IgadiPaper nº170

Distribuir

Distribuir contido

Cumio de definicións para os BRICS

a) Introdución
IgadiPaper nº170 - Cumio de definicións para os BRICS

Con motivo do IX Cumio dos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) a celebrarse o próximo 15 e 16 de outubro en Goa (India), cómpre observar con atención o momento de redefinición das expectativas e dos obxectivos deste organismo creado en 2001, particularmente á vista dos súbitos cambios políticos suscitados en países membros (Brasil), os efectos da recesión económica global na moderación do crecemento destas economías emerxentes e a capacidade de resposta e de influencia deste organismo ante diversos escenarios presentes na política internacional.

Tralo anterior encontro celebrado en xullo de 2015 en Ufa (Rusia), os BRICS veñen experimentando cambios relevantes. A definitiva remoción presidencial de Dilma Rousseff en Brasil (setembro de 2016) propiciou un cambio político de enorme calado. A actual presidencia brasileira en mans de Michel Temer interprétase como unha viraxe política probablemente menos entusiasta á hora de fortalecer e impulsar aos BRICS como actor multipolar e multilateral, cando menos en comparanza cos seus antecesores Lula da Silva e a propia Rousseff.

A recesión económica global afecta igualmente á dinámica destas economías emerxentes, principalmente en materia de desemprego, inflación e crecemento económico. Velaí os casos de economías fortemente dependentes da evolución nos mercados internacionais dos prezos de materias primas (Brasil); grandes produtores enerxéticos con forte capacidade de influencia xeopolítica global (Rusia); outras economías netamente exportadoras en expansión (China, India) e outra mais en fase de despegue económico (Sudáfrica). A nivel global, cada unha corresponde a casos visiblemente distintos de desempeño económico, solidez política e capacidade de influencia nos asuntos internacionais.

Neste contexto, o cumio de Goa pode significar un momento de redefinición das expectativas e dos obxectivos dos BRICS, principalmente no que atinxe á solidez estrutural do organismo e a súa capacidade de continuidade e de influencia como actor emerxente, e a súa disposición para contribuír ao establecemento dun sistema global de carácter multipolar non hexemónico.

b) Complexidades económicas en 2016

Quince anos despois de acuñarse o acrónimo BRIC (2001), ao que se engadiu un membro máis (Sudáfrica, en 2010) para crear o actual BRICS, o organismo que agrupa ás principais economías emerxentes a nivel global atravesa unha conxuntura marcada por complexidades específicas en materia política (Brasil) e polas consecuencias directas da recesión económica global en economías emerxentes en fase de expansión (China, India) e de desenvolvemento (Sudáfrica) que nalgúns casos cuestionan ou determinan a capacidade de fortalecemento deste bloque multipolar.

Á par da súa condición de economías emerxentes, os países BRICS constitúen un bloque con forte incidencia demográfica. China (1.300 millóns de habitantes) e India (1.250 millóns) son os países mais poboados a nivel mundial; pola súa banda, Brasil (200 millóns) e Sudáfrica (55 millóns) están en fase de crecemento demográfico e outros como Rusia (143 millóns) amosan un notable declive. 

No relativo ao desempeño económico tamén amósanse claroscuros. Segundo datos do Fondo Monetario Internacional (FMI), China, a segunda maior economía mundial despois de EUA, seguirá cun crecemento económico sostido, algo sumamente notable en termos comparativos tendo en conta a crise económica global. Este crecemento chinés estímase nunha franxa situada entre 6-7% para o presente lustro.

Pola súa banda, India seguirá co seu ascenso económico, cun crecemento estimado nun 7,4% para 2017, un pouco menor en comparación con 2016 (7,6%) e cunha inflación arredor do 6,9%, menor da rexistrada en máximos anteriores (10,3% en 2010). Como no caso chinés, India é un dos grandes consumidores petroleiros a nivel mundial (está no cuarto lugar en nivel de consumo), razón pola que a caída dos prezos petroleiros beneficiou o seu desempeño económico.

Un perfil diferente observamos en Brasil e Rusia. No caso brasileiro, instalado na recesión desde 2013 e cun cambio de goberno progresista a outro de carácter conservador e tecnócrata en 2016, o seu crecemento económico estímase en 0,5% para 2017, superando levemente dous anos de severa contracción en 2015 e 2016 (-3,8% e -3,3%, respectivamente).

O mes de setembro, con índices de inflación (5%) e de desemprego (11,8%, un total de doce millóns de persoas), evidenciou unha complexa situación para o goberno transitorio de Temer, con baixos índices de popularidade (14%) engadidos á influencia que o clima político (destitución de Rousseff, xuízo contra Lula, temores de parálise institucional) ten no desempeño e na confianza económica. Este panorama suxire períodos de certa inestabilidade para Brasil. As expectativas políticas remítense ás próximas eleccións presidenciais previstas para 2018.

No caso ruso, a caída dos prezos no mercado petroleiro e os efectos das sancións internacionais impulsadas por EUA e a Unión Europea, motivadas pola crise ucraína e a recuperación da soberanía rusa en Crimea (2014), colocan a economía rusa nunha difícil situación. Cunha inflación do 14% (primeiro semestre de 2016) e unha sostida depreciación da súa moeda, o rublo, con respecto ao dólar estadounidense desde o inicio das sancións exteriores, as expectativas de crecemento económico para Rusia en 2016 son escasas: segundo as estimacións do FMI, agárdase unha contracción do 4,3% no seu crecemento, estimándose unha recuperación do 1% para 2017.

Finalmente, Sudáfrica amosa un cadro económico igualmente complexo. O seu crecemento económico para 2016 estímase nun 0,1%. O país segue dependendo de fortes investimentos exteriores principalmente no seu ambicioso programa de infraestruturas. O elevado desemprego (26,7%, marzo de 2016) é un dato igualmente preocupante, mentres a inflación (6,2%, agosto de 2016) semella controlada.

c) As incertezas políticas

Cunha radiografía económica centrada na necesidade de superación da recesión, o reto estratéxico mais importante para os BRICS é principalmente de carácter político, en especial á hora de afirmar a súa solidez estrutural como organismo de activación de mecanismos de cooperación multilateral.

Nos pasados cumios de Fortaleza (Brasil, 2014) e Ufa (Rusia, 2015), os BRICS deron un salto cualitativo ao deseñar, aprobar e poñer en funcionamento un instrumento financeiro de carácter global como é o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD), coa finalidade de reformar e reconducir o imperante sistema financeiro de Bretton Woods (1944) que deu paso á creación do Banco Mundial e do FMI.

Con sede en Xangai (China), o NBD comezou a operar en agosto de 2015, cun capital inicial de US$ 50.000 millóns con expectativas de ampliarse ata os US$ 100.000 millóns nos próximos anos. En abril de 2016, o NBD aprobou os seus primeiros catro proxectos de desenvolvemento, principalmente centrados en materia de enerxías renovables([1]).

Con todo, o contexto de recesión económica global, a crise política brasileira, as sancións internacionais contra Rusia, a presión doutros mecanismos de cooperación económica principalmente impulsados por Washington (Acordo de Asociación Transpacífico, TTP, Asociación Transatlántica de Investimentos e Comercio, TTIP) complican as expectativas e incluso as futuras axendas dos BRICS, polo que non se descartan críticas e certo nivel de cuestionamento da súa fortaleza e capacidade de continuidade como organismo multilateral.

Este aspecto ten especial incidencia no declive da enerxía e impulso político inicial acaecido cos BRICS. A desfeita presidencial do Partido dos Traballadores (PT) en Brasil freou o entusiasmo cara os BRICS manifestado con anterioridade polas presidencias de Lula e Rousseff.

Non se agardan maiores expectativas de renovación dese entusiasmo por parte do actual presidente Temer, quen acudirá ao seu primeiro cumio BRICS en Goa. Mais ben, a visión conservadora de Temer e a constatación dunha viraxe  menos progresista en América Latina, anuncia posibles políticas máis timoratas dentro do BRICS, un aspecto que igualmente detéctase por parte do novo goberno en Brasilia con respecto aos organismos rexionais (UNASUR, MERCOSUR).

Así mesmo, economías dependentes de materias primas como Brasil e Rusia están experimentando importantes reformas estruturais en aras de procurar unha maior diversificación económica, especialmente en materia de innovación tecnolóxica, un aspecto que repercutirá igualmente na conformación de futuras axendas de desenvolvemento por parte dos BRICS, especialmente ante o empuxe doutras economías emerxentes, principalmente en Asia-Pacífico.

Outros aspectos de carácter xeopolítico connotan igualmente unha diversidade de perspectivas que pode dificultar a plasmación de consensos. A intervención rusa no conflito sirio (setembro de 2015) e principalmente o actual asedio á cidade de Aleppo por parte das forzas do réxime de Bashar al Asad, pode provocar fendas dentro dos BRICS, principalmente por parte do novo goberno brasileiro, moito mais proclive a adoptar posicións acordes coas expectativas de Washington.

Por outra banda, se ben son potencias económicas emerxentes con fluídos niveis de cooperación, China e India manteñen igualmente certos pulsos no taboleiro xeopolítico de Asia Central e Meridional así como no Océano Índico, aínda que non afectan á súa cooperación no seo dos BRICS. Así e todo, é cada vez mais perceptible que a asociación estratéxica sino-india está adquirindo un peso importante a nivel global que inevitablemente repercutirá no futuro dos BRICS: ambos países concentran o 37% da poboación mundial e son socios estratéxicos en diversos organismos como o Banco Asiático de Investimento e Infraestruturas, o G-20 e o Cumio Asia-Pacífico, entre outros([2]).

Un reforzamento da asociación estratéxica entre China e India terá igualmente repercusións para os outros membros dos BRICS. Rusia, con que Beijing mantén igualmente o status de asociación estratéxica integral, ten fortes intereses xeopolíticos no espazo euroasiático ex soviético (Unión Económica Euroasiática) nas que tamén China ten importantes intereses (Ruta da Seda). Como no caso da India, China mantén importantes mecanismos de cooperación e asociación con Rusia, destacando a Organización de Cooperación de Xangai (OCX).

O futuro dos BRICS como organismo multilateral e motor dun sistema internacional orientado cara un mundo multipolar terá un marco de discusión e de redefinición de intereses e de expectativas no próximo cumio de Goa. Alén de superar as complicacións derivadas da recesión económica e dos súbitos cambios políticos, os BRICS deberán trazar unha axenda clara de consensos que permitan visualizar as súas expectativas e intereses para os próximos anos. Neste sentido, imponse revalidar a forza da aposta polo deseño e implementación de mecanismos propios (NBD) como instrumentos capaces de amortecer a presión doutros (TPP, TTIP) claramente habilitados para atar en curto e ata socavar a consistencia dos BRICS.

IGADI. 10 de outubro de 2016.


 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº170: "Cumio de definicións para os BRICS"124.2 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais