IgadiPaper nº118

Distribuir

Distribuir contido

Rusia e EUA agrandan distancias

a) Introdución

A cancelación por parte do presidente estadounidense Barack Obama dunha visita a Moscova prevista para comezos de setembro co fin de reunirse co seu homólogo ruso Vladímir Putin, exemplifica o nivel de contrariedade e tensión actualmente existente entre EUA e Rusia, especialmente trala decisión rusa de outorgarlle asilo temporal a Edward Snowden, o informático fuxitivo da National Security Agency (NSA), a quen Washington acusa de “traizón” e de presunta revelación de segredos de seguridade nacional.

Nunha perspectiva mais ampla, os factores que inflúen nas actuais tensións entre Washington e Moscova dirímense probablemente en aspectos de carácter xeopolítico e estratéxico, non unicamente limitados ao “caso Snowden”. Estes poden resumirse no interminable asunto do escudo antimísiles estadounidense dentro da periferia ex soviética fronteiriza con Rusia; a guerra en Siria; as pretensións de Moscova de fortalecer as súas Forzas Armadas e adoptar unha nova Doutrina de Seguridade Nacional, con especial incidencia en Asia Central e Asia-Pacífico; e a situación da democracia e os dereitos humanos en Rusia, que implica críticas desde Washington e fortes suspicacias de Moscova.

Tras conceder asilo a Snowden, Obama non dubidou en cualificar esta decisión como unha mostra en Moscova “da mentalidade de guerra fría”. Pola súa banda, altos funcionarios rusos como o conselleiro presidencial Yuri Ushakov, declararon publicamente a “decepción” do goberno de Putin pola cancelación da visita de Obama.

Paralelamente, estas tensións entre Washington e Moscova coinciden co quinto aniversario da guerra de Xeorxia que enfrontou militarmente en agosto de 2008 ao goberno ruso de Dmitri Medvéded con Putin como primeiro ministro, co goberno xeorxiano de Mikhail Saakashvili, un estreito aliado xeopolítico de Washington, en especial do entón presidente George W. Bush, con pretensións de ingresar ese país á OTAN. Esta guerra caucásica, acaecida meses antes da primeira vitoria electoral de Obama, repercutiu na posterior independencia de feito das repúblicas secesionistas de Abxasia e Osetia do Sur, provocando unha das peores crises bilaterais ruso-estadounidense da “posguerra fría”.

b) “Caso Snowden”, Siria e Irán

A comezos de agosto, o goberno de Vladímir Putin decidiu outorgarlle asilo político por un ano ao analista informático Edward Snowden, refuxiado desde o pasado mes de xuño no aeroporto moscovita de Sherémetievo. Durante os últimos meses, as tensións diplomáticas entre Washington e Moscova polo “caso Snowden” foron intensificándose, en especial ante a perspectiva de que Rusia outorgara o asilo ou ben permitira a saída de Snowden cara países aliados de Moscova que amosaron unha disposición favorable ao seu asilo, especialmente Venezuela, Ecuador, Bolivia e Nicaragua.

Validado o asilo ruso, o presidente Barack Obama amosou a súa irritación, cancelando unha visita a Moscova prevista para o próximo 3 e 4 de setembro. Previamente a esta reunión, Obama esperaba solucionar “satisfactoriamente” a polémica suscitada por Snowden. Non obstante, Obama e Putin veranse as caras proximamente no Cumio do G-20 a celebrarse a mediados de setembro en San Petersburgo (Rusia). Aínda que Obama anulou a súa reunión con Putin, moitos especialistas estadounidenses creen que ambas partes no desexan que o caso Snowden afecte en demasía ás relacións entre os dous países. O Departamento de Estado declarou o martes 6 que se mantería o encontro chamado "2+2" (conversas entre os ministros de Defensa e de Relacións Exteriores de ambos os dous países) do 9 de agosto. Isto viría a demostrar que Rusia e EUA teñen unha importante axenda común e que Washington necesita cooperar con Rusia en moitos aspectos. Por exemplo, Estados Unidos segue colaborando con Rusia en asuntos como a guerra en Afganistán. Ademais, aínda que discrepan sobre a guerra de Siria, Estados Unidos busca a cooperación de Rusia para facer posible a negociación entre o presidente sirio Bashar al Asad e a oposición. Pero aínda que o goberno de Obama non desexa que o caso Snowden deteriore gravemente as relacións bilaterais, é imposible que EUA non reaccione de algunha forma ante a enorme presión do Congreso. Como o encontro "2+2" e a participación de Obama no cumio do G-20 seguen adiante, Obama non tiña mellor opción que cancelar a súa reunión bilateral con Putin.

Por tanto, o “caso Snowden” só ven a certificar, dentro dunha perspectiva moito mais global, a conxuntura de diferenzas que separan a Washington e Moscova nos últimos anos. Con altibaixos e diverxencias estratéxicas, a última década certificou dúas presidencias paralelas tanto na Casa Branca como no Kremlin, con crises bilaterais incluídas. Por unha banda, o período “neoconservador” de George W. Bush (2001-2009), coas guerras de Afganistán e Iraq na recámara; a polémica doutrina da “guerra internacional contra o terrorismo” e as súas pegadas en materia de seguridade e dereitos humanos; o programa nuclear iraniano; as tensións xeopolíticas na periferia ex soviética (Xeorxia, Ucraína e Kirguizistán); e a sempiterna pretensión de Washington por ampliar tanto a OTAN como o seu escudo antimísiles cara as fronteiras rusas.

Pola contra, o Kremlin acreditou nese mesmo período a consolidación da alianza entre Putin e Dimtri Medvéded, permutando os seus roles na pretensión de asentar unha hexemonía política para o partido gobernante Rusia Unida, así como a configuración dunha nova nomenklatura no poder. Foron así os períodos de Putin como presidente (2000-2008) con Medvéded no cargo de primeiro ministro; o ascenso presidencial de Medvéded (2008-2012) con Putin de primeiro ministro; e o retorno presidencial de Putin en maio de 2012, colocando de novo a Medvéded como primeiro ministro. Salvo unha leve distensión nalgúns momentos da presidencia de Medvéded, a tónica das relacións ruso-estadounidenses foi de marcada contrariedade, especialmente durante a breve guerra de Xeorxia en agosto de 2008.

Pero a conxuntura actual suscita mutuas inquietudes de carácter máis ben estratéxico. Washington podería temer as presuntas revelacións de Snowden en materia de seguridade nacional que poden ser aproveitadas por unha potencia emerxente herdeira da ex URSS como Rusia. Paralelamente, a guerra interna que se vive en Siria desde comezos de 2011, así como a intervención de EUA e dos seus aliados da OTAN en Libia en abril dese ano dentro do contexto da Primavera árabe, e que deron paso á deposición do réxime de Muammar al Gadafi, son factores que igualmente intensifican esa sensación de distanciamento entre Washington e Moscova.

Preservando a súa base militar en Tartus no mediterráneo sirio, Rusia recea da recente aceptación de Obama de apoiar de forma loxística aos rebeldes sirios que loitan contra o réxime de Bashar al Asad, aliado militar e económico estratéxico para Moscova. Paralelamente, Putin está convencido dun apoio tácito aínda que non exactamente oficial por parte de Obama cara países aliados como Arabia Saudita, Catar e Turquía, oficialmente os que maior apoio outorgan á plataforma rebelde do Exército de Liberación de Siria.

 

Syria map

Fonte: “Mapa del conflicto en Siria: quién controla qué”, BBC Mundo, 8 de agosto de 2013. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2013/08/130731_mapa_siria_rg.shtml

Obama amosou en varias declaracións públicas a súa irritación polo decidido apoio ruso ao réxime de Bashar al Asad, en especial ante as denuncias de presuntos crimes de guerra e violacións masivas de dereitos humanos por parte das forzas fieis ao réxime sirio. Así e todo, o apoio ruso ao réxime de Bashar al Asad supón unha medida de persuasión e disuasión por parte de Moscova a fin de evitar calquera intervención exterior guiada por Washington que reproduza o contexto acaecido en Libia entre abril e outubro de 2011.

Este aspecto moi probablemente persuade a Obama a evitar unha implicación moito mais directa no conflito sirio así como a incerteza respecto ao seu resultado final. Mais ben, a súa táctica tentou favorecer de forma improdutiva unha especie de achegamento saudita cara Rusia a fin de eventualmente concederlle a Moscova unha serie de vantaxes económicas e enerxéticas en caso de apoiar aos rebeldes sirios.

Neste contexto, en Rusia semellan convencidos de que Washington tenta aproveitar as crises en Libia (2011), Siria e especificamente o recente golpe militar en Exipto, para alterar ao seu favor os cambios políticos que se producen en Oriente Próximo e no Magreb, salvagardando ao mesmo tempo ao seu aliado israelí. Nese sentido, en Moscova interpretan que a posibilidade dunha “balcanización” de Siria así como a eventual creación dun Curdistán independente e un Exipto “domesticado”, serían baluartes de interese xeopolítico para Washington e Tel Aviv, condicionando así unha especie de “cordón sanitario” en torno a Irán e o seu programa nuclear, escenario que igualmente alteraría o mapa xeopolítico rexional e, por tanto, os intereses rusos.

Esta perspectiva se amplía no contexto do pulso occidental co programa nuclear iraniano, e do apoio ruso ó mesmo, moito mais frontal neste segundo período presidencial de Putin. Moscova sempre apoiou a ampliación das negociacións entre a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e Irán, co aval do G5+1, conformado por EUA, Rusia, Gran Bretaña, Francia, China mais Alemaña. Por tanto, Rusia tenta equilibrar os seus intereses en Oriente Próximo a través de Siria e Irán, ante calquera arremetida de Washington e dos seus aliados á hora de configurar unha nova xeopolítica rexional.

c) A “puxa” pola democracia en Rusia

Por último, un factor adicional que intensifica este distanciamento entre EUA e Rusia ten que ver coas crecentes acusacións por parte de ONGs rusas e internacionais, sobre o deterioro da democracia en Rusia, en especial ante o presunto autoritarismo de Putin.

O retorno presidencial de Putin en maio de 2012 veu precedido pola inédita proliferación de manifestacións contestatarias por parte de movementos cívicos en toda Rusia (as maiores do período post-soviético) sobre o deterioro das liberdades políticas e civís e a falta de transparencia institucional e electoral. Se ben a intensidade das mesmas foise esvaecendo co tempo, Washington non dubidou en sinalar a posibilidade de que Putin estea instaurando un réxime autocrático con pretensións hexemónicas para as próximas décadas. Paralelamente, o Kremlin acusa a EUA de financiar a movementos cívicos en Rusia e, incluso, de promover a inestabilidade interna.

A mediados de 2012, Putin asinou unha lei que endurece as infraccións pola participación en actos públicos, unha decisión que foi inmediatamente interpretada en Washington como unha medida punitiva contra os dereitos e liberdades políticas. Neste sentido, e aínda que tacitamente, Washington apoiou unha campaña internacional a favor das activistas do grupo feminino punk Pussy Riot, no cárcere desde marzo de 2012 por cantar de forma provocativa nunha igrexa rusa unha alegoría crítica contra Putin. Tras ser xudicialmente acusadas de “gamberrismo”, Putin cualificou de  “delirantes” as acusacións de Washington sobre o seu presunto autoritarismo e o deterioro da democracia rusa.

Esta puxa pola democracia en Rusia non fai mais que intensificar a irritación diplomática nas relacións bilaterais ruso-estadounidenses. En decembro pasado, o Congreso estadounidense aprobou unha lei que permite reter as visas e conxelar os activos financeiros de funcionarios rusos aparentemente involucrados en violacións de dereitos humanos.

En resposta, Rusia prohibiu a cidadáns estadounidenses a adopción de nenos rusos e vetou aqueles estadounidenses que Moscova considere involucrados en violacións de dereitos humanos. O goberno ruso tamén suspendeu as actividades de ONGs estranxeiras que reciben financiamento de EUA e adoptou unha lei que prohibe a publicidade dos dereitos homosexuais en actos públicos, aspecto que provocou unha inédita declaración en contra por parte de Obama.

d) O punto esencial: a seguridade estratéxica

Non obstante, alén do “caso Snowden”, da guerra civil en Siria, do programa nuclear iraniano ou do estado da democracia en Rusia, o factor que con maior intensidade determina este distanciamento entre EUA e Rusia dirímese mais ben en contextos de carácter estratéxico e xeopolítico de seguridade.

O caso inicialmente mais relevante ten que ver co escudo antimísiles estadounidense e o alargamento da OTAN cara a periferia ex soviética, así como a negociación dun novo acordo START de control de armamentos e a redución de arsenal nuclear, estipulado en 2011.  

Por obvias razóns estratéxicas, Rusia oponse claramente á xa lonxeva pretensión de Washington de instalar un escudo antimísiles nos países da periferia rusa,  especialmente Ucraína, Xeorxia ou Kirguizistán, curiosamente todos eles sacudidos por crises políticas entre 2003 e 2011 evidenciando o pulso polo control xeopolítico entre EUA e Rusia no espazo euroasiático. O escudo antimísiles foi concibido durante a presidencia de Bush en 2001, aparentemente xustificado para repeler calquera eventual ataque de Irán e Corea do Norte contra obxectivos occidentais. Moscova interpreta este escudo como a estratexia central de Washington para conter os intereses rusos na súa periferia euroasiática e, ao mesmo tempo, para promover a expansión da OTAN nestes   territorios.

No caso do “novo START”, en abril pasado Obama instou desde Berlín a unha nova redución de oxivas nucleares. Pero no centro da disputa segue a estar o escudo antimísiles e a nova arquitectura de defensa transatlántica impulsada por Obama dentro da OTAN para Europa. Se ben Obama finalmente cedeu na ampliación deste escudo cara Polonia e República Checa (proxecto concibido polo seu antecesor Bush), adiantou unha nova estratexia de seguridade en Europa coa finalidade de potenciar unha “nova OTAN” inmediatamente vista con receo por Moscova.

En resposta, Rusia informou da instalación dun novo sistema de radares no seu enclave europeo de Kaliningrado, capacitado para facer o seguimento do lanzamento de mísiles([1]). Pero o pulso estratéxico de defensa entre EUA e Rusia non se limita, como moito, ao escenario europeo. Mais ben, a Doutrina de Seguridade Nacional que Putin impulsa de cara ao seu terceiro período presidencial 2012-2016 centra mais ben a súa atención en Asia Central e Asia-Pacífico, o cal implica obviamente un pulso de rivalidades estratéxicas con China, EUA e incluso Xapón.

Mapa que ilustra as zonas de interese dentro da Doutrina de Seguridade Nacional do presidente ruso Vladímir Putin. Nos círculos concéntricos enfócase nas rexións de Asia Central (Uzbekistán, Kazajstán e Turkmenistán) coas que Moscova espera afianzar unha Unión Euroasiática cara 2015. No círculo principal ao centro, a rexión de Siberia e a súa propagación cara Mongolia. Á esquerda obsérvase un cadro de atención no Mar de Xapón e na Península coreana, paso estratéxico cara Asia-Pacífico. Fonte: http://www.ikimap.com/map/rusia-exercicios-militares-siberia

A mediados de xullo pasado, Rusia realizou en Siberia oriental as maiores manobras militares dende o fin da URSS, mobilizando 160.000 tropas e 5.000 tanques([2]). Rusia e China manteñen unha especie de entente estratéxica de cooperación en Asia Central, e forman parte dos BRICS e da OCX, desenvolvendo manobras militares conxuntas de cada vez mais envergadura e con maior frecuencia, a pesar da subsistencia dalgunhas desconfianzas mutuas.

O enfoque cara Asia-Pacífico nesta estratexia defensiva de Putin preocupa a Washington, en especial trala adopción da súa política de “Pivot to Asia” que trasladará en poucos anos gran parte dos efectivos militares estadounidenses cara esta rexión onde se decide o rumbo do mundo no século XXI.

IGADI, 12 de agosto de 2013.


([1]) “Los cuatro obstáculos que enfrían la relación entre EEUU y Rusia”, BBC Mundo, 7 de agosto de 2013. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2013/08/130807_internacional_eeuu_rusia_relaciones_cancelacion_reunion_tsb.shtml

([2]) “Geopolítica asiática. Grandes maniobras rusas”, Informe Semanal de Política Exterior (España), N1 851, 22 de xullo de 2013.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº118979.43 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais