IgadiPaper nº140

Distribuir

Distribuir contido

MERCOSUR: ¿revitalización nun contexto de cambios?

IgadiPaper nº140 - MERCOSUR: ¿revitalización nun contexto de cambios?
a) Introdución

Con motivo do XLVI Cumio do MERCOSUR celebrado o 29 de xullo en Caracas (Venezuela), o organismo de integración suramericano abordou a discusión de estratexias alternativas para a súa consolidación así como de ampliación tanto dos seus membros como dos seus mecanismos de cooperación con outros organismos similares, en particular a Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC), a Alternativa Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA) e a Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR). Ampliando este contexto, o MERCOSUR observa con maior atención a cada vez máis relevante presenza de China como socio estratéxico para América Latina.

Amparado na súa condición de membro pleno desde 2012, Venezuela asumiu a comezos de 2014 por vez primeira a presidencia Pro Témpore de MERCOSUR. Neste sentido, o cumio de Caracas reafirmou a necesidade do MERCOSUR de fortalecer os seus mecanismos institucionais, da ampliación cara novos membros (Bolivia) así como de abrir canais de cooperación máis estratéxicos coa CELAC, a ALBA, a UNASUR, o G77+China e os BRICS, cuxos respectivos cumios precederon ao de MERCOSUR. En perspectiva, o MERCOSUR adiantou unha visión de revitalización no cumio de Caracas.

A declaración final asumiu posturas comúns en aspectos específicos, como o apoio a Arxentina ante a presión dos “fondos voitres”, o rexeite ás sancións de Washington contra 46 funcionarios do goberno venezolano por presuntas violacións dos dereitos humanos durante a recente crise política venezolana, e a importancia estratéxica que para a integración rexional supuxo a recente xira do presidente chinés Xi Jinping.

Con todo, determinadas diferenzas políticas cobran forza, en particular algunhas de carácter estratéxico como a posición de Brasil de achegar o MERCOSUR á Alianza do Pacífico. Se ben adoptouse o apoio común ao goberno da República Árabe Siria, destacou a ausencia dunha posición máis firme contra Israel pola recente agresión contra o pobo palestino, limitándose a instar ao diálogo e a finalización do bloqueo na Franxa de Gaza. Desde 2010, MERCOSUR mantén con Israel un Tratado de Libre Comercio (TLC), o único que este organismo ten subscrito cun país non pertencente ao seu ámbito rexional.

b) A Declaración de Caracas

A presidencia Pro Témpore de Venezuela no MERCOSUR permitiu ampliar as perspectivas de asociación e cooperación deste organismo creado en 1991, cara outras experiencias de integración rexional e hemisférica que cobran intensidade nos últimos tempos.

A aposta común por consolidar a Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC) como foro de diálogo e de integración, traducida na Declaración de Caracas, amosa esta necesidade do MERCOSUR por ampliar as súas perspectivas, non exactamente circunscritas á concreción de un mercado común. Nese sentido, o encontro China-CELAC celebrado en Brasilia a mediados de xullo, como colofón do Cumio dos BRICS, moi probablemente persuadiu á presidencia venezolana en MERCOSUR, liderada polo mandatario anfitrión Nicolás Maduro, a trazar novas follas de ruta.

Tendo en conta que este cumio de MERCOSUR se celebrou na capital venezolana, Maduro aproveitou a ocasión para fortalecer marcos de asociación entre o MERCOSUR e a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), o organismo de integración creado en 2004 polo falecido presidente Hugo Chávez. Esta perspectiva de asociación MERCOSUR-ALBA foi igualmente defendida polo presidente boliviano Evo Morales durante a súa presenza no cumio de Caracas. Bolivia é membro formal da ALBA desde 2005 e será o próximo membro pleno de MERCOSUR.

O achegamento de MERCOSUR coa ALBA e a CELAC, defendidos con entusiasmo por Venezuela e Bolivia, quedaba pendente da posición ao respecto por parte de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai, os demais membros do MERCOSUR. Non obstante, e se ben estes países apoiaron a idea da asociación MERCOSUR-ALBA-CELAC, foron máis ben os seus intereses específicos os que predominaron no cumio de Caracas.

A presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner principalmente defendeu a súa loita contra a presión dos acredores internacionais de débeda pública arxentina, os catalogados “fondos voitres”, alcanzando unha posición común de apoio no cumio de Caracas. Pola contra, a súa homóloga brasileira Dilma Rousseff abriu a perspectiva dun achegamento coa Alianza do Pacífico, organismo creado en 2010 por México, Perú, Colombia e Chile baixo a éxida da estratexia de Asociación TransPacífico impulsada desde 2011 por Washington, a través de mecanismos de libre comercio hemisférico con Asia-Pacífico, na que progresivamente vanse incluíndo países europeos.

Finalmente, a discreción prevaleceu na posición do uruguaio Pepe Mújica, moito máis centrado na súa próxima presidencia Pro Témpore na UNASUR, así como a do paraguaio Horacio Cartes, probablemente persuadido a limar asperezas con Venezuela trala crise bilateral suscitada pola remoción do ex presidente Fernando Lugo a mediados de 2012.

Con respecto aos BRICS, a Declaración de Caracas celebrou a concreción do Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) adoptado no recente cumio de Brasil, especialmente como mecanismo de concreción de proxectos de desenvolvemento e de infraestruturas co Banco do Sur([1]). Finalmente, a presenza boliviana en MERCOSUR permitiu estipular na Declaración de Caracas diversos apartados estipulados no apoio á defensa do indixenismo e do medio ambiente, anteriormente defendidos durante o recente cumio do G77+China celebrado na capital boliviana, La Paz.

c) China como socio estratéxico

A inclusión na Declaración de Caracas de percepcións favorables sobre o Foro China-CELAC a realizar probablemente en xaneiro do ano próximo en Beijing así como do Foro G77+China celebrado en Bolivia en maio pasado, da a entender a vontade do MERCOSUR de contar con Pequín como un socio estratéxico para fortalecer os seus mecanismos de integración e de desenvolvemento.

En perspectiva, o MERCOSUR observa a China como un actor imprescindible á hora de acelerar as demandas dos países do Sur no cometido de fortalecer un sistema multilateral e multipolar, así como para proverse dun maior peso político nos foros internacionais (G-20, OMC) e das demandas de países como Brasil, Venezuela e Arxentina de ampliar o Consello de Seguridade da ONU.

A conxuntura derivada da xira do presidente chinés Xi Jinping por Arxentina, Brasil, Venezuela e Cuba, reforzando a súa presenza co cumio dos BRICS e o foro China-CELAC en Brasil, permitiu ao MERCOSUR fortalecer a perspectiva de observar a China como un socio estratéxico chave, un aspecto que progresivamente contribuiría a desprazar a tradicional preponderancia hemisférica de EUA e de organismos como o FMI e o Banco Mundial.

Nese sentido, as visitas de Xi Jinping a Bos Aires e Brasilia permitiron o fortalecemento das Asociacións Estratéxicas Integrais xa existentes con eses países, ampliadas posteriormente a Venezuela coa súa visita a Caracas, e que permitiron subscribir unha diversidade de acordos en materia enerxética, minería, finanzas, educación, sanidade, infraestruturas, agricultura, alta tecnoloxía e cooperación política. No caso arxentino, o Banco Central de China acordou un crédito de US$ 11.000 millóns para fortalecer as reservas internacionais desde país, un aspecto relevante ante a conxuntura do pulso entre Arxentina e os “fondos voitres”. En perspectiva global, China subscribiu cen convenios con Arxentina, Brasil, Venezuela e Cuba, valorados en aproximadamente US$ 67.000 millóns.

As estatísticas dan conta da importancia crecente de América Latina para os investimentos chineses. Segundo o Ministerio de Comercio chinés, o volume do comercio bilateral entre China e América Latina foi de US$ 261.570 millóns en 2013, multiplicando por 21 ese volume con respecto ao ano 2000. Paralelamente, China constitúese como o terceiro socio comercial latinoamericano tras EUA e a Unión Europea, mentres América Latina en conxunto ocupa o sétimo lugar como socio comercial de China. O volume acumulado dos proxectos contratados por empresas chinesas en América Latina alcanzou US$ 94.600 millóns para finais de 2013, destacando os sectores de gasodutos, centrais eléctricas, vivendas, drenaxe, infraestruturas e telecomunicacións. Os investimentos directos chineses en América Latina avanzaron a US$ 68.200 millóns para finais de 2012, o que supón un 12,8% do total dese ano, destacando sectores como o petróleo, minería, electricidade, manufactura e agricultura([2]).

Con todo, o peso esencial da relación transcende as evidentes perspectivas económicas (coas súas consecuentes asimetrías), abarcando así unha visión de carácter máis ben xeopolítico. China precisa das materias primas de países latinoamericanos como Venezuela, Arxentina e Bolivia, así como da potencialidade de investimentos (especialmente en infraestruturas e alta tecnoloxía), alentando unha vigorosa relación comercial. Para América Latina, China constitúe o socio estratéxico esencial na potenciación de mecanismos de cooperación Sur-Sur (BRICS, G-20) e na concreción de intereses comúns que permitan reformular o sistema internacional. Unha reformulación da que non escapa o propio MERCOSUR, a resultas da visión adoptada na Declaración de Caracas.

IGADI. 4 de agosto de 2014.


([1]) O Banco do Sur é unha iniciativa inicialmente promovida polo ex presidente brasileiro Lula da Silva a partir de 2002 como piar fundamental da integración latinoamericana a través dun fondo monetario e de desenvolvemento. Desde 2007 os seus principais propulsores foron os falecidos ex presidentes Hugo Chávez e Néstor Kirchner. Tras acordarse a súa creación, o seu documento consultivo foi subscrito en 2009. A súa sede está en Caracas (Venezuela), cidade que acolleu a primeira reunión do Banco do Sur en xuño de 2013. Cun capital aproximado de US$ 7.000 millóns, que espera ampliarse co tempo a US$ 20.000 millóns, os países membros do Banco do Sur son Arxentina, Brasil, Venezuela, Ecuador, Bolivia, Paraguai e Uruguai, con Perú e Chile de observadores.

([2]) “Lazos comerciales China-América Latina entran en etapa de rápido desarrollo”, Agencia Xinhua en español (China), 25 de xullo de 2014. Ver en: http://spanish.xinhuanet.com/chinaiber/2014-07/25/c_133509928.htm

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº140144.73 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais