IgadiPaper nº149

Distribuir

Distribuir contido

Boko Haram: ŷihādismo, sectarismo e riscos de implosión estatal en Nixeria 

a) Introdución
IgadiPaper nº149 - Boko Haram: ŷihādismo, sectarismo e riscos de implosión estatal en Nixeria

Nun contexto notoriamente determinado pola próxima celebración (entre o 15 e o 28 de febreiro) das eleccións presidenciais en Nixeria, así como para representantes do Parlamento federal, das asembleas estatais e de gobernadores en 29 dos 36 estados do país, cobra especial relevancia o desafío xerado pola operatividade da milicia islamita Boko Haram en diversos estados do nordeste do país africano (particularmente os de Adamawa, Borno e Yobe, en situación de emerxencia desde maio de 2013) e o seu radio de extensión e eventual propagación cara outras localidades (Bauchi, Kano) e incluso países fronteirizos (Camerún, Chad e Níxer).

Cunha intensa actividade terrorista a partir de 2009 co obxectivo de conformar un Califato islámico en pleno corazón da África subsahariana, a operatividade do Boko Haram a comezos de 2015, en particular cun atentado nun mercado local en Maiduguri con saldo de 19 mortos, tivo unha simultánea repercusión informativa, aínda que con escaso impacto mediático, en comparación cos atentados terroristas ŷihādistas acaecidos en París por parte de células aparentemente afiliadas a Al Qaeda na Península Arábiga e o Estado Islámico.

Mais que explicar a súa evolución única e estritamente como unha expresión da expansión dun Islam rigorista de carácter ŷihādista salafista, as raíces e natureza de Boko Haram mais ben semellan verificar unha realidade de conflitos e confrontacións asociada a aspectos de carácter estrutural (crises políticas, déficit democrático, abuso, represión e impunidade policial e militar, debilidade estatal e institucional, pobreza e desigualdade de desenvolvemento territorial) que obstaculizan a estabilidade dun país estratexicamente relevante como Nixeria.

Neste sentido, Boko Haram eríxese como unha consecuencia da inestabilidade, das distorsións na gobernabilidade e das desigualdades na distribución da riqueza nun país considerado o principal produtor petroleiro africano (70% dos seus ingresos por exportacións) e o de maior poboación a nivel continental (175 millóns de habitantes). Estes factores vense igualmente condicionados polo mosaico derivado da presenza de 350 grupos étnicos e 250 grupos lingüísticos, con persistentes canles de confrontación sectaria política, relixiosa e territorial entre un Norte maioritariamente islámico e pobre, e un Sur de maioría cristiá que concentra o poder político e a riqueza económica.

b) As orixes: misterio e confusión

Oficialmente constituído en 2002 como a Jama’atu Ahlis Sunna Lidda’awati Wal-Jihad, literalmente “O Pobo encomendado á propagación das Ensinanzas do Profeta e a Yihad”, os medios internacionais nomean a este grupo como Bóokòo haram (Boko Haram, en adiante BH), interpretable como “A Educación Occidental é un pecado” ([1]).

Creado polo clérigo islámico Mohammed Yusuf, seguidor das ensinanzas do filósofo árabe Ibn Taymiyya (século XIV) no relativo á rigorosa aplicación da lei islámica, a Šaři’a, particularmente na súa versión salafista([2]), BH estableceu o seu berce e epicentro na localidade de Maiduguri, no estado nordeste de Borno. Con todo, non foi ata 2009 cando a súa actividade militante e terrorista cobrou unha maior intensidade e repercusión a nivel internacional, particularmente a través dun modus operandi sinalado por ataques a obxectivos policiais e militares, edificios públicos, escolas e centros relixiosos, así como secuestros de políticos e civís, tal como ocorreu en abril de 2014 coa captura de máis de 200 nenas, suceso que motivou unha ampla repulsa e mobilización internacional na súa contra.

Desde 2013, BH está incluído na listaxe de “organizacións terroristas estranxeiras” elaborada polo Departamento de Estado estadounidense. O seu desafío ao Estado nixeriano, que considera “ilexítimo” e “non islámico”, expandiuse a través dun conflito armado con epicentro nos estados do nordeste de Adamawa, Borno e Yobe, declarados desde maio de 2013 como “zona de emerxencia” por parte do presidente Goodluck Jonathan (de confesión cristiá), das Forzas Armadas e das autoridades centrais de Abuja, a capital política nixeriana.

Se ben non se coñece con exactitude o seu número de efectivos, estímase en centos os militantes armados ao seu redor, coñecidos como Yusuffiya (literalmente “seguidores de Yusuf”, en relación ao seu fundador) e cunhas orixes que se identifícan en grandes porcións de estudantes islámicos, clérigos e incluso profesionais provenientes das comunidades mais empobrecidas, moitos deles desempregados([3]).

A repercusión internacional, principalmente a partir de 2013, da existencia e as actividades terroristas de BH, suxire un tratamento contraditorio. Diversas análises e informacións apresúranse en identificalo como unha versión local da rede ŷihādista salafista establecida por Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI), Al Qaeda na Península Arábiga e outros grupos no Corno de África, particularmente a milicia Al Shabab en Somalia.

Este gráfico explica a fragmentación política, territorial e económica existente en Nixeria a carón do seu mosaico étnico e relixioso e dos seus conflitos políticos e sectarios. No nordeste, fronteirizo co Lago Chad, obsérvase en raiado as rexións controladas pola presenza do Boko Haram. A enorme concentración da riqueza petroleira ao sur do país, así como das súas capitais política (Abuja) e económica (Lagos), contribúe a potenciar os conflitos existentes e a percepción de fragmentación estatal. Fonte: http://espacio-redo.es/el-mundo-encambio/el-estado-islamico-y-boko-haram-en-nigeria/

Non obstante, a xénese e expansión de BH pode ser mellor explicado por factores internos e estruturais nun país sumamente inestable como Nixeria, en particular pola desigualdade socioeconómica e de distribución da enorme riqueza petroleira, o empobrecemento das poboacións do Norte do país, a frustración social ante os abusos das autoridades, a corrupción institucionalizada e, principalmente, ante a brutalidade e impunidade policial, militar e xudicial. Este último aspecto ten unha repercusión esencial que pode igualmente explicar a xénese e expansión de BH, así como a súa radicalización e ampliación do número de efectivos, particularmente tendo en conta as prolíficas execucións extraxudiciais realizadas contra militantes islámicos.

Este caudal de violencia non diminuíu desde o retorno á democracia en Nixeria a partir de 1999, tras quince anos de réxime militar. As confrontacións entre o Norte e o Sur, principalmente entre comunidades islámicas e cristiás así como por parte das autoridades estatais contra outros grupos insurxentes, provocaron máis de 25.000 mortos, segundo datos de Human Rights Watch e a CFR Nigeria Security Tracker([4]). Considérase que desde 2009, a confrontación de BH coas autoridades nixerianas provocaron aproximadamente 13.000 mortes, unhas 10.000 delas só durante 2014([5]).

O misterio en torno a BH acrecéntase incluso no relativo ao seu verdadeiro liderado. Diversas informacións cuestionan a capacidade de control por parte do seu fundador Yusuf, á vista da cada vez maior presenza nas mensaxes do grupo por parte do seu autoproclamado e aparentemente actual líder, Abubakar Shekau, quen encabezou unha facción disidente a partir de 2002 xunto con outro líder, Aminu Tashen-Illimi. Así e todo, as contradicións sobre o liderado do BH intensifícase ante as reiteradas e ata agora escasamente infundadas proclamacións por parte do goberno nixeriano de ter abatido a Shekau.

Outros líderes de BH desde a súa fundación son Muhammad Lawan e Mamman Nur, pero se cre que ambos os dous están distanciados ou formaron faccións disidentes. Outras informacións, probablemente provistas dunha maior intencionalidade política, aparentemente aseguran que BH formouse a través dunha alianza entre Yusuf e Ali Modu Sheriff, un político e empresario de Maiduguri. O propio Sheriff ten negado estas informacións, acusando incluso ao Partido Democrático do Pobo (PDP, actualmente gobernante en Nixeria) de ter “procreado” a BH([6]).

Neste contexto, a estrutura de dirección do grupo integrista está conformada por un núcleo centralizado pero visiblemente ramificado en torno a un Comando Xefe (amir-ul-aam) que toma as decisións a través dun Consello Consultivo (Shura), conformado por Comandantes (kwamandoji)([7]). Estímase que o grupo integrista controla unha porción territorial de aproximadamente 20.000 km2 ao nordeste de Nixeria, unha extensión territorial comparable co tamaño de Gales ou do estado estadounidense de Maryland([8]).

c) Os riscos dunha implosión rexional

A perspectiva dunha radicalización da violencia de BH cobra forza no actual contexto da campaña electoral presidencial, onde o presidente Jonathan (PDP)  busca a súa reelección ante o seu rival electoral, o xeneral Muhammadu Buhari, candidato da plataforma opositora All Progressives Congress (APC). De afiliación relixiosa musulmá sunnita, Buhari é un xeneral retirado do Estado Maior que estivo no poder entre 1983 e 1985, tras ser deposto por un golpe militar.

Nese sentido, a bipolaridade electoral e política entre Jonathan e Buhari ilustra o contexto electoral mais competitivo e tenso en Nixeria desde o retorno á democracia en 1999, podendo espallar aínda mais a violencia sectaria e relixiosa do BH. Segundo diversas fontes, no que vai de 2015, a agrupación integrista ten provocado máis de 5.000 mortos en diversos atentados no nordeste do país, acentuando a súa penetración en países veciños como Camerún, Chad e Níxer.

A expansión da violencia do BH pode fortalecer as opcións electorais de “castigo” e “man dura” defendidas por Buhari e o APC, toda vez a incapacidade do Estado nixeriano para conter a violencia persuadiu ao presidente Jonathan a pedir asistencia militar a Francia, a través do Batallón de Resposta Rápida na rexión de África Occidental([9]). Con todo, a violencia nixeriana ameaza con provocar unha crise humanitaria a nivel rexional, tendo en conta que o conflito co BH provocou máis de millón e medio de refuxiados e desprazados, principalmente a países veciños. As perspectivas económicas son igualmente complexas, á vista da caída dos prezos petroleiros.

En caso de fortalecer o seu control político e paramilitar, o BH certificaría non só os riscos de implosión política e territorial do Estado nixeriano, con serias repercusións a nivel rexional (Níxer, Chad, Camerún), senón tamén a incapacidade estatal para solucionar unha serie de problemas estruturais con fortes pegadas sociais. Estas problemáticas son escasamente abordadas nun contexto electoral onde o combate ao BH semella centrar a atención prioritaria, fortalecida igualmente pola presión internacional, principalmente de EUA e Europa.

De configurarse como un actor paramilitar e “paraestatal”, o BH equivalería a reproducir no contexto do Sahel africano un exemplo similar ao ŷihādismo salafista do Estado Islámico entre Siria e Iraq, sen menoscabar a presenza doutros grupos islamitas, como Al Shabab no Corno de África, os grupos ŷihādistas en Malí, e outras redes, algunhas delas afiliadas a AQMI. Esta perspectiva fortalecería aínda mais o apoio e o peso político dos sectores militaristas que dentro e fóra de Nixeria apostan por  primar a solución armada como resposta á ameaza destes grupos integristas, potenciando aínda mais a espiral de violencia e de radicalización da que se nutre BH.

IGADI. 30 de xaneiro de 2015.

 


([1])  “Nigeria’s Boko Haram and Ansaru”, Council of Foreign Relations, 7 de outubro de 2014. Ver en: http://www.cfr.org/nigeria/boko-haram/p25739

([2]) O significado literal é “o camiño correcto prescrito” por Alá. A  Šaři’a reúne a serie de mandamentos de Deus tal e como están enunciados e prescritos no Corán e nas Tradicións, particularmente no relativo ao permitido, recomendado e prohibido no Islam no conxunto das actividades sociais e humanas, así como do dereito penal, civil e comercial elaboradas polas catro escolas xurídicas sunnitas (hanbalita, malequita, hanafita e chafita). Pola súa banda, a palabra salafismo provén do termo salaf que significa “predecesor” ou “ancestro” e fai referencia aos compañeiros do Profeta Mahoma e as súas tres primeiras xeracións. O salafismo foi cobrando corpo teórico a través de pensadores islámicos como Ibn Hanbal (s. XIX) e principalmente Ibh Taymiyya (s. XIV) pero non foi ata a aparición do wahabbismo na península arábiga a finais do s. XVIII, cando experimentou un corpo doutrinal mais elaborado. Propugnando como fe o “retorno aos principios piadosos predecesores”, o salafismo serviu de doutrina política e relixiosa para condenar e afastar do Islam calquera influencia exterior, principalmente do racionalismo e laicismo occidental, así como das crenzas do Islam “popular” (como o sufismo), que “corromperan” a súa pretendida pureza relixiosa. Dentro do seu rigorismo relixioso, as ideas do exipcio Sayyid Qotb permitiron imprimirlle ao salafismo un carácter político mais integrista e ŷihādista, sen menoscabar a xustificación da loita armada e do terrorismo como móbiles de actuación política. Neste sentido, o ŷihādismo salafista atopou certo eco en diversos grupos radicais dentro do mundo árabe, así como nalgúns movementos dos mujahiddín que loitaron en Afganistán na década de 1980, particularmente os que posteriormente conformaron o réxime Talibán e a rede Al Qaeda, recibindo apoio financeiro e loxístico por parte de Arabia Saudita e Paquistán, aliados entón de EUA contra os soviéticos en Afganistán. Posteriormente, estes grupos expandiron a súa loita en diversos contextos xeopolíticos a través dunha heteroxénea rede de militantes e combatentes, dende Asia Central ata África. Para maior información, consultar o artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto, “Occidente, ŷihād e islamofobia”, IGADI, 15 de xaneiro de 2015. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/occidente-yihad-e-islamofobia.

([3]) “Nigeria’s Boko Haram and Ansaru”, op.cit.

([4]) Ibid.

([5]) “Boko Haram desborda fronteras”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 922, 19 de xaneiro de 2015, páxina 6.

([6]) Consultar tamén “Curbing Violence in Nigeria (II) The Boko Haram Insurgency”, International Crisis Group, Africa Report Nº 216, 3 de abril de 2014, pp. 9-10. Ver en: http://www.crisisgroup.org/~/media/Files/africa/west-africa/nigeria/216-curbing-violence-in-nigeria-ii-the-boko-haram-insurgency.pdf.

([7]) “Ibid, pp. 13-19.

([8]) “Nigeria’s Dangerous 2015 Elections: Limiting the Violence”, International Crisis Group, Africa Report Nº 220, 21 de novembro de 2014, p. 13. Consultar igualmente “Nigeria’s Boko Haram and Ansaru”, op.cit.

([9]) “Boko Haram desborda fronteras”, op.cit

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o pdf do IgadiPaper nº149271.08 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais