IgadiPaper nº167 - Turquía tralo golpe fracasado

IgadiPaper nº167

Turquía tralo golpe fracasado

(4/2016)

Turquía tralo golpe fracasado

a) Introdución
IgadiPaper nº167 - Turquía tralo golpe fracasado

O inesperado e finalmente fracasado intento de golpe militar suscitado en Turquía o pasado 15 de xullo por parte dalgunhas faccións das Forzas Armadas contra o presidente Recep Tayyip Erdogan e o goberno do islamita Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP polas súas siglas en turco) require considerar certas variables e de factores para a súa comprensión.

Se ben o goberno de Erdogan apresurouse en identificar á rede do Movemento Gülen([1]) como presunta orquestradora desta tentativa golpista, os factores detrás do mesmo apuntan a ásperas disputas entre sectores do poder, ao carón dos síntomas de polarización social e política presentes no país desde 2003. Tradicionalmente, estas disputas vense expresadas nas complexas relacións do goberno islamita co estamento militar e os sectores laicos “kemalistas”, pero as mesmas non semellan explicar integralmente os factores que aniñan detrás desta crise.

Non se debe esquecer neste escenario a inevitable influencia do contexto estratéxico e xeopolítico turco, así como a súa implicación para os intereses occidentais. Abórdanse aquí diversos desafíos expresados nas consecuencias do conflito sirio, a expansión do terrorismo “xihadista” e a imprevisible reconfiguración do mapa xeopolítico de Oriente Próximo (eventual Curdistán independente, balcanización siria e iraquí) con directas implicacións para os intereses de seguridade turcos e occidentais.

b) O contexto “post-golpe”: leccións preliminares

Do fracasado intento de golpe militar turco pódense extraer algunhas leccións aínda que non completamente conclusivas. Dunha banda, o apoio popular á legalidade democrática e en contra da tentativa de golpe militar, manifestada coa saída ás rúas de milleiros de cidadáns desafiando os tanques militares así como do apoio público a estas demandas por parte do estamento político turco, principalmente o maior partido opositor, o kemalista e laico Partido Republicano do Pobo (CHP), manifesta a consolidación dunha cultura política claramente democrática nun país que no pasado sufriu as represivas consecuencias emanadas das intervencións militares, sexa directamente (1961, 1971 e 1980) ou indirectamente (1997).

Consecuentemente, e se ben practicamente a totalidade da sociedade e da clase política turca, dos seus Altos Mandos militares así como da comunidade internacional (a excepción do goberno de Bashar al Asad en Siria e dalgúns sectores políticos e militares exipcios) manifestaron a súa oposición á tentativa golpista, a mesma supón igualmente un toque de atención ante a evidente deriva autoritaria de Erdogan e das súas ambicións políticas, expresadas na eventual conformación dunha presidencia de corte vitalicio vía reforma constitucional, e que eventualmente deriven nunha preocupante transformación autoritaria e excesivamente presidencialista do sistema político turco “post-kemalista”.

O fracaso do golpe e principalmente o férreo control estatal e militar da situación son factores que reforzan politicamente a Erdogan e o AKP, os cales agora interpretan o contexto “post-golpe” como unha oportuna posibilidade para aplicar unha razzia dentro do estamento político, xudicial e militar, con ansias hexemónicas pero de consecuencias imprevisibles.

Finalmente, o contexto xeopolítico xoga un papel significativo dentro da actual conxuntura “post-golpe”. As incertezas sobre o conflito sirio e as súas consecuencias estratéxicas (terrorismo xihadista, Estado Islámico, refuxiados, causa curda) corren paralelas á reconfiguración dos intereses atlantistas vía OTAN (Cumio de Varsovia, 8-9 de xullo), en particular ante as consecuencias do Brexit dentro da UE e ante o novo statu quo con Rusia. Este contexto explica igualmente a expectante (e non menos intrigante) actitude de Washington e Bruxelas ante o que sucedía en Turquía, aliado estratéxico da OTAN e de cuxa estabilidade dependen tamén os intereses atlantistas.

c) Erdogan e os militares: un novo statu quo

Unha primeira aproximación orientada a tentar explicar por qué en Turquía volveu a aparecer inesperadamente a pantasma do golpismo militar, esixe observar con maior atención o estado das relacións de Erdogan e do AKP co estamento militar.

Hai dous períodos claramente diferenciados. O primeiro, de expectante e non menos tensa relación (2003-2011), que abarca o tempo en que Erdogan e o AKP gañan as eleccións lexislativas (outubro 2002) así como da formación dun goberno islamita (febreiro 2003) revestido de políticas progresistas, principalmente en materia de dereitos humanos. E un segundo período (desde 2011) onde semella manifestarse un novo statu quo entre Erdogan e a cúpula militar, non necesariamente tenso senón incluso de certa cooptación de intereses, particularmente manifestados pola aparición do conflito sirio (febreiro 2011) e a preocupación turca sobre o novo momento que se abre para a causa curda en Oriente Próximo.

No primeiro período, o regreso ao poder do islamismo político vía Erdogan e o AKP en 2003([2]) provocou unha obvia e inevitable preocupación dentro do estamento militar turco, bastión estratéxico dos intereses atlantistas e da OTAN e celoso gardián autoatribuído do legado kemalista. Neste sentido, estes sectores acusaban a Erdogan de levar a cabo unha “axenda oculta” orientada a “reislamizar Turquía”.

Estas inquietudes, que aparecían nun contexto rexional chave para os intereses occidentais como foi a guerra de Iraq (febreiro 2003) e a necesidade de que Turquía apoiara esta intervención militar vía OTAN, ampliáronse cara os sectores laicos, principalmente daqueles integrantes no denominado “Estado profundo”([3]), preocupados pola alteración e modificación dos seus intereses a carón do avance dunha expresión política alternativa (AKP) con visos hexemónicos. A negativa de Erdogan de apoiar a guerra de Iraq incrementou o nivel de tensión cos militares, EUA, a OTAN e a UE, toda vez os impulsos iniciais de Erdogan a través dunha serie de reformas historicamente inaceptables para os militares (autonomía curda, prohibición da pena de morte, defensa dos dereitos humanos, política exterior autónoma aos intereses occidentais), intensificaron esa tensión, a pesar de que algunhas desas políticas foron aplaudidas no exterior.

As sucesivas vitorias electorais de Erdogan (comicios lexislativos de 2007, referendo de reforma constitucional de 2010 e de novo as lexislativas de 2011) confirmaron a hexemonía política do AKP, se ben era evidente a polarización impulsada polos sectores kemalistas. A consolidación política do AKP e os seus avances en materia de socialización política de cara ás clases populares, nos estamentos burocráticos, na creación dunha nova burguesía económica “islamita”, reforzaron novos resortes de poder que persuadiron a recrear un statu quo cos militares. Este contexto foi mais evidente toda vez a reforma constitucional de 2010 alterou significativamente o poder político dos militares turcos, amparados na Constitución de 1982 nacida do golpe militar do xeneral Kenan Evren (1980) .

A Primavera árabe e principalmente a guerra siria (febreiro 2011) abriu unha nova etapa, manifestada nunha especie de realpolitik onde os intereses de Erdogan e dos militares converxeron nunha maior colaboración. Estes elementos de conxunción tiveron a súa maior expresión na ruptura de relacións co réxime, do apoio turco á multiforme oposición siria (incluso do xerme do Estado Islámico), e posteriormente coa definitiva ruptura das negociacións cos curdos (agosto de 2015).

Probablemente, aquí manifestouse o principal punto de conexión de intereses entre Erdogan e os militares turcos, tendo en conta que a posibilidade de secesionismo curdo é un asunto sensible e inaceptable para os intereses militares e de seguridade turcos. Aquí xogaban especial papel os temores turcos ante a posibilidade de concretarse un eventual Estado curdo na fronteira sirio-turca, coas súas consecuentes implicacións de cara ao Estado de feito no Curdistán iraquí e das ambicións dos curdos no sueste turco.  

Diversos movementos e partidos políticos curdos pronunciáronse en contra do golpe militar pero, ao mesmo tempo, manifestaron fortes críticas e reaccións contra Erdogan, argumentando a súa deriva autoritaria. Neste sentido, a Unión de Comunidades do Curdistán, que agrupa a movementos curdos en Turquía e Siria (PKK, HDP, PYD e YPG/YPJ), emitiu un comunicado no que se ben denuncia e rexeita o golpe, considera que o mesmo confirma “a falta de democracia en Turquía”, criticando que a descrición de Erdogan e do AKP como democráticos corresponde a un enfoque “incluso mais perigoso que o golpe mesmo([4]). Neste comunicado saliéntase o feito de que o golpe ocorra nun momento en que Erdogan estaba por nomear a xenerais afectos dentro da cúpula militar que sairá do próximo Consello de Seguridade turco, un factor que suxire unha loita intestina por controlar espazos de poder dentro do estamento militar.

Este contexto manifestaba unha nova etapa de “entente” cos militares na que Erdogan revitaliza os seus vínculos coa OTAN. Aquí aparecen a crise diplomática con Rusia por mor da guerra siria (abatemento de dous cazas rusos en novembro de 2015) e a revitalización da parálise nas relacións coa Unión Europea, motorizadas pola contención dos refuxiados sirios en territorio turco, e oficialmente expresadas co recente acordo entre Bruxelas e Ankara (maio 2016), que reabre ás portas da admisión turca na UE. Por tanto, e neste novo contexto, aparentemente non semellaban existir elementos visibles e concretos que permitiran explicar unha tentativa de golpe militar contra Erdogan.

d) Era factible un golpe militar?

Con este novo statu quo entre Erdogan e os militares, qué razóns poderían levar a que algunhas faccións e cadros do Exército rebelaranse contra o presidente turco? Aquí entran outras variables, non menos importantes pero que finalmente ilustran un cadro de complexidades que, no contexto “post-golpe” deixa algúns escenarios inquietantes para o futuro da democracia turca.

A visible deriva autoritaria de Erdogan, manifestada principalmente trala reforma constitucional de 2010 e etiquetada eufemisticamente de “sultanismo neotomano”, moi probablemente fragmentou a relación de Erdogan con mandos medios das Forzas Armadas turcas, en particular daqueles mais influídos pola ideoloxía kemalista e nacionalista. Non se debe descartar aquí a posible presenza de elementos da extrema dereita, en particular daqueles grupos paramilitares denominados “Lobos Grises”, afiliados ao ultranacionalista partido MHP fundado polo desaparecido Alparslan Türkes, e infiltrados nas Forzas Armadas principalmente tralo golpe militar de 1980.

Outros sectores militares inquietos con esta deriva autoritaria de Erdogan observaron con preocupación a progresiva transformación do legado kemalista dentro dun novo sistema e cultura política asociados á hexemonía do AKP así como pola aparición de movementos cívicos antihexemónicos. A nivel cidadá, estes sinais de descontento xa foron visibles durante as manifestacións cidadás contra Erdogan acaecidas entre 2013 e 2014, que propiciaron a aparición dun novo partido político, o Partido Democrático dos Pobos (HDP), con representación parlamentaria desde 2015 e moi vinculado aos intereses curdos e aos sectores progresistas opostos ao “sultanismo” de Erdogan.

Paralelamente, a riada de atentados terroristas atribuídos ao “xihadismo” vinculado ao Estado Islámico acaecidos en territorio turco entre 2015 e 2016, así como as repercusións da guerra siria dentro do territorio turco (refuxiados, infiltración de militantes xihadistas, posibilidade de soberanismo curdo) puideron igualmente persuadir a algúns cadros do Exército a propiciar a asonada militar contra Erdogan. Cabe igualmente considerar que o novo statu quo entre Erdogan e os militares levou a unha recomposición dos cadros militares no que o AKP logrou impulsar a algúns xenerais afectos nos postos do Alto Mando e do Consello de Seguridade, razón que igualmente puido propiciar o descontento en diversos cadros militares, marxinados nesta nova repartición de cargos e de poderes dentro do estamento militar.

Por último, a reiteración do presidente Erdogan e do seu primeiro ministro Binali Yildirim, substituto do defenestrado ex aliado de Erdogan Abdulá Gül, de atribuír a presunta autoría da asonada golpista á rede Fethullah Gülen non é un factor descartable pero que non explica necesariamente as razóns detrás do intento de golpe. Todo isto alén de que fontes deste movemento apresuráronse a descartar calquera implicación no mesmo.

Se ben a rede Gülen ten notable infiltración en diversos estamentos políticos, militares, xudiciais e burocráticos en Turquía, resulta unha incógnita, cando menos escasamente verificable, de que teña unha capacidade real para desafiar a Erdogan a través dun golpe militar. A explicación que pode resultar mais convincente detrás do intento de golpe pode manifestarse nas disputas de poder entre diversos sectores en ascenso na Turquía de Erdogan, no que o estamento militar é un compoñente estratéxico. Por tanto, a dicotomía laicismo-islamismo e a presunta trama Gülen poden ser mais ben factores colaterais inseridos nunha nova realidade política.

Con todo, o contexto “post-golpe” acomete unha inquietante etapa para Turquía, especialmente a dureza discursiva de Erdogan contra os denominados “traidores” e a súa política de aplicar unha “limpeza” dentro da estrutura militar, xudicial e burocrática.

A eventualidade dunha brutal “caza de bruxas” de carácter represivo por parte de Erdogan pode momentaneamente reforzar o seu poder pero que, ao mesmo tempo, acentuará a súa deriva autoritaria e as violacións dos dereitos humanos.   

e) Ambigüidades entre Erdogan e Occidente

Finalmente, compre considerar o novo contexto post-golpista en Turquía de cara a analizar a inevitable rede de intereses exteriores existentes nun país xeograficamente estratéxico, principalmente para a OTAN. Turquía ten o segundo exército mais importante dentro da alianza atlántica.

A prudente e expectante observación de EUA, da OTAN e da Unión Europea sobre a crise turca deixan varias incógnitas. Washington e Bruxelas declararon publicamente o seu apoio á democracia turca, o cal leva a interpretar o seu apoio á lexitimidade de Erdogan. Con todo, as relacións atlantistas con Erdogan tiveron varias fases de certa tensión e incluso de distanciamento, en particular pola ambigüidade de enfoques xeopolíticos de Erdogan, tales como o “neotomanismo”, a súa diletante aproximación a Rusia, China e Irán, a aposta polo multilateralismo BRICS e o acercamento á Organización de Cooperación de Xangai –onde ingresou en 2015 como socio de diálogo-, a parcial ruptura con Israel (2011) e as críticas contra o unilateralismo estadounidense.

Resulta igualmente significativo que no momento da asonada militar en Turquía, o secretario de Estado estadounidense John Kerry estivera en Moscova, nunha evidente demostración de tentar reconfigurar un novo statu quo entre a OTAN e Rusia que abrangue o espazo euroasiático. Este novo estatus vese ilustrado tralo recente cumio de Varsovia (8-9 de xullo), en particular ante a reactivación de plans militares atlantistas desde o Mar Báltico ata o Mar Negro, en plena periferia rusa.

Aínda que oficialmente apoiara a Erdogan, Washington deixou entrever certa expectación sobre cal sería o novo estatus en Ankara en relación coa posibilidade de que o golpe militar triunfara e derrubara o goberno do AKP. Neste sentido, Washington manifestou certa ambigüidade expectante similar á acontecida durante o golpe militar exipcio contra o entón goberno islamita de Mohammed Morsi (xullo de 2013).

Se ben Erdogan e o AKP apoian a estratexia occidental en Siria, a posibilidade de inestabilidade turca por mor das consecuencias do conflito sirio en materia de expansión do terrorismo xihadista é outro factor que colateralmente exprésase neste novo contexto. Washington recea de cales son as verdadeiras intencións de Erdogan nunha Siria post-Bashar, particularmente ante a posibilidade de manter un cordón sanitario no norte sirio que acabe coas pretensións autonomistas curdas.

Igualmente, as ambigüidades de Erdogan con respecto ao Estado Islámico é outro factor relevante. Por ser o grupo militante con maior capacidade para derrubar ao réxime de al Asad, coñécense de certos lazos subterráneos entre o goberno turco e o movemento xihadista, particularmente atribuídos a rutas de contrabando e de transporte petroleiro, así como de certa implicación de militantes xihadistas nalgunhas confrarías tradicionalmente en mans do AKP.

Nun imprevisible contexto post-Brexit no que precisa con urxencia manter estables os seus flancos estratéxicos, para os intereses atlantistas resulta imprescindible manter inalterada a tradicional alianza con estamento militar turco, golpistas mediante, incluso preservando un pretorianismo militar similar ao Exipto post-Morsi, aínda que lles resulten incómodas as derivas autoritarias de Erdogan e principalmente as ambigüidades da súa política exterior. Con todo, detrás do intento de golpe militar en Turquía existen demasiadas variables contrapostas que incrementan a confusión e a inquietude.

IGADI. 18 de xullo de 2016.


([1]) Con ascendencia no Islam sunnita e enmarcado na escola xurídica islámica hanafí, o Movemento Gülen, inspirado nas ideas do teólogo turco Fethullah Gülen (exiliado en EUA desde 1999), foi durante décadas un importante aliado de Erdogan e do AKP, ata crebar esta alianza en 2013, unha vez Erdogan acusara a este movemento de presunta penetración nos estamentos burocráticos e estatais, de propiciar prácticas de corrupción e de presuntamente desestabilizar Turquía coa intención de tentar derrubar o seu goberno. 

([2]) En 1996, o fundador do Partido do Benestar, Necmettin Erbakan (falecido en 2011), converteuse no primeiro líder islamita en chegar ao poder democraticamente na Turquía kemalista, sendo un antecesor de Erdogan e do reconvertido islamismo político agora no AKP. Un ano despois, en abril de 1997, o seu goberno caeu a través dunha sutil e indirecta intervención do estamento militar, no que foi entón denominado como unha especie de “golpe post-moderno”.

([3]) “Devlet en Derin” en turco, o coloquialmente denominado “Estado Profundo” expresa unha tenue e ás veces invisible rede de alianzas e factores de poder aparentemente monolítico, integrados dentro do estamento militar, elites e grupos económicos, burocráticos, militares e políticos afíns, tal como o outrora hexemónico Partido Republicano do Pobo (CHP en turco), medios de comunicación e xeradores de opinión pública (intelectuais, artistas) tradicionalmente ancorados no espectro laico, republicano e nacionalista turco.