IgadiPaper nº152

Distribuir

Distribuir contido

ISRAEL Tralas eleccións parlamentarias

a) Introdución
IgadiPaper nº152 - ISRAEL Tralas eleccións parlamentariasA reelección de Benjamín Netanyahu (61 anos) como primeiro ministro por terceiro mandato consecutivo nas eleccións parlamentarias celebradas o 17 de marzo, sinala diversos síntomas derivados dos dilemas que Israel encara dentro dos novos equilibrios e factores de poder que se erixen no sistema internacional, así como no volátil contexto rexional de Oriente Próximo.

Adoptando unha axenda electoral marcadamente dereitista (obsesión polo programa nuclear iraniano, rexeite do Estado palestino e do proceso de paz, seguidismo da “liña dura” do Partido Republicano estadounidense), a reelección de Netanyahu e do partido Likud (30 dos 120 escanos no Knesset ou Parlamento) determina a preponderancia dos sectores nacionalistas e dos “falcóns” presentes no establishment militar, de seguridade nacional e da política exterior israelí. Con todo, este proceso electoral evidenciou outras perspectivas que comezan a cobrar intensidade: a revitalización do voto centrista e o notable avance electoral dunha lista unitaria de partidos árabes e xudeus (14 escanos, terceira forza política parlamentaria), a ubicación no centro da atención pública de problemas que comezan a ser crónicos como as desigualdades socioeconómicas, a pobreza e a marxinación de diversos sectores da sociedade.

Se a obsesión pola seguridade nacional e as ameazas exteriores explicarían a recente reelección de Netanyahu, este novo contexto igualmente aboca a unha reflexión sobre os dilemas e as expectativas existentes dentro da sociedade israelí. Comezan a xurdir voces diverxentes co modelo económico e social, toda vez os novos equilibrios xeopolíticos exteriores abordan retos ineludibles, en particular á hora de verificar a posición de Israel ante o paulatino declive do seu tradicional aliado estadounidense; dos cambios de prioridades xeopolíticas por parte de Washington (Asia-Pacífico) e a  degradación de atención estratéxica en Oriente Próximo; da necesidade de abrir novas alianzas (Arabia Saudita, Catar, eventual Estado curdo independente, Exipto post-Mubarak), entre outros, aspectos que implican unha alteración dos equilibrios estratéxicos nos que Israel basea a súa estabilidade.

b) Netanyahu e a “inseguridade” israelí

A pesar de que Netanyahu adoptou a última hora unha axenda profundamente dereitista centrada na seguridade nacional e as “ameazas exteriores” (Irán, Estado Islámico, Estado palestino), os resultados dos comicios parlamentarios celebrados o 17 de marzo en Israel revelan dous síntomas persistentes na sociedade israelí: o primeiro é unha marcada atomización política, que dificulta a preservación de consensos; e o segundo é a preponderancia da inseguridade israelí sobre o seu futuro, tendo en conta os cambios que experimenta Oriente Próximo e o concerto internacional.

Unha ollada preliminar do próximo Knesset (Parlamento) da conta desta sensación de atomización e inseguridade. Un total de dez formacións políticas terán representación nos 120 escanos parlamentarios, cunha maioría para o gobernante Likud (30 escanos) seguidos dunha formación centrista (Unión Sionista, 24 escanos) e o sorprendente ascendo dunha lista unitaria de partidos e movementos árabes e xudeus (Lista Conxunta, 14 escanos). Completan o panorama parlamentario partidos centristas e de esquerdas (Yesh Atid, Kulanu, Meretz) con outros marcadamente relixiosos, do nacionalismo sionista e da extrema dereita anti-árabe (Habayit Hayehudi, Shas, Xudaísmo Unificado da Torá e Yisrael Beiteinu), que transmiten a sensación dunha polarización latente que dificulta a conformación de consensos políticos.

Independentemente dos pactos políticos que adiante Netanyahu para garantir unha maioría parlamentaria, estimada en 61 escanos, o mapa político postelectoral evidencia as liñas divisorias da política e da sociedade israelí. No transfondo poden intuírse determinadas variables orientadas a salientar un aspecto claramente obsesivo, en particular a inseguridade israelí sobre a viabilidade e lexitimidade dun Estado visiblemente contrariado polo seu fracaso diplomático para lograr a lexitimidade e a paz global coa maioría dos seus veciños árabes (a excepción de Exipto e Xordania) e que observa importantes retos derivados dos cambios de equilibrios no sistema rexional e internacional.

A paradoxal inseguridade israelí veuse confirmada nun contexto electoral fraguado polo “golpe de temón” de Netanyahu de centrar case totalmente a atención no tema da seguridade nacional, en particular no programa nuclear iraniano, coa obvia intención de remexer temores intrínsecos existentes na sociedade israelí, así como de preservar o establishment dos “falcóns” militares.

Neste sentido, Netanyahu e a “liña dura” do establishment israelí precisaban dun “toque de atención” no mesmo centro de poder do seu tradicional aliado, EUA. Aceptando un convite realizado por membros do Partido Republicano, o pasado 3 de marzo, Netanyahu realizou un inédito discurso ante o Congreso estadounidense sen autorización previa da Casa Branca, desairando así ao presidente Barack Obama. Alí, o recen reelixido primeiro ministro israelí instou a un Congreso con maioría republicana a dirixir a súa atención á “ameaza nuclear iraniana” e o seu presunto perigo para a integridade estatal israelí([1]).

Resulta evidente que o inédito discurso de Netanyahu revelou intereses de carácter preelectoral enfocados en Israel e EUA, e estratéxicos dentro do contexto internacional. A escasos días das parlamentarias israelís, Netanyahu fortaleceu un discurso nacionalista e dereitista ao mesmo tempo que instaba a un apoio directo do Partido Republicano que, a longo prazo, implicaría unha concreción de intereses entre Tel Aviv e Washington en caso de eventual vitoria republicana nas presidencias estadounidenses previstas para novembro de 2016.

En chave global, Netanyahu lanzaba unha mensaxe clara á comunidade internacional sobre os retos que supón un Irán con capacidade nuclear. O próximo 24 de marzo finalizan as negociacións en Xenebra (Suíza) entre Teherán o G5+1 (EUA, Gran Bretaña, Francia, Rusia, China mais Alemaña), cuns leves avances que intensifican as expectativas aperturistas esgrimidas desde finais de 2012 por Obama de abrir canles de negociación e de distensión con Teherán, eventualmente propiciando unha reapertura de relacións diplomáticas.

c) Buscando novos equilibrios
Esta eventual ecuación aperturista de Obama cara Irán desarticula o entramado de intereses estratéxicos perpetuados por Tel Aviv, e polarizados polos recentes cambios xeopolíticos en Oriente Próximo. O inesperado avance e eventual consolidación do Estado Islámico (Daesh) entre Siria e Iraq, así como a súa expresión exterior a través de atentados “yihadistas” (como os realizados recentemente en Francia, Dinamarca, Canadá, Australia e Tunisia, neste último caso un día despois das eleccións israelís) daría conta da necesidade de Washington de contar co apoio iraniano para combater a ameaza do Daesh.

Esta eventual pero non menos volátil entente entre Washington e Teherán, así como as visibles friccións e distanciamento evidenciados entre Obama e Netanyahu, aviva aínda mais os dilemas e inseguridades de Tel Aviv. Neste sentido, os recentes acontecementos e declaracións apuntan a direccións contrarias aos intereses estratéxicos israelís. A comezos de marzo, o director de Intelixencia Nacional estadounidense, James Clapper, presentou no Senado un informe no que instaba a Washington a sacar a Irán e ao movemento islamita libanés Hizbulá da listaxe de organizacións terroristas elaboradas polo Departamento de Estado([2]).

Paralelamente, aprécianse avances exteriores no recoñecemento internacional de Palestina. En decembro pasado, Suecia converteuse no primeiro país en recoñecer oficialmente o “Estado de Palestina”, todo isto a pesar da falta de recoñecemento oficial por parte da ONU, aínda que máis de 160 países membro si recoñecen ao Estado palestino. En decembro pasado, a Comisión Europea anunciou a anulación da categoría de terrorista para o movemento islamita palestino Hamás, mentres a Corte Penal Internacional decidiu incluír a Palestina como Estado membro a partir de abril de 2015.

Ante estes pasos históricos de recoñecemento internacional para Palestina, Netanyahu decidiu radicalizar a súa posición, adoptando unha política cada vez máis radical e extremista. En decembro pasado, e na conxuntura do anuncio do adianto electoral para marzo de 2015, Netanyahu declarou publicamente a Lei Básica do Estado de Israel, defendendo a súa condición de “Estado Nacional xudeu”, fortalecendo así unha política sumamente excluinte cara as demais comunidades étnicas e relixiosas. Esta polémica Lei Básica do Estado de Israel suporía, igualmente, unha prolongación da política establecida en 2010 polo ex primeiro ministro Ehud Olmert de consolidar as “fronteiras históricas” de Israel.

Paralelamente, o contexto de “domesticación” e represión política existente no actual período de post-Primavera árabe, verificados co golpe militar en Exipto (xullo de 2013) e a súa consolidación a través da elección presidencial (maio de 2014) do xeneral golpista Fatah al Sissi([3]), abre novas perspectivas para Netanyahu e os “falcóns” israelís. Neste sentido, para Tel Aviv, a alteración da ecuación estratéxica rexional a través da política aperturista de Obama cara un Irán cada vez más consolidado como potencia rexional con capacidade nuclear, determina a necesidade de atopar novos e inesperados socios, reconfigurando así o mapa xeopolítico en Oriente Próximo.

A actual guerra contra o Daesh e o eventual entendemento entre Washington e Teherán pode igualmente traer efectos colaterais para a xeopolítica rexional, con particular incidencia na reconfiguración de intereses e de alianzas para Tel Aviv. A eventual e non menos controvertida posibilidade de conformación dun Estado curdo independente no Curdistán iraquí([4]), suporía para Israel a constatación dun eventual aliado rexional, tendo en conta a proliferación de acordos e recoñecementos oficiais establecidos por Israel cara o Goberno Rexional do Curdistán (KRG), presidido por Masud Barzani na Rexión Autónoma Curda no norte de Iraq, e que cobraron aínda maior intensidade de recoñecemento oficial coa ofensiva da Daesh en Siria e Iraq([5]).

Paralelamente, o golpe militar exipcio e a caída da Irmandade Musulmá supuxo unha concreción de intereses que eventualmente achegarían posicións de recoñecemento para Israel e Arabia Saudita, dous países que igualmente observan a Irán como unha ameaza aos seus intereses. Neste sentido, Tel Aviv e Riad farían causa común nas súas contrariedades e distanciamentos coa política aperturista de Obama cara Teherán.

Noutra orde de ideas, a eventual propagación do yihadismo salafista da Daesh cara a contorna periférica israelí (Xordania, Siria, Líbano) así como no Magreb (Tunisia, Libia), implica unha concreción de intereses e de diversas manobras estratéxicas e xeopolíticas que achegarían a Israel con potencias árabes como Exipto (que recoñece ao Estado israelí desde 1979), Arabia Saudita, Catar e Emiratos Árabes Unidos (que oficialmente non recoñecen a Israel).

d) Neoliberalismo, pobreza e desigualdades

En decembro de 2013, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) publicou un alarmante informe([6]) no que advertía que un de cada cinco israelís, así como un de cada tres nenos israelís, viven en situación de pobreza. Neste informe, a OCDE calcula que a taxa de pobreza en Israel abarca un 21% da súa poboación, liderando nesta lista co respecto ás 34 nacións mais desenvolvidas. En 1995, a taxa de pobreza en Israel, segundo o informe da OCDE, calculábase en 13,8% da súa poboación.

O dato é sumamente significativo debido a que abarca un período político estelar para Netanyahu. O actual líder do Likud foi primeiro ministro durante o período 1996-1999, para posteriormente retornar ao poder en 2009 e ser sucesivamente reelixido en 2013 e agora en 2015. Por tanto, catro períodos de goberno, doce anos, non só fixeron de Netanyahu o primeiro ministro israelí con maior tempo no poder (incluso superando ao creador do Estado de Israel, David Ben Gurión), senón que perpetuou unha  abafante hexemonía política e electoral para o Likud([7])

Neste prolongado período de dúas décadas, a preponderancia da política económica claramente neoliberal de Netanyahu e do Likud alteraron significativamente os cimentos do Estado colectivista israelí creado a partir de 1948. Diversos medios e analistas israelís alertan sobre os efectos desta vaga neoliberal establecida durante os gobernos de Netanyahu e do Likud, rexistrados nos avances da pobreza, das desigualdades socioeconómicas e do encarecemento da vida (principalmente do prezo da vivenda), temas que igualmente tiveron un impacto notable durante a recente elección parlamentaria israelí, a pesar do triunfo da axenda obsesivamente “securitaria” de Netanyahu.

Desde 2013, diversos sectores sociais israelís, principalmente das clases medias, veñen protestando pola preeminencia destas políticas excesivamente liberais e de privatización, principalmente no sector inmobiliario, e que benefician a unha elite instalada no poder nas derradeiras décadas([8]). Neste sentido, os efectos da crise económica global afectan igualmente a unha economía como a israelí, fortemente diversificada con preponderancia do sector dos servizos e do turismo. En Israel vense advertindo dunha cada vez mais preocupante realidade socioeconómica, traducida na proliferación dunha especie de “Israel periférica”, afastada do desenvolvemento establecido en torno ao céntrico eixe Xerusalén, Tel Aviv e Haifa.

Esta realidade de aumento da pobreza e das desigualdades en Israel igualmente afecta á presión demográfica, particularmente no caso da situación da poboación palestina en Xerusalén Leste e Cisxordania. Neste sentido, aumentan as demandas para a proliferación dos asentamentos de colonos israelís, condicionados pola escaseza de vivendas, activando unha forte presión política cara os sectores mais dereitistas afectos ao Likud e outras formacións mais extremistas, como o partido Yisrael Beiteinu do polémico ex ministro de Exteriores Avigdor Lieberman, no cometido de expropiar vivendas e terreos aos palestinos([9]).

En perspectiva, os comicios parlamentarios 2015 confirman a proliferación dun contexto político e social fortemente atomizado, diagnose que acrecenta diversos  dilemas intrínsecos existentes na sociedade israelí. Esta perspectiva vese igualmente determinada polos cambios no contexto rexional e internacional, cunhas variables que alteran os intereses estratéxicos israelís, e que probablemente persuadiron ao electorado a apostar momentaneamente pola axenda “securitaria” de Netanyahu. 

IGADI. 19 de marzo de 2015


([1]) Con todo,  uns 50 deputados do Partido Demócrata, incluíndo algúns de orixe xudeu, boicotearon o seu discurso.

([2]) “U.S Omits Iran and Hizbullah from Terror Threat List”, Newsweek, 16 de marzo de 2015. Ver en: http://www.newsweek.com/iran-and-hezbollah-omitted-us-terror-threat-list-amid-nuclear-talks-314073. Con todo, o distanciamento entre Washington e Tel Aviv non implica directamente unha redución da asistencia militar estadounidense a Israel. En xullo de 2014, a Comisión de Asignacións do Senado estadounidense aprobou a lei de gastos militares para o exercicio fiscal 2015. No mesmo, Washington proverá a Israel de US$ 621,6 millóns para a defensa antimísiles, así como uns US$ 350 millóns para o sistema de defensa “Cúpula de Ferro” e US$ 260 millóns para o sistema defensivo “Tirafunda de David” e o interceptor de mísiles Arrow-3. A preservación da seguridade de Israel segue a ser un obxectivo estratéxico prioritario para Washington, un aspecto particularmente visible dentro da política de distensión cara un Irán con capacidade nuclear e do combate da coalición internacional (con apoio de Teherán) ante a ameaza do Daesh e do terrorismo yihadista.

([3]) Tanto como a elección presidencial do xeneral al Sissi debe mencionarse a sepultación case definitiva da Primavera exipcia coa exoneración do ex presidente Hosni Mubarak (novembro de 2014) dos crimes e da represión e violacións de dereitos humanos durante os sucesos da praza Tahrir (febreiro de 2011), que levaron á caída do seu réxime e a posterior transición coa vitoria presidencial da Irmandade Musulmá, posteriormente ilegalizada polo golpe militar de al Sissi. Neste sentido, o golpe exipcio supón un beneficio estratéxico para Israel e EUA, así como para Arabia Saudita, contrariada pola eventual popularidade dun islamismo político forte en Exipto, aliado con actores emerxentes como Turquía.

([4]) Posibilidade que cobra notable incidencia trala vitoria militar das milicias curdas contra o Daesh no norte de Siria, establecidas pola recuperación do control da estratéxica localidade de Kobâne en xaneiro pasado. Con todo, a eventualidade dun Estado curdo independente en pleno corazón de Oriente Próximo implica fortes controversias para países con comunidades curdas (Turquía, Irán, Siria), así como para os intereses estratéxicos estadounidenses, a pesar dos acordos enerxéticos coas autoridades do Goberno Rexional do Curdistán (KRG) na rexión autónoma curda ao norte de Iraq. Noutro contexto, Israel semella estar aproveitando a guerra en Siria para adiantar a proxección de iniciativas enerxéticas, establecidas nos últimos anos entre o Curdistán iraquí, Siria e o Mediterráneo Sur. En febreiro pasado, Tel Aviv concedeu unha licitación á empresa Afek Oil, controlada pola estadounidense Genie Energy, para a exploración de pozos petroleiros nos Altos do Golán, na fronteira con Siria e que Damasco reclama a súa soberanía desde a guerra de 1967.

([5]) En xuño de 2014, e no marco da ofensiva do Daesh cara Iraq e as súas posibilidades de expandirse cara Xordania e o Líbano a través de células yihadistas, o propio Netanyahu chegou a declarar oficialmente que “xa era hora de ver un Curdistán independente en Oriente Próximo”. Ver. “Netanyahu: I support Kurdish Independence”, The Jerusalem Post, http://www.jpost.com/Middle-East/Netanyahu-I-support-Kurdish-independence-360958

([6]) OECD: Israel Economic Surveys 2013. Dispoñible en versión resumida en: http://www.oecd-ilibrary.org/economics/oecd-economic-surveys...

([7]) Tralo goberno laborista de Ehud Barak (1999-2001), o Likud volveu ao poder en 2001, entón co posteriormente falecido Ariel Sharon. En 2006, unha escisión do Likud, o partido Kadima, gañou as eleccións parlamentarias con Ehud Olmert como primeiro ministro. En 2009, Netanyahu devolveu a hexemonía política e electoral ao Likud. Compre destacar neste período a perda de votos e apoios políticos dunha esquerda israelí atomizada entre os laboristas e diversos partidos e movementos centristas, parcialmente superados neste elección 2015 co ascenso da Unión Sionista do laborista Isaac Herzog, e na que igualmente está incluída Tzipi Livni, ex ministra de Exteriores (2006-2009) e ex candidata do Kadima.

([8]) Compre considerar que, particularmente desde 2013, vense revitalizando a recreación dunha icona do Estado sionista israelí como son os kibbutz, en particular o seu factor comunitario e colectivista. As políticas neoliberais e de privatización impulsadas por Netanyahu a partir do seu primeiro goberno en 1996 desarticularon diversos kibbutz existentes en Israel. Non obstante, a crise da vivenda e a necesidade de reconstruír lazos sociais establecidos con anterioridade, aparentemente propiciaron este revival do kibbutz, principalmente entre as poboacións mozas de clases medias. Estímase que na actualidade funcionan en Israel aproximadamente 250 kibbutz, que albergan a mais de 100.000 persoas. Para maior información, consultar: http://www.kibbutz.org.il/eng/

([9]) O aumento dos asentamentos de colonos xudeus en Xerusalén Leste e Cisxordania é un aspecto que igualmente polariza o contexto político israelí. Se ben desde o retorno ao poder de Netanyahu en 2009 reduciuse levemente esta proporción, aspecto que verificou un distanciamento político e electoral entre os colonos e o Likud, a súa revitalización política a través de partidos nacionalistas de extrema dereita como Yisrael Beiteinu confirma a preponderancia do factor relixioso de carácter mesiánico dentro da política israelí. O perfil sociopolítico da maioría dos colonos xudeus (pouco mais de medio millón de persoas) corresponde principalmente a cidadáns de forte e rigorosa adscrición relixiosa hebrea, sumamente crítico coa condición laica e sionista do Estado de Israel, e convencido das rememoracións mesiánicas sobre o “Israel histórico”. A dereitización electoral de Netanyahu e a súa proposta da Lei Básica do Estado de Israel moi probablemente vai politicamente dirixida a gañarse o apoio destes sectores, degradando así o seu tradicional apoio cara incómodos socios parlamentarios como Yisrael Beiteinu e Shas. 

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o pdf do IgadiPaper 152º216.1 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais