IgadiPaper nº168 - Colombia: as claves dunha paz que fai historia

IgadiPaper nº168

Colombia: as claves dunha paz que fai historia

(5/2016)

Colombia: as claves dunha paz que fai historia

a) Introdución
IgadiPaper nº168 - Colombia: as claves dunha paz que fai historia

O histórico Acordo Final para o Remate do Conflito e a Construción dunha  Paz Estable e Duradeira([1]) asinado na Habana (Cuba) entre o representante do goberno do presidente Juan Manuel Santos, o xefe do equipo negociador Humberto de la Calle, e o seu homólogo das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP), Iván Márquez, ilustra o final dun proceso iniciado en 2012 co auspicio de Cuba e o Reino de Noruega como países garantes, e da República Bolivariana de Venezuela e a República de Chile como acompañantes. Paralelamente, a ONU e a Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC) responden da misión de verificación do proceso de paz e de abandono das armas nun período de 180 días.

Este proceso permite a apertura dunha nova etapa política en Colombia, principalmente orientada a sopesar os escenarios post-conflito determinados polo final de máis de cinco décadas de confrontación armada que fixeron do conflito colombiano o de maior duración a nivel hemisférico. Tras ser presentado ante o Congreso e o Senado da República de Colombia, o presidente Santos anunciou o cese ao fogo definitivo a partir do 29 de agosto. O acordo deberá ser ratificado a través dun referendo a nivel nacional a celebrarse o próximo 2 de outubro.

A falta de coñecer se será finalmente ratificado pola vía plebiscitaria, Colombia ingresa agora nun contexto post-conflito que pode beneficiarse de referencias anteriores noutros países da rexión (O Salvador, Nicaragua). No caso colombiano, compre ponderar en qué medida este escenario permitirá a progresiva normalización política da guerrilla das FARC-EP, con capacidade de transitar pola vía institucional e electoral. Polo pronto, as FARC-EP terán representatividade lexislativa  con vistas ás próximas eleccións presidenciais de 2018, unicamente suxeita á verificación e normalización do proceso de paz.

Se ben o goberno de Santos conta co apoio da maior parte do establishment político colombiano para propiciar o referendo que legalice o proceso de paz, a súa aposta tivo que superar duras controversias por parte dos sectores ligados ao ex presidente Álvaro Uribe Vélez, abertamente oposto a calquera acordo coa guerrilla. Igualmente, cobra importancia capital antes do referendo de outubro a celebración da X Conferencia das FARC, onde se avaliará o apoio dos comandos políticos da guerrilla ao acordado na Habana.

En perspectiva, existen diversos puntos chave que se derivan desta sinatura: o inevitable proceso de reconciliación nacional, a reconversión da guerrilla en movemento político con participación electoral, o tema da amnistía para os comandantes guerrilleiros e a desmobilización e desarme dos diversos comandos armados. Igualmente, está por ver se este acordo de paz coas FARC finalmente poderá facerse extensivo cara a outra guerrilla aínda existente en Colombia, o Exército de Liberación Nacional (ELN)

b) Seis pasos chaves para a Paz

A construción do definitivo proceso de pacificación para Colombia ten agora unha oportunidade histórica tralo acordo alcanzado o pasado 24 de agosto na Habana, entre o goberno de Juan Manuel Santos e a guerrilla das FARC. Este acordo pon fin un proceso de negociación iniciado en xaneiro de 2012 en Oslo (Noruega) e continuado un mes despois na capital cubana.

O acordado na Habana contempla seis puntos chave para a construción deste proceso de paz, que terá a súa proba política mais inmediata no referendo a nivel nacional que se celebrará o próximo 2 de outubro. O mesmo expresa unha aposta política estratéxica para a presidencia de Santos, quen se xoga moitas cartas políticas con este acordo de paz coas FARC e tamén coa guerrilla do ELN, en chave electoral de cara a 2018. Para Santos, a paz coas guerrillas constitúe o punto capital do seu programa electoral e do balance da xestión do goberno nos seus dous mandatos: o primeiro (2010-2014) e desde a súa reelección presidencial en 2014.

Por tanto, os seis puntos acordados na Habana expresan unha serie de demandas tanto da sociedade e do goberno colombiano, particularmente a reconciliación, os dereitos humanos e a loita contra o narcotráfico, como tamén de reivindicacións históricas por parte das FARC, especialmente no tema da reforma agraria e dos dereitos fundamentais das minorías. Divídense así estes puntos en:

1. Reforma rural integral: creación dun Fondo de Terras que permita verificar unha distribución mais equitativa da terra, compatibilizar o desenvolvemento dos sectores urbano e rural, subsidios e créditos integrais para a compra das mesmas, garantías de propiedade para os campesiños e uso adecuado da terra.

2. Participación política: un punto esencial porque permite un estatuto de garantías para a reinserción política da guerrilla, así como para os partidos e movementos políticos que se declaren en oposición e unha lexislación de garantías para os movementos sociais. Xunto cun Sistema Integral de Seguridade, establécese a creación de circunscricións especiais de paz nas zonas mais afectadas polo conflito, garantindo 16 escanos parlamentarios para eses representantes. Igualmente, no relativo á participación política das FARC, acordouse a súa eventual participación como movemento político nos comicios xerais previstos para 2018, garantindo un mínimo de cinco (5) representantes no Congreso e outros cinco no Senado. Ata entón, só terán tres portavoces en cada cámara para asuntos relacionados coa verificación dos acordos.

3. Final do conflito: a entrega de armas das FARC á ONU, coa verificación da CELAC, permitirá observar tanto o proceso de desarme definitivo como da reinserción civil de máis de 6.000 combatentes da guerrilla. Este desarme realizarase nun prazo de 180 días a partir da firma do acordo final, divididos en: 90 días onde se recollerá o 30 por cento das armas; os 120 días para o outro 30 por cento; e os 180 días para o 40 por cento restante. Crearanse igualmente un total de 23 Zoas Territoriais Transitorias de Normalización nos departamentos mais afectados polo conflito, así como outros 8 campamentos vixentes por 180 días. Nestes espazos acordaranse o cese ao fogo bilateral, o desarme e a reinserción civil dos guerrilleiros.

4. Drogas ilícitas e narcotráfico: compromiso das FARC de abandono de calquera relación co narcotráfico e de aportar información relevante sobre as súas rutas. Fiscalización e sometemento ao poder xudicial daquelas redes de produción de drogas, observando un trato diferencial a cultivadores e consumidores. Programas de prevención e de erradicación de cultivos ilícitos.

5. Vítimas: Cun balance de máis de oito millóns de civís vítimas directas e indirectas nas mais de cinco décadas de conflito armado, crearase unha Xurisdición Especial para a paz encargada de investigar, xulgar e sancionas aos culpables de delitos graves durante o conflito; e un Tribunal de Paz conformado por 20 maxistrados colombianos e catro estranxeiros, con tres Salas de Xustiza. Contémplanse igualmente beneficios de amnistía, indulto ou tratamentos equivalentes a aqueles que non cometeran delitos de lesa humanidade. Creación dunha Unidade Especial para a busca de persoas desaparecidas durante o conflito.

6. Aplicación, verificación e referendo: Creación dunha Comisión de Seguimento, Verificación e Resolución de Diferenzas, integrada por tres representantes gobernamentais e tres das FARC, con posible acompañamento internacional. Finalmente, estipula o sometemento deste acordo a un referendo nacional a celebrarse o próximo 2 de outubro.

No preámbulo do texto do Acordo Final préstase especial atención a demandas históricas tanto da guerrilla como de diversos movementos sociais e ONGs, destacando así “os dereitos fundamentais das mulleres, dos grupos sociais vulnerables, como son os pobos indíxenas, nenas, nenos e adolescentes, as comunidades afrodescendentes e outros grupos etnicamente diferenciados”, así como “os dereitos fundamentais dos campesiños e campesiñas, os dereitos esenciais das persoas en condición de discapacidade e dos desprazados por razóns do conflito, e os dereitos fundamentais das persoas adultas maiores e da poboación LGBTI([2]). A Defensoría do Pobo colombiano pediu igualmente ás FARC a saída inmediata das nenas e nenos soldados utilizados durante o conflito armado.

Os escenarios post-conflito deben igualmente encarar un drama social e humanitario derivado de mais de cinco décadas de confrontación armada. Ata 2015 rexistráronse oficialmente ante o Estado colombiano un total de 7.874.201 persoas damnificadas por un conflito que deixou mais de 220.000 mortos e 45.000 desaparecidos. As reparacións por parte do Estado deben alcanzar, aproximadamente, a 6.084.064 persoas, un 12,4% da poboación total colombiana, tendo en conta que ata agora están contabilizados un total de 6.897.450 desprazados internos([3]).

Co reto político da verificación dos Acordos de Paz e o referendo de outubro próximo, existen outros pasos inmediatos que delimitarán o alcance real destes acordos. Cabe salientar a X Conferencia Nacional das FARC-EP, aínda por definir nas próximas semanas, na que o comando central buscará cristalizar o consenso político entre os seus diversos cadros e estruturas sobre os acordos de paz. Igualmente, a cerimonia de firma do acordo de paz entre o goberno e a guerrilla, que dará paso ao proceso de desarme,  reinserción e participación política das FARC-EP. E, finalmente, o referendo nacional que, caso de ser aprobado, permitirá iniciar unha vía política para que o Congreso da República converta en leis e decretos estes acordos de paz.

c) Obxectivo 2018

Tanto o referendo de outubro próximo como os avances no proceso de verificación dos acordos de paz constitúen bastións políticos estratéxicos para os dous actores mais involucrados e que maiores cartas xóganse neste proceso: o presidente Santos e a dirección central das FARC-EP.

De cara ao referendo, e aínda co clima de ilusión e expectación xerados polo acordo de paz, Santos conta co apoio dunha coalición política favorable ao Si, encabezada polo seu partido gobernante, o Partido da U, así como polo Partido Liberal, cuxo ex presidente e ex secretario xeral da OEA, César Gaviria, é o coordinador da campaña polo Si no referendo. Os Verdes e outras formacións de esquerda tamén fan campaña polo Si.

Non obstante, Santos atopa receos entre outras formacións políticas moi polarizadas de cara ao referendo, nun espectro político que vai dende o partido Cambio Radical ata o Partido Conservador. Aquí maniféstante posturas que van dende a aprobación e o rexeite ata a abstención.

O único actor practicamente en solitario que mantén unha posición frontalmente contraria aos Acordos de Paz é o ex presidente Álvaro Uribe Vélez (2002-2010), quen fora aliado de Santos e que agora tenta converterse na principal figura hexemónica da oposición ao actual goberno, con claras perspectivas de cara ás presidenciais 2018. Neste sentido, o “uribismo” abandeira a opción do Non no referendo como mecanismo político de presión a Santos que permite auscultar algunhas candidaturas presidenciais a fin de abrir a carreira electoral 2018.

Pola súa banda, a FARC-EP observa o contexto actual cara o referendo como unha oportunidade histórica para reivindicarse como movemento político, coa probable expectativa de progresivamente conformar unha opción política dende a esquerda que permita aglutinar apoios e consensos alén das presidenciais de 2018.

Para iso, centran a súa acción en dous escenarios inmediatos: o primeiro, o consenso que poida saír da súa X Conferencia Nacional, que precisamente medirá o apoio dos demais comandantes das frontes guerrilleiras sobre a conveniencia de deixar a loita armada para apostar pola participación política. E o segundo será a súa firmeza e convicción para colaborar coas autoridades competentes no proceso de desarme e verificación post-conflito. Unha cooperación eficaz permitiralle gañar espazos de lexitimidade ante a sociedade colombiana e a comunidade internacional.

As FARC-EP deberán transitar agora unha etapa post-conflito con amplas posibilidade de fortalecerse como movemento político de esquerdas no mapa político que comeza a debuxarse en Colombia. E aquí poderá tomar nota de referencias similares anteriormente evidenciadas en conflitos a nivel hemisférico, principalmente por parte de grupos guerrilleiros que deixaron as armas para inserirse na política, incluso chegando ao poder pola vía electoral.

Cómpre ter en conta neste sentido os exemplos da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) no Salvador a partir dos acordos de paz de 1992; da Fronte Ampla uruguaia como plataforma de inserción de antigos movementos guerrilleiros (Tupamaros) tralo retorno da democracia a partir de 1984, e que permitiu a súa chegada ao poder en 2004; ou da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), que de organización guerrilleira durante a ditadura da dinastía dos Somoza (1934-1979) pasou a formar un goberno revolucionario (1979-1990) e posteriormente transitou pola oposición ata o seu retorno ao poder en 2006.

No novo tempo que se abre agora en Colombia, a consolidación da paz como principal aval do escenario post-conflito require igualmente dun proceso de reconciliación nacional cuxo primeiro test será o referendo nacional do próximo 2 de outubro. Aquí verificarase se as opcións acordadas por Santos e as FARC-EP na Habana servirán para afirmar esa reconciliación ou se, polo contrario, abrirán unha etapa de polarización e confrontación, desta vez no campo político.

IGADI. 26 de agosto de 2016.