IgadiPaper nº120

Distribuir

Distribuir contido

O caso Bo Xilai

a) Introdución

Quedou visto para sentencia o caso Bo Xilai, o dirixente chinés acusado de aceptar subornos, malversación de fondos públicos e abuso de poder. O seu caso está relacionado principalmente con dúas causas adicionais, a da súa esposa, Gu Kailai, e a do seu ex xefe de policía, Wang Lijun. A primeira foi condenada a pena capital con dous anos de suspensión por homicidio e o segundo a quince anos de prisión por abuso de poder e traizón. Wang Lijun, man dereita de Bo Xilai en Chongqing, fixo saltar o affaire ao pedir asilo no consulado de EUA en Chengdu (Sichuan).

A acusación de aceptación de subornos relaciónase con dádivas de varios empresarios de Dalian, onde foi alcalde, por valor duns 21,8 millóns de yuans (3,5 millóns US$), incluíndo unha mansión en Cannes. A acusación de malversación garda relación cun desvío de fondos por valor de 5 millóns de yuans (817.000 US$). A acusación de abuso de poder fundaméntase, sobre todo, na actitude encubridora amosada cando foi informado de que a súa esposa, Gu Kailai, era sospeitosa do asasinato a finais de 2011 do británico Neil Heywood por disputas económicas. Heywood, tamén ligado a unha consultora fundada en 1995 por un antigo membro do servizo de intelixencia británica MI6, era amigo e socio da familia Bo dende os tempos en que exercera como gobernador da provincia de Liaoning.

O xuízo durou máis do esperado. Cunha previsión inicial de dous días de duración, dilatouse ata cinco. Bo rexeitou o recoñecemento previo de culpabilidade aducindo que o fixera forzado pola presión dos instrutores do caso. Non obstante, admitiu a comisión de “erros” por “neglixencia” pero insistiu no xuízo en que non estivo involucrado en ningunha conduta tipificable facendo recaer toda a responsabilidade na súa esposa e noutros. A estratexia de Bo no xuízo consistiu en desmentir calquera hipotético pacto previo, desbaratar os argumentos das acusacións sementando de dúbidas os testemuños e as probas presentadas, dando a entender que o seu procesamento obedecía a razóns de natureza política.

O xuízo contou coa asistencia das partes e diferentes letrados e tamén de 84 cidadáns “representativos da sociedade chinesa”. A prensa estranxeira non tivo posibilidade de acceso á sala de audiencias. A través dun microblog, a propia Sala filtraba a información, complementada co labor dun portavoz do tribunal.

Agárdase que a sentencia se faga pública nos próximos días ou semanas. En calquera caso, antes do inicio do pleno de outono do Comité Central do PCCh. A apertura do xuízo oral o pasado 22 de agosto coincidiu co anuncio do Consello de Estado da creación dunha zona de libre comercio piloto en Xangai, que pretende simbolizar a nova etapa da reforma chinesa.

b) Quen é Bo Xilai?

De 64 anos, Bo Xilai pertence á liñaxe revolucionaria mais excelsa de China. Fillo de Bo Yibo, considerado un dos Inmortais da Revolución chinesa (faleceu en 2007 aos 99 anos de idade), e por iso “príncipe vermello”, recibiu unha formación de corte humanista pouco habitual nun entorno no que primaban as preferencias enxeñeiras. Despois de cursar Historia Mundial na prestixiosa Universidade de Beijing desenvolveu un posgrao en xornalismo internacional na Academia de Ciencias Sociais. Rara avis no corpo dirixente, ata marzo de 2012 cando lle foi suspendida a súa militancia no PCCh, exerceu diversos cargos.

A súa carreira política desenvolveuse en grande medida en Liaoning (1984-2004), primeiro como alcalde de Dalian (a antiga Port Arthur) e despois como gobernador da provincia. Mais recentemente fora nomeado ministro de comercio (2004-2007). Era membro do Buró Político do PCCh e serio candidato a formar parte do seu Comité Permanente, o máximo órgano de poder no país, trala celebración do XVIII Congreso do PCCh en 2012.

Sorprende na súa carreira política o feito de se ter desenvolvido practicamente de maneira exclusiva na zona nordeste do país, cun forte peso do sector público tradicional. En 2007 foi enviado a Chongqing tralo rexeite dun hipotético ascenso a viceministro ideando dende a afastada metrópole, segundo algúns, unha estratexia a modo de trampolín para mellorar posicións no Buró Político, órgano clave do que pasou a formar parte en 2007. Hu Jintao encomendoulle a transformación de Chongqing no pulmón do centro-oeste de China, as provincias e rexións de maior crecemento do país na actualidade. Esta cidade, directamente subordinada ao goberno central, de case 40 millóns de habitantes, debe ser o polo económico de todo ese amplo interior do país e modelo na integración do mundo urbano e rural.

No rexeitamento do seu ascenso a viceministro terían influído as desconfianzas políticas e ideolóxicas como tamén a súa controvertida imaxe no exterior xa que en numerosos países o seu nome figura en causas penais abertas por crimes contra a humanidade instruídas contra dirixentes chineses a instancias do movemento Falun Gong (1).

Os seus longos e infrecuentes vinte anos de periplo burocrático no norte de China, protagonista dun longo proceso de reestruturación das empresas estatais, estiveron marcados pola obsesión de saír do ostracismo e emular a traxectoria do seu pai.. No lado escuro de Bo Xilai converxen as acusacións de populismo, autoritarismo, personalismo, superficialidade e exceso de ambición que atoparían na súa xestión á fronte de Chongqing unha opaca radiografía. Non deixaba de sorprender a moitos o seu pretendido entusiasmo maoísta despois de experimentar dramaticamente  en carne propia os excesos da Revolución Cultural.

c) O modelo Chongqing

Á fronte do PCCh en Chongqing, contando con asesores como o profesor Cui Zhiyuan, Bo Xilai alentou un modelo de desenvolvemento caracterizado por propor unha variante do socialismo de mercado.

Especialmente activo contra as desigualdades, favorecedor da autoxestión e do empoderamento dos colectivos laborais e sociais, da cultura vermella con recuperación dos cánticos e consignas da etapa maoísta, a exploración de medidas de democratización política que excluían de plano a evolución cara un pluralismo de corte occidental, cun estilo directo e gran carisma, Bo Xilai gañouse unha gran popularidade.

As súas accións eran particularmente decididas na solución dos problemas de maior interese para os cidadáns: vivenda, pensións, servizos médicos … experimentando con alternativas capaces de atallar os abusos e as precariedades axustando o modelo de desenvolvemento en función das aspiracións máis sentidas pola cidadanía.

A vía orixinal desenvolvida por Bo Xilai comprendía un reparto máis equitativo da riqueza e dos beneficios do desenvolvemento, propoñendo alternativas singulares á xestión das empresas, o desenvolvemento social ou o reparto das rendas da terra. Isto se traducía en audaces iniciativas nos servizos elementais pero tamén en solucións innovadoras en cuestións sensibles como a creación de bolsas de arrendamentos rurais de terras para beneficiar á poboación campesiña. Todo iso compatibilizado coas estratexias xerais seguidas no país, por exemplo, na captación de investimento estranxeiro, fundamentalmente de orixe taiwanesa, moi asentada no seu municipio.

Por outra banda, na estratexia seguida na loita contra a corrupción, un tema que preocupa enormemente á sociedade chinesa, baixou ata os infernos plantando cara ás poderosas  triadas (non falta quen interprete a súa caída en desgraza como unha vinganza das mafias criminais).

No plano ideolóxico descartou a deriva neoconfuciana (que con arduo empeño ven promovendo nos últimos anos, entre outros, Kang Xiaoguang) e apostou pola recuperación da cultura vermella acordando coas compañías de telefonía móbil da cidade o envío de sms aos cidadáns con citas do Libro Vermello de Mao e promovendo lecturas positivas do pasado maoísta que a outros facían tremer.

Bo, en fin,  demostraba que os mesmos problemas que enfrontaba a dirección central podían ter outras respostas, a veces incluso máis eficaces e contundentes e non necesariamente máis opacas.

A súa habilidade nas relacións cos medios de comunicación quedou de manifesto ante folgas como as protagonizadas por taxistas e mestres que resolveu a pe de mesa negociando cos seus líderes ante as cámaras, o que lle granxeou unha considerable popularidade. A súa imaxe medrou á par que o seu estilo ante a reprobación de quen o acusaban de populismo, hipocrisía, oportunismo, autoritarismo e ambición desmedida nunha cultura política onde o progreso persoal está baseado na discreción e o cultivo atento do clientelismo. A atención prestada polos medios occidentais, en boa medida abraiados por unha superficial aureola que non deixaba afondar no seu discurso, acabou por sinalalo. 

Fronte ao modelo Chongqing, o modelo Guangdong, co referente persoal de Wang Yang, membro do Buró Político saído do XVIII Congreso do PCCh (novembro de 2012), suxire un signo de maior liberalismo no económico e no político, situando como referencia a solución da crise de Wukan (decembro de 2011) (2). Wang Yang foi predecesor de Bo Xilai en Chongqing.

O discurso de Bo parecía calar nunha sociedade moi crítica coas desigualdades e que sentía comprensible morriña do igualitarismo dos tempos previos  á reforma. Por outra banda, o seu azote contra a corrupción quitoulle as cores a todos e o  responsable directo, Wang Lijun, foi sinalado como heroe. Este, non obstante, acabou véndose involucrado na mesma rede que pretendía desenredar. Deste modo, serviu en bandexa a cabeza do seu mentor, a quen acompañaba nas súas responsabilidades desde os tempos en que exercera como xefe do partido en Dalian.

O aval prestado por Bo Xilai ás propostas aplicadas en Chongqing e a grandes trazos moi próximas ao ideario subscrito pola corrente político-académica chamada Nova Esquerda, suxire dúas interpretacións. Para uns, trátase dun apego sincero. Para outros, dunha estratexia para dotarse dun amplo movemento de apoio que lle permita catapultarse ao centro da política chinesa de onde conseguiran expulsalo os seus rivais, comezando polo ex primeiro ministro Wen Jiabao. O seu principal valedor na máxima instancia do PCCh foi o responsable dos aparellos de seguridade, Zhou Yongkang.

O seu discurso reabría un debate que fora pechado a cal e canto en 1981, cando o  PCCh canonizou a súa matizada condena do maoísmo. Ese consenso debía ser preservado a toda costa para garantir a estabilidade do proceso de modernización. Pode haber matices, diferenzas, sensibilidades, pero non cuestionamentos de fondo. Aquel que ouse mirar atrás non poderá seguir adiante. Bo Xilai mirou.

d) O neomaoísmo

En Reformar o noso concepto histórico-cultural, Zhang Musheng especula co pensamento maoísta para dar vida a unha hipotética terceira vía á chinesa que debería explorar o espazo entre o inmobilismo autoritario e o mal remedio dos sistemas políticos occidentais. Con prólogo do xeneral e comisario político do Exército Popular de Liberación Liu Yuan, fillo de Liu Shaoqi, presidente de China de 1959 a 1968 e confinado a morte polo propio Mao, a obra sintetiza gran parte da corrente de pensamento que promove unha Nova Democracia para China, en alusión a un ensaio do Gran Temoneiro que data de 1940. Según Zhang, os erros habidos de 1949 en diante se explican por terse desviado daquel rumbo. 

As experiencias de Bo Xilai en Chongqing abundaban nestes parámetros prestando especial atención á conformación dun modelo integral de socialismo de mercado afastado do denguismo, a proposta que nas tres últimas décadas catapultou a China aos altos niveis de desenvolvemento coñecidos, e crítica tamén coa política moderadora dos desequilibrios auspiciada por Hu Jintao e Wen Jiabao. Limitada localmente, moitos non a tomaron en serio considerándoa un artificio trasnoitado, pero os seus resultados suxerían o atractivo de aportar unha marxe inestimable de manobra en condicións  de crecente dificultade. Ese mesmo extremo levaría a outros a buscar o modo e maneira de poñerlle fin facendo caer ao seu principal símbolo, Bo Xilai.

En Falando da verdade por riba da esquerda ou a dereita, Zhang Musheng desgrana a súa proposta de recuperación do “xusto camiño” sobre a base de superar as diferenzas ideolóxicas entre esquerda e dereita para poñer fin aos abusos de poder, a bipolarización social e completar a modernización do país preservando a súa  soberanía.

Esta corrente reúne o apoio dun significativo grupo de altos funcionarios, na súa maioría fillos de importantes líderes da vella garda. A súa forza (unido ao feito de que o PCCh fai repousar parte da súa lexitimidade na epopea maoísta) pareceu tal que incluso a xerarquía actual vese na obriga de multiplicar as súas mensaxes de corte maoísta (como a campaña da liña de masas que promove Xi Jinping) para non deixar en mans dos seus críticos un recurso de tal magnitude. E quizais a idear intrigas á vella usanza para simplemente librarse de incómodos competidores.

e) O contexto

O caso Bo Xilai ten por tanto unha dobre dimensión. Penal, a substanciar pola vía procesual ordinaria que en China complementa e lexitima as sancións partidarias internas en virtude dun foro especial que marca distancias entre os militantes do PCCh e o resto dos cidadáns. E política, na medida en que tamén está en causa a súa traxectoria e as súas accións a este nivel.

O escándalo estourou no decurso das sesións parlamentarias anuais, en marzo de 2012, cando o entón primeiro ministro Wen Jiabao, a modo de testamento político, alertou sobre os perigos dunha involución e, unha vez mais, coa súa ambigüidade característica, sinalou o carácter inaprazable da reforma política. As invocacións de Wen Jiabao á  Revolución Cultural  viñan a conto do período avance do retromaoísmo e do perigo que supuña para a ruptura do consenso e a temida división do partido. As accións de Bo Xilai asociaranse non soamente a unha nova lectura dalgúns aspectos do maoísmo que producían preocupación na maioría dirixente senón a un proceder que volvía ás vellas tácticas de envolver as masas nas pugnas de poder no cumio.

O consenso que comparte a dirección chinesa basease nunha tripla negativa: non ao inmobilismo, non ao retromaoísmo, non á viraxe democrática. Os dous maiores temores da dirección política son tanto o inmobilismo como o reformismo político porque ambos poden poñer en perigo a pervivencia do liderado do PCCh.

O contexto dos feitos nos remite a unha ardua loita polo poder no cumio do PCCh con vistas ao seu XVIII Congreso (3), previsto para o outono daquel ano. Daquela, pese á defenestración previa do “esquerdista” Bo Xilai, moitos interpretaron que gañaron os conservadores. O que estamos a ver agora é simple continuísmo: reformismo económico e conservadorismo político nun equilibrio que deberá obrigar ao PCCh a elixir entre a continuidade dun camiño propio que lle provea dos resortes imprescindibles para preservar a súa soberanía a todos os niveis  en condicións dunha intensificación extrema das contradicións internas e as presións exteriores, ou dosificar unha progresiva homologación sistémica tal como lle reclama o mundo occidental e como virían a suxerir recentes documentos do Banco Mundial, o FMI e centros de investigación do propio Consello de Estado quen propuxeron unha diagnose e unha folla de ruta ideal para operar unha acomodación que acentuaría as complicidades e amortecería os impactos globais dunha China inevitablemente convertida na superpotencia económica do planeta.

f) Conclusión

¿Salvouse China dun potencial tirano ou malogrouse un valioso líder vítima das rivalidades entre faccións? Se ben non poucos pensan que a defenestración de Bo Xilai significa un triunfo no PCCh do punto de vista máis liberal, a obsesión por construír un modelo propio goza aínda de gran crédito entre a maioría dos dirixentes políticos chineses confrontados á tarefa histórica de lograr esa supremacía non hexemónica que predican co seu “desenvolvemento pacífico”.

Por outra banda, a súa desaparición da escena política non equivale á desaparición das correntes críticas que fundamentan o seu labor non soamente nas conviccións antireformistas senón igualmente nas frustracións sociais derivadas da reforma. Se estas non se resolven, outros líderes poderían verse tentados de percorrer outra vez o mesmo camiño. Para evitalo, agárdase unha sentencia disuasoria.

IGADI, 26 de agosto de 2013


(1) Para unha aproximación a Falun Gong, pódese consultar : http://www.igadi.org/china/falun_gong_inquieta_a_china.htm

(2) Wukan, na provincia de Guangdong. foi protagonista de varias protestas pola expropiación de terras e contra a  corrupción.A morte do líder da rebelión, Xue Jinbo,  dous días despois de ser detido pola policía, desencadeou a expulsión dos líderes do PCCh e o bloqueo da cidade. O conflito finalmente resolveuse a través dunha negociación que permitiu, entre outros, a substitución de boa parte das autoridades locais polos líderes da revolta a través dun proceso electoral.

(3) Sobre o XVIII Congreso do PCCh, http://www.asiared.com/es/notices/2012/09/especial-xviii-congreso-partido-comunista-chino-3209.php

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº120741.63 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais