images publicacions IgadiPaper136

IgadiPaper nº136

Brasil: un test Mundial para Dilma

(9/2014)

Brasil: un test Mundial para Dilma

images publicacions IgadiPaper136
a) Introdución

A celebración do XX Mundial de Fútbol que entre o 12 de xuño e o 13 de xullo centrará a atención en Brasil, está derivando nun complicado panorama social, político e de imaxe internacional([1]) para o goberno de Dilma Rousseff, cunha xestión que se veráe sometida ao escrutinio cidadán nos comicios presidenciais previstos para o próximo 5 de outubro.

No centro da atención está o elevado gasto na organización do torneo, estimado en 10.000 millóns de euros, e cun custe final valorado en máis dun 300% do estimado inicialmente para a construción de estadios e de infraestruturas que, a piques de comezar o Mundial, nalgúns casos aínda non están rematados. Estas obras son financiadas con diñeiro público a través do Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social (BNDES), feito que provocou nas últimas semanas a reactivación das protestas e manifestacións por parte de movementos sociais organizados contra o oneroso custe do Mundial e as deficiencias dos servizos públicos (transporte, sanidade, infraestruturas, seguridade pública, vivenda e educación), xa anteriormente levadas a cabo durante a celebración da Copa FIFA de Confederacións a mediados de 2013.

O descontento social contra a organización do Mundial está erosionando a popularidade de Rousseff, complicando ao mesmo tempo a eventual reelección do gobernante Partido dos Traballadores (PT). Diversas enquisas estiman que un 72% dos cidadáns están insatisfeitos pola xestión pública relacionada coa celebración do torneo futbolístico([2]). Paralelamente, os recentes datos económicos amosan contrariedades: segundo datos oficiais, o crecemento económico brasileiro no primeiro trimestre foi menor do esperado (0,2%) e nese mesmo período aumentou o desemprego (7,1%) e a inflación (6,5%).

De cara ás presidenciais, Rousseff e o PT aínda se manteñen como favoritos. Pero o pulso electoral sinala o ascenso dunha oposición política basicamente agrupada en dous polos: un de carácter centrista, liderado polo Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), con Aécio Neves como candidato; e outro configurado dende a esquerda, liderado polo socialdemócrata Partido Socialista Brasileiro (PSB), a través da alianza establecida por dous ex ministros da “era Lula”: Eduardo Campos, ex ministro de Ciencia e Tecnoloxía; e a activista ecoloxista Marina Silva, ex ministra de Medio Ambiente. Esta fractura pola esquerda pode complicar e alterar o espectro electoral do PT e o liderado de Rousseff,  abrindo unha etapa política que algúns catalogan como o “pós-lulismo”.

b) A “nova clase media” e o mito do “milagre brasileiro”

A masificación das protestas cidadáns desde mediados de 2013 coincide coa celebración de dous eventos futbolísticos, a Copa FIFA de Confederacións e o Mundial de Fútbol 2014 que se inaugurará o próximo 12 de xuño. Un factor explica o paulatino cambio que ven experimentando Brasil nos últimos anos, en particular durante a xestión gobernamental do PT desde 2003: o ascenso dunha “nova clase media”([3]) politicamente contestataria contra a estrutura de poder predominante.

Este aspecto resulta chave para explicar a inesperada e masiva protesta social que predomina actualmente en Brasil. Nun país constantemente estigmatizado dende o exterior por unha especie de simbiose “samba, fútbol e carnaval”, o ascenso social de determinados sectores, en gran medida beneficiados polos programas sociais imperantes dende a “era Lula” (2003-2011), explica os cambios experimentados e o fortalecemento dunha nova cultura política nunha ascendente sociedade civil sumamente contestataria contra os poderes establecidos, o enriquecemento de determinadas elites políticas e económicas, o modelo de desenvolvemento, a corrupción imperante (que erosiona internamente o PT á vista do escándalo do “mensãlao”) e a deficiencia dos servizos públicos, principalmente transportes, infraestruturas, vivenda, educación e sanidade.

Deste modo, a celebración da Copa Mundial FIFA 2014 e, igualmente, a próxima organización dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016, coloca no centro de atención os contrastes do internacionalmente celebrado “milagre económico brasileiro” e as deficiencias de desenvolvemento socioeconómico nun país que ascende no plano global como potencia emerxente dende o Sur.

Un caso especial merece a conformación de diversos movementos sociais, como o Movemento dos Trabalhadores Sem-Teto (MSTT), un dos mais activos durante as recentes protestas contra o elevado custe do Mundial 2014, e que denuncia constantemente a escaseza de vivendas, a precariedade das infraestruturas e un súbito encarecemento da vida a resultas da organización deste torneo([4]). Outros movementos sociais sumamente activos son o Movemento Passe Livre (MPL) e o Comité de Atingidos pela Copa, este último con incidencia no estado brasileiro de Belo Horizonte.

Por tanto, a celebración do Mundial 2014 semella constituír unha válvula ou instrummento de presión por parte destes colectivos cidadáns para intensificar as súas demandas e obter unha repercusión internacional que modifique esa percepción “conformista” sobre o que sucede en Brasil. Desde 2008, Brasil ven presenciando un paulatino aumento das folgas e protestas sociais([5]), mentres o goberno tenta por diversos medios garantir a estabilidade necesaria para organizar un torneo futbolístico que, cando menos a nivel oficial, contribuiría a fortalecer favorablemente a imaxe internacional de Brasil como polo de desenvolvemento e “país de clase media”, tal e como defende constantemente a propia Rousseff([6]).

c) A era do “pós-lulismo”?

Tendo en conta a masificación das protestas e a conformación de novos movementos sociais nun país con notable tradición neste apartado, o contexto actual inevitablemente desemboca no proceso electoral presidencial do próximo 5 de outubro, onde a mandataria Rousseff e o PT xóganse unha nova reelección.

Este contexto electoral obriga a ponderar un balance sobre a xestión de Rousseff e, principalmente, considerar a eventual configuración dun PT “post-Lula” que, segundo semellan observar diversos sectores dentro do partido, podería estar decantándose cara a burocratización e o clientelismo político derivado da penetración de novas elites políticas e económicas, alterando as bases programáticas dunha formación xurdida nos anos 1970 dentro dos movementos sindicais e sociais contestatarios contra a entón ditadura militar.

A eventual configuración dun PT “póst-Lula”, burocratizado, clientelar e afastado dos movementos sociais, supón un escenario que necesariamente afecta á imaxe pública da presidenta Rousseff así como ás posibilidades de reelección do PT. Neste sentido, o ascenso dunha nova alternativa electoral dende a esquerda, identificada na alianza entre dous ex ministros da “era Lula”, Eduardo Campos (PSB) e a ecoloxista Marina Silva,  pode erosionar a tradicional base electoral “petista”. Así e todo, non se descarta que, ante un eventual fortalecemento da candidatura centrista de Aécio Neves (PSDB), se configure unha aproximación de posicións entre o PT, o PSB, os ecoloxistas e movementos sociais, principalmente de cara a unha hipotética segunda volta electoral.

A caída de popularidade de Rousseff, a masificación das protestas, a ralentización do crecemento económico e o cada vez maior descrédito da clase política brasileira, explican as fortes presións internas dentro das diversas correntes políticas que conforman o PT. Ante a perspectiva dunha erosión electoral “petista”, neste primeiro semestre de 2014 intensificouse unha corrente de opinión a partir de diversos blogs de discusión política([7]) sobre un hipotético retorno de Lula no cometido de relanzar a candidatura de Rousseff e “refundar” o PT.

Non obstante, comeza a edificarse unha matriz de opinión claramente contraria ao persistente poder de Lula dentro do PT, da política brasileira e de amplos sectores da esquerda([8]). Así, unha porción influente da opinión pública brasileira considera este fenómeno como unha nova tendencia orientada a abrir un novo período político, cualificado como o “pós-lulismo([9]).

De cara ao contexto electoral, resulta moi posible que Rousseff e o PT utilicen o “lulismo” como unha ferramenta electoral orientada a potenciar unha nova reelección presidencial. Con todo, o ascenso dunha masa social contestataria contra o establishment e o modelo de desenvolvemento brasileiro ben podería explicar a hipotética asunción dunha era “pós-lulista”. Esta realidade permite inferir un contexto de complexidades e de polarización dentro da política brasileira, toda vez debe cómpre observar con atención en qué medida esta “nova clase media” ascendente pode configurar un movemento de representación política e electoral alternativo dentro do sistema político brasileiro.

 

IGADI. 6 de xuño de 2014


([1]) Nos últimos meses proliferaron diversos artigos en medios internacionais nos que se cuestionaba fortemente esa visión positiva de Brasil e do seu “milagre” económico. Unha escolma interesante deste tratamento nos medios pode observarse no artigo: “Dez reportagens mostran negativismo em cobertura sobre Brasil”, Folha de São Paulo (Brasil), 20 de maio de 2014. Ver en:  http://www1.folha.uol.com.br/bbc/2014/05/1456493-dez-reportagens-mostram-negativismo-em-cobertura-sobre-brasil.shtml

([2]) “Brazilian Discontent Ahead the World Cup”, The Pew Global Attitudes Project, Pew Research Center (EUA), Marzo de 2014. Ver en: http://www.pewglobal.org/2014/06/03/brazilian-discontent-ahead-of-world-cup/

([3]) É importante deterse a considerar este ascenso dunha nova clase media emerxente en Brasil, particularmente dende sectores populares beneficiados polos programas sociais da “era Lula” e, principalmente, polo aumento do salario mínimo e das facilidades de acceso ao crédito financeiro, que permiten inserir a estas clases na dinámica consumista. A diferenza da tradicional clase media brasileira, este segmento socioeconómico, identificado como Clase C, amosa un nivel de cultura política máis pragmática, de carácter inmediatista e incluso provisorio, e con notable influencia das nocións de xustiza social. Un estudo sobre este ascenso social en Brasil pode atoparse en RICCI, Rudá, “O Maior Fenômeno Sociológico de Brasil: a Nova Classe Média”, 9 de outubro de 2009. Ver en: http://www.cps.fgv.br/ibrecps/clippings/lc2329.pdf. O autor é un sociólogo director do Centro Cultiva e membro do Fórum Brasil de Orçamento, así como un prolífico estudoso deste fenómeno sociolóxico a través do seu blog: http://rudaricci.blogspot.com.es/2013/05/os-filhos-da-classe-c.html. Sobre as protestas de 2013 e o ascenso desta nova cultura política, Ricci é coautor xunto a Patrick Arley do libro Nas Rúas. A outra política que emergeu en junho de 2013, Editorial Letramento, 2014. Igualmente, compre consultar o artigo de TIBLE, Jean, “¿Una nueva clase media en Brasil?. El lulismo como fenómeno político-social”, Revista Nueva Sociedad, Nº 243, xaneiro-febreiro de 2013, pp. 4-17. Ver en: http://www.nuso.org/upload/articulos/3913_1.pdf

([4]) “Copa agrava a falta de moradias em Brasília, diz sem-teto”, BBC Brasil, 29 de maio de 2014. Ver en: http://www1.folha.uol.com.br/bbc/2014/05/1461716-copa-agrava-falta-de-moradias-em-brasilia-dizem-sem-teto.shtml

([5]) “Greves debem continuar durante e após Copa, afirmam especialistas”, Deutsche Welle Brasil, 26 de maio de 2014. Ver en: http://www.dw.de/greves-devem-continuar-durante-e-ap%C3%B3s-copa-afirmam-especialistas/a-17662644

([6]) Máis de 170.000 axentes de seguridade, entre eles 57.000 militares, así como o reforzo de 200 policías internacionais, foron distribuídos polo goberno brasileiro para garantir a seguridade nas 12 cidades sede do Mundial, utilizando a máis elevada tecnoloxía, incluíndo drones e lanzamísiles, cun custe que supera os 2 billóns de reais brasileiros (aproximadamente 600 millóns de euros). Para maior información, consultar: “Brasil inicia ‘operaçao de guerra’ para garantir segurança na Copa”, Deutsche Welle Brasil, 23 de maio de 2014. Ver en: http://www.dw.de/brasil-inicia-opera%C3%A7%C3%A3o-de-guerra-para-garantir-seguran%C3%A7a-na-copa/a-17634873

([7]) Consultar: “Lula deveria refundar o PT?”, en: http://bertonesousa.wordpress.com/2014/05/22/lula-deveria-refundar-o-pt/

([8]) Consultar o blog de Boaventura de Sousa: http://www.ces.uc.pt/opiniao/bss/136.php. Igualmente recomendable: http://www.ihu.unisinos.br/noticias/515666-vislumbre-do-pos-lulismo

([9]) O “lulismo” inseriuse como unha realidade sociolóxica da política brasileira a partir da súa chegada ao poder en 2003, impulsado dentro do PT e baseado na necesidade de estabilidade e na acción distributiva do Estado a través de políticas sociais. Esta tendencia asentouse alterando a tradicional masa social e electoral do PT, de clases traballadoras e clases medias progresistas cara as clases populares, ofrecendo unha variación sumamente permeable. Para unha comprensión sobre o fenómeno “lulista”, unha obra de referencia é a de SINGER, Andrés, Os sentidos do Lulismo. Reforma gradual e pacto conservador, Editorial Companhia das Letras, 2012. Recoméndase igualmente un artigo deste autor, Raízes sociais e ideológicas do lulismo, consultar en http://www.scielo.br/pdf/nec/n85/n85a04.pdf  e unha entrevista co autor no portal: http://www.brasildefato.com.br/node/11399. Pola súa banda, o sociólogo brasileiro Ricardo Antunes identifica ao “lulismo” como unha tendencia conservadora e pragmática dentro do progresismo de esquerdas, desprovisto de calquera axenda radical reformadora. Para maior información, consultar o seu artigo “Fenomenologia do lulismo”: http://www1.folha.uol.com.br/fsp/opiniao/fz0301200708.htm