IgadiPaper nº139 - VI Cumio dos BRICS: creando unha nova arquitectura global

IgadiPaper nº139

VI Cumio dos BRICS: creando unha nova arquitectura global

(12/2014)

VI Cumio dos BRICS: creando unha nova arquitectura global

IgadiPaper nº139 - VI Cumio dos BRICS: creando unha nova arquitectura global
a) Introdución

A localidade brasileira de Fortaleza acolleu entre o 15 e 16 de xullo a sexta reunión dos países membros do grupo dos BRICS, acrónimo que desde a súa creación en 2008 reúne a países emerxentes como Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica (este último incorporado en 2010). A importancia estratéxica deste cumio devén do compromiso de impulsar un cambio estratéxico na orde económica global, en particular ante a perspectiva de modificar a arquitectura financeira coa creación de novos organismos como o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC).

Recibidos pola presidenta brasileira Dilma Rousseff, este cumio dos BRICS reuniu ao mandatario ruso Vladimir Putin, o chinés Xi Jinping, o recen elixido primeiro ministro indio Narendra Modi (quen acudía ao seu primeiro cumio) e o surafricano Jacob Zuma. Igualmente asistiu como convidada a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner, no marco da reunión de clausura celebrada en Brasilia entre os líderes dos BRICS e os seus homólogos da Unión de Nacións Sudamericana (UNASUR).

Sen desestimar os efectos da crise económica, o ascenso das potencias emerxentes consolidan a potencialidade dos BRICS: o grupo ostenta arredor do 25% do PIB mundial, o 15% do comercio mundial, o 40% das reservas monetarias internacionais e un 45% da forza laboral global. Paralelamente, os BRICS albergan ao 43% da poboación global, representan un 27% da superficie total e un 20% dos fluxos de investimento a nivel mundial. Contribuíndo en máis dun 50% ao crecemento económico mundial, o comercio entre os seus membros equivale tan só ao 1,5% do comercio global.

O peso do seu intercambio comercial experimentou un salto cualitativo e significativo na última década: en 2001, cando comezou a identificarse inicialmente ao BRIC, sen a inclusión surafricana, o intercambio comercial deste grupo abarcaba aproximadamente US$ 21.000 millóns. Na actualidade, xa con Sudáfrica como membro, este intercambio supera os US$ 280.000 millóns, un aumento do 13% con respecto á década anterior.

A creación do NBD, que terá a súa sede en Xangai (China), e do ARC como fondo de reservas, outorga ao grupo unha estrutura institucional viable a fin de acometer os efectos da crise económica, financiar os seus investimentos e proxectos de desenvolvemento (principalmente en infraestruturas) e pular por unha reestruturación da arquitectura financeira internacional, rematando así a preponderancia dos Acordos de Bretton Woods (1944), que fortaleceron a hexemonía do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional (FMI).

b) Ferramentas para unha nova orde

Baixo o lema “Crecemento incluínte: solucións sostibles”, o consenso alcanzado no VI cumio dos BRICS en Fortaleza (Brasil) para crear un Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), confirma a aposta máis decidida deste organismo na formulación de novas ferramentas de financiamento e de desenvolvemento que superen a ata agora incontestable hexemonía dos Acordos de Bretton Woods de 1944, que posibilitaron a creación do Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial (BM).

Outros dous acordos fortaleceron esta perspectiva de institucionalización dos BRICS: un relativo á Cooperación Técnica entre Axencias de Crédito e Garantías ás Exportacións, moi probablemente orientado a reducir a preponderancia das axencias de cualificación de risco á hora de influír en determinadas economías en crise; e outro sobre Cooperación e Innovación dos respectivos bancos nacionais de desenvolvemento.

A pesar de que os líderes dos BRICS evitaron publicamente identificar os seus proxectos como eventuais marcos de ruptura ou de confrontación co BM e o FMI, resulta visible a vontade do grupo de crear e fortalecer novos mecanismos de financiamento, investimentos e de desenvolvemento, que lles permita actuar cunha marxe de autonomía viable, reducindo así esa excesiva dependencia do sistema Bretton Woods. Esta visión permite aos BRICS dotarse dunha infraestrutura institucional acorde coas novas realidades da xeopolítica internacional, tendentes a propiciar mecanismos de cooperación multilateral.

Neste sentido, o NBD iniciará as súas operacións con US$ 50.000 para progresivamente ir ampliándose cara os US$ 100.000 en dous anos e a US$ 200.000 en cinco anos. A énfase inicial do NBD será o financiamento dunha diversidade de proxectos (saúde, tecnoloxía, educación, medio ambiente, ciencia) pero con especial acento nas infraestruturas. Pola súa banda, o ARC estará inicialmente provisto de US$ 100.000 millóns (73.000 millóns de euros). O reparto de cotas confirma a evidente preponderancia de China, principal prestamista cunha achega valorada en US$ 41.000 millóns. Rusia, India e Brasil achegarán US$ 18.000 millóns respectivamente, mentres a cota surafricana cífrase en US$ 5.000 millóns.

A creación do NBD e da ARC pode igualmente explicarse polos efectos da desaceleración económica internacional, da caída dos prezos das materias primas e da depreciación de moedas dos países membros dos BRICS que, a excepción do yuan chinés, afectan actualmente á rupia india e o rand surafricano.

Igualmente, debe observarse con atención de qué forma confluirán o NBD e o ARC no seu cometido de autonomía financeira, en particular de cara a outros mecanismos de financiamento establecidos con anterioridade (FMI e BM), así como a Comunidade Andina de Fomento (CAF), o Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), o Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social (BNDES) de Brasil e incluso ante a activa presenza crediticia dos bancos chineses en América Latina, en particular o China Development Bank e o Exim Bank of China.

Cómpre destacar que os líderes dos BRICS esforzáronse neste cumio por promover e consolidar unha participación paritaria de cada un dos membros na composición das respectivas estruturas e directivas do NBD e do ARC. Esta premisa dominou os respectivos discursos dos líderes presentes, destacando igualmente a defensa exposta polo primeiro ministro indio Modi de colocar como prioridade para os BRICS a adopción da Axenda post-2015 dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio da ONU, principalmente á hora de impulsar programas de loita da pobreza e de seguridade alimentaria. Un aspecto moi relevante ante o feito de que os BRICS albergan a máis de 1.700 millóns de cidadáns no limiar da pobreza.

Na perspectiva de fortalecemento institucional do grupo, Modi tamén propuxo a creación dun Foro de Mozos Científicos e dunha Universidade dos BRICS.

c) A inevitable preponderancia chinesa

No seu discurso, o presidente chinés Xi Jinping destacou a necesidade de construír unha cooperación de “gañar-gañar” acorde coas novas pautas para a gobernanza económica mundial. Sendo a principal economía dos BRICS, China comeza a asumir o seu peso económico, particularmente polo feito de ser o principal achegador de fondos no NBD, acollendo a súa sede en Xangai.

A estratexia “gañar-gañar” de Xi Jinping moi probablemente responde á pretensión de diminuír as expectativas e receos sobre a inevitable preponderancia de China dentro do organismo, tendo en conta a potencialidade dunha economía visiblemente maior en comparación co resto dos países membros dos BRICS, con taxas de crecemento anuais establecidas en torno ao 7%.  

Un aspecto esencial que fortalece as perspectivas sobre a preponderancia e potencialidade de China son os investimentos en infraestruturas. Países como Brasil e India precisan dunha ampla rede de infraestruturas viarias, onde China posúe unha elevada experiencia de cooperación. Neste sentido, o NBD cobrará un peso específico chave á hora de potenciar o desenvolvemento interno dos BRICS, contando co inevitable peso económico chinés.

Con todo, esta preponderancia chinesa no NBD, así como o énfase deste organismo en potenciar proxectos de infraestruturas provocou diversas críticas, principalmente desde grupos ecoloxistas e activistas sociais([1]). Todo isto sen infravalorar en qué medida a fortaleza económica chinesa pode crear friccións cos outros países membros, especialmente tendo en conta a eventualidade de que a moeda de referencia no NBD e no ARC sexa o yuán chinés, un aspecto que potenciará a súa internacionalización.

d) Visualizando unha eventual ampliación?

Centrada a atención na creación de instrumentos financeiros e institucionais autónomos, o cumio de Fortaleza deixou igualmente entrever a eventualidade dunha hipotética ampliación dos BRICS, en aras de fortalecer a súa composición e de consolidar a súa visión multipolar e multilateral. Apréciase así neste cumio a vontade dos BRICS de traspasar a súa preeminencia económica para fortalecer unha visión de influencia política a nivel mundial.

A presenza da mandataria arxentina Cristina Fernández de Kirchner, convidada polos seus homólogos ruso, indio e chinés, foi explicada oficialmente polo goberno arxentino como a eventual preparación a medio prazo dun hipotético ingreso arxentino nos BRICS. Con todo, outros observaron a presenza de Fernández de Kirchner como unha antesala á posterior reunión BRICS-UNASUR, así como un xesto de apoio a Arxentina ante seu risco de default financeiro, á vista do pulso que leva a cabo cos organismos financeiros internacionais (os fondos especulativos ou “fondos voitres”) e a renegociación da súa débeda, parcialmente saldada polo acordo de maio pasado co Club de París.

Paralelamente, o cumio dos BRICS aconteceu nun contexto particularmente estratéxico, coincidindo coas respectivas xiras latinoamericanas de Putin (Ecuador, Arxentina, Venezuela, Bolivia, Guíana, Cuba, Colombia, Paraguai, Perú, Surinam e Chile) e Xi Jinping (Arxentina, Brasil, Venezuela e Cuba). Ambas visitas manifestan intereses xeopolíticos parcialmente distintos: no caso ruso, ademais de fortalecer lazos comerciais, Putin busca recrear alianzas hemisféricas, principalmente enerxéticas e militares, para contrarrestar a presenza estadounidense na súa periferia euroasiática, con particular incidencia na crise ucraína.

Pola súa banda, a segunda xira latinoamericana de Xi Jinping corresponde ao fortalecemento de lazos económicos e da visión multipolar de Pequín con importantes socios comerciais chineses, particularmente Venezuela (aspecto enerxético), e Brasil (infraestruturas), sen menoscabar a histórica cooperación con Cuba, aspecto que cobra maior incidencia económica ante as reformas impulsadas polo presidente cubano Raúl Castro desde 2008, particularmente visible na amplitude da Zona Económica Especial de Mariel.

Tralo cumio BRICS-UNASUR, Xi Jinping asistiu en Brasilia ao encontro entre China e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC), avanzando na definición dunha axenda de cooperación ata o 2019. China observa con notable interese a potencialidade estratéxica latinoamericana á hora de afianzar a visión multipolar que desexa establecer, cos BRICS como notable polo de vertebración. Neste sentido, impulsa a creación do Foro China-América Latina Caribe que se reunirá en xaneiro próximo.

Os BRICS asumen que o seu peso xeopolítico inevitablemente influirá na reestruturación do sistema global. Fortalece este peso a presenza de tres potencias militares e nucleares (Rusia, China e India), as dúas primeiras membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU. No relativo ao “soft power”, China comeza a emerxer neste apartado mentres Brasil e Sudáfrica apostan pola diplomacia “moderadora”, sen notorias ambicións militares, aínda que Brasil posúe un importante sector militar e industrial. Igualmente, outras potencialidades se centran no sector enerxético, particularmente o petróleo e gas natural ruso e as reservas estimadas de autosuficiencia enerxética para Brasil no seu Presal.

Se ben no cumio de Fortaleza non se abordaron aspectos relativos á ampliación, salvo a perspectiva que planea sobre Arxentina, ven sendo unha realidade o feito de que outros países emerxentes como Turquía, Indonesia, Corea do Sur e México observan con interese a apertura de mecanismos de admisión nos BRICS.

IGADI. 22 de xullo de 2014.


([1]) Neste apartado, compre destacar as críticas sobre o efecto ambiental e social dos programas de infraestruturas establecido para o NBD, así como as denuncias sobre a situación dos dereitos humanos nos países BRICS, en particular en China e Rusia. Para maior información, consultar: OSAVA, Mario, “Naciente Fondo monetario de los BRICS puede repetir inequidades”, Inter Press Service en español, 14 de xullo de 2014. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2014/07/naciente-fondo-monetario-del-brics-puede-repetir-desequilibrios/. Tamén do mesmo autor: “Banco dos BRICS frustra a activistas de reformas internacionales”, Inter Press Service en español, 17 de xullo de 2014. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2014/07/banco-del-brics-frustra-a-activistas-de-reformas-internacionales/