IgadiPaper nº67

Distribuir

Distribuir contido

Sucesión no FMI: entre as reformas e a recesión económica internacional

a) Introdución

A dimisión de Dominique Strauss-Khan o pasado 19 de maio como director do Fondo Monetario Internacional (FMI), tras ser acusado dun presunto escándalo sexual, deu paso a que o principal organismo financeiro internacional elixira o pasado 28 de xuño á ministra francesa de Finanzas Christine Lagarde (55 anos) como a primeira muller en dirixir este organismo creado en 1946.

Cun horizonte fixado ata 2016, a elección de Lagarde podería marcar unha nova etapa no FMI e na arquitectura financeira internacional, principalmente ante as demandas propiciadas polo ascenso de potencias emerxentes, como China, Brasil, India e Rusia, á hora da repartición de poder dentro do máximo organismo financeiro internacional, tradicionalmente en mans de EEUU e Europa. Outro aspecto relevante para Lagarde será a recuperación da reputación do FMI, non soamente ante o escándalo que involucrou a Strauss-Khan, senón como medida política para reconducir o proceso de reformas timidamente iniciado polo ex director xeral desde 2007 e o papel da institución nas crises que asolan ás economías desenvolvidas de Occidente.

No marco da actual conxuntura de recesión económica internacional, os retos de Lagarde e dun FMI en proceso de reformas estarán basicamente centrados en propiciar solucións efectivas ante crises financeiras concretas, como é o caso de Grecia, e as súas repercusións económicas, neste caso no marco da zona Euro e da Unión Europea. Paralelamente, a presión por rematar coa preponderancia do dólar estadounidense como moeda de referencia internacional, iniciativa en gran medida liderada por China, e a posibilidade da súa substitución polos Dereitos Especiais de Xiro (DEX), será un aspecto de relevancia para a nova directora xeral do FMI.

b) Os “emerxentes” piden paso

Elixida o pasado 28 de xuño, a ministra francesa de Finanzas, Christine Lagarde, convértese na primeira muller na historia en ocupar a dirección xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), cargo que asumiu o 5 de xullo cun mandato estipulado para o período 2011-2016.

Nunha votación realizada polos 24 membros do Consello Executivo do FMI, que representa aos seus 187 países membros, Lagarde superou ao seu rival, o presidente do Banco de México, Agustín Cartens, cunha ampla votación na que contou cos decisivos votos de EEUU, Europa, Brasil, China e Rusia. Así, Lagarde asentaba o tradicional monopolio europeo na elección da dirección xeral do FMI.

Diversas fontes consideraron que Lagarde foi elixida grazas á súa elevada reputación profesional, con amplo liderado dentro do G-20 e no manexo da crise do Euro, en contraste co perfil máis conservador do seu rival mexicano. Anteriormente, Lagarde converteuse na primeira muller ministra de Finanzas dun país membro do Grupo dos 7 (G-7), integrado polas consideradas potencias máis industrializadas. Polo contrario, Cartens tentou sen éxito converterse no candidato que aparentemente contara  co aval dos países emerxentes que reclaman reformas substanciais no reparto do poder do FMI. Así como os votos das potencias occidentais, o apoio brasileiro e chinés á candidatura de Lagarde decantou finalmente a balanza a favor da ministra francesa.

Lagarde deberá acometer un proceso de reformas internas no FMI iniciado polo seu antecesor Strauss-Khan dende a súa chegada á dirección xeral en 2007. O cambio principal semella orientarse ao reparto de poder no FMI e nos organismos financeiros internacionais. Tradicionalmente, o director do Banco Mundial (BM) recaía nun estadounidense mentres que no caso do FMI, normalmente o candidato elixido era un europeo. Este reparto de poder “occidentalizado” corresponde aos canons de formación do BM e do FMI trala Conferencia de Bretton Woods de 1944, cuxas respectivas sedes están localizadas dende entón en Washington.

Tradicionalmente, dentro do Consello do FMI, o reparto de poder corresponde ao peso proporcional das cotas de capital que achegan os seus países membros. Deste modo, a EEUU corresponde o 17% dos votos e a Europa o 29%, concentrando así unha participación global do 46% que supón unha proporción de votos máis elevada ca o seu peso real na economía mundial, a tenor do ascenso de novos polos de crecemento como China, India ou Brasil. Por tomar un exemplo: China, actualmente a segunda potencia económica mundial, só dispón dun 6% dos votos dentro do FMI, unha proporción que foi aumentada unha vez Strauss-Khan chegara á dirección do FMI en 2007. Entón, China só posuía o 2,9% dos votos dentro da organización.

Baixo esta perspectiva, o representante de Brasil e de varios países latinoamericanos e caribeños no FMI, Paulo Nogueira Batista Junior, considerou que, ante a elevada concentración de votos por parte do Occidente máis desenvolvido, a elección da dirección xeral do FMI aparece así “viciada”. Velaí a pretensión das potencias emerxentes por demandar unha real democratización do poder dentro do FMI, que corresponda tamén co peso económico dos países emerxentes, en especial de Asia e América Latina: segundo datos do propio FMI, actualmente, China posúe máis de US$ 3 billóns en reservas internacionais, mentres as economías latinoamericanas e caribeñas contabilizan US$ 7.000 millóns en reservas. Outras economías asiáticas contabilizarán US$ 1 billón en reservas internacionais a finais de 2011.

Marcando unha nova tendencia no liderado da economía mundial, as potencias emerxentes esperaban moldear un novo FMI que, igualmente, correspondera co seu ascenso noutras organizacións internacionais, como é o caso da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), onde recentemente foi elixido como director xeral o brasileiro José Graziano Da Silva, arquitecto do programa “Fame Cero” do ex mandatario brasileiro Lula da Silva. Un novo test de importancia se observará na elección do próximo presidente do Banco Mundial, o estadounidense Robert Zoellick, cuxo mandato remata no 2012.

Paralelamente, Lagarde deberá lidar coa presumible perda de imaxe do FMI tralo escándalo que involucrou ao seu antecesor Strauss-Khan, cuxa liberdade condicional pode permitirlle regresar a Francia para impulsar a súa carreira política. Fortalecer a lexitimidade do FMI nun momento clave para a economía mundial, precisamente cando diversas perspectivas económicas afirman un novo período de recesión a curto e medio prazo, será unha tarefa igualmente relevante para Lagarde e o seu equipo.

c) Grecia, o FMI e a recesión mundial

De igual importancia que a elección de Lagarde á fronte do FMI, compre considerar a confirmación, o pasado 24 de xuño, do gobernador do Banco de Italia, Mario Draghicomo substituto do francés Jean Paul Trichet á fronte do Banco Central Europeo (BCE) ata 2019. As eleccións de Lagarde e Draghi evidencian o momento de cambios nos organismos económicos internacionais, con clara orientación a acometer a grave crise económica de Grecia e a súa eventual repercusión no escenario europeo, así como dentro da actual conxuntura de recesión económica global.

Un día despois da elección de Lagarde no FMI, o Parlamento grego aprobaba un draconiano programa de axuste macroeconómico ao mesmo tempo que decenas de miles de cidadáns protestaban nas rúas de Atenas contra este programa de austeridade, colocando nunha difícil situación política ao primeiro ministro Giorgios Papandreu. O FMI priorizou a aprobación parlamentaria deste plan como condición necesaria para habilitar un novo rescate financeiro para Grecia, desta vez valorado en 12.000 millóns de euros. En 2010, Strauss-Khan autorizou un rescate financeiro a Grecia de 110.000 millóns de euros, así como un paquete separado de 750.000 millóns de euros para axudar a outras economías europeas en dificultades.

O FMI, o BCE e a Comisión Europea forman parte da “troika” que impuxo a Grecia a adopción deste novo plan de austeridade económica, coa finalidade de amortecer a asfixiante débeda externa grega, calculada en 350.000 millóns de euros. Non obstante, a posibilidade dun “default” ou creba financeira de Grecia, eventualmente diluída nunha crise social e política incontrolable, repercutirá inmediatamente na eurozona e noutras economías europeas en situación crítica, como Portugal, Irlanda, ou en dificultades como Hungría e España.

Pero esta suxeición grega aos ditames do FMI está provocando reaccións contrarias noutros países, un aspecto que Lagarde deberá observar con suma atención. Recentemente, o Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA) de Exipto, institución actualmente gobernante no país árabe trala caída do ex presidente Hosni Mubarak en febreiro pasado, rexeitou un préstamo solicitado de US$ 3.000 millóns por parte do FMI, por considerar que viola a súa soberanía nacional, atendendo ao mesmo tempo á presión exercida nas rúas por milleiros de manifestantes.

De aceptalo, Exipto sería o primeiro país árabe beneficiario das axudas do FMI tralo estoupido da rebelión política e social acaecida nos países do Magreb desde comezos de 2011. O xeneral exipcio Sameh Sadeq, integrante do CSFA, informou que anteriormente o goberno transitorio exipcio rexeitou un paquete de axudas económicas por parte do Banco Mundial. 

Esta negativa exipcia a seguir os ditames do FMI pode influír considerablemente noutros países en situación similar, así como afectar considerablemente a denominada “Asociación Deauville para Medio Oriente”, adoptada en maio pasado polo Banco Mundial, o FMI e outros bancos multilaterais de desenvolvemento, para outorgar préstamos a outros países da rexión.

d) Do dólar ao yuan chinés?

Un recente informe do Banco Mundial, titulado Multipolaridade: a nova economía global, considera que para 2025, a moeda chinesa, o yuan, ocupará unha posición de igualdade conrespecto ao dólar estadounidense e da moeda única europea, o euro, como principal activo de reserva internacional.

As perspectivas dun maior peso das economías emerxentes asiáticas e latinoamericanas no escenario global, coa presumible elección a medio prazo dalgún representante destes países dentro dos organismos financeiros e económicos internacionais, serviría igualmente como medida de presión política para EEUU e Europa a fin de considerar a pretensión do Banco Central de China (BCCh) de fortalecer ao yuan chinés como referencia monetaria global, ou ben para concretar a aparición dunha nova moeda de referencia, denominada Dereitos Especiais de Xiro (DEX), que substitúa a preponderancia do dólar estadounidense nos mercados internacionais.

Por tanto, o próximo quinquenio de Lagarde á fronte do FMI deberá dixerir o inevitable ascenso de China como motor económico mundial, desprazando progresivamente a preponderancia de EEUU e Europa. A pesar de que a súa elección foi igualmente propiciada polos votos de países emerxentes como China, Brasil e Rusia, Lagarde afrontará unha etapa marcada polas reformas cara a democratización no reparto da votación e eventuais cambios na xeopolítica de poder dentro do FMI, onde as novas potencias emerxentes premerán politicamente para alcanzar unha maior proporción de votos que certifiquen o seu ascendente peso económico.

IGADI, 05 de xullo de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº67279.17 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais