images publicacions IgadiPaper124

IgadiPaper nº124

Inquietantes tendencias na política francesa

(26/2013)

Inquietantes tendencias na política francesa

images publicacions IgadiPaper124
a) Introdución

Coa atención actualmente centrada nas friccións franco-estadounidenses tralas revelacións de espionaxe electrónica e intervención telefónica masiva por parte da National Security Agency (NSA) así como nas medidas de “man dura” contra a inmigración ilegal (deportación dunha nena cigana cosovar), o acontecer francés ofrece unha perspectiva sumamente inquietante en canto á súa deriva política (ascenso da extrema dereita, submisión ao “atlantismo”, indefinición do proxecto político do presidente socialista François Hollande…), aspectos que escurecen seriamente a capacidade de París para exercer algún tipo de liderado alternativo e de influencia tanto en Europa como no contexto  internacional.

A baixa popularidade de Hollande (a penas un 23% de aprobación), a súa falta de concreción dun proxecto autónomo (politicamente dependente en varios aspectos da tácita alianza coa centrodereita UMP) e a “simbólica” vitoria da extrema dereita da Fronte Nacional (FN) de Marine Le Pen nas recentes eleccións cantonais de Brignoles (Marsella), definen un panorama político inquietante para Francia e Europa, en particular de cara aos comicios municipais previstos para marzo de 2014 e as eleccións ao Parlamento europeo de maio próximo. Neste sentido, o avance da FN pode configurar un polo euroescéptico e ata xenófobo de cara aos próximos comicios galos e europeos, cunha notable capacidade de mobilización e influencia cidadá.

A prolongación da recesión económica (caída do 0,2% do PIB no primeiro semestre de 2013); a alza do desemprego (11% en agosto último, sendo do 25% para menores de 25 anos); e a elevación da taxa impositiva, son aspectos socioeconómicos que amagan coa posibilidade dunha explosión social, principalmente nos arrabaldes onde habitan grandes segmentos de poboación inmigrante. No seu conxunto, configura un severo panorama de crise para Francia, cunha capacidade de liderado a nivel europeo notoriamente minguada pola preponderancia e o peso alemá.

Paralelamente, a nivel internacional, a Francia de Hollande amósase incapaz de conformar un polo autónomo e alternativo que permita reverter a hexemonía estadounidense, subsumindo con cada vez maior énfase a súa política exterior baixo os canons do “atlantismo”, tal e como se observou coas crise de Malí e Siria (2013).

b) Hollande, unha errática presidencia

Na presidencia francesa dende maio de 2012, François Hollande (Partido Socialista, PS) encarnou dalgún xeito a esperanza de diversos sectores políticos e sociais europeos para reverter as políticas de austeridade e de recortes predominantes na Unión Europea, particularmente ante o peso e capacidade de decisión de Berlín. No plano interno, o retorno dos socialistas ao Palacio do Eliseo foi identificado como unha oportunidade chave para rebaixar a persistente tensión e polarización política emanada do período presidencial do seu antecesor, Nicolás Sarkozy (2007-2012).

Non obstante, a crise económica induce paralelamente unha notoria crise do sistema político francés, cada vez mais atomizado ante o ascenso de tendencias “antisistema” cunha incidencia igualmente crecente no plano europeo. Tras ano e medio na presidencia, a abraiante caída de popularidade de Hollande (só un 23% dos franceses aproban a súa xestión) indica un severo xuízo da súa errática presidencia, especialmente ante a falta de concreción dun proxecto político con énfase social, autónomo e alternativo, coa capacidade suficiente para exercer un decisivo peso político e de influencia no contexto europeo. 

Un caso particular que revela esta caída de popularidade de Hollande e a sensación de escasa credibilidade da súa presidencia, ten que ver coa recente polémica pola deportación dunha moza de orixe cigana, o denominado “affaire Leonarda”, e que  posteriormente foi agredida en Mitrovica (Cosova) tras saír de Francia. Ante este feito, diversos sectores políticos e sociais franceses criticaron severamente a decisión de Hollande, cuestionando a súa autoridade política.

Esta polémica medida de deportación denota  unha vertente aínda mais contraditoria e preocupante, atendendo ao ascenso da aceptación cidadá das  medidas de “man dura” contra a inmigración, como as impulsadas polo ministro do Interior, Manuel Valls. En clara contrariedade coa caída libre da popularidade de Hollande, os índices de aceptación cidadá coas medidas de Valls lle outorgan un nivel de popularidade do 68%([1]). Especúlase coa posibilidade de que Valls catapulte politicamente estes niveis de popularidade para fortalecer o seu liderado tanto dentro do Executivo francés como do PS, evidenciando ao mesmo tempo unha clara fractura na esquerda francesa, tendo en conta a evidente submisión de Hollande ás medidas punitivas de Valls en materia de inmigración.

Así, Valls tenta pasar páxina dos tradicionais valores políticos e ideolóxicos da esquerda francesa para aparentemente “maquillalos” na perspectiva de ofrecer medidas de forte repercusión contra a inmigración ilegal, a fin de evitar un ascenso do FN. Precisamente, trala vitoria do candidato do FN, Laurent López, nas eleccións cantonais de Brignoles, Valls apresurouse a iniciar unha xira nacional para xustificar as súas medidas antiinmigración, moi probablemente co horizonte electoral das municipais francesas de marzo de 2014.

Precisamente, o “affaire Leonarda” e a submisión de Hollande cara as políticas punitivas de Valls implicaría situar o tema da inmigración como o de maior transcendencia e capacidade de gravitación política de cara aos próximos comicios municipais. Este factor recolocaría no centro do debate a polémica suscitada durante a presidencia de Sarkozy sobre a “identidade nacional francesa”, un tema de gran calado dentro da dereita gala e, particularmente, de enorme potencialidade conflitiva a nivel social ante o avance do FN.

c) Epicentro do “euroescepticismo”?

A incapacidade de Hollande para comandar un proxecto alternativo dende unha hipotética esquerda moderada e a preponderancia de medidas e políticas antiinmigración que, a todas luces, sinala un proceso de “dereitización” da política francesa, factor engadido ao ascenso do FN no espazo público, condiciona un panorama onde as tendencias euroescépticas e incluso as de carácter xenófobo, eventualmente poden gañar terreo en Francia, con claras implicacións no contexto político europeo.

Así e todo, compre observar con prudencia o ascenso do FN, cunha tendencia en intención de voto que incluso comeza a superar aos partidos tradicionais. Aínda que a súa vitoria nas eleccións cantonais de Brignoles cabe referilas a un microcosmos político de relativa capacidade para a súa extrapolación a nivel estatal, as últimas sondaxes apuntan un 24% de intención de voto para o partido de Marine Le Pen de cara aos próximos comicios municipais, por riba da centrodereita UMP (22%) e do PS (19%)([2]). Se ben non deixa de ser sintomático das tendencias políticas que proliferan actualmente en Francia, esta vitoria electoral do FN non sinala unha tendencia política homoxénea para este partido a nivel do conxunto do país. Cabe sinalar que o FN a penas ten dous deputados dos 577 da Asemblea Nacional e non goberna en ningunha alcaldía de importancia. Non obstante, este escenario pode mudar de manterse a súa tendencia de claro ascenso de cara aos próximos comicios municipais.

En todo caso, a Francia de Hollande confirma unha deriva de “dereitización” que contrasta coa atomización e sensación de parálise dende a esquerda, incluso dentro das opcións mais ideoloxizadas. Xa no contexto europeo, compre observar se o ascenso do FN suporá que Francia convértase nun berce dos movementos euroescépticos e incluso xenófobos no marco da Unión Europea. A crise económica, a polémica sobre a inmigración e a debilidade do proxecto político europeísta apuntan ao aumento das tendencias “antisistema” de carácter mais radical.

O FN mantén fluídos contactos políticos con outras formacións afíns, como o holandés Partido da Liberdade liderado por Geert Wilders (quen se erixe como o auténtico árbitro da política holandesa actual); o Partido Liberal austríaco, o Vlaams Belang belga e o Partido Popular danés. Neste sentido, Le Pen está deseñando unha rede de carácter euroescéptico, denominada Alianza Europea pola Liberdade (AEL), e na que espera aumentar os seus membros cara outras formacións ultradereitistas e xenófobas en ascenso, como a grega Amencer Dourado, o Jobbink húngaro ou incluso o Partido pola Independencia do Reino Unido (UKIP) do polémico Nigel Farage. Aínda que non todos eles forman parte da AEL, o preocupante ascenso destas tendencias medirá a súa potencialidade nos comicios ao Parlamento europeo de maio de 2014.

d) Un peón chave do “atlantismo”

Finalmente, e se ben o goberno de Hollande actualmente amosa unha forte virulencia conxuntural contra Washington trala revelación da espionaxe electrónica e telefónica da NSA, a súa política exterior ven facendo causa común cos postulados “atlantistas”, sen capacidade autónoma de configuración dun polo alternativo que equilibre a preponderancia estadounidense. Así, Hollande reproduciu exactamente a mesma perspectiva de submisión a Washington practicada polo seu antecesor Sarkozy, neste caso na guerra de Libia (2011).

Na recente crise en Siria, Hollande fixo causa común coas medidas punitivas do seu homólogo estadounidense Barack Obama de atacar unilateralmente as posicións militares do réxime de Bashar al Asad en Damasco, a tal punto que converteuse no presidente europeo máis entusiasta a favor deste hipotético ataque militar. Nese sentido, París perdeu a posibilidade de erixirse como un actor diplomático chave para a resolución do conflito que desangra ao seu ex protectorado sirio.

Esta visión “atlantista” de Hollande xa se anunciara durante a intervención militar francesa en Malí en xaneiro pasado, enmarcada basicamente nunha operación militar e política derivada da estratexia de loita contra o terrorismo internacional impulsada por Washington desde 2001, e que Obama contribúe a fortalecer. Perspectiva completamente ampliada a nivel europeo, onde Francia perdeu a súa capacidade de equilibrio e de contrapeso nas balanzas de poder dentro da UE, en particular ante calquera pretensión de Alemaña por liderar o proxecto de integración europeo.

           

IGADI. 23 de outubro de 2013.



 

([1]) “Unión Europea. Del euroescepticismo a la eurofobia”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 862, 21 de outubro de 2013, páxina 4.

([2]) Ibid.