IgadiPaper nº155 - Eleccións parlamentarias británicas. 7 de maio de 2015. Cara un sistema multipartidista en Gran Bretaña?

IgadiPaper nº155

Eleccións parlamentarias británicas. 7 de maio de 2015. Cara un sistema multipartidista en Gran Bretaña?

(07/2015)

Eleccións parlamentarias británicas. 7 de maio de 2015
Cara un sistema multipartidista en Gran Bretaña? 

a) Introdución
IgadiPaper nº155 - Eleccións parlamentarias británicas. 7 de maio de 2015. Cara un sistema multipartidista en Gran Bretaña?

Nun clima electoral fortemente disputado que anuncia imprevisibles escenarios postelectorais, os comicios parlamentarios a celebrarse no Reino Unido o próximo 7 de maio moi probablemente dirimirán un escenario político sumamente atomizado, tendo en conta a eventualidade de non alcanzarse unha maioría absoluta por parte dos principais contendentes, o primeiro ministro David Cameron (Partido Conservador), quen xógase a súa reelección; o laborista Ed Milliband; o liberal demócrata Neil Clegg; e o nacionalista Neil Farage, do Partido da Independencia do Reino Unido (UKIP).

Aínda que observado dende unha perspectiva colateral, esta polarización electoral vese fundamentada por aspectos sumamente controvertidos que intensifican certos dilemas dentro da sociedade británica, algúns deles incluso referidos á “identidade nacional”. Imponse aquí aspectos como a inmigración ilegal, a eficacia dos servizos públicos (en particular a sanidade pública), a pertenza británica á Unión Europea ou as demandas territoriais dentro do Reino Unido, en particular tralo referendo escocés (setembro de 2014). Non se debe esquecer que, se ben o tema europeo non constitúe un aspecto prioritario de cara a estes comicios, no transfondo está a promesa realizada en xaneiro pasado por Cameron de convocar en 2017 un referendo sobre a permanencia británica dentro da UE.

Neste contexto polarizado obsérvase o ascenso da UKIP como principal factor de ruptura do bipartidismo conservador torie e laborista. Con estimacións de voto en torno ao 12-15%, a UKIP eríxese como un eventual árbitro político á hora de conformar goberno. Adoptando un estilo populista moi centrado no nacionalismo, no euroescepticismo e nas políticas anti-inmigración, o partido de Farage vai gañando adeptos nas clases populares e proletarias descontentas co marcado elitismo do seu  establishment político.

Pese á persistencia das políticas de austeridade financeira de Cameron e os liberal demócratas, e se ben a economía británica ofrece síntomas de fortaleza con escaso desemprego (5,7%), o panorama político anuncia un momento de cambio motivado polo desgaste do establishment e o ascenso de formacións tradicionalmente minoritarias, con particular atención aos Verdes liderados por Natalie Bennet e as nacionalistas Nicola Sturgeon, do Partido Nacionalista Escocés (SNP), e Leanne Wood, do galés Plaid Cymru. A eventualidade de cohabitación con formacións minoritarias en ascenso polarizará un Parlamento claramente multipartidista, selando así o final do tradicional bipartidismo torie e laborista.

b) O populismo como estilo

Unha diagnose preliminar determinada polo debate electoral previo aos comicios parlamentarios do próximo 7 de maio da a entender un cambio de época política en Gran Bretaña, que visiblemente altere o tradicional sistema de bipartidismo confortable entre torie e laboristas. Se ben o ascenso do Partido Liberal Demócrata nos comicios de 2010 xa verificou esta primeira fenda no seo dun bipartidismo aparentemente inalterable, o contexto actual verase fortemente contestado pola proliferación de formacións minoritarias con notable capacidade de incidencia de cara aos pactos políticos postelectorais e na axenda gobernamental da próxima lexislatura 2015-2019.

Neste contexto imponse o progresivo ascenso electoral do nacionalista e populista UKIP, formación liderada por Neil Farage que, cun discurso fortemente  antiinmigración e antieuropeísta, fai causa común con formacións similares a nivel europeo como a Fronte Nacional francesa, o Amencer Dourado grego, o Jobbik húngaro e o Partido Nacionaldemócrata Alemá (NPD), todos eles con importantes ascensos electorais en recentes comicios a nivel nacional e europeo.

A preocupación do establishment político británico, así como por parte das institucións europeas, ante o eventual ascenso do UKIP de cara a estes comicios británicos, vese determinado polos seus recentes éxitos electorais, alcanzados dun xeito simultáneo: nas últimas eleccións parlamentarias europeas celebradas en maio de 2014, a UKIP alcanzou 24 deputados, superando ao resto dos partidos británicos. Ese mesmo día, a formación nacionalista alcanzou importantes avances nos comicios municipais ingleses, gañando 89 concelleiros.

Na actualidade, diversos deputados e candidatos conservadores vanse progresivamente enrolando no UKIP, toda vez a formación nacionalista está consolidando a súa popularidade e captación de votos dentro dos sectores proletarios, tradicionalmente votantes dos laboristas, pero que vense social e economicamente “ameazados” polo ascenso da inmigración ilegal e pola perspectiva de observar unha maior imposición das políticas da Unión Europea no contexto británico([1]).

Polo tanto, a actual campaña electoral británica ofrece un síntoma común moi visible tanto para o establishment como para as demais formacións minoritarias, e que ten que ver cun especie de pacto tácito orientado á contención do avance populista da UKIP e da súa eventual consolidación no panorama político e electoral. Neste sentido, algúns candidatos non desestiman a posibilidade de adoptar o seu mesmo estilo populista, tal e como se observou nos recentes actos electorais de Cameron e Milliband, de cara a ofrecer unha imaxe mais próxima aos sectores populares.  

Con todo, este estilo populista non implica, cando menos de cara aos próximos comicios, un aumento na preferencia do voto para Cameron ou Milliband, observados polo votante común como líderes sen carisma, distantes e pertencentes a unha elite politicamente enriquecida.

A polarización social vese igualmente determinada pola persistencia das políticas de austeridade financeira impulsadas por Cameron e o seu aliado gobernamental, o liberal demócrata Clegg, ambos profundamente impopulares principalmente polos recortes no sector público sanitario. Esta realidade condiciona seriamente as preferencias electorais tanto para tories como para os liberal demócratas, potenciando así as opcións laboristas e da UKIP.

c) Complexos pactos postelectorais

Así, o contexto establecido pola preferencia do voto asume unha atomizada correlación de forzas políticas que anuncian un futuro Parlamento marcadamente multipartidista. Globalmente, é perceptible unha paridade nas enquisas entre laboristas e tories, manexándose aleatoriamente con preferencias de voto entre o 32-34%. Como terceira forza aparecería a UKIP (11-15%), rexistrándose unha notable caída dos liberal demócratas (8-10%), castigados pola austeridade financeira de Cameron. Por detrás virían Os Verdes (5-6%) e o resto de formacións minoritarias.

Independentemente dos resultados do próximo 7 de maio, o próximo Parlamento británico será, con case total probabilidade, o politicamente mais atomizado da súa historia contemporánea, un contexto que inflúe directamente no cálculo de alianzas políticas postelectorais que, paulatinamente, permitirían formar un goberno claramente de cohabitación, que moi seguramente afrontará fendas considerables a medio prazo.

Neste sentido, os cálculos políticos postelectorais abren o compás de alianzas inesperadas dentro do escenario político británico. Dependendo de cal sexa o partido con maior votación, o escenario mais probable é que laboristas ou tories pacten cos liberal demócratas para formar un novo goberno. Con todo, Milliband e Clegg imponse como os baluartes dunha especie de fronte anti-UKIP, convencidos da necesidade de frear o ascenso do populismo nacionalista. Pola contra, aínda que sen pronunciarse claramente ao respecto, Cameron evita radicalizar esta fronte anti-UKIP, sen desestimar a posibilidade de abrir conversacións cos nacionalistas británicos coa intención de formar goberno.

A perspectiva dunha eventual alianza entre Cameron e Farage gravitará fortemente na adopción de políticas mais restritivas cara a inmigración e, especialmente, pola presión dos nacionalistas para celebrar canto antes o referendo sobre a UE previsto para 2017. Este contexto exercerá unha tensión constante entre Londres e Bruxelas, así como simultaneamente podería servir de referencia política para outros movementos extremistas europeos en ascenso, con especial atención á Fronte Nacional francesa de cara aos comicios presidenciais previstos para 2017.

Pero a perspectiva postelectoral vese fundamentada pola eventualidade dun Parlamento fortemente atomizado, con preeminencia dos partidos de esquerda e progresistas (laboristas e Verdes) e dos nacionalistas escocés (SNP) e galés (Plaid Cymru), por riba dos tories, os liberal demócratas e a UKIP. Unha enquisa de mediados de abril publicada polo diario progresista The Guardian sinalou que os laboristas poderían alcanzar os 271 escanos por 55 do SNP, mentres os tories quedarían con 270 por 28 dos liberal demócratas e só catro escanos para o UKIP([2]).  

d) O reto territorial

Outro escenario importante de cara a estes comicios ten que ver co debate territorial, con especial proxección en Escocia. Tras perder o referendo soberanista de setembro de 2014, o gobernante Partido Nacionalista Escocés (SNP) avanzou fortemente no seu número de militantes e na preferencia do voto, desprazando radicalmente aos laboristas. De cara a estes comicios, diversas enquisas estiman que o SNP podería alcanzar 54 ou 55 dos 59 escanos en xogo en Escocia.

Para o SNP, os comicios británicos supoñen igualmente un reto político estratéxico, de cara a pulsar o clima político posterior á derrota no referendo soberanista, así como a posterior dimisión do seu principal líder Alex Salmond acaecida en novembro pasado. Liderados agora por Nicola Sturgeon, o nacionalismo escocés avanza con forza ante o descontento social polo incumprimento das promesas post-referendo realizadas por Cameron de outorgar maiores competencias a Escocia. As expectativas auguran unha contundente vitoria o próximo 7 de maio, dobrando incluso en votos aos deprimidos laboristas, e abrindo así as perspectivas dunha maior presión soberanista por parte de Edimburgo. Paralelamente, Gales tamén avanza nas súas demandas, que poden verse potenciadas dependendo do resultado da súa candidata Leanne Wood (Plaid Cymru).

Por outra banda, non se debe esquecer outro factor levemente en ascenso: o nacionalismo inglés, particularmente perceptible tralos comicios municipais de maio de 2014 e ante o  desafío suxerido polo referendo soberanista escocés. Un aspecto, o do nacionalismo inglés, onde a UKIP pode acadar importantes avances e ata representar un factor postelectoral significado.

Se os comicios de 2015 definen unha ruptura co tradicional bipartidismo británico, afrontando un inevitable sistema multipartidista a nivel parlamentario que polarizará o clima político, o debate sobre as competencias territoriais, o dereito á autodeterminación e os dilemas sobre a identidade británica abórdanse como igualmente relevantes á hora de prognosticar o futuro estatal de Gran Bretaña e das súas realidades nacionais internas, particularmente en Escocia, Gales e Irlanda do Norte.

IGADI. 23 de abril de 2015.


([1]) GOODWIN, Matthew, “Razones del auge del Partido de la Independencia del Reino Unido (UKIP)”, La Vanguardia Dossier, Nº 55, Abril-Xuño de 2015, p. 36.

([2]) “Tories still ahead of Labour in latest Guardian /ICM poll”, The Guardian, 20 de abril de 2015. Ver en: http://www.theguardian.com/politics/2015/apr/20/tories-still-ahead-labour-latest-guardian-icm-poll