images publicacions IgadiPaper59

IgadiPaper nº59

Cosova: un “Estado fracasado”?
(05/2011)

Cosova: un “Estado fracasado”?

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper59O pasado 17 de febreiro de 2011, Cosova celebrou tres anos da súa declaración unilateral de independencia. Dende entón, o novo Estado, enclavado na estratéxica rexión dos Balcáns, está recoñecido por 75 países, entre os que se inclúen EEUU, 22 dos 27 membros da Unión Europea (excluíndo a España) e outros 53 países membros das Nacións Unidas, organismo no que Cosova pretende ingresar como o 193º país membro.

Non obstante, o tránsito da independencia cosovar amosa un panorama claroscuro, abrindo unha preocupante perspectiva sobre o seu futuro. A pesar dos esforzos de Washington e da UE, as negociacións entre Cosova e Serbia (que segue cualificándoa como unha “provincia autónoma” propia) para clarexar algúns aspectos específicos do seu actual status, permanecen temporalmente paralizadas. Paralelamente, os esforzos cosovares por conseguir un maior recoñecemento internacional obstaculízanse ante o feito de que países cun peso decisivo no concerto internacional, como son os casos de China, Rusia, Brasil e India, entre outros, obstínanse en rexeitar o recoñecemento.

Tamén medran as preocupacións exteriores, principalmente na ONU e na Unión Europea, ante a complicada estabilidade interna en Cosova, especialmente trala ruptura en setembro de 2010 do pacto gobernamental entre os dous principais partidos políticos, o Partido Democrático de Cosova (PDK) e a Liga Democrática de Cosova, así como ante as acusacións de irregularidades e fraude nas eleccións lexislativas de decembro pasado.

A maiores, a credibilidade das Misións de Estabilización da ONU (MINUK) e da OTAN (KFOR) en Cosova, así como a política de EUA como principal impulsor da independencia cosovar, vense seriamente afectadas ante a revelación, en decembro pasado, dun contundente informe no que presuntamente se constatan as innumerables acusacións de corrupción e vínculos co crime organizado do actual primeiro ministro cosovar, Hashim Thaci.

b) Mafias e inestabilidade política

En decembro de 2010, o relator do Consello de Europa, o xuíz suízo Dicky Marty, elaborou un informe sobre o estado actual de Cosova que tivo un duro impacto na opinión pública internacional. Neste informe acusábase á antiga guerrilla do Exército de Liberación de Cosova (UCK, polas súas siglas en albanocosovar), liderada desde 1998 polo actual primeiro ministro Hashim Thaci, de colaborar co narcotráfico e coa rede criminal “Drenica”, que operaba dende Albania na extracción de órganos a presos serbios.

Este informe tamén denotaba o elevado nivel de corrupción existente nas instancias administrativas cosovares, penetradas por diversas mafias que presuntamente estarían orientando a Cosova cara os parámetros dun “Estado fracasado”, tal e como incluso chegou a aseverar durante unha entrevista a comezos de 2010 o propio embaixador estadounidense en Prístina, Christopher Dell. No informe de Marty descríbese a Thaci como un “actor clave” da mafia e do crime organizado en Cosova, cualificándoo como “o máis perigoso dos padriños da criminalidade da UCK”, un aspecto que “era coñecido pola OTAN e outros gobernos”.

O pasado 27 de xaneiro, a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa e a EULEX, a misión policial da UE para Cosova, solicitaron a Marty que presentara probas da veracidade das revelacións e acusacións vertidas neste informe, relativos á implicación das actuais autoridades cosovares nas redes de crime organizado e da corrupción. Incluso o propio presidente serbio Boris Tadic pediu investigar e, eventualmente, procesar a Thaci nos tribunais internacionais, pola súa presunta implicación no tráfico de órganos de prisioneiros serbios durante a guerra en Cosova en 1999.

Alén do escándalo provocado por este informe, o panorama político cosovar denota unha situación de inestabilidade e de certa anarquía que, a grandes trazos, cuestiona os esforzos da MINUK, a KFOR, EUA e os países que recoñecen a independencia cosovar, á hora de consolidar un Estado viable e seguro.

En setembro de 2010 colapsou a alianza entre os dous principais partidos políticos, o Partido Democrático de Cosova (PDK) do primeiro ministro Thaci, e a Liga Democrática de Cosova, levando á dimisión de Fatmir Sedju, o primeiro presidente da Cosova independente. Dende entón, ocupa o cargo un presidente interino nomeado pola ONU, Jakup Krasniqi, quen dende 2007 exercía como presidente da Asemblea de Cosova, a única cámara lexislativa existente.

A crise política acrecentouse trala celebración das primeiras eleccións lexislativas cosovares o pasado 12 de decembro de 2010, que foron denunciadas por presuntos casos de irregularidades e acusacións de fraude electoral. Neses comicios, o PDK obtivo 34 dos 120 escanos parlamentarios.

Coa finalidade de albiscar solucións urxentes para esta crise política, o primeiro ministro Thaci e o PDK iniciaron unha serie de negociacións con outros actores políticos para formar un novo goberno, como foi o caso de Behgiet Pacolli, líder do partido Nova Alianza de Cósova (AAK) e considerado o home máis rico do país. Pacolli, ata agora o único político cosovar que se postulou como candidato presidencial para substituír a Sedju, é acusado por diversos sectores de corrupción e trato coas mafias.

Nestes comicios lexislativos, a AAK obtivo 12 escanos, un factor que puido espertar no PDK o interese por formalizar unha alianza co partido de Pacolli para garantir un goberno viable. Non obstante, a Liga Democrática de Cosova, con 27 escanos, e o Partido Autodeterminación, con 14 escanos, xa declararon publicamente que non negociarían con Thaci ningún pacto político para formar un novo goberno, incrementando así a tensión en Prístina ante a perspectiva dun baleiro de poder.

c) A polémica legalidade internacional de Cósova

Mentres a crise política dilúe a Cosova nun manto de inestabilidade, o panorama sobre o seu recoñecemento oficial internacional segue a provocar fortes polémicas. En 2010, un total de 8 países recoñeceron a Cosova, moi probablemente instados polos esforzos da diplomacia estadounidense para outorgarlle lexitimidade internacional ao novo Estado.

Cosova é recoñecida actualmente por 75 países membros da ONU, o cal constitúe só un 39% dos membros totais deste organismo. A posición doutros países con respecto ao status de Cosova está determinada polo que eventualmente ditamine o Consello de Seguridade da ONU á hora de adoptar unha posición definitiva sobre o status cosovar. Non obstante, o presumible veto de Rusia e China obstaculizarían as pretensións cosovares de converterse nun membro mais da ONU.

O foco de atención segue centrado na polémica suscitada pola decisión da Corte Internacional de Xustiza (CIX) do pasado 22 de xullo de 2010, unha opinión consultiva emitida a petición da Asemblea Xeral da ONU, na que argumentaba a legalidade da declaración de independencia de Cosova. A CIX argumentou que a mesma “non vulnera o Dereito Internacional” e constitúe un “caso excepcional”. Obviamente, esta decisión foi amparada por EEUU e a maioría dos países europeos, sendo rexeitada por Serbia, Rusia, China e outros países.

Pola súa banda, a UE está premendo ás autoridades cosovares para reiniciar unha serie de diálogos e negociacións con Serbia, a fin de acordar aspectos específicos sobre o actual status cosovar. Para Bruxelas, este aspecto resulta igualmente esencial á hora de consolidar as negociacións de admisión serbia cara a UE. Non obstante, a ausencia dun novo goberno en Cosova trala renuncia do ex presidente Sedju e as acusacións de vínculos de Thaci coas redes criminais, son aspectos que  paralizan a posibilidade de negociación con Belgrado.

Neste panorama, a UE aínda non axilizou o proceso de liberalización de visados para Cosova, sendo este territorio o único dos Balcáns en non obter este recoñecemento europeo. Unha razón válida para Bruxelas pode explicarse polo temor a que a liberalización de visados impulse aínda mais o labor das mafias albanesas e cosovares cara Europa.

Outros aspectos dificultan a normal existencia de Cosova como Estado independente. Dende o punto de vista comunicativo, Cosova segue a utilizar os códigos de prefixos telefónicos de Serbia, Mónaco e Eslovenia, mentres os seus deportistas non pode participar oficialmente en ningunha competición internacional.

d) A crise económica e rebelión social

Débese igualmente apreciar a posibilidade de que a crise económica e, incluso, os efectos da rebelión política no Magreb que acabou con presidencias autocráticas en Tunisia e Exipto, podan dalgún xeito reproducirse en Cosova, un dos países mais pobres de Europa.

A finais de xaneiro de 2011, na veciña Albania tiveron lugar unha serie de fortes protestas contra a alza dos prezos dos alimentos, colocando nunha delicada situación ao seu primeiro ministro Sali Berisha. A crise económica e a frustración política tamén están detrás das recentes protestas en Serbia contra o goberno de Tadic. Por tanto, a posibilidade de rebelións populares nos Balcáns son factores que poden ter consecuencias importantes para Cosova.

A pesar do constante apoio financeiro e loxístico da ONU, a situación socioeconómica en Cosova é sumamente complexa, existindo factores que poden espallar a frustración social: un país cun ingreso per cápita de aproximadamente US$ 1.500 anuais, sen tecido industrial relevante, sumamente dependente da axuda internacional e cun escenario económico dominado polas mafias, o tráfico ilícito de mercancías, armas e persoas e o narcotráfico. En determinadas rexións cosovares, o desemprego ascende ao 40% da poboación economicamente activa.

Cosova igualmente adoece dunha infraestrutura física acorde para o funcionamento viable dun Estado sólido e efectivo. Desde 2007, a MINUK impulsa un proceso de descentralización política e administrativa que está encarando serios obstáculos en materia de capacitación profesional, transparencia administrativa e na convivencia normal entre as minorías nacionais e étnicas existentes, especialmente a serbia. Por tanto, existen evidentes claroscuros sobre a pretensión da ONU por asentar unha “democracia multiétnica”, aparentemente inviable.

A única esperanza de desenvolvemento económico para Cosova asóciase á minería, en especial polas súas importantes reservas de carbón, níquel, cinc e ouro. Pero esta posibilidade dilúese ante a falta de estabilidade institucional e política, o deficiente desenvolvemento socioeconómico e o peso das mafias e do narcotráfico.

Ademais de cuestionar o labor da MINUK e da KFOR, a perspectiva de Cosova como “Estado fracasado” supón un escenario que igualmente mina a credibilidade de EEUU e dos seus aliados no empeño por recoñecer e consolidar novas entidades estatais, unha visión que non se aplica noutros casos territoriais, como o saharauí e o palestino, por citar dous casos coñecidos.

IGADI. 21 de febreiro de 2011