IgadiPaper nº141

Distribuir

Distribuir contido

O Estado Islámico (EI) e a recomposición xeopolítica de Oriente Medio

IgadiPaper nº141 - O Estado Islámico (EI) e a recomposición xeopolítica de Oriente Medio
a) Introdución

A súbita preponderancia que están cobrando as accións do Estado Islámico (EI), ata mediados de xullo coñecido como o Estado Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), pon en relevo diversos aspectos relativos á xeopolítica de Oriente Medio trala invasión de EUA e dos seus aliados a Iraq en 2003, da inestabilidade posterior e dos seculares conflitos sectarios, relixiosos, étnicos, políticos e ideolóxicos existentes na rexión.
 
As imaxes das decapitacións realizadas por membros do EI a xornalistas occidentais e, principalmente, o avance das súas milicias yihadistas na porosa fronteira entre Siria Oriental e o Iraq Noroccidental, territorio no que foi proclamado o seu Califato, repercutiu inmediatamente na atención da seguridade global  e dos foros internacionais realizados a comezos de setembro, particularmente o cumio da OTAN realizado en Gales e a xuntanza da Liga Árabe no Cairo (Exipto).
 
Con anterioridade, Washington tentou minimizar a ameaza do EI confiando na posibilidade de erosionalo a través de ataques e bombardeos vía drons contra posicións do grupo yihadista. Pero a inexistencia dunha estratexia eficaz contra o EI, sumado a outros factores estratéxicos (crise en Ucraína, eleccións para o Congreso estadounidense de novembro) persuadiron ao presidente estadounidense Barack Obama na súbita necesidade de acelerar unha estratexia global contra o grupo islamita, a fin de non perder credibilidade e capacidade de reacción.
 
Practicamente constituído como un actor de feito da xeopolítica rexional, a presenza do EI entre Siria e Iraq, así como as consecuentes alianzas rexionais e internacionais que comezan a tecerse na súa contra, anuncian eventuais cambios no mapa político e territorial de Oriente Medio, algúns deles aparentemente inevitables.
 
Cobran aquí atención a eventualidade de propiciar a creación dun Estado autónomo no Curdistán iraquí, a potencialidade dunha entente entre EUA e Irán que confirmaría a ascendente preponderancia xeopolítica que está adquirindo Teherán, e a posibilidade real de disolución do Estado iraquí, con repercusións importantes cara países veciños como Siria, Líbano, Xordania, Turquía e Irán.

b) Radiografía do EI

O nacemento dos movementos antecesores que paulatinamente foron conformando o actual EI ocorre directamente vinculado coa invasión unilateral a Iraq en 2003, liderada polo ex presidente estadounidense George W. Bush, así como da estratexia yihadista global liderada por Al Qaeda.
 
Estes factores intensificaron a creación, por parte do xordano Abu Musab al-Zarqawi, do grupo radical salafista Tawhid wa al-Jihad. A morte de al-Zarqawi en 2006 repercutiu na división do grupo orixinal, coa creación do Estado Islámico de Iraq (EII).
 
Polarizados polas divisións internas e os estragos da ofensiva militar estadounidense, en 2010 asume a dirección o seu actual líder, Abu Bakr al-Baghdadi, quen tras reorganizar o grupo aceptou unirse coa fronte Al Nusra, unha rama de Al Qaeda en Siria, para loitar contra o réxime do presidente sirio Bashar al Asad. Pero as diferenzas políticas afloraron e, en abril de 2013, al-Baghdadi decidiu crear o Estado Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), antecesor do actual EI.
 
A reacción do réxime de Bashar al Asad expulsando á atomizada plataforma rebelde cara o Oriente sirio fronteirizo con Iraq, supuxo un punto de inflexión na ampliación rexional da “yihad” do EIIL. Desde finais de 2013 e comezos de 2014, o EIIL logrou recuperar posicións, aproveitándose igualmente do caos político en Iraq e, particularmente, das divisións sectarias entre sunnitas e xiítas.
 
Precisamente, o paulatino proceso de marxinación política da comunidade sunnita durante a posguerra iraquí implicou que diversas tribos e clans desta comunidade terminaran respaldando e uníndose ao EIIL, propiciando o seu avance ao longo de 2014 coa toma de diversas cidades (Raqqa en Siria; Faluya, Mosul, Tikrit e Tal Afar en Iraq), algunhas delas con notable valor enerxético e loxístico. En xullo pasado, al-Baghdadi proclamou o Califato na porosa fronteira entre o Oriente de Siria e o Noroccidente de Iraq, creando así o actual EI.
 
Diversas fontes aseguran que o EI acolle entre 15.000 e 30.000 combatentes, controlando unha área aproximada entre 40.000 e 90.000 quilómetros cadrados, así como mantén a súa autoridade, aínda que nalgúns casos de forma parcial e aleatoria, de cara a unha poboación estimada en 8 millóns de persoas. Os seus persistentes avances no Noroccidente de Iraq nos últimos meses teñen provocado, cando menos, 1.700 mortes e un millón de desprazados.
 
Nesta perspectiva, estaríamos a falar do EI como un actor derivado do caos da posguerra iraquí e da ineficacia da política estadounidense por estabilizar Oriente Medio trala invasión de Iraq de 2003, o cal igualmente tivo a súa repercusión nos obxectivos do presidente Obama de retirarse militarmente de Iraq e de degradar o peso de Oriente Medio como prioridade estratéxica da política exterior estadounidense.
 
Consecuentemente, o EI ven manifestando unha notable capacidade de atracción e de recrutamento, especialmente dentro das comunidades sunnitas en países árabes e do Golfo Pérsico así como tamén en Occidente: estímase que aproximadamente 2.500 combatentes do EI proveñen de EUA, Gran Bretaña, Francia, Canadá, Australia ou Italia, entre outros.
 
Outro aspecto relevante ten que ver co seu financiamento, inicialmente proveniente de países do Golfo Pérsico aliados de Washington (principalmente Arabia Saudita e Catar), así como da venda de petróleo e gas das zonas que controla (en especial Mosul), das recadacións impositivas e de actividades ilegais.
 
Nos casos do apoio saudita e catarí, debe tomarse en conta que o EI foi directamente apoiado loxística e financeiramente por estas “petromonarquías”, no seu afán por acabar co réxime sirio. Dende unha perspectiva ideolóxica, a visión rigorista wahabbhita dominante na península arábiga desde finais do século XVIII non se diferenza en gran medida dos postulados salafistas do grupo liderado por al-Baghdadi.
 
O súbito fortalecemento do EI entre Siria e Iraq deixou a Arabia Saudita e Catar, así como tacitamente a EUA e os seus aliados europeos, nunha delicada situación de falta de credibilidade pola súa implicación na crise siria a través do grupo yihadista. Precisamente, no recente cumio da Liga Árabe no Cairo, os ministros de Exteriores de Arabia Saudita e Catar respaldaron a estratexia de Obama de acabar co EI cando, con anterioridade, foron os principais benefactores do grupo yihadista.
 
Paralelamente, o EI tenta fortalecer unha estratexia que lle permita ampliar política e territorialmente as potencialidades da súa “yihad”. O grupo ameazou con colocar ao presidente ruso Vladimir Putin como próximo obxectivo, argumentando o apoio de Moscova ao réxime sirio. Esta declaración daría a entender, igualmente, a presenza de militantes chechenos e doutras nacionalidades caucásicas que loitan pola súa independencia de Rusia.
 
Paralelamente, o EI colocou á familia real saudita entre os seus obxectivos políticos, nunha estratexia que denota a súa intención por propiciar a caída das “petromonarquías” do Golfo Pérsico, propiciando así a eventual ampliación rexional do seu Califato salafista.

c) Unha ameaza global?

Nunha alocución pública realizada o pasado 5 de setembro, o presidente Obama anunciou a activación de ataques de maior carácter punitivo contra posicións do Estado Islámico (EI) no Noroccidente de Iraq.
                
Durante o cumio da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) celebrado en Gales entre o 4 e 5 de setembro, co epicentro inicialmente previsto na crise entre Ucraína e Rusia, o “asunto EI” acaparou subitamente a atención. Neste sentido, unha coalición de dez países (EUA, Gran Bretaña, Alemaña, Francia, Canadá, Australia, Dinamarca, Italia, Polonia e Turquía), acordaron formar unha alianza orientada a acabar definitivamente co EI, a través de “accións sostidas e persistentes”, tal e como declarou o propio Obama.
 
Esta coalición impulsada por Washington confirmaría a percepción da Alianza Atlántica de outorgarlle un peso específico á organización yihadista como ameaza para a seguridade global. En consecuencia, o cumio de Ministros de Exteriores da Liga Árabe celebrado no Cairo (Exipto) o pasado 7 de setembro, avalou esta estratexia de Obama.

d) Como quedará Oriente Medio

Estes pasos establecerían unha estratexia máis definida a fin de recrear unha coalición internacional liderada por EUA, orientada a asestar a defunción do EI e a reconstitución do mapa xeopolítico rexional, todo isto manexando variables sumamente complexas e incertas.
 
A potencialidade de expansión territorial do EI intensifica a preocupación rexional e internacional, especialmente dentro do mundo árabe, principalmente de cara a países que poden verse inseridos nesta dinámica “yihadista” como son os casos de Líbano e Xordania.
 
En consecuencia, Washington declarou a semana pasada a adopción de acordos de defensa e de seguridade militar co Líbano, tendo en conta a súa proximidade coas fronteiras sirias e iraquís baixo control do EI, así como do delicado mosaico confesional, sectario e étnico libanés, que pode verse polarizado e antagonizado desta vez pola eventual intromisión do EI.
 
En todo caso, o avance e eventual asentamento do EI confirmaría a hipotética disolución territorial de Siria e Iraq, un factor moito mais evidente no caso iraquí.
 
Neste sentido, cobra relevancia a eventualidade (ou practicamente inevitabilidade) de creación dun Curdistán independente ao Norte de Iraq. Desde mediados de 2014, países como Israel amosaron publicamente o seu apoio á creación dun Estado curdo, un aspecto no que tanxencialmente EUA estaría de acordo. Incluso, un país potencialmente afectado por esta situación como Turquía, asumiu esta eventualidade como un fait accompli.
 
A comezos de setembro, a chanceler alemá Ángela Merkel defendeu publicamente o envío de armamento e de apoio loxístico ás autoridades iraquís así como tamén aos peshmergas curdos que loitan contra o EI, posición anteriormente respaldada por Francia, Gran Bretaña e Italia.
 
Neste marco, Washington e os seus aliados europeos e israelís recrearían un hipotético Estado curdo como un aliado estratéxico rexional, non especificamente contra o EI senón principalmente como unha especie de “Estado-tapón” de evidentes implicacións para Turquía, Irán e Siria. De feito, existen revelacións, non claramente contrastadas, dunha presunta reunión entre representantes estadounidenses e iranianos realizada no Curdistán curdo, orientada a formalizar operacións de ataque contra o EI.
 
Pola súa banda, Teherán mobilizou tropas cara a fronteira iraquí inmediatamente a medida que o EI consolidaba as súas posicións no noroccidente de Iraq e ameazaba con invadir o Curdistán iraquí, unha acción que foi observada desde as comunidades sunnitas como a pretensión iraniana e dos seus aliados xiítas de preservar a súa hexemonía política en Iraq. 
 
Este aspecto podería determinar a eventual configuración dunha entente entre EUA e Irán, cunhas implicacións que alterarían o mapa xeopolítico rexional, en especial de cara a países como Israel, Arabia Saudita e Catar, os cales veñen adiantando achegamentos e negociacións directas e indirectas nos últimos meses.
 
Con todo, e mais que para a seguridade occidental, o EI semella mais ben potenciar unha ameaza para os países árabes e para Oriente Medio, a pesar das recentes decapitacións dos xornalistas James Foley e Steve Sotloff. En todo caso, a presenza do EI implica considerar unha serie de efectos colaterais cunhas consecuencias que auguran cambios estratéxicos para a contorna rexional.
 

IGADI, 10 de setembro de 2014.

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº141139.59 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais