IgadiPaper nº162

Distribuir

Distribuir contido

Eleccións en Grecia: a reválida de Tsipras

a) Introdución
IgadiPaper nº162 - Eleccións en Grecia: a reválida de Tsipras

A pesar da histórica abstención (45,5%), a vitoria de Syriza (35,5% dos votos, 145 escanos) nos comicios parlamentarios gregos do pasado 20 de setembro, constitúe unha elocuente reválida política para o primeiro ministro Alexis Tsipras, tras tensos meses de negociacións dentro e fóra de Grecia, incluso condicionadas pola presión europea ante a posibilidade da saída grega do Euro.

Con tres vitorias electorais consecutivas desde xaneiro pasado, incluíndo dúas eleccións parlamentarias e un referendo, Tsipras e Syriza ven así lexitimada a súa viraxe política, especialmente no que atinxe á aceptación dos imperativos da “troika” en aras de garantir un terceiro rescate financeiro previsto para outubro próximo. Tsipras supera momentaneamente a crise política suscitada pola escisión de Syriza da nova forza Unidade Popular (UP), liderada por antigos aliados como os ex ministros Panayotis Lafazanis e Yanis Varoufakis, radicalmente opostos a aceptar as condicións da “troika”. Tralos resultados electorais, a UP queda agora fóra do Parlamento grego ao non superar o límite establecido do 3% da votación electoral necesarios para ingresar no lexislativo.

Tsipras e Syriza deberán gobernar en coalición os próximos catro anos, ao confirmarse a renovación da súa alianza parlamentaria coa dereita nacionalista Gregos Independentes (ANEL) de Panos Kamenos (3,7%, 10 escanos) Se ben para a “troika”, as preferencias electorais foron progresivamente decantándose a favor de Tsipras, en particular polo feito da súa viraxe política favorable aos seus intereses e pola evidente fortaleza electoral de Syriza, aspecto chave para manter un mínimo de lexitimidade gobernamental, o escenario político postelectoral en Grecia abre diversas incógnitas sobre a consistencia dun goberno de coalición establecido entre o principal partido de esquerdas e a dereita populista, así como pola fatiga dunha sociedade lastrada por anos de precariedade e austeridade económica.

Cunha axenda dominada pola economía, Tsipras deberá igualmente afrontar a súbita crise dos refuxiados sirios, que coloca a Grecia no epicentro da atención por ser a ruta estratéxica de paso destes refuxiados. Neste sentido, resulta preocupante o ascenso electoral da extrema dereita de Amencer Dourado (7,2%, 19 escanos), colocándose  como terceira forza parlamentaria o partido liderado por Nikolaos Michaloliakos. Precisamente, Amencer Dourado gañou por maioría absoluta nas illas de Lesbos e Kos, as que rexistran a maior cantidade de refuxiados.

b) O terceiro rescate como chave electoral

A mediados de agosto, o denominado Eurogrupo, que engloba aos ministros de Finanzas dos 19 países que forman parte da zona Euro, aprobou un terceiro rescate financeiro para Grecia, valorado en 86.000 millóns de euros, e que deberá poñerse en práctica a partir de outubro próximo. Nese contexto, a mediados do próximo mes, o Fondo Monetario Internacional (FMI) deberá igualmente concretar as bases da súa participación neste rescate.

Con esta válvula de presión, resultaba evidente que a “troika” ansiaba canto antes unha definición política e electoral en Grecia, razón pola que respiraron aliviados coa reelección de Tsipras e a supervivencia dunha Syriza que debeu acometer a súa peor crise política interna trala escisión da formación Unidade Popular (UP), considerada como a ala mais radical. A derrota electoral de UP supón, igualmente, un bálsamo político para Tsipras e outra razón de alivio para a “troika”.

Lexitimado tras esta reelección, Tsipras consolida a súa opción negociadora a través da renovación da coalición parlamentaria con ANEL. Para a “troika”, a coalición Syriza-ANEL constitúe o único aval político e a garantía mais visible de mantemento das draconianas políticas de austeridade establecidas neste novo rescate financeiro, especialmente en materia de pensións, de reformas da administración pública e de privatización da industria, entre outras.

Estas expectativas da “troika” evidéncianse ante a decisión de Tsipras de manter a Efklidis Tsakalotos como ministro de Economía e Finanzas, decisión aínda por confirmar. En xullo pasado, Tsakalotos foi o responsable de negociar coa “troika” as condicións deste terceiro rescate financeiro. Por tanto, Tsipras aposta pola continuidade do seu equipo ministerial para seguir mantendo as cotas de aceptación dunha “troika” claramente erixida como a entidade que tutela a política grega. Paralelamente, Tsipras mantén ao seu socio de goberno, o nacionalista Panos Kamenos, como ministro de Defensa.

Por tanto, poucos vaticinan en Grecia unha maior autonomía por parte de Tsipras e da súa coalición de goberno para aliviar os termos dun terceiro rescate que copa a absoluta atención do concerto político grego. Segundo unha enquisa do centro de estudos europeos Bridging Europe([1]), un 79% dos gregos non cre que o rescate mellorará as súas condicións socioeconómicas mentres un 57% consideran que o país non terá estabilidade política.

Así, durante a campaña electoral, Tsipras buscou constantemente convencer ao electorado de ter as chaves necesarias para aliviar as condicións dun rescate que mantén a Grecia política e economicamente hipotecada á “troika”. A histórica abstención electoral (45,5%) revela igualmente a marcada apatía dun electorado grego resignado a observar cómo a austeridade impulsada pola “troika” veu para quedarse.

c) Os refuxiados: unha crise inesperada

Se a economía domina a axenda grega, a súbita crise dos refuxiados presentada nos últimos meses en Europa supón un elemento mais de preocupación para Tsipras, dado que por Grecia transita a maior rede de distribución destes refuxiados. Este contexto pode igualmente reconducir as relacións de Atenas coa Unión Europea, en particular ante as expectativas de recibir maiores fondos de axuda humanitaria.

Con todo, o avance electoral da extrema dereita de Amencer Dourado, terceira forza parlamentaria tralos recentes comicios gregos, repercutirá nunha maior presión a nivel parlamentario para reforzar as políticas de seguridade e de represión contra os refuxiados, tal e como se están establecendo en países como Hungría, Eslovaquia, Polonia ou Romanía. Precisamente, varios países do Norte de Europa premen a Atenas á hora de aplicar políticas mais restritivas e represivas para o tránsito dos refuxiados.

Tras asumir o seu novo goberno, Tsipras fortaleceu a continuidade de Yanis Muzalas como ministro de Inmigración, unha decisión ben recibida por diversos sectores sociais gregos. Pero ao igual que co rescata financeiro, a crise dos refuxiados será para Tsipras un asunto onde a presión exterior termine sendo chave á hora de tomar as súas decisións.

d) Un referente atomizado

Se ben Tsipras e Syriza erixíronse como novos referentes para a esquerda europea unha vez alcanzaron o poder en xaneiro pasado, os tensos e complexos procesos de negociación coa “troika”, así como a progresiva supeditación de Tsipras aos seus imperativos, confirmados pola defección dun sector radical dentro de Syriza, contrariaron as posibilidades de asentar una fronte de esquerdas politicamente sólida no Sur de Europa.

Non obstante, a vitoria de Tsipras e de Syriza, así como a recente elección de Jeremy Corbyn (66 anos) como novo líder do Partido Laborista británico, da pe para intuír a posibilidade dunha reacción viva por parte de movementos de esquerdas cara a preponderancia das políticas de austeridade establecidas en Europa pola “troika”, así como o establishment político europeo, principalmente nos contextos dominados polo bipartidismo. Neste sentido, cobra relevancia a elección de Corbyn, un veterano político afianzado nas esferas mais esquerdistas do laborismo británico.

As expectativas políticas de consolidación dun novo movemento político popular e alternativo a nivel europeo, latente ante as próximas convocatorias electorais, seguen a ser unha incógnita. Compre observar a evolución en próximos comicios xerais como os que se realizarán en Portugal (4 de outubro) e España (decembro), con eleccións lexislativas chave.

IGADI. 24 de setembro de 2015.

 


([1]) “Nationwide Polls Towards Snap Elections in Greece”. 18 de setembro de 2015. Ver en:  http://www.bridgingeurope.net/nationwide-poll-towards-snap-elections-in-greece---september-18-2015.html

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IGADIPaper nº162 - Eleccións en Grecia: a reválida de Tsipras140.2 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais