IgadiPaper nº130

Distribuir

Distribuir contido

O “modelo FMLN” na nova esquerda latinoamericana

a) Introdución

Trala realización dos comicios presidenciais o pasado 2 de febreiro, cunha vitoria co 49% dos votos para o candidato Salvador Sánchez Cerén, da gobernante Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), O Salvador deberá realizar unha segunda volta electoral o próximo 9 de marzo entre o FLMN e a dereitista Alianza Republicana Nacionalista (ARENA), certificando así a bipolaridade existente entre ambos partidos tralos Acordos de Paz de 1992, que puxeron fin a doce anos de guerra civil.

Alén da bipolaridade FMLN-ARENA e da definición electoral entre Sánchez Cerén e o seu contrincante Norman Quijano, levemente alterada pola súbita alza da candidatura do centrista e ex presidente Elías Antonio Saca González (UNIDAD), quen co 11,4% dos votos pode converterse no árbitro desta próxima segunda rolda electoral, o aspecto máis salientable do proceso político e electoral salvadoreño ten que ver coa consolidación do FMLN como unha realidade política e unha notable alternativa para os partidos de esquerda en América Latina.

Tras obter por vez primeira a presidencia en 2009 a través da candidatura dun independente, o actual mandatario Mauricio Funes, o FMLN confirmou un ascenso político e electoral fraguado tras dúas décadas de participación no sistema político salvadoreño, amparado pola transición da posguerra. Así, a antiga formación guerrilleira que na década de 1980 impulsou unha vía mixta, revolucionaria e democrática, para achegarse ao poder, estableceu un novo marco de actuación sumamente relevante para a esquerda centroamericana e latinoamericana en xeral.

A pluralidade de formacións políticas que dende a esquerda impulsaron a creación do FMLN a partir de 1980 permite inferir a concentración dunha heteroxénea conxunción de ideas e alternativas que definen a andaina deste movemento, así como a súa proposta de transformación política e social nun país periférico como O Salvador. No contexto actual de cambios políticos en América Latina, o FMLN transita cunha orientación máis ben asociada á variable socialdemócrata, similar á do “lulismo” e do Partido dos Traballadores (PT) brasileiro e a Fronte Ampla (FA) uruguaia.

Paralelamente, o papel do FMLN na transición salvadoreña, logrando vertebrar con éxito o seu tránsito de movemento guerrilleiro a partido político, permítelle incluso erixirse como unha referencia chave de cara a outros contextos de conflito na rexión, especificamente no caso colombiano, e en particular de cara ás Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), tendo en conta o actual contexto de diálogo e negociación que leva a cabo a guerrilla co goberno colombiano.

b) Revolución na pluralidade

Se un factor pode definir a esencia do FMLN desde a súa creación en 1980, este debe identificarse coa súa capacidade para afrontar procesos de cambio e transformación([1]), sempre dende a inclusión e a pluralidade como variables estratéxicas para alcanzar o poder e propiciar as transformacións revolucionarias necesarias nun país, O Salvador, provisto dunha estrutura oligárquica, claramente subdesenvolvido e periférico dentro do sistema internacional.

Amparado pola referencia que para a esquerda latinoamericana constituíu a revolución cubana e, particularmente, animada polo triunfo da revolución sandinista en Nicaragua (1979), a creación do FMLN foi posible grazas á conxunción de cinco estruturas políticas: o Partido Comunista do Salvador (PCS); as Forzas Populares de Liberación “Farabundo Martí” (FPL); o Exército Revolucionario do Pobo (ERP); a Resistencia Nacional (RN); e o Partido Revolucionario dos Traballadores Centroamericanos (PRTC)([2]).

Neste sentido, compre destacar o papel histórico de Salvador Cayetano Carpio, un líder comunista que rompeu coa estrutura do PCS en 1968, como catalizador da creación do FLMN como unha nova vía para a esquerda salvadoreña, centrada en concretar un movemento capa de vertebrar “a loita de masas coa loita armada([3]).

Precisamente, e durante os anos da guerra civil salvadoreña (1980-1992), esta dobre estratexia de combinar “a loita de masas” e “pacífica” coa “loita armada” permitiulle ao FMLN avanzar na configuración dun movemento político de maior amplitude social. Ademais de avanzar ou conservar posicións “militares” principalmente nas zoas rurais, a guerrilla logrou paralelamente crear un clima de lexitimidade e mobilización popular, a través de folgas, concentracións e manifestacións nas grandes cidades salvadoreñas.

Neste sentido, no FLMN foron incluíndose sectores de clases medias, intelectuais, líderes sindicais, campesiños e movementos de base católica, especialmente xesuítas, cunha capacidade de mobilización popular e guerrilleira que desafiou abertamente aos gobernos dereitistas de ARENA, ás elites e a unhas Forzas Armadas salvadoreñas financiadas e apoiadas dende Washington([4]). Un factor estratéxico de lexitimidade foron os prolíficos vínculos do FLMN coa Igrexa salvadoreña, principalmente a través da Compañía de Xesús (xesuítas), sinalando unha nova variable de actuación para o movemento político e guerrilleiro, particularmente decisivo nun pobo tan profundamente relixioso como o salvadoreño([5]).

Con todo, esta incesante estratexia do FMLN por construír unha unidade inclusiva e un forte traballo de masas (ideolóxico, educativo, cultural) non estivo exento de divisións internas, principalmente ante o pulso interno entre o FPL por conservar a formación dunha política con base social de masas, e do ERP por afianzar a ala militarista, aderezado pola axuda exterior cubana e da Nicaragua sandinista([6]). Así e todo, o FMLN foi o primeiro movemento político e guerrilleiro latinoamericano en afrontar estes e outros dilemas internos nun contexto fraguado polos inicios da “posguerra fría” e do fracaso da insurxencia armada como método para alcanzar o poder.

c) Renovación nun novo ciclo

Estes dilemas internos foron superándose unha vez o cálculo político realizado polo FMLN permitiulle sumarse aos Acordos de Paz de 1992, que deron paso á súa legalización como partido, as reformas institucionais necesarias e a desmobilización das súas milicias guerrilleiras, adaptándoas a un movemento preparado para participar electoral e politicamente, como unha alternativa viable dende a esquerda, a través dun sistema de democracia representativa.

Desde a participación do FMLN nas eleccións presidenciais de 1994, o sistema político salvadoreño experimentou unha bipolaridade ARENA-FMLN basicamente inalterable, a excepción de 2009, cando a antiga guerrilla alcanzou democraticamente o poder ao gañar as eleccións presidenciais a través da candidatura do independente Maurico Funes, acabando así con dúas décadas de poder de ARENA desde 1989.

Deste modo, o FMLN experimentou un claro ascenso político e electoral desde 1994, incrementando o seu número de deputados nos sucesivos comicios lexislativos([7]) e alcanzando a vitoria en municipios politicamente estratéxicos como a capital San Salvador (2003), así como na maioría das zonas urbanas([8]), erosionando ao mesmo tempo o caudal de votos de ARENA. Con todo, a bipolaridade entre ambos partidos igualmente afondou as súas diferenzas políticas e ideolóxicas, en particular para alcanzar os consensos necesarios a nivel gobernamental e institucional([9]).

A vertebración dun novo modelo para o FMLN que conciliara os principios básicos do movemento cobrou forza a partir da celebración da súa XIII Convención Nacional Ordinaria (decembro de 2000), na que o FMLN adoptou como principios políticos fundamentais unha ampla base de conceptos e ideas que consolidaron a súa pluralidade e capacidade de inclusión de diversos sectores([10]).

Nesta concreción dun novo programa político para un novo momento político, o FMLN adoptou principios propios da socialdemocracia([11]), incluso con fortes raíces cristiás, entre os que destacan o “humanismo revolucionario”, a “democracia pluralista de esquerdas”, a desmilitarización e o pacifismo, a reivindicación do valor fundamental da familia, a primacía da sociedade civil, a equidade de xénero, o patriotismo e o rescate dos valores da identidade nacional, o ecoloxismo e defensa do medio ambiente e unha vocación solidaria e internacionalista baseada no “centroamericanismo” e na “visión do Sur”, entre outros.

Deste modo, a elección presidencial do xornalista Mauricio Funes e do seu compañeiro de fórmula Sánchez Cerén como vicepresidente, confirmou esa tradición pluralista e inclusiva do FMLN, un factor que lle permitiu erixirse como unha alternativa política á hexemonía conservadora que mantiña o partido ARENA desde 1989. De cara á segunda rolda electoral prevista para marzo próximo, e ante a intensificación das negociacións políticas e dos pactos electorais con partidos minoritarios, como UNIDAD, PCN, PSP, GANA e PDC([12]), resulta previsible que o FMLN ampliará o seu espectro de apoios políticos a fin de garantir unha nova presidencia para o período 2014-2019.

Neste sentido, a visión pragmática do programa electoral do FMLN([13]) outorga prioridade a aspectos moi concretos da realidade salvadoreña: emprego, vivenda, saúde e educación, combate ao crime e prevención do delito, equidade de xénero, investimentos públicos e estranxeiros, descentralización estatal, sustentabilidade ambiental e políticas cara a diáspora, principalmente no relativo á participación política da emigración salvadoreña en EUA.

d) A perspectiva hemisférica

O xiro político e electoral manifestado desde 1998 en América Latina cara diversas variantes da esquerda implicou un notable impulso político para o FMLN, tanto no seu propósito de alcanzar o poder no seu país como na concreción de alianzas e eixes de cooperación coas novas referencias da esquerda latinoamericana.

Neste sentido, compre sinalar a influencia que exerceron no FMLN as variantes da esquerda hemisférica a través dos modelos máis socialdemócratas e progresistas do ex presidente Lula da Silva([14]) e do PT en Brasil (a partir de 2003) e da Fronte Ampla uruguaia (a partir de 2004). Non obstante, o FMLN igualmente seguiu con atención a evolución da Revolución Bolivariana e o modelo do Socialismo do Século XXI na Venezuela de Hugo Chávez.

Neste último caso, e principalmente a través de convenios de cooperación da ALBA, o FMLN impulsa desde 2006 diversos proxectos de cooperación en municipios onde goberna, a través da Asociación Intermunicipal Enerxías para O Salvador (ENEPASA) como mecanismo de actuación da ALBA no país centroamericano. Se ben O Salvador non pertence a este organismo, o achegamento da ALBA ao FMLN igualmente é posible grazas á cooperación do presidente nicaraguano Daniel Ortega, cuns contactos co FMLN que datan da década de 1980, durante o goberno sandinista en Managua.

Con todo, o FMLN manifesta unha maior confluencia no eido político cos modelos “lulista” do PT e da FA uruguaia, os cales conservan no seu interior diversos liderados e  militantes de movementos armados guerrilleiros neses países, provenientes das décadas de 1960-1970. Nese sentido, a tradicional pluralidade que aglutina o FMLN desde os seus comezos ten unha repercusión similar nas evolucións políticas do PT e da FA cara posicións máis progresistas e socialdemócratas, particularmente visibles trala disolución do campo do socialismo real (1989-1991) e o predominio da globalización neoliberal.

Paralelamente, a pacificación salvadoreña (1992) e a reconversión do FMLN de guerrilla armada nun movemento político no marco dun sistema pluralista, suporía unha referencia chave de cara ao único conflito armado que aínda segue activo en América Latina: Colombia.

Con dinámicas distintas e non menores enfoques críticos([15]), este factor cobra especial incidencia nas negociacións de paz que desde 2012 lévanse a cabo en Cuba entre o goberno colombiano e a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC). Por tanto, as leccións salvadoreñas e particularmente o papel do FMLN na transición da posguerra civil eríxense como unha referencia histórica na eventual reconversión das FARC, un movemento armado, en formación política legal.

IGADI, 7 de febreiro de 2014.


([1]) GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, Revista Nueva Sociedad, Nº 234, xullo-agosto de 2011, p. 144. Ver en: http://www.nuso.org/upload/articulos/3791_1.pdf

([3]) Entrevista de Salvador Cayetano Carpio a Marta Harnecker no libro Pueblos en armas, Universidade Autónoma de Guerrero (México), 1983, p. 144. Tomado de CASTAÑEDA, Jorge: La Utopía Desarmada. Intrigas, dilemas y promesas de la izquierda en América Latina, Editorial Ariel (Barcelona), 1995, pp. 113-114. Compre destacar que este libro de Castañeda erixiuse como un baluarte intelectual no cometido de asestar unha frontal crítica á esquerda latinoamericana en tempos de predominio da visión neoliberal, propiciando así un intenso (e por veces tenso) debate intelectual e político na rexión. Xunto a Carpio, falecido en 1983, outros destacados líderes históricos do FMLN foron os desaparecidos Mélida Anaya Montes (asasinada en 1983) e Schafik Handal (falecido en 2006), así como Joaquín Villalobos (fundador do ERP e quen posteriormente adoptou unha posición moi crítica coa esquerda salvadoreña) e o actual candidato presidencial Salvador Sánchez Cerén, ex dirixente do FPL.

([4]) Estímase que o monto total da axuda estadounidense ás Forzas Armadas salvadoreñas para loitar contra a insurxencia armada foi de aproximadamente US$ 6.000 millóns, máis de mil millóns deles de axuda militar. Para maior información, consultar o informe de SCHWARZ, Benjamin C. American Counterinsurgency Doctrine and El Salvador. The Frustrations of Reform and the Illusions of Nation Building, RAND Corporation-National Defense Research Institute, Santa Mónica (EUA), 1992, pp. 2-3. http://www.rand.org/content/dam/rand/pubs/reports/2006/R4042.pdf Este informe asegura que o conflito salvadoreño foi o máis caro para Washington desde a guerra de Vietnam, definido como foco estratéxico dentro do xadrez xeopolítico centroamericano da confrontación bipolar da “guerra fría”. Este informe asegura que, a pesar do enorme investimento estadounidense, o FMLN finalmente “non puido ser derrotado”.

([5]) CASTAÑEDA, op.cit, pp. 117-119. Consultar tamén o artigo de GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, op.cit, pp. 144-146.

([6]) Ibid, p. 120.

([7]) Unha evolución estatística das diversas eleccións salvadoreñas desde 1994 ata 2009 pode consultarse en “Estadísticas Electorales desde 1994 hasta 2009), Tribunal Supremo Electoral de El Salvador: http://www.tse.gob.sv/index.php/2012-01-05-21-47-58/estadisticas-electorales. En canto a gobernos locais, o ascenso do FMLN foi evidente: en 1994 contaba con 15 municipios e pasou a 74 nos comicios de 2003. En canto a deputados, entre 1994 e 2003 mantivo unha constante: de 21 lexisladores a 31. Consultar en SADER, Emir e JINKINS, Ivana (Coord): Latinoamericana. Enciclopedia Contemporánea de América Latina y el Caribe, Colección Diccionario, Editorial Akal (España), 2006, p. 513

([8]) AA.VV: Latinoamericana. Enciclopedia Contemporánea de América Latina y el Caribe, op.cit. pp. 512-513.

([9]) Ibid, p.515.

([10]) Carta de Principios e Obxectivos do FMLN. Consultar en: http://www.fmln.org.sv/oficial/index.php/nuestropartido-37/documentos/principios

([11]) GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, op.cit, pp. 153-154.

([12]) “FMLN y ARENA intensifican negociaciones políticas”, La Prensa Gráfica (O Salvador), 5 de febreiro de 2014. Ver en: http://www.prensaescrita.com/adiario.php?codigo=AME&pagina=h...

([13]) Os eixes prioritarios do Programa de Goberno 2014-2019 “El Salvador Adelante” do FMLN poden consultarse a través da web:  http://www.fmln.org.sv/oficial/index.php/nuestropartido-37/documentos/el-salvador-adelante

([14]) Moi patente foi a estreita relación de Lula co presidente Funes, en especial á hora de conciliar diversas posicións políticas, ideolóxicas e intelectuais dentro do FMLN unha vez se alcanzara o goberno. Consultar GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, op.cit, pp. 158.

([15]) Intelectuais de esquerda como James Petras advirten ás FARC dos riscos que suporía transitar por un camiño similar ao do FMLN tralo fin da guerra civil salvadoreña, especialmente no que atinxe á abandonar o ideario revolucionario en aras de inserirse dentro do sistema “capitalista electoralista”. Para maior información, consultar o seu artigo “Lecciones de El Salvador para las FARC”, publicado en diversos medios, entre eles Telesur (29/07/2013): http://www.telesurtv.net/articulos/2013/07/29/lecciones-de-el-salvador-para-las-farc-1229.html

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº130160.43 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais