IgadiPaper nº158

Distribuir

Distribuir contido

México: eleccións lexislativas 2015

a) Introdución
IgadiPaper nº158 - México: eleccións lexislativas 2015

Os comicios lexislativos celebrados o pasado 7 de xuño en México, tamén  denominados comicios intermedios do mandato presidencial, definiron a elección da Cámara de Deputados, de nove gobernacións, dos poderes lexislativos en 17 estados e as maxistraturas en aproximadamente 1.000 concellos. Neste contexto presentáronse algunhas variables significativas que poden intuír un eventual cambio político a longo prazo que, sen alterar substancialmente o actual equilibrio político mexicano, amosan un panorama de complexidades, con particular incidencia para o gobernante Partido Revolucionario Institucional (PRI) e o presidente Enrique Peña Nieto, afectado pola súa caída de popularidade.

Estas variables vense particularmente enfocadas nas expectativas cidadás por propiciar un cambio de establishment político, tendo en conta os cada vez mais visibles síntomas de descontento dentro da sociedade mexicana, factores que poden incidir na definición de candidaturas alternativas de cara aos comicios presidenciais previstos para mediados de 2018. Paralelamente, o contexto pre e postelectoral presentou escenarios de violencia e de confrontación política, así como de violacións da lexislación electoral, en case a metade dos estados mexicanos.

O PRI, que afrontaba estes comicios en coalición co Partido Verde Ecoloxistas de México (PVEM) e Nova Alianza (NA), conservou a súa maioría parlamentaria, alcanzando o 29,1% dos votos e 203 deputados, pero reducindo en once escanos con respecto aos anteriores comicios (2011). A diminución dos apoios electorais do PRI vese igualmente reproducida nos outros principais partidos do establishment mexicano, en particular o Partido de Acción Nacional (PAN, 20,9% dos votos) e o Partido Revolucionario Democrático (PRD, 10,8%).

En consecuencia, no horizonte político asómanse o desafío de candidaturas independentes xurdidas da ruptura co establishment, como son os casos de Jaime Rodríguez Calderón, un ex priísta popularmente coñecido como “El Bronco”, quen converteuse no primeiro candidato independente en gañar unha gobernación (Nuevo León). O segundo caso foi a reaparición do ex candidato presidencial Andrés Manuel López Obrador, quen tras romper co PRD fundou o Movemento de Rexeneración Nacional (MORENA), capitalizando unha importante franxa do voto da esquerda (8,3%), principalmente no Distrito Federal, tradicional bastión electoral do PRD desde 1997. Outro actor significativo foi o ingreso parlamentario do Movemento Cidadá (MC), cun 5,9% da votación.

Cunha participación electoral (45%) considerada a máis elevada desde 1997 neste tipo de comicios, os resultados ilustran dúas lecturas básicas. A primeira, que se ben o status quo político segue visiblemente inalterable, é factible observar unha progresiva erosión dos apoios nos partidos do establishment mexicano (PRI, PAN, PRD), motorizados por un electorado desencantado pola persistencia das desigualdades socioeconómicas, a corrupción sistémica, a criminalidade (principalmente do narcotráfico) e a impunidade como móbiles de sustentación das relacións de poder dentro dos espazos públicos e institucionais. Con todo, este descontento vese progresivamente atomizado por un electorado politicamente imprevisible, escasamente definido sobre os seus liderados e movementos de representatividade política, así como das súas expectativas de alternativa electoral.

b) Eleccións 2015 (I): as crises da transición inacabada

O contexto postelectoral mexicano dirime as complexidades que debe afrontar, de cara á segunda metade do seu mandato, o goberno de Enrique Peña Nieto e o gobernante Partido Revolucionario Institucional (PRI). Neste sentido, a nova correlación de forzas no poder lexislativo complicará severamente os plans de reforma impulsados desde 2012 por un presidente actualmente nas súas cotas mais baixas de aceptación cidadá (menores do 20%) e un PRI sen maioría absoluta, dependente das súas alianzas parlamentarias, en especial do Partido Verde Ecoloxistas de México (PVEM) e a Nova Alianza (NA).

Estas reformas, contidas esencialmente no denominado Pacto por México que contou co apoio de todas as forzas parlamentarias, contén aspectos de carácter estrutural en sectores chave como o enerxético, a educación e as telecomunicacións. No apartado dos pactos políticos, o PRI deberá manexar con sutileza as acusacións esgrimidas desde diversos sectores cara o PVEM, en especial no relativo á súa presunta implicación en actividades ilegais e de delincuencia organizada, que estiveron a punto de propiciar a súa eventual expulsión do sistema político e electoral.

Con todo e se ben o PRI conserva a maioría parlamentaria co apoio da súa coalición co PVEM e NA, o cal eventualmente preservaría o avance das súas reformas, a lectura mais relevante das recentes eleccións lexislativas ten que ver coa presunción sobre a apertura dunha etapa política determinada polo descontento cidadá e o descrédito da denominada “partidocracia”, en particular pola corrupción do sistema político e da impunidade ante as constantes violacións da legalidade electoral. Non obstante, as manifestacións e consecuencias deste descontento son aínda confusas e difíciles de prognosticar e, cando menos a curto e medio prazo, non semellan identificar unha ruptura radical do sistema “partidocrático”.

Estes problemas vense confirmados ante as constantes denuncias sobre a violencia, ameazas, radicalización da confrontación política e actos de criminalidade organizada contra candidatos e cargos públicos en diversos estados mexicanos, sen esquecer a persistencia de conflitos abertos noutros estados (Oaxaca, Guerrero, Chiapas, Puebla) motivados pola presión de movementos antisistema. No marco destas eleccións, en case a metade dos 32 estados mexicanos rexistráronse casos de violencia e criminalidade, con ataques a sedes de partidos e centros electorais así como asasinatos e ameazas contra candidatos e cargos electorais.

A sensación de desgaste cidadá cara a súa oferta política propiciou a aparición de liderados independentes e alternativos pero politicamente impredicibles, como son os casos de Jaime Rodríguez Calderón, alias “El Bronco” no estado de Nuevo León, a reaparición de Andrés Manuel López Obrador a través do MORENA no Distrito Federal, e o ascenso de Movemento Cidadá (MC).

Beneficiadas pola Reforma Política (2012) que permitiu a súa inserción no sistema político mexicano, estas candidaturas independentes poden agora aproveitar o seu ascenso electoral para eventualmente perfilar as súas respectivas candidaturas presidenciais de 2018, amparándose na perspectiva de constituírse en “votos castigo” contra a “partidocracia” PRI-PAN-PRD(http://igadi.org/web/sites/all/modules/ckeditor/ckeditor/plu...);" title="">[1]). Estes casos evidencian os síntomas de progresiva erosión do establishment e do sistema de partidos consolidado trala transición post-PRI (2000), coa vitoria do ex presidente Vicente Fox (PAN), e que foi definindo un sistema bipartidista de alternancia no poder entre o PRI e o PAN, co PRD como oposición “domesticada”, salvo excepcións como a candidatura de López Obrador en 2006.

Baixo esta perspectiva, a transición mexicana iniciada en 2000 da visos de perpetuar un sistema “gatopardista” de cambios cosméticos orientados a manter o status quo, impedindo reformas estruturais do sistema e evitando así afectar os intereses históricos do establishment(http://igadi.org/web/sites/all/modules/ckeditor/ckeditor/plu...);" title="">[2]). Non obstante, o panorama 2015 ofrece outra diversidade de lecturas e perspectivas que, cando menos de forma aparente, tradúcense nos contrastes sobre un eventual cambio na cultura cívica e política mexicana.

c)  Eleccións 2015 (II): as complexidades do descontento cidadá

Con todo, e a pesar da paulatina erosión destes sistema “gatopardiano” así como das consecuentes mobilizacións cidadás e as súas expectativas de cambios, a complexidade deste proceso de “transición” non semella definir con exactitude a aparición de actores políticos alternativos, con capacidade para liderar o traspaso condicionado pola herdanza dun réxime presidencialista de partido hexemónico (PRI entre 1929 e 2000), da aparición dun sistema bipartidista de alternancia no poder escasamente elástico (gobernos do PAN e PRI desde 2000) cara unha democracia pluralista, aínda en construción e con expectativas incertas.

Así, os síntomas de descontento dan conta da aparición, nestes comicios lexislativos, dun votante atomizado e fragmentado, sumamente crítico contra o sistema político pero sen unha clara definición ideolóxica e política, así como aparentemente orfo dunha representatividade política que permita preventivamente considerar a posibilidade de cambios substanciais dentro da política mexicana.

Algúns destes síntomas de descontento cidadá xa foron identificados a comezos de 2012, previo ao retorno do PRI ao poder con Peña Nieto, a través da aparición do Movemento #YoSoy132. Este movemento é principalmente de carácter universitario, crítico e contestatario co establishment político e co sistema de partidos imperante, e promotor de mecanismos de transparencia electoral e de combate contra a impunidade existente(http://igadi.org/web/sites/all/modules/ckeditor/ckeditor/plu...);" title="">[3]).

Con todo, tras analizar os recentes comicios parlamentarios 2015, pode deducirse un proceso de dilución e incluso de fragmentación deste movemento cidadá, particularmente pola súa aparente incapacidade (cando menos ata o momento) para mobilizarse e paulatinamente articularse como unha alternativa política e electoral viable. Esta percepción confírmase ante o ascenso do voto nulo, principalmente entre as clases medias urbanas, toda vez a abstención electoral (que superou o 50%) potenciouse nos sectores rurais e de menores recursos.

Neste sentido, as alternativas independentes establecidas a través de novos liderados e movementos (Rodríguez Calderón, MORENA, MC) semellan apuntar mais ben cara procesos reaccionarios contra o establishment PRI-PAN-PRD motivados por aparentes diverxencias de carácter político ou personalista, sen definir con exactitude se as súas propostas permiten aglutinar as demandas e expectativas de cambio cifradas por un novo electorado, crítico, descontento pero igualmente confuso e desesperanzado. Estas variables acrecentan os dilemas relativos á credibilidade, lexitimidade e expectativas destas novas formas de representación política.

d) Eleccións 2015 (III): Os dilemas do PRI

De cara á segunda metade do seu mandato, determinado polos seus peores índices de popularidade, crece a percepción cidadá sobre a presunta incapacidade de Peña Nieto para retomar a iniciativa e reconducir a súa presidencia, particularmente por verse aparentemente atrapado nunha serie de relacións de poder presuntamente inalterables. Paralelamente, a persistencia de dificultades económicas (caída dos prezos do cru, decrecemento económico) advirten do espallamento de maiores conflitividades sociais.

Para o PRI, o novo contexto define un período de inevitable dependencia de alianzas parlamentarias e de agudos conflitos políticos e sociais, con particular epicentro na configuración dunha eventual nova oposición en ascenso a nivel estadal (Rodríguez Calderón en Nueva León) e parlamentario (MORENA). Igualmente, a imposibilidade constitucional de Peña Nieto para presentarse como candidato presidencial en 2018 deberá igualmente dirimir dentro do PRI un proceso de sucesión de liderado que, vistos os recentes resultados lexislativos, pode abrir unha etapa de fricción e loitas intestinas.

Este panorama define igualmente un tenso e conflitivo clima social, polarizado pola impunidade oficial (en particular ante a cruenta masacre de 43 estudantes na localidade de Ayotzinapa en 2014); da profusión de polémicas relacións de poder político e empresarial por parte do matrimonio presidencial; da corrupción e da ilegalidade imperante na institucionalidade pública; e das distorsións do mercado petroleiro, en particular ante a caída dos prezos do cru, que afecta enormemente as perspectivas de crecemento dunha economía vista polos mercados globais como un polo emerxente.

Neste sentido, a dependencia do mercado petroleiro complica as expectativas de crecemento da economía mexicana. A industria petroleira contribúe co 6% do PIB mexicano e co 12% das súas exportacións, pero a caída internacional dos prezos do cru, en torno aos US$ 40 o barril, determina os recortes no gasto público, valorados en US$ 8.400 millóns (un 3% do gasto previsto) así como a suspensión de proxectos estratéxicos de infraestrutura, como o tren de alta velocidade entre Cidade de México e Querétaro (US$ 3.700 millóns en investimentos), inicialmente adxudicado a unha empresa chinesa en novembro pasado, posteriormente cancelado(http://igadi.org/web/sites/all/modules/ckeditor/ckeditor/plu...);" title="">[4]).

IGADI. 19 de xuño de 2015.


([1]) VILLAMIL, Jenaro, “Encuestadoras, mercadólogos y televisoras, los derrotados”, La Jornada (México), 9 de xuño de 2015. Ver en: http://www.proceso.com.mx/?p=407106

([2]) DRESSER, Denise, “Crónica de una regresión anunciada”, La Vanguardia Dossier, Nº 44, xullo-setembro de 2012, p. 20.

([3]) ROVIRA SANCHO, Guiomar, “El #YoSoy132 mexicano: la aparición (inesperada) de una red activista”, Revista CIDOB d´Afers Internacionals, Nº 105, Barcelona, Nueva Época, abril de 2014, p. 62.

([4]) “La estrella de Peña Nieto se apaga”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 926, 16 de febreiro de 2015, páxina 7. 

 

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IGADIPaper nº158: "México: ele​ccións lexislativas 2015"152.77 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais