IgadiPaper nº156 - Bandung 1955-2015. 60 anos redefinindo o mundo dende o Sur

IgadiPaper nº156

Bandung 1955-2015. 60 anos redefinindo o mundo dende o Sur

(08/2015)

Bandung 1955-2015
60 anos redefinindo o mundo dende o Sur

a) Introdución
IgadiPaper nº156 - Bandung 1955-2015. 60 anos redefinindo o mundo dende o Sur

Con motivo da 54ª sesión anual da Conferencia Consultiva Legal Asia-África (AALCO, polas súas siglas en inglés), que se celebra en Yakarta (Indonesia) entre o 22 e 24 de abril, un total de 109 países asiáticos e africanos definirán novas pautas de cooperación Sur-Sur, principalmente nos terreos económico e comercial, ao mesmo tempo que conmemoran o 60º aniversario da Conferencia de Bandung (Indonesia, 1955) que, amparada pola descolonización en Asia e África, propiciou a creación do Movemento dos Países Non Aliñados (MPNA) e dunha visión alternativa “terceiromundista” en plena confrontación bipolar entre EUA e a ex URSS.

Nesta oportunidade, os líderes asistentes asinarán un compromiso para potenciar unha Nova Asociación Estratéxica Asia-África (NAASP, polas súas siglas en inglés) que, establecida en 2005, complementa os parámetros da Cooperación Sur-Sur e da configuración dun sistema internacional non hexemónico, de carácter multipolar e multilateral, a través dos piares da “solidariedade política, a cooperación económica e o intercambio sociocultural”.

Neste sentido, o 60º aniversario da Conferencia de Bandung supón un momento clave para definir estas pautas de actuación, así como para actualizar a súa mensaxe emanada dos históricos principios que consolidaron a creación do MNA. Os actos de conmemoración do sexaxésimo aniversario desta conferencia se realizan simultaneamente en Yakarta e Bandung entre o 19 e 24 de abril, coa asistencia confirmada de representantes de 77 países e 34 xefes de Estado e de Goberno.

O momento enténdese igualmente estratéxico para impulsar diversos proxectos de integración e desenvolvemento, en particular das iniciativas chinesas da Ruta da Seda, da Conferencia sobre Interacción e Medidas de Construción da Confianza en Asia (CICA), do Banco Asiático de Investimentos e Infraestrutura (BAII), do Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e do Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), estes dous últimos establecidos no VI cumio dos BRICS celebrado a mediados de xullo de 2014 en Fortaleza (Brasil).

O cada vez maior peso xeopolítico de Asia e África como actores emerxentes ven determinado por unha notable interacción comercial e de investimentos, que en 2012 alcanzou os 270.000 millóns de dólares. Un total de 46 nacións asiáticas e 54 africanas son actualmente membros da ONU, constituíndo mais da metade do aforo do principal organismo internacional.

b) O mundo 2015 e os Principios de Bandung

Con motivo da súa asistencia á Conferencia Asia-África en Indonesia, o presidente chinés Xi Jinping instou a renovar o “espírito de Bandung” a través da actualización dos seus principios en torno á “solidariedade, amizade e cooperación”. En perspectiva, a conferencia da AALCO([1]), un organismo creado en 1956 por mor da Conferencia de Bandung que actualmente se celebra en Indonesia, imprime un maior cariz de cooperación económica que de discusión sobre asuntos políticos.

Nun mundo cada vez mais multipolar e multilateral, onde a Cooperación Sur-Sur actualmente establecida a través de diversos foros (BRICS, IBSA, Organización de Cooperación de Xangai, China-CELAC, ASEAN, etc.) permite artellar novos mecanismos de cooperación entre potencias emerxentes, a renovación do “espírito de Bandung” defendida no cumio da AALCO traza as liñas de configuración dun novo sistema internacional non hexemónico.

Dende a perspectiva histórica, a Conferencia de Bandung (1955), que creou o Movemento dos Non Aliñados, permitiu sintetizar as demandas e as visións dos recen descolonizados países africanos e asiáticos, algúns deles hoxe claramente en ascenso (China, India, Sudáfrica, Indonesia). Nesa conferencia, un total de 29 países asiáticos e africanos trazaron unha serie de principios relativos á independencia, a paz, a prosperidade económica, a cooperación, a non intervención e agresión e o mantemento dos principios constitutivos da Organización das Nacións Unidas.

Estes principios foron definidos polos principais impulsores da Conferencia de Bandung: o presidente exipcio Gamal Abdel Nasser, o indio Jawaharlal Nehru e o indonesio Sukarno, como marcos de actuación para preservar a autonomía do novo movemento, afastado dos imperativos xeopolíticos e “neocoloniais” establecidos polas superpotencias estadounidense e soviética.

En resumo, estes puntos contemplan o respecto á Carta das Nacións Unidas (1945); á soberanía e integridade territorial; a igualdade racial e nacional; o principio da non interferencia nos asuntos internos e a abstención de exercer presión cara outros países; o rexeitamento das políticas de agresión, ameaza ou uso da forza en materia de  integridade territorial ou de independencia política de calquera país; a busca da conciliación internacional a través de mecanismos pacíficos; a cooperación recíproca; o respecto pola xustiza e obrigas internacionais e a defensa da diversidade cultural do MPNA.

Observando os cambios acaecidos no sistema internacional desde 1955, con especial énfase na caída do Muro de Berlín (1989), o final da “guerra fría” e a desaparición da URSS (1991), resulta pertinente reflexionar sobre a vixencia dos principios de Bandung dentro do sistema internacional actual.

Por citar un exemplo, a súa principal herdanza, o Movemento dos Países Non Aliñados (MPNA), segue a ser un organismo vixente e operativo, sobrevivindo á “posguerra fría” e constituíndose, trala ONU, como o organismo internacional con maior número de membros. Na actualidade, a MPNA integra 120 países membros de África, Asia, América, Europa, Oceanía e un territorio autónomo (Papúa Nova Guinea), con 16 países e organizacións observadoras, entre as que destacan a ONU, a Liga Árabe, a Organización para a Cooperación Islámica, a Unión Africana e o Consello Mundial para a Paz.

O ascenso de potencias emerxentes como China, India, Brasil, Sudáfrica, Turquía, Indonesia, México ou Irán, visualiza a creación de foros e novos marcos de actuación e de integración plenamente autóctonos e correspondentes coa visión da Cooperación Sur-Sur, afastándose dos imperativos hexemónicos herdados de confrontación bipolar e do mundo da “posguerra fría”, en particular dos seus derivados xeopolíticos (OTAN, a Alianza Atlántica) ou da hexemonía estadounidense.

Neste sentido, organismos como o BRICS manteñen un peso global incuestionable, ostentando ó redor do 25% do PIB mundial, o 43% da poboación total mundial, o 27% da superficie global, un 15% do comercio mundial, contribuíndo a máis do 50% do crecemento económico global, o 40% das reservas monetarias globais, o 45% da súa forza laboral e o 20% dos fluxos de investimento a nivel global([2]).

Outros foros como o IBSA (India, Brasil e Sudáfrica), os cumios América do Sur-África (ASA) e a concreción de marcos de cooperación entre África e América Latina (Brasil na África lusófona, Venezuela, Cuba), o foro China-CELAC, a Conferencia América do Sur-Países Árabes (ASPA), mecanismos de integración rexional consolidados ou en fase de constitución como a Unión Africana, a Conferencia de Xangai, a CELAC e UNASUR, a CICA e a Casa Común Asiática, así como proxectos como a Ruta da Seda entre Europa e Asia e ferramentas económicas e financeiras como o Banco Asiático de Investimentos e Infraestrutura (BAII), o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), entre outros, son realidades que están cobrando forma na pretensión por reconstituír un sistema internacional non hexemónico e en constante mutación.

c) Un novo mundo emerxente

A atención mundial prestada á Conferencia da AALCO en Indonesia no marco do 60º aniversario da Conferencia de Bandung evidencia a preponderancia crecente dos asuntos relativos á Cooperación Sur-Sur e, principalmente, das iniciativas e alternativas establecidas no mesmo, en particular por parte asiática, ante o ascenso de potencias e economías emerxentes na rexión (China, India, Indonesia, Tailandia, Vietnam, Singapur, Filipinas, Malaisia) e do espertar dos mecanismos de integración e de inserción na area internacional por parte de África. 

Esta atención ven igualmente condicionada pola paulatina definición de novas pautas de poder xeopolítico para o século XXI. Resulta evidente a cada vez maior potenciación da área de Asia-Pacífico como motor do crecemento e desenvolvemento económico a nivel mundial. Neste sentido, as iniciativas propulsadas por China (CICA, BAII, Ruta da Seda), asociadas polo presidente Xi Jinping ao “soño de China” por constituír un novo sistema mundial, polarízanse ante iniciativas externas, como a impulsada polo presidente estadounidense Barack Obama a través da Iniciativa de Asociación Trans-Pacífico (TPP polas súas siglas en inglés), así como a súa explanación hemisférica occidental a través da Alianza do Pacífico (México, Perú, Colombia e Chile), da que Beijing tamén forma parte a través de acordos bilaterais.

Con todo o énfase posto na cooperación e no desenvolvemento económico, a cooperación Sur-Sur non desestima o inevitable efecto que provocan os conflitos xeopolíticos e estratéxicos (proliferación nuclear, conflitos étnicos e relixiosos, terrorismo global, etc.), das políticas orientadas a minguar as desigualdades socioeconómicas e a creación de mecanismos equitativos a nivel comercial (G-22 na OMC), o combate ás pandemias (especialmente no caso africano), políticas de inclusión para a inmigración ilegal (África e Europa) e a construción e expresión dunha visión autóctona e alternativa que supere a preponderancia eurocéntrica e occidental no seu conxunto, e que pode igualmente observarse a través dos principios progresistas e “altermundialistas”, principalmente do Foro Social Mundial.

Neste cambio de mapa do poder mundial destaca a significación de China, en particular da eventual concreción dunha especie de “Consenso de Beijing” que lle permita inserirse como un actor estratéxico de cooperación económica en África e América Latina, ocupando espazos anteriormente determinados polos intereses e a preponderancia occidental.

A eventual e matizable bipolaridade entre Oriente (China) e Occidente (EUA) anuncia reequilibrios estratéxicos dentro do cambiante sistema internacional previsto para as próximas décadas. Nun mundo mais volátil e complexo que o da “guerra fría” e a descolonización, os países asiáticos e africanos tentan revitalizar os principios de Bandung, agora contextualizados dentro da visión de Cooperación Sur-Sur que demanda un trato xusto e equitativo así como a superación da visión pexorativa comunmente identificada co “Terceiro Mundo”([3]), e impulsada por determinados mass media globais.

IGADI. 23 de abril de 2015.

 


 

([2]) IGADI Annual Report 2014-2015; “Na Procura de Alternativas”, IGADI, Xaneiro de 2015, p. 10. Ver en: http://www.igadi.org/web/sites/all/arquivos/igadi_annual_report_20142015.pdf

([3]) Atribúese ao xeógrafo francés Alfred Sauvy (1952) a autoría do concepto de “Terceiro Mundo”, identificando no mesmo a aqueles países que non formaban parte dos bloques enfrontados durante a “guerra fría”, o bloque occidental e o socialista soviético. Dende entón, diversos medios, principalmente occidentais identificárono como sinónimo de “subdesenvolvemento”, “periferia” e “atraso”. A modo de reivindicación, os principios de Bandung e a esencia da cooperación Sur-Sur tentan reverter os efectos pexorativos atribuídos a este concepto. Dende a perspectiva analítica, a Comisión Económica para América Latina (CEPAL), a través dos traballos de Raúl Prebisch, Theotonio dos Santos e Celso Furtado, entre outros, elaborou a partir da década de 1960 unha escola interpretativa deste concepto a través da “teoría da dependencia”, complementada dentro da visión “centro-periferia” determinada pola teoría do “sistema-mundo” ou “economía-mundo” elaborada polos teóricos Immanuel Wallerstein, Samir Amin e André Gunder Frank, entre outros.