e que potencialmente podería obstaculizar as reformas está relacionado co financiamento público dos partidos políticos e o castigo á corrupción política (o PT está inmerso no escándalo do mensalăo). Sendo estas demandas chave nas recentes mobilizacións populares, as reformas de Dilma igualmente inclúen outros apartados cara sectores sensibles como a sanidade, educación e o transporte.

Pero o principal test político para Dilma dentro do Congreso terá que ver co fortemente instalado lobby “ruralista”, defensor dos principais terratenentes e dos seus  aliados políticos, algúns de carácter rexional dentro dun Congreso federal con notable incidencia da descentralización política e administrativa. Estes lobbies premerán no Congreso para dinamitar estas reformas, en especial no aspecto relativo ao polémico “voto secreto”, sinalado polos cidadáns como un foco de corrupción e clientelismo político.

Mentres o Congreso comeza a sopesar a discusión destas reformas, outras incógnitas pesan sobre a posición institucional doutros poderes como o Poder Xudicial, o cal xa anunciou que observaba con receo esta convocatoria de reforma constituínte de carácter plebiscitario da Constitución federal vixente desde 1988. Co horizonte do referendo en outubro de 2013, o Poder Xudicial considerou que non existe tempo abondo para poder levar a cabo esta convocatoria.

8 de Xullo de 2013

 


([1]) Raúl Zibechi, “La revuelta de los 20 centavos”, Brecha (Uruguai), Nº 1.439, 21 de xuño de 2013, páxina 32.

([2]) “Brasil muestra su hastío”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 848, 1º de xullo de 2013.

([3]) Ibid.

([4]) Raúl Zibechi, op.cit.

([5]) Ibid.

([6]) Brasil muestra su hastío”, op.cit.

([7]) Ibid.

([8]) “Perdido, governo busca saída para plebiscito e tenta evitar crise no Congresso”, Veja (Brasil), 4 de xullo de 2013. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/brasil/perdido-governo-busca-saida-para-plebiscito-e-tenta-evitar-crise-no-congresso

([9]) Gabriel Castro, Cecilia Ritto e Marcela Mattos. “Os interesses do PT e o lado oculto do plebiscito de Dilma”, Veja (Brasil), 28 de xuño de 2013. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/brasil/os-interesses-do-pt-por-tras-do-plebiscito-de-dilma

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº116398.28 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais