IgadiPaper nº127

Distribuir

Distribuir contido

Eleccións municipais en Venezuela: 
Maduro consolida o “post-chavismo”

a) Introdución

Concibidas practicamente como un plebiscito sobre a xestión gobernamental do presidente Nicolás Maduro, perspectiva principalmente impulsada dende a oposición, os comicios municipais celebrados en Venezuela o pasado 8 de decembro consolidaron dúas variables políticas estratéxicas que definirán, basicamente, o escenario venezolano de cara a futuros procesos electorais.

A primeira variable evidencia a lexitimación da presidencia de Maduro, á vista da contundente maioría de municipios gañados polo gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), consolidando ao mesmo tempo o proceso de transición “post-chavista” iniciado entre marzo e abril pasado, tralo pasamento do ex presidente Hugo Chávez e da estreita vitoria electoral presidencial de Maduro (50,54%). Por tanto, Maduro alcanzou unha notoria vitoria política certificando paralelamente a incontestable hexemonía do “chavismo” no escenario político venezolano.

En consecuencia, a segunda variable suxire diversos contrastes que, dalgún xeito, perpetúan o clima de polarización social e política que vive Venezuela nos últimos anos, explicada en termos de clase social e dunha dicotomía electoral “rural” e “urbana”. Cunha participación electoral do 58,92%, o Gran Polo Patriótico (GPP) liderado polo PSUV alcanzou a vitoria en 255 das 335 alcaldías municipais en xogo (76,1%), por 75 vitorias (22,3%) alcanzadas pola oposición agrupada na Mesa da Unidade (MUD). A correlación de forzas electorais indicou que o PSUV-GPP obtivo 5.111.336 votos (49,24%), mentres a MUD alcanzou 4.435.097 votos (42,72%)

Esta polarización acentúase tendo en conta que a MUD alcanzou a vitoria en municipios politicamente estratéxicos como a Alcaldía Metropolitana de Caracas, Maracaibo, Valencia, Mérida, Barquisimeto e Barinas. Das 21 capitais estatais en xogo, o PSUV gañou en 13 por 8 vitorias da MUD. Contextualizado de acordo aos últimos procesos electorais en Venezuela (presidenciais de outubro de 2012, novas presidenciais en abril de 2013 e municipais de decembro de 2013), a correlación de forzas políticas confirmaría un 55% de apoio popular para o “chavismo” sobre un 45% de apoio ás forzas opositoras e independentes.

Con todo, este proceso electoral consolidou o liderado “colexiado post-Chávez”, con Maduro como principal baluarte de transición. Esta lexitimación da súa presidencia implicaría para Maduro e o PSUV o impulso dos grandes proxectos de desenvolvemento establecidos para o período 2013-2019 (Plan Patria, Gran Misión Vivenda, Poder Comunal), como pedras angulares dunha nova fase da revolución “bolivariana e socialista”, todo isto contextualizado nunha conxuntura de crise económica con directas implicacións sociais, así como na incesante presión das forzas contrarias dentro e fóra do país.

b) A fase revolucionaria 2013-2019

Tras estes comicios municipais, Venezuela non volverá a celebrar eleccións ata os próximos comicios lexislativos previstos para decembro de 2015, onde o PSUV porá a proba a súa maioría parlamentaria. Esta conxuntura dun horizonte sen procesos electorais a curto prazo implica para Maduro e o PSUV a articulación dunha serie de programas sociais e de desenvolvemento institucionalizados no actual período presidencial 2013-2019, que se poden resumirse en tres grandes eixes: o Plan da Patria; a Gran Misión Vivenda; e o Poder Comunal.

O Plan da Patria foi presentado en xuño de 2012 polo falecido ex presidente Chávez nun específico contexto electoral (presidenciais de outubro 2012), como proxecto angular de desenvolvemento para o período presidencial 2013-2019. Preservado integramente polo actual presidente Maduro, este Plan foi aprobado como Lei da República pola Asemblea Nacional venezolana o pasado 4 de decembro, afirmando bases programáticas como a preservación da independencia nacional, a construción do Socialismo do Século XXI, a potenciación internacional venezolana, a defensa dun mundo “multicéntrico e pluripolar”, e unha forte conciencia humana e ambiental, orientada á supervivencia do planeta e da humanidade. 

Pola súa banda, a Gran Misión Vivenda Venezuela, igualmente impulsada por Chávez desde finais de 2011, ampliará as súas perspectivas a nivel nacional co actual goberno de Maduro, coa meta fixada na construción de máis de 2 millóns de vivendas populares dignas.

Finalmente, o Poder Comunal corresponde a un eixe estratéxico concibido no Plan de Desenvolvemento “Simón Bolívar” 2007-2013, coa perspectiva de fortalecer o poder popular a través da consolidación da participación cidadá. Cobra aquí importancia a creación das “comunas” e dos “consellos comunais” como entidades de organización política, social, cultural e administrativa dentro da óptica establecida pola “nova xeometría de poder”. Deste xeito, a contundente vitoria municipal do PSUV-GPP pode significar un contexto decisivo para o impulso do Poder Comunal como eixe da transformación política do “Socialismo do Século XXI” neste período presidencial 2013-2019.

Estes plans de desenvolvemento sinalan a perspectiva de Maduro de consolidar a súa aposta polo “Goberno a pé de Rúa” iniciado en abril pasado, fortalecendo así as misións e programas sociais de diversa índole (“Misión Barrio Adentro, Barrio Tricolor”), a concreción de políticas de convivencia orientadas a combater a inseguridade cidadá e, principalmente, a denominada “ofensiva económica” contra a especulación e a usura, tal e como se evidenciou coas recentes medidas económicas orientadas a controlar os prezos e diminuír as ganancias dos sectores comerciais e empresariais, vistas oficialmente como “desaforadas” e produto do que Maduro denunciou como a especulación propia do “capitalismo parasitario”.

c) China como bálsamo económico

O contexto económico en Venezuela nestes nove meses de presidencia de Maduro afronta retos e riscos inevitables, particularmente relevantes tendo en conta o preocupante proceso de hiperinflación (54%), as crises de desabastecemento de produtos básicos e o fortalecemento das medidas de control estatal sobre diversos sectores económicos (electrodomésticos, téxtil, telefonía, ferroviaria, automotriz, etc.) e do sistema monetario (taxas oficiais de cambio), establecidas dentro da “ofensiva económica” contra a especulación.

Neste sentido, a constatación dunha crise económica, financeira e social a medio prazo implicaría notables complicacións políticas para Maduro, cunhas consecuencias que poderían incluso observarse no plano exterior, especialmente a través do eixe de PETROCARIBE e da ALBA, co acento no subministro enerxético a países centroamericanos e do Caribe, particularmente aliados estratéxicos como Cuba.

Cun elevado déficit fiscal (11,5% do PIB) e unha caída das reservas internacionais de US$ 42.000 millóns en 2008 a US$ 20.000 millóns na actualidade([1]), o goberno de Maduro pode verse obrigado a aplicar unha política de austeridade financeira, con recortes que incluso abarcarían as operacións exteriores de PETROCARIBE, especialmente cara Cuba, país que desde 2000 vese beneficiado polo subministro de 10.000 barrís diarios a prezos preferentes. Estímase que durante a presidencia de Maduro, os créditos venezolanos ao exterior experimentaron unha caída de US$ 17.000 millóns, a maioría deles dedicados a créditos e subsidios de PETROCARIBE([2]).

Paralelamente, estes desaxustes económicos planean sobre o compromiso gobernamental cun forte gasto público en materia social (aproximadamente un 27% do PIB), aspecto que obriga a Maduro a fortalecer lazos de cooperación con socios estratéxicos como China. Desde 2007, Pequín concedeu créditos brandos a Caracas por valor de US$ 40.000 millóns a cambio de subministro de barrís petroleiros (640.000 diariamente), que poden alcanzar o millón de barrís para 2015.

Precisamente, China ocupa áreas imprescindibles para a economía venezolana como a enerxía, o sector financeiro e de investimentos (Fondo Público Chinés) e a construción de vivendas (programa Gran Vivenda Venezuela). Todo isto derivou na necesidade de ampliar vínculos a través de diversas xiras a China realizadas entre xullo e setembro por parte do vicepresidente Jorge Arreaza, do presidente da Asemblea Nacional Diosdado Cabello e do propio Maduro. Esta alianza estratéxica incluso amplía perspectivas de carácter político, con especial incidencia na posibilidade de cooperación intrapartidaria entre o Partido Comunista Chinés e o PSUV([3]).

d) De cara ás lexislativas 2015

Así e todo, e tendo en conta a perspectiva “plebiscitaria” impulsada pola oposición contra as políticas económicas de Maduro nos pasados comicios municipais, as mesmas non causaron un efecto electoral prexudicial para o PSUV, perspectiva que permite inferir a lexitimación e consolidación dun liderado “post-Chávez” en mans de Maduro.

Paralelamente, o actual presidente incrementa o seu poder tras ser investido en novembro pasado con poderes especiais, a través dunha Lei Habilitante aprobada polo poder lexislativo, que lle permite gobernar practicamente por decreto durante un ano.  

Este liderado “post-Chávez” consolida unha dirección “colexiada” cunha unidade e operatividade que amosou unha inesperada firmeza á hora de afrontar os comicios municipais, superando incluso as expectativas gobernamentais precisamente cando diversos sectores opositores especulaban con hipotéticas loitas intestinas no “chavismo”. Esta dirección afirma unha especie de “triunvirato” no poder establecido arredor de Maduro, Diosdado Cabello e Rafael Ramírez, ministro de Enerxía e recentemente nomeado na carteira de Economía e na presidencia do Banco Central de Venezuela, sen esquecer o papel político da Forza Armada Nacional (FAN), cunha posición preponderante como garante da estabilidade institucional na transición “post-Chávez” que lle permite afianzar os seus baluartes de poder a nivel estatal, militar, burocrático (especialmente dentro do PSUV) e incluso económico.

A medio e longo prazo, o “postchavismo” deberá observar con atención o ascenso dunhas bases sociais constitucionalmente amparadas polo empoderamento da participación popular (Poder Comunal), onde os movementos sociais das bases populares do “chavismo” xogan un papel decisivo. A través deste poder comunitario, estas bases sociais poden fortalecer un espírito crítico “endóxeno” dentro do proceso revolucionario, principalmente ante a posibilidade de burocratización das estruturas de poder e da preponderancia de novas elites políticas e económicas (“boliburguesía”).

Pola súa banda, para a oposición, principalmente identificada no MUD, o contexto postelectoral determina un momento crítico que pode implicar unha nova transición. Resulta evidente que o liderado de Henrique Capriles Radonski e do partido Primeiro Xustiza resultaron prexudicados polos resultados municipais, aspecto que pode implicar eventuais loitas intestinas dentro da MUD([4]), incluso cuestionando a propia unidade política opositora.

Neste sentido, a reelección de Antonio Ledezma na Alcaldía Metropolitana de Caracas, así como o ascenso de Henri Falcón, un disidente do PSUV actualmente gobernador do estado de Lara, poden constituírse como novas referencias no liderado opositor, en particular de cara aos comicios lexislativos de decembro de 2015, onde a oposición ansía arrebatar ao PSUV a maioría parlamentaria.

Non obstante, este obxectivo vese seriamente afectado pola imposibilidade da MUD de vencer nos comicios municipais, perspectiva que igualmente obstaculiza a eventual presión política por propiciar un referendo revogatorio contra Maduro, constitucionalmente viable a mediados do seu mandato entre 2016 e 2017. En chave política, a oposición semella cifrar as súas esperanzas na eventual prolongación da crise económicas e dos seus consecuentes efectos sociais, especialmente se os mesmos implican unha forte erosión do voto “chavista”.

 

IGADI. 13 de decembro de 2013

 


([1]) “¿Nuevo período especial en Cuba?”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 869, 9 de decembro de 2013. Páxina 7.

([2]) Ibid.

([3]) RÍOS, Xulio; “China y Venezuela, de la ‘alianza perfecta’ a la ‘alianza madura”, IGADI, 24 de setembro de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/china-y-venezuela-de-la-alianza-perfecta-a-la-alianza-madura

([4]) GUERRERO, Modesto Emilio; “Claves sociales del triunfo chavista”, Rebelión (España), 12 de decembro de 2013. Ver en: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=178081

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº127162.4 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais