images publicacions IgadiPaper121

IgadiPaper nº121

Foros para un novo mapamundi global

(24/2013)

Foros para un novo mapamundi global

images publicacions IgadiPaper121a) Introdución

Á marxe do Cumio do G-20 a celebrarse entre o 5 e 6 de setembro en San Petersburgo (Rusia), que abordará diferentes cuestións de orde económica pero coa sombra da crise siria e as inquietudes ante os recentes roces na relación EUA-Rusia (caso Snowden), son salientables os impulsos e movementos paralelos que, dentro do péndulo xeopolítico global, estanse realizando a través doutras experiencias de integración, cunha incidencia limitada a día de hoxe pero que moi probablemente definirá novos sendeiros para a política internacional do século XXI.

Neste sentido, cabe sinalar o encontro de carácter informal entre os países do BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica), a celebrarse paralelamente ao G-20 de San Petersburgo. Outro foco de atención é a xira por Asia Central que realiza o presidente chinés Xi Jinping entre o 3 e 13 de setembro, co telón de fondo do próximo cumio da Organización da Cooperación de Xangai (OCX) a celebrarse en Bishkek (Kirguizistán). Con anterioridade, China celebrou en Nanning, no sur do país, un encontro con líderes dos países da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN, siglas en inglés), coa perspectiva de alentar un novo impulso á súa cooperación estratéxica, pasando por riba das controversias territoriais.

Tanto no encontro informal dos BRICS como no cumio do G-20 (no que tamén haberá unha xuntanza con empresarios e líderes sindicais dentro deste grupo), o anfitrión presidente Vladimir Putin tratará de asentar un maior peso estratéxico para Rusia á hora de definir novas pautas de relación, en particular con respecto a Occidente. Paralelamente, o encontro dos BRICS definirá a necesidade de reforzar o peso deste grupo, ante os recentes informes sobre a ralentización do seu crecemento económico.

Paralelamente, a xira centroasiática de Xi Jinping (quen tamén acudirá a San Petersburgo para participar no cumio do G-20 e no encontro dos BRICS) debe servir para pechar a diplomacia global da nova dirección chinesa con novas e xenerosas ofertas económicas completadas con unha intensificación da cooperación política e estratéxica, especialmente para garantir a estabilidade do seu Oeste. Noutra perspectiva, Pequín tenta afirmar o seu liderado rexional a través da potenciación da OCX e da atracción da ASEAN, vital para contrariar a “volta a Asia-Pacífico” de Washington.

b) Os BRICS “abren” o G-20

Coincidindo coa presidencia rusa iniciada en decembro de 2012, a cidade de San Petersburgo acollerá entre o 5 e 6 de setembro o cumio do G-20, organismo que agrupa aos países máis desenvolvidos integrados no G-8 (Alemaña, Canadá, EUA, Francia, Italia, Xapón, Reino Unido e Rusia) xunto á Unión Europea e outras economías emerxentes e en desenvolvemento, como Arabia Saudita, Arxentina, Australia, Brasil, China, Corea do Sur, India, Indonesia, México, Sudáfrica e Turquía, todos eles igualmente integrantes doutros organismos como o G-5, os BRICS e a OCDE.

Igualmente, ao cumio de San Petersburgo asistirán como convidados países que presiden actualmente diversos organismos rexionais como son os casos de Brunei (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, ASEAN); Etiopía (Unión Africana); Kazajstán (Comunidade de Estados Independentes, CEI); Senegal (Nova Alianza para o Desenvolvemento en África); Singapur (Comité de Finanzas do FMI), así como España. De igual xeito asistirán representantes do Banco Mundial (BM), do Fondo Monetario Internacional (FMI), da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico, (OCDE); da Organización Internacional do Traballo (OIT); da Organización Mundial do Comercio (OMC); así como da ONU.

Como temas principais deste cumio están as reformas no FMI, os paradisos fiscais, a crise e o crecemento da economía global, etc. Indudablemente, a crise siria, o “caso Snowden” e as súas repercusións transatlánticas (en especial nas relacións entre Moscova e Washington), que non forman parte da axenda, serán obxecto de análise nos encontros paralelos.

Dende outra perspectiva, mais de carácter xeopolítico, cabe situar este encontro no marco da progresiva remodelación dos organismos de integración a nivel global, e que moi probablemente definirá aspectos e alternativas de maior incidencia e influencia.

Un primeiro aspecto ten que ver co encontro informal dos BRICS que se celebrará en San Petersburgo paralelo ao cumio do G-20. Este cumio reunirá ao anfitrión, o presidente ruso Vladimir Putin, cos seus homólogos Dilma Roussef (Brasil), Manmohan Singh (India), Jacob Zuma (Sudáfrica) e Xi Jinping (China), os cales igualmente asistirán ao cumio do G-20. O peso deste grupo ven definido polo feito de que un 50% do crecemento económico mundial das últimas dúas décadas procedeu dos países membros dos BRICS.

Alén das temáticas que poden cobrar forza (Siria, crise económica internacional, etc), este encontro servirá para temperar o impulso dos BRICS, sintonizar as axendas e reaccionar de modo coordinado ante a ralentización do seu crecemento económico (con notable incidencia no caso brasileiro), validando a solidez política dos seus mecanismos de integración e capacidade de influencia a nivel internacional.

Así e todo, un informe do Banco Mundial de xuño pasado([1]) aseguraba que os BRICS seguen constituíndose como a “locomotora económica mundial” a pesar da crise. Non obstante, o BM albisca riscos para os BRICS ante os avances de economías emerxentes (principalmente dende o Sueste asiático), como son os casos de Indonesia e Vietnam, sen descartar a Tailandia, Malaisia e Singapur e incluso Turquía.

Outro aspecto de notable importancia será observar en qué medida poderán arbitrar unha posición común dos BRICS para fortalecer o peso das economías emerxentes no seo do G-20. Tras unha década estelar desde a súa formación en 2001, os BRICS encaran a apertura dun período de maior definición dos seus obxectivos e do seu peso global, así como o seu posible alrgamento cara outras economías emerxentes.

c) China impón o seu peso

O presidente chinés Xi Jinping iniciou o pasado 3 de setembro a súa primeira xira por Asia Central, que o levará por Turkmenistán, Kazajistán, Uzbekistán e Kirguizistán, como marco de preparación do XIII Cumio da Organización da Cooperación de Xangai (OCX) a realizarse o próximo 13 de setembro en Bishkek (Kirguizistán). Creada en 2001, a OCX é un organismo conformado por China, Rusia, Kazajstán, Kirguizistán, Tadxikistán e Uzbekistán e ten como membros observadores a Afganistán, India, Irán, Paquistán e Mongolia.

 

images publicacions IgadiPaper121 mapa

Os círculos concéntricos da xeopolítica de China. No círculo en cor vermella atópase o contexto da Organización de Cooperación de Xangai (OCX), con particular incidencia no interese chinés por Asia Central. No círculo de cor azul turquesa ilústrase o interese de Pequín por concretar unha cooperación estratéxica cos países da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), en claro contrapeso co Acordo de Asociación Trans-Pacífico impulsado por Washington. Fonte: http://www.ikimap.com/ikimap/china-1

O peso de China en Asia Central é cada vez maior, desprazando estratexicamente a Rusia e Europa como principal socio comercial e investidor. En 2010, China superou á Unión Europea como principal socio comercial en Asia Central, cun intercambio que en 2011 alcanzaba os US$ 40.000 millóns. Neste sentido, Turkmenistán é un dos principais subministradores de gas natural de China.

Na rexión, a diplomacia chinesa non só apunta a Asia Central. Ademais de India, Paquistán ou Asia oriental, o Sueste asiático é un polo de atracción para Pequín, conformando un área de libre comercio de grande importancia para contrarrestar a influencia de Washington na zona. Neste sentido, e durante a recente inauguración da X Exposición China-ASEAN, o primeiro ministro chinés Li Keqiang instou a unha “actualización” da área de libre comercio entre China e a ASEAN, prometendo unha maior envergadura na colaboración económica, financeira, comercial e de telecomunicacións. Li Keqiang non dubidou en suxerir unha nova etapa nas relacións China-ASEAN, a cal denominou a “era de diamante”, que prolongue a década de excelentes resultados traducidos nos espectaculares incrementos do comercio bilateral e do volume de investimentos mutuos([2]).

O obxectivo para Pequín é que o intercambio comercial entre China e a ASEAN alcance o billón de dólares en 2020. Tamén que esta alianza poda impulsar un maior marco de negociación coa Asociación Económica Integral Rexional (RCEP, siglas en inglés) e o Acordo de Asociación Trans-Pacífico (TPP) de Obama, que ameaza cunha definición de bloques liderados por China e EUA, respectivamente.

d) É posible un eixe sino-ruso?

Resulta esclarecedor que o impulso de China (sen menoscabar os seus socios no BRICS e OCX) por asentar unha reforma estrutural do FMI e do BM, así como a convicción para deseñar unha nova arquitectura financeira (polo momento sen a pretensión de diminuír o peso do dólar estadounidense) e propiciar mecanismos de gobernanza e cooperación internacional de carácter multipolar e multilateral, son aspectos que anuncian a eventual certificación dun novo mapamundi para a xeopolítica e as relacións internacionais do século XXI.

Neste sentido, e á vista das súas prolíficas xiras internacionais, o primeiro semestre de Xi Jinping á fronte do poder en Pequín da a entender a importancia que o Partido Comunista (PCCh) concede á diplomacia e á vertebración dunha nova arquitectura internacional, onde China teña un peso decisivo e específico([3]). Esta perspectiva pode igualmente traducirse nas tentativas da Rusia de Putin por retomar con maior forza os seus postulados xeopolíticos de carácter global, incluso se esta perspectiva implica acentuar unha tensa polarización con Occidente, tal e como actualmente ocorre con EUA (Siria, caso Snowden, escudo antimísiles estadounidense, nova doutrina militar rusa).

A eventual vertebración dun hipotético eixe sino-ruso dentro dos BRICS e da OCX tería certa potencialidade para influir na remodelación da arquitectura internacional e diminuír a corto prazo os espazos de actuación do eixe atlantista liderado por Washington. Coas súas particularidades e incluso diverxencias e admitindo o desigual peso dunha diversidade de factores (históricos, económicos, xeográficos, demográficos, xeopolíticos e militares), ambos países (China e Rusia) semellan constituírse nos polos con maior capacidade de contrapeso cara a hexemonía occidental coa pretensión de afirmar un proceso de reformas do sistema internacional.

No caso de Brasil, a súa incidencia exterior está mais ben centrada na súa potencialidade como actor estratéxico no hemisferio occidental (en particular como contrapeso a EUA en América Latina) e na súa aposta por ampliar a Cooperación Sur-Sur (principalmente cara a África lusófona). Pola súa banda, a India e Sudáfrica deben definir, con maior grao de incerteza, cal será o seu papel específico dentro desta inevitable reconfiguración do poder mundial.

Se as “forzas tectónicas” do poder global e a concreción dun novo mapamundi está paulatinamente desprazando o seu péndulo dende o Occidente “atlantista” cara Asia Oriental, China ocupará o epicentro desta estela de cambios e transformacións, o que obrigará a definir novos paradigmas e formas de actuar para encarar os retos da sociedade internacional, eclipsando os tics dos vellos liderados e hexemonías, substituidos polos  novos equilibrios resultantes do exercicio da multipolaridade e do multilateralismo.

IGADI. 5 de setembro de 2013


([1]) “Global Economic Prospects”, The World Bank, Volume 7, June 2013. Ver en: http://siteresources.worldbank.org/INTPROSPECTS/Resources/334934-1322593305595/8287139-1371060762480/GEP2013b_full_report.pdf

([2]) “China y ASEAN pueden vivir `década de diamante’, dice Li Keqiang”, Agencia de Noticias Xinhua en español (China), 3 de setembro de 2013. Ver en: http://spanish.xinhuanet.com/china/2013-09/03/c_132687835.htm

([3]) RÍOS, Xulio, “El nuevo mapamundi de la diplomacia china”, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), 28 de agosto de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/el-nuevo-mapamundi-de-la-diplomacia-china