images publicacions IgadiPaper68

IgadiPaper nº68

Marrocos: unha reforma de cartón
(14/2011)

Marrocos: unha reforma de cartón

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper68A Cun inédito 98,5% de aprobación, o referendo de reforma constitucional aprobado o pasado 1º de xullo en Marrocos sinala diversos retos políticos nun país clave dentro vaga de acontecementos que ocupan a atención no mundo árabe, en especial ante a guerra en Libia, as complexidades das transicións en Tunisia e Exipto, a cruenta represión en Siria e a incerteza sobre o futuro político en Iemen, en especial ante o retorno do presidenteAbdullah Saleh en medio do pulso interno entre clans tribais e as demandas de cambios políticos.

Esta reforma constitucional supón unha iniciativa clave para o rei Mohammed VI e as elites políticas e administrativas da monarquía marroquí, temerosas de ver reproducido no país magrebí un escenario de convulsión política similar ao acaecido en Tunisia e Exipto, e que levaron ás respectivas caídas dos autócratas Zine el Abidine Ben Alí e Hosni Mubarak. Neste sentido, a contundencia da participación popular (73,5%) e do voto a favor da reforma (98,5%) explícase polo feito de que ningún partido político legalizado e admitido polo poder en Marrocos opúxose á realización do referendo.

Non obstante, poucos cren en realidade que as reformas previstas para asentar as bases dunha monarquía parlamentaria e constitucional en Marrocos supoñan un aliciente para frear as demandas de apertura democrática estipuladas na mobilización de diversos actores opostos a esta reforma “cosmética”, en especial por parte do Movemento 20 de Febreiro (20/F), os partidos de esquerda e outros movementos islamitas ilegalizados polo réxime marroquí. Mentres as mobilizacións e protestas poden espallarse, diversas ONGs denuncian a violación de dereitos humanos en Marrocos, con milleiros de presos políticos e denuncias de censura nos medios de comunicación.

b) Obxectivo: evitar a rebelión

Persuadido por Occidente da conveniencia de levar a cabo unha incipiente reforma constitucional en Marrocos, o monarca alauíta Mohammed VI impulsou o pasado 9 de marzo unha referendo de reforma constitucional, finalmente realizado o pasado 1º de xullo, como iniciativa política para evitar en Marrocos o espallamento da rebelión árabe, que afectara as bases de poder nas que se asenta a monarquía marroquí.

En medio de diversas protestas e mobilizacións contra esta reforma constitucional, en especial impulsadas polo Movemento 20 de Febreiro (20/F), unha plataforma voceira das demandas de apertura democrática de mozos descontentos co sistema político marroquí, xunto a partidos políticos de esquerda, progresistas e islamitas contrarios á monarquía, o rei Mohammed VI tenta tomar a iniciativa cunha reforma que esperta moitos receos en amplas capas da sociedade marroquí.

Basicamente, a reforma, denominada Lei Fundamental, que substituirá a actualmente existente desde 1996, contén escasos cambios substanciais con respecto aoestablishment constitucional e político marroquí que, a grandes trazos, non obstaculiza o funcionamento xeral do seu goberno e do Estado nin o incuestionable poder da monarquía. Estas reformas debuxan cambios formais máis centrados no carácter político-relixioso e espiritual, tal como considerar ao monarca como “inviolable” en vez de “sagrado”, aínda que conserva a súa prerrogativa como Comendador dos Crentes, de máximo director dun novo Consello de Seguridade Nacional e do poder xudicial e da facultade que lle outorga disolver o Parlamento e destituír aos ministros cada vez que considere necesario.

Amparándose no Islam, as reformas tentan vertebrar unha unidade nacional marroquí baseada na relixión, incluso dando curso á concesión do recoñecemento da cooficialidade estatal da lingua bérber, falada por aproximadamente un 60% da poboación marroquí. Finalmente, esta iniciativa recolle a posibilidade de concretar un proceso de descentralización administrativa, con incertas perspectivas de autonomía rexional, claramente orientadas a obstaculizar ou ben sepultar definitivamente a cuestión saharauí e as súas demandas independentistas.

Os resultados do referendo de reforma constitucional tamén provocaron controversias, especialmente ante os índices oficiais de participación e do impresionante, aparentemente, respaldo popular a esta iniciativa. Diversos voceiros do 20/F e partidos de oposición como o Partido Socialista Unificado consideraron que a participación non excedeu o 40% dos electores, e criticaron as presións políticas e as dificultades administrativas para participar nesta consulta, en especial na obtención dunha carta electoral para cada cidadán, documento indispensable e obrigatorio para votar en Marrocos. Incluso denunciaron as arbitrariedades nas eleccións dos presidentes de mesas electorais, todos eles funcionarios do ministerio do Interior, organismo facultado oficialmente para dar curso a esta consulta popular.

Paralelamente, a reforma constitucional identifica unha polarización en aumento en Marrocos. Mentres os opositores protestaron a través de mobilizacións na capital Rabat e en Casablanca, o monarca contrarrestou mobilizando aos seus adeptos, principalmente os sectores tradicionalistas monárquicos e as confrarías relixiosas e tribais afectas ao poder do monarca que, en diversas manifestacións, incluso enfrontáronse violentamente contra os opositores ao réxime marroquí.

O rei Mohammed VI concibe a súa reforma constitucional como un elemento clave para manter a súa estratéxica relación con Europa e EEUU, principalmente en materia comercial, turística, de freo á inmigración ilegal subsaharaiana, de explotación pesqueira e enerxética (principalmente na rexión saharauí) e de cooperación antiterrorista. A rebelión política no Magreb tamén persuadiu a Europa a orientar a súa atención cara Marrocos, pedindo reformas democráticas a fin de non observar unha desestabilización no reino alauíta e a caída dun peón estratéxico clave na área mediterránea.

Non obstante, Occidente aparentemente desoe as denuncias da Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH), que clama polas infraccións aos dereitos humanos, a censura oficial, a falta de liberdade de expresión (especialmente en temas clave como a unidade territorial, a relixión e a monarquía), a masificación de presos políticos e a persecución contra líderes mozos, baixo a sospeita de pertencer ao 20/F.

En particular, e dende que comezou a rebelión árabe en xaneiro pasado e se verificaran as caídas dos autócratas Ben Alí e Mubarak, o réxime marroquí ven barallando unha serie de delicados equilibrios políticos e sociais, a fin de evitar a posibilidade de presentación dun “mártir” político, similar ao caso do tunisiano Mohammed Bouzazi en decembro de 1010, e que prenda a faísca da rebelión e contestación popular en Marrocos. Deste modo, a represión policial e militar ven intensificándose dende febreiro pasado, principalmente contra a mobilización do 20/F, atemorizando igualmente coa perspectiva na opinión pública dunha desestabilización nacional en caso de votar en contra da reforma constitucional.

c) Marrocos ante a rebelión árabe

Resulta evidente que a iniciativa de reforma constitucional impulsada polo monarca Mohammed VI trata de gañar tempo político para evitar unha reprodución en Marrocos dos escenarios de convulsión que se viven actualmente no mundo árabe. Paralelamente, e a pesar da concentración da súa atención cara a resolución da crise económica e do rescate financeiro a países en bancarrota como Grecia, Europa observa con interese a evolución dos acontecementos en Marrocos.

Occidente espera que a reforma marroquí, aínda que cosmética, poida converterse nunha referencia para o mundo árabe, probablemente para evitar que o exemplo das transicións en países como Tunisia e Exipto evidencien un cambio de orientación xeopolítica contraria aos intereses occidentais. Pero o mapa da rexión complícase con focos de inestabilidade de considerable impacto político en diversos países.

A pesar da cada vez maior lexitimidade outorgada aos rebeldes contra o líder libioMuammar al Gadafi, Occidente semella case resignado a aceptar que a guerra en Libia non terá unha pronta resolución e que a fragmentación territorial será un escenario clave a ter en conta a medio prazo. Paralelamente, Occidente non espera ver reproducido en Marrocos o escenario de cruenta represión levado a cabo polo presidente sirio Bashar al Asad, e moito menos da materialización dunha guerra civil de carácter tribal e relixioso en Iemen, abrindo así o camiño dunha “balcanización” ou incluso de “iraquización” na área mediterránea e de Oriente Próximo e o Golfo Pérsico.

Velaí que a reforma marroquí poida, dalgún xeito, servir de referencia a outras monarquías árabes aliadas de Occidente, como Xordania, Arabia Saudita, Omán, Emiratos Árabes e Bahrein, todas elas igualmente en risco de verse sacudidas pola contestación popular e as demandas de apertura democrática real.

IGADI, 13 de xullo de 2011