IgadiPaper nº159

Distribuir

Distribuir contido

Nova etapa entre EUA e Cuba

a) Introdución
IgadiPaper nº159 - Nova etapa entre EUA e Cuba

Formalizada a distensión diplomática a través da simultánea apertura de delegacións diplomáticas establecida o pasado 20 de xullo entre Washington e La Habana, finalizando así cunha ruptura de relacións ata agora vixente desde 1961, a concreción dunha nova etapa nas relacións entre EUA e Cuba suxire todo tipo de expectativas, principalmente referidas á apertura económica, o final do embargo estadounidense e a eventualidade de cambios políticos graduais en Cuba. Este contexto poderá influír nos comicios presidenciais estadounidenses previstos para finais de 2016.

A actualidade cubano-estadounidense sinala inevitablemente a configuración dunha nova realidade xeopolítica tanto a nivel hemisférico como global. Desde a alocución conxunta realizada polo presidente estadounidense Barack Obama e o seu homólogo cubano Raúl Castro o pasado 17 de decembro de 2014, anunciando o comezo dunha nova era nas relacións entre ambos países, os efectos directos e colaterais desta apertura diplomática comezaron a evidenciarse, principalmente no concerto hemisférico.

Neste sentido, Obama busca non só concretar unha estratexia aperturista xa establecida desde a súa chegada á presidencia (2009) senón principalmente recuperar a iniciativa e a credibilidade a nivel hemisférico, ao tempo que configura unha nova realidade xeopolítica a nivel rexional, onde Cuba gravitará como eixe estratéxico, particularmente de cara a unha diversidade de actores implicados no concerto cubano, con especial incidencia cara Venezuela, Brasil, China e Europa.

A falta de concretar aspectos prioritarios dentro deste novo momento das relacións entre ambos países (final do embargo estadounidense; apertura política e liberdades en Cuba; continuidade das reformas económicas; Guantánamo; indemnizacións, etc.), e cunha dinámica que permite intuír momentos de tensión, tanto Obama como Raúl Castro deberán medir con precisión o efecto desta apertura nos seus respectivos escenarios internos.

Estes efectos serán especialmente significativos no caso estadounidense, tendo en conta unha conxuntura complexa para Obama, cun Congreso e Senado dominado polo Partido Republicano e un contexto electoral presidencial 2016 practicamente en marcha, onde o tema cubano pode ter unha incidencia electoral chave, especialmente dentro do influente pero cada vez mais polarizado lobby cubano-estadounidense e o voto hispano en EUA. 

b) Os pasos cara a normalización

A histórica visita a Washington do ministro cubano de Exteriores, Bruno Rodríguez o pasado 20 de xullo, onde se reuniu co seu homólogo John Kerry para oficializar a apertura da delegación diplomática cubana na capital estadounidense, certifica o momento de distensión entre ambos países desde que en decembro pasado os presidentes Barack Obama e Raúl Castro anunciaran a vontade de restituír as relacións diplomáticas. Na rolda de prensa conxunta con Rodríguez na Casa Branca, Kerry anunciou a súa presenza na Habana o próximo 14 de agosto, cando se oficialice a apertura da embaixada estadounidense na capital cubana([1]).

Desde a histórica alocución conxunta entre Obama e Castro en decembro pasado, os pasos aperturistas van acelerándose de forma gradual, e non só estritamente limitados a EUA e Cuba. Desde xaneiro pasado, delegacións diplomáticas de ambos países veñen realizando periódicas reunións, ao tempo que Washington suaviza as medidas restritivas cara a illa caribeña, principalmente en materia de remesas da diáspora, turismo e investimentos.

O Cumio das Américas de abril pasado en Panamá foi o escenario chave para propiciar o primeiro encontro directo entre Obama e Castro. Un mes despois, Washington retirou a Cuba da súa polémica listaxe de países patrocinadores do terrorismo internacional, na que a illa caribeña está incluída desde 1982. A mediados de maio, o presidente francés François Hollande visitou Cuba, tamén unha misión británica de carácter comercial, e outra de alto nivel empresarial encabezada polo gobernador de Nova York, Andrew Cuomo.

Noutra perspectiva, diversos países comezan a outear a Zona Económica Especial (ZEE) do porto de Mariel, a 45 quilómetros da Habana e inaugurada en febreiro de 2014, como un baluarte comercial e empresarial de enorme importancia para o comercio entre Asia, Europa e o Caribe. Este proxecto cobra maior relevancia estratéxica ante as expectativas derivadas da ampliación da Canle de Panamá (2015) e a eventual construción da Canle de Nicaragua (2019). Moitas destas expectativas están presentes no proceso de normalización de relacións entre Washington e La Habana.

c) Washington e a xeopolítica do “desxeo”

Os factores xeopolíticos e diversos cambios que se observan no taboleiro hemisférico e global semellan ofrecer unha perspectiva de maior calado estratéxico detrás do actual contexto aperturista entre Washington e La Habana.

Para o presidente estadounidense resultaba imprescindible a recuperación da iniciativa política e da credibilidade do seu país a nivel hemisférico, tendo en conta a irritación continental causada pola presidencia de George W. Bush (2001-2009), do distanciamento de Washington de cara aos asuntos hemisféricos a favor doutras prioridades (guerra contra o terrorismo, Oriente Medio, Asia Central) e da viraxe política e electoral a favor de diversos partidos e movementos de esquerda en América Latina desde 1999. Este último aspecto permitiu unha maior presión hemisférica cara Washington á hora de finalizar o anacrónico embargo con Cuba así como a concreción de novos eixes de integración (ALBA, UNASUR, CELAC) que demandaban e propiciaban a reinserción hemisférica cubana, finalizando co illamento impulsado dende Washington.

Con todo, o actual proceso de normalización de relacións entre Washington e La Habana posúe outros resortes de maior calado enerxético e xeopolítico para Obama. Previo ao Cumio das Américas de Panamá, Obama impulsou dende Xamaica unha Iniciativa de Seguridade Enerxética do Caribe anteriormente trazada nun cumio rexional celebrado en xaneiro en Washington. Esta iniciativa prevé unha redución e degradación do peso estratéxico e a influencia política que na área caribeña ten Venezuela a través de PetroCaribe, iniciativa enerxética impulsada desde 2005 a través da ALBA. Do mesmo xeito, Washington busca concretar novas estratexias que permitan diminuír a presenza e cooperación de actores externos, principalmente China, dentro da área caribeña e particularmente en Cuba.

Outras variables xeopolíticas de carácter colateral deseñadas por Washington que gravitan sobre a apertura con Cuba están igualmente relacionadas coas expectativas de éxito nas negociacións nucleares con Irán, particularmente tralo pacto nuclear con Teherán acordado a mediados de xullo en Viena (Austria).

Coa perspectiva de iniciar progresivamente un marco de distensión con Teherán, Washington anunciou que a partir de xaneiro de 2016, realizará unha significativa diminución das sancións internacionais contra Teherán vixentes desde 2003. Isto permitirá a entrada de petróleo iraniano nun mercado internacional saturado e con prezos baixos, aspecto que propiciará a busca de mercados substitutivos, onde Cuba e a área caribeña poden xogar como pezas chaves na nova ecuación enerxética e estratéxica de Washington.

d) Os intereses de Cuba

No caso cubano, este contexto politicamente favorable á súa reinserción hemisférica desde 2000 determinou o fortalecemento de relacións políticas, enerxéticas e económicas estratéxicas a nivel rexional e internacional, principalmente cos países do eixe da ALBA (Venezuela, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, etc.) así como con Brasil, China, Rusia, Vietnam e Irán, entre outros, sen menoscabar a presenza doutros actores (Canadá, Unión Europea, Vaticano, etc.), con menor grao de influencia e intensidade.

Non obstante, e a diferenza da escasa capacidade de influencia europea e particularmente española no actual proceso aperturista cubano, a diplomacia vaticana xogou igualmente un papel preponderante na actual fase de normalización de relacións entre Washington e La Habana. Neste cometido, o Papa Francisco impulsou unha diplomacia a varias bandas, revitalizando o papel da Igrexa católica cubana como un actor chave ante calquera proceso aperturista dentro da illa caribeña.

Esta reinserción hemisférica cubana veuse visiblemente consolidada co importante papel que xoga o goberno de Raúl Castro no proceso de pacificación colombiano, cunhas negociacións que se levan a cabo na Habana desde mediados de 2012 entre o goberno de Juan Manuel Santos e as guerrillas das FARC e do ELN. Estas negociacións de paz en Colombia outorgan ao goberno cubano un elevado nivel de credibilidade tanto a nivel hemisférico como no proceso de normalización de relacións con Washington.

Con todo, outros aspectos de carácter colateral, en particular a caída dos prezos no mercado petroleiro desde 2012, que afectan ao subministro e a axuda financeira cara Cuba por parte de aliados estratéxicos como Venezuela, propiciaron un impulso mais decidido por parte do goberno de Raúl Castro para adiantar os mecanismos de negociación e eventual apertura diplomática con Washington.

Dende unha óptica xeopolítica, a crise venezolana pode explicar algúns dos condicionantes decisivos á hora de observar a actual apertura cubano-estadounidense. Desde 2000, Cuba e Venezuela manteñen un acordo integral de cooperación([2]) que estipula, entre varios aspectos, o envío diario a Cuba de 100.000 barrís de petróleo venezolano a prezos preferentes, a cambio da cooperación cubana en materia sanitaria, educativa, cultural e deportiva de cara aos sectores populares venezolanos. Este nivel de cooperación intensificouse coa creación da ALBA (2004), ampliando o radio de cooperación cara outros países como Bolivia, Nicaragua e Ecuador.

Non obstante, a caída dos prezos do mercado petroleiro mundial (menos de US$ 60), o pasamento de Chávez (marzo de 2013) e a crise socioeconómica e política que vive Venezuela baixo a presidencia do seu sucesor Nicolás Maduro, afectan considerablemente a diversos resortes destes acordos de cooperación con Cuba, especialmente en materia de asistencia financeira e enerxética.

A diferenza, a apertura con EUA podería propiciarlle a Cuba non só a consolidación do seu dereito histórico de recoñecemento da lexitimidade do seu proceso revolucionario (neste caso a través da distensión co seu maior inimigo, EUA), senón unha ampliación dos ingresos e investimentos estranxeiros en materia de comercio e turismo, calculados en US$ 1.000 millóns anuais, así como do nivel de remesas de cubanos residentes en EUA, calculados en aproximadamente US$ 2.000 millóns anuais([3]).

e) De cara ao futuro

Oficializada esta histórica apertura diplomática, os pasos a seguir anuncian un proceso de normalización lento pero progresivo, onde diversos temas bilaterais poden cobrar unha elevada intensidade, propiciando períodos de tensión e incluso de leve distanciamento.

Para o goberno de Raúl Castro resulta imprescindible a aceptación pública e o recoñecemento por parte de Washington do carácter socialista do proceso revolucionario cubano, así como a inviolabilidade da súa soberanía nacional e da consistencia do programa estrutural de reformas económicas e sociais impulsado desde 2008.

No marco das futuras negociacións diplomáticas estarán moi presentes temas polémicos historicamente reivindicados polo goberno cubano, en particular a finalización dun anacrónico embargo económico estadounidense aderezado cun cariz político ante a persistencia da Lei Helms-Burton (1996); a presenza da base militar estadounidense en Guantánamo; ou as indemnizacións polo apoio estadounidense á subversión contra a revolución cubana desde 1961.

Paralelamente, o goberno de Raúl Castro deberá ponderar en qué medida a apertura cara EUA exercerá unha influencia decisiva no seo da sociedade cubana a medio e longo prazo, en particular ante a eventual liberalización da súa economía e das expectativas sobre o acceso ás liberdades políticas e informativas, un aspecto fortemente demandado por Washington, e que con toda probabilidade exercerá unha presión constante dentro do proceso de normalización das relacións bilaterais.

Esta apertura e a nova relación que se abre a partir de agora entre ambos países igualmente incidirá dentro do exilio cubano, especialmente aquel radicado en EUA, polarizado en canto á apertura impulsada por Obama pero igualmente desexoso de aproveitar a conxuntura de investimentos que se abren no mercado cubano.

Este aspecto cobrará incidencia dentro do escenario político e electoral estadounidense, particularmente de cara aos comicios presidenciais previstos para novembro de 2016. Cun Congreso e un Senado en mans do Partido Republicano desde as eleccións do mid-term en novembro pasado, así como a presenza de dúas pre-candidaturas electorais nese partido provenientes de senadores de orixe cubana (Marco Rubio e Ted Cruz), Obama afronta en casa os retos políticos desta apertura que, moi probablemente, incidirán na pre-candidatura de Hillary Clinton no Partido Demócrata.

De aquí ao final do seu período presidencial (xaneiro de 2017), Obama deberá convencer á clase política e á sociedade estadounidense dos beneficios que lle reportará ao seu país non só a apertura con Cuba senón a eventualidade unha maior distensión cara Irán, cunha gravitación xeopolítica considerablemente mais elevada e arriscada para a seguridade nacional e a política exterior estadounidense. En termos de legado histórico, Obama e Raúl Castro xa deron o primeiro paso, evidenciado nunha paralela apertura diplomática que deberá consolidarse a través dunha ampla normalización de relacións.

IGADI. 23 de xullo de 2015.


([1]) A histórica visita de Kerry a La Habana prevista para o próximo 14 de agosto será a primeira dun secretario de Estado estadounidense á illa caribeña desde 1945. Pola súa banda, Obama ven reiteradamente anunciando o seu desexo de converterse, antes de finalizar o seu mandato presidencial en xaneiro de 2017, no primeiro presidente dese país en visitar Cuba desde a visita oficial de Calvin Coolidge en 1928. A partir de mediados de agosto, o encargado de negocios interno da ata agora Sección de Intereses de EUA en Cuba, Jeffrey De Laurentis, converterase no primeiro embaixador estadounidense en Cuba desde a ruptura de relacións en 1961.

([2]) Este acordo, subscrito en outubro de 2000 en Caracas entre os entón presidentes Fidel Castro e Hugo Chávez, foi prorrogado en 2010 por un período de dez anos, xa con Raúl Castro na presidencia cubana. Para Caracas, estímase en US$ 5.000 millóns anuais o custe de cooperación deste acordo a través do subministro petroleiro a prezos preferentes, un índice elevado tendo en conta os graves problemas financeiros e económicos do goberno de Maduro.

([3]) “Maduro pierde las riendas”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 919, 22 de decembro de 2014, páxina 7. 

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IGADIPaper nº159: "Nova etapa entre EUA e Cuba"152.11 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais