images publicacions IgadiPaper135

IgadiPaper nº135

Eleccións en Guiné-Bissau: na procura da estabilidade

(8/2014)

Eleccións en Guiné-Bissau: na procura da estabilidade

images publicacions IgadiPaper135
a) Introdución
As eleccións presidenciais e lexislativas celebradas o pasado 13 de abril en Guiné-Bissau marcan a apertura dunha nova etapa política tralo golpe militar suscitado en abril de 2012 e as tensións da posterior transición. Neste sentido, Guiné-Bissau apréstase para celebrar unha segunda rolda electoral presidencial o próximo 18 de maio entre José Mario Vaz, candidato do gobernante Partido Africano da Independencia da Guiné e Cabo Verde, PAIGC (40,9% dos votos), e o independente Nuno Gomes Na Biyan (25,14%).

 

A inédita e elevada participación electoral, cifrada nun 80% e certificada por diversos organismos internacionais (ONU, Unión Africana, CEDEAO, CPLP) presentes nos comicios, confirma a vontade da sociedade guineana por acadar a estabilidade política a través dunhas eleccións democráticas. Nas eleccións lexislativas, o PAIGC alcanzou a maioría parlamentaria con 55 escanos dos 102 existentes na Asemblea Nacional Popular, por riba do Partido da Renovación Social (PRS), que alcanzou 41 escanos. Deste modo, estes comicios consolidaron unha notoria hexemonía bipartidista PAIGC-PRS.

A necesidade de “pasar páxina” do golpe militar de 2012 gravitou con notable incidencia nas recentes eleccións guineanas, en particular á hora de recuperar a credibilidade e lexitimidade política para poder retomar as axudas internacionais das que depende a economía do país. José Mario Vaz foi ministro de Finanzas do goberno do primeiro ministro Carlos Gomes Junior (PAIGC, actualmente exiliado en Cabo Verde), deposto polo golpe militar liderado polo António Indjai, entón xefe das Forzas Armadas. Pola súa banda, o seu rival Nuno Gomes Na Biyan é apoiado pola cúpula militar, así como polos sectores políticos afíns ao recentemente falecido Kumba Yala([1]), principalmente dentro do PRS.

Neste contexto electoral, Guiné-Bissau pretende asentar unha estabilidade política e social sumamente precaria nos últimos anos, polarizada ante as loitas intestinas polo poder, o pulso cívico-militar, a crise socieconómica e as presións exteriores ante a percepción de que Guiné-Bissau poida converterse nun epicentro estratéxico para o narcotráfico e outras actividades ilícitas, cunha irradiación que repercute en África, América Latina e Europa.

b) Transición democrática e axuda internacional

A necesidade de afrontar a transición democrática tralo golpe militar de 2012 constitúe o principal reto político para Guiné-Bissau. Neste sentido, a elevada participación electoral e a normalidade na realización do escrutinio foron amplamente celebradas polos organismos internacionais, en particular á hora de reconducir os fondos e axudas internacionais das que depende a economía guineana.

Desde a súa independencia en 1974, acadada ao mesmo tempo que a veciña Cabo Verde, Guiné-Bissau transitou por constantes turbulencias políticas, manifestadas nas loitas intestinas, principalmente entre o principal partido político do país, o PAIGC, as elites burocráticas e económicas e un poderoso estamento militar con frecuente  intervención na política guineana. Dende entón, Guiné-Bissau experimentou tres golpes de Estado (1980, 2003 e 2012) así como unha breve guerra civil (1998-1999), factores que influíron na inestabilidade política, nas desigualdades socioeconómicas e no ascenso dos índices de pobreza nun país de a penas 1,6 millóns de habitantes.

Desde o golpe militar de 2012, Guiné-Bissau vén afrontando diversas protestas sociais motivadas pola constante caída dos prezos internacionais da súa principal materia prima, os anacardos e os manises. Paralelamente, os principais doantes de axuda monetaria para o país, principalmente o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial e o Banco Africano de Desenvolvemento (BAD), así como outros doantes bilaterais, suspenderon inmediatamente os fondos de axuda a Guiné-Bissau tralo golpe militar.

Neste sentido, un informe elaborado en setembro de 2013 pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO polas súas siglas en inglés) e o Instituto Nacional de Estatísticas de Guiné-Bissau, determinou que un 80% da poboación guineana vive da agricultura, só o 7% das familias posúe seguridade alimentaria e un 64% dos fogares enfróntanse á carestía alimentaria, unha realidade moito máis perceptible ante a caída dos prezos internacionais das súas materias primas([2]). Neste sentido, en febreiro pasado, a Unión Europea (UE) e o Programa Mundial de Alimentos da FAO subscribiron un acordo para establecer un fondo valorado en 5 millóns de euros para alimentación e nutrición en Guiné-Bissau([3]).

As elites políticas e militares de Guiné-Bissau víronse fortemente premidas e alentadas a iniciar, canto antes, unha transición democrática tralo golpe militar de 2012, a fin de evitar o illamento internacional, a suspensión indefinida das axudas externas e a eventualidade dunha desintegración socioeconómica e política que intensificara a perspectiva de diluírse nunha especie de “Estado-fallado”([4]). Isto repercutiu na inevitable e irreversible celebración de eleccións presidenciais e lexislativas que permitiran un retorno do poder civil ás máximas instancias dos poderes públicos, así como tentar establecer unha relación política equilibrada coas Forzas Armadas de Guiné-Bissau (FAGB).

A directa implicación da ONU, da Comunidade Económica de Desenvolvemento dos Estados de África Occidental (CEDEAO), da Unión Africana (UA), da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e da Unión Europea (UE) na transición guineana, intensificou esa sensación de “momento crucial” para o desenvolvemento de Guiné-Bissau a través da elección dun poder civil na presidencia, o fortalecemento dun tecido institucional tradicionalmente sumido nas loitas políticas e o equilibrio de forzas entre a presidencia e a FAGB([5]).

c) O difícil equilibrio cívico e militar

Precisamente, e máis que as eleccións en si, a atención estará centrada na evolución postelectoral, en particular ante a necesidade de consolidar o equilibrio de poderes entre a clase política e o estamento militar. Esta perspectiva reflicte o seu impacto nestes comicios: se ben a FAGB anunciou publicamente que respectaría os resultados, moitos sectores especulan con que o estamento militar tente fortalecer os resultados de Nuno Gomes Na Biyan. Este candidato pertence á etnia Balanta, o principal grupo étnico do país, que igualmente domina as cúpulas militares e unha boa parte da dirección do PRS([6]).

Neste contexto, o ministro de Estado e portavoz do goberno de transición, Fernando Vaz, acusou a José Manuel Ramos-Horta, ex presidente de Timor Leste (2007-2012) e actualmente representante da ONU en Guiné-Bissau, e á eurodeputada portuguesa Ana Gomes, representante da UE, de presunta “inxerencia” nos asuntos internos do país([7]), especulando cun presunto apoio exterior cara o candidato do PAIGC. Cómpre destacar que a UA, a UE, a CPLP, a ONU e incluso EUA non recoñeceron o goberno transitorio que emerxeu tralo golpe militar, premendo constantemente pola celebración de eleccións presidenciais e lexislativas e incluso culpando á CEDEAO de manter unha actitude “tibia” co goberno transitorio post-golpista.

A preocupación por garantir a estabilidade política motivou á CEDEAO e á Unión Africana a impulsar, antes destes comicios, unha especie de compromiso denominado “pacto político de réxime postelectoral”, dirixido principalmente ao PAIGC, o PRS e a FAGB pero ampliado cara outras forzas políticas minoritarias e a sociedade civil([8]). Aceptado polo PRS e con certas reservas polo estamento militar, este pacto foi visto con certo receo nos cuarteis dirixentes do PAIGC, principalmente preocupados pola posibilidade de fortalecer o poder da etnia Balanta.

A grandes trazos, o pulso entre civís e militares define unha loita polo poder entre o PAIGC e diversos sectores castrenses, un factor que semella ser unha constante na política de Guiné-Bissau. Ao mesmo tempo, este pulso revelaría diversas tensións étnicas e socioeconómicas. Neste sentido, unha visión sucinta da realidade guineana visualiza que as elites políticas, principalmente no seo do historicamente hexemónico PAIGC, normalmente estiveron constituídas por clases sociais urbanas, de elevada formación intelectual e profesional, en clara contraposición co maioritario compoñente rural das Forzas Armadas, nas que destaca a hexemonía da etnia Balanta.

Precisamente, o factor étnico permite explicar, con diversos matices, algunhas variables que definen o conflito político guineano. A principal é o caso da etnia Balanta, debido a que esta se considera historicamente excluída das estruturas de poder, unha perspectiva que incluso antecede ao período da independencia de Guiné-Bissau. Isto explica que constantemente reclame a súa preponderancia no escenario político, burocrático, económico e militar.

Neste sentido, e a fin de diminuír as tensións cívico-militares, desde 2013, a CEDEAO e Brasil impulsan proxectos de cooperación no sector da defensa en Guiné-Bissau, coa intención de recrear medidas de mellora profesional dentro das FAGB([9]) e de ampliación da participación política dos diversos sectores étnicos e sociais.

d) O poder “ilícito”: o peso do narcotráfico

Un factor adicional que gravita con intensidade na política de Guiné-Bissau  ten que ver co peso do narcotráfico, a presenza dun fluído tráfico de drogas dende América do Sur (principalmente Colombia e Brasil), e as loitas intestinas entre diversos carteis da droga. Esta dimensión inflúe notablemente no contexto político, nas relacións cívico-militares e nas presións políticas exteriores, principalmente por parte dos doantes internacionais.

Esta circunstancia obriga constantemente a ponderar a perspectiva de que, eventualmente, Guiné-Bissau poida se converter nunha especie de “narco-Estado” e, paulatinamente, nun “Estado-fallado”([10]). Se ben deben considerarse diversos matices que desaconsellan esta presunción, ninguén dubida que o peso do narcotráfico, principalmente no seo da casta militar e burocrática guineana, así como as loitas entre os carteis da droga por controlar espazos de poder, intensifica o caudal de conflito político en Guiné-Bissau.

Diversas denuncias de organismos internacionais consideran que altos cargos militares lúcranse do negocio da droga, en particular o seu tráfico cara África Occidental e Central, así como Europa e América. Neste sentido, baseándose en informes da Drug Enforcement Agency (DEA), a xustiza estadounidense emitiu unha orde de captura contra o xeneral golpista António Indjai por presuntas actividades ligadas ao narcotráfico e, incluso, de tráfico de armas, sinalando mesmo presuntas conexións coas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC)([11]).

Segundo un informe da ONU([12]) publicado pouco despois do golpe militar de abril de 2012, en Guiné-Bissau operan aproximadamente 50 “capos” colombianos da droga, con proxeccións en África, Europa e América Latina. Ao mesmo tempo, este informe considera que aproximadamente un 60% da cocaína que se consume en Europa provén de Guiné-Bissau.

Paralelamente, un informe do Centro Africano de Estudos Estratéxicos([13]), un think-tank estadounidense, corroboraba as conexións entre mafias de América Latina e África, principalmente en Malí, Mauritania, Senegal, Guinea, Liberia e Nixeria con epicentro en Guiné-Bissau, destacando a forma en que o narcotráfico penetrou nas instancias de poder guineanas, principalmente no sector militar.

 

IGADI. 24 de abril de 2014

 


([1]) “PAIGC ganha legislativas na Guiné-Bissau, presidenciais vão ter segunda volta”, Público (Portugal), 16 de abril de 2014. Ver en: http://www.publico.pt/mundo/noticia/paigc-ganha-legislativas-na-guinebissau-presidenciais-vao-ter-segunda-volta-1632577

([2]) “Back to the Ballot Box- Guinea-Bissau seeks stability”, IRIN News, 11 de abril de 2014. Ver en: http://www.irinnews.org/report/99929/back-to-the-ballot-box-guinea-bissau-seeks-stability. Consultar tamén: “Guinea-Bissau”, World Food Programme: http://www.wfp.org/countries/guinea-bissau/overview

([3]) “European Union and World Food Programme Sign Agreement to Enhance Food and Nutrition in Guinea-Bissau”, Agrifeeds (FAO), 28 de febreiro de 2014. Ver en: http://www.agrifeeds.org/en/news/european-union-and-world-food-programme-sign-agreement-enhance-food-and-nutrition-guinea-bissau

([4]) “Guinée-Bissau: les élections, et après?”, International Crisis Group, 8 de abril de 2014, pp.1-2. Ver en : http://www.crisisgroup.org/~/media/Files/africa/west-africa/guinea-bissau/b098-guinee-bissau-les-elections-et-apres

([5]) Ibid, p.4.

([6]) “Back to the Ballot Box- Guinea-Bissau seeks stability”, op.cit.

([7]) “PAIGC ganha legislativas na Guiné-Bissau, presidenciais vão ter segunda volta”, op.cit.

([8]) “Guinée-Bissau: les élections, et après?”, op.cit, p. 13.

([9]) Ibid, p. 15.

([10]) Se ben non dubida dos riscos que corre o país de diluírse nunha loita entre carteis da droga por asegurarse cotas de poder, o representante da ONU en Guiné-Bissau, José Manuel Ramos-Horta, exhortou á comunidade internacional a desestimar como un fait accompli a especulación de que Guiné-Bissau sexa un “narco-Estado” ou un “Estado-fallado”. Con todo, Ramos-Horta considera que a violencia do narcotráfico atiza constantemente as rivalidades políticas e étnicas, así como as loitas entre civís e militares, nun país que historicamente non tivo síntomas de violencia étnica ou relixiosa. Para maior información, consultar a entrevista realizada por Mario Queiroz a Ramos-Horta, “Guinea-Bissau está peligrosamente cerca de ser un ‘Estado fracasado?”, Inter Press Service en español, 1 de outubro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/10/guinea-bissau-esta-peligrosamente-cerca-de-ser-un-estado-fracasado/. Nesta mesma entrevista, Ramos-Horta cuestiona que exista un problema étnico que gravite con forza no conflito político en Guiné-Bissau, en particular ante a preponderancia da etnia Balanta, considerando que historicamente este é un país multiétnico e multicultural.

([11]) Para maior información sobre as acusacións contra Indjai e o peso do narcotráfico en Guiné-Bissau, consultar o artigo “Trafic de cocaïne et commerces illicites, bienvenue dans le Bissau Connection” , Jeune Afrique, 8 de abril de 2014. Ver en : http://www.jeuneafrique.com/Article/JA2777p024.xml0/drogue-corruption-cocaine-guinee-bissau-guinee-bissau-trafic-de-cocaine-et-commerces-illicites-bienvenue-dans-la-bissau-connection.html. Consultar igualmente “Guinée-Bissau: les élections, et après?”, op.cit, p. 13-14.

([12]) “Coup in Guinea-Bissau shines a light on powerful West African drug trade”, The Globe and Mail (Canadá), 13 de abril de 2012. Ver en: http://www.theglobeandmail.com/news/world/worldview/coup-in-guinea-bissau-shines-a-light-on-powerful-west-african-drug-trade/article4100045/

([13]) O´REGAN, David e THOMPSON, Peter: “Advancing Stability and Reconciliation in Guinea-Bissau: Lessons from African´s First Narco-State”, Africa Center for Strategic Studies, ACSS, Special Report Nº 2, xuño de 2013. Ver en: http://africacenter.org/wp-content/uploads/2013/06/SpecialReport-Guinea-Bissau-JUN2013-EN.pdf