images publicacions IgadiPaper71

IgadiPaper nº71

Alternancia e estabilidade política en Cabo Verde
(17/2011)

Alternancia e estabilidade política en Cabo Verde

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper71A elección en segunda rolda o pasado 21 de agosto de Jorge Carlos de Almeida Fonseca (60 anos), do opositor e liberal Movemento pola Democracia (MPD), como novo presidente de Cabo Verde, evidencia a consistencia da transición democrática e a normalidade da alternancia política caboverdiana, confirmada a partir de 1990 e que, ao mesmo tempo, constitúe un modelo democrático a nivel rexional, en especial ante a persistencia de conflitos e guerras de diversa índole no continente africano.

Cun 54,45% dos votos e cunha participación electoral que superou en seis puntos á rexistrada na primeira volta, Fonseca venceu ao considerado favorito candidato oficialistaManuel Inocencio Sousa, ex ministro de Asuntos Exteriores e abandeirado do gobernante Partido Africano para a Independencia e Cabo Verde (PAICV), a tolda política do ata agora presidente Pedro Pires (77 anos). Precisamente, Pires foi o rival electoral de Sousa nos anteriores comicios presidenciais de 2006, gañando por unha pequena marxe de 12 dos votos de diferenza. Compre significar que nesta derrota electoral do PAICV, a deserción das súas filas do ex presidente da Asemblea Nacional, Arístides Lima, puido ter a súa influencia.

A saudable transición política e democrática caboverdiana foi inmediatamente confirmada polo recoñecemento da transparencia electoral por parte da Unión Africana (UA) e da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental (CEDAO), presentes nestes comicios a través das súas respectivas misións electorais. Ao mesmo tempo, este proceso electoral confirma a bipolaridade política do arquipélago, concentrada na preponderancia do PAICV e do MPD como principais actores políticos caboverdianos tras a súa independencia en 1975.

Fonseca deberá agora gobernar ata o 2016 cunha Asemblea Nacional maioritariamente controlada polo agora opositor PAICV, un factor que define unha bicefalia no poder que, a grandes trazos, non alterará a consistencia da transición democrática. No plano económico, o novo presidente caboverdiano deberá consolidar un país con notables índices de crecemento e de investimentos estranxeiros que, paralelamente, deberán ser orientados cara criterios de equidade social.

b) Afianzando a estabilidade

Unha lectura preliminar da vitoria de Jorge Carlos Fonseca (MPD) como novo presidente caboverdiano sinala a consistencia do modelo político de transición democrática iniciado polo arquipélago a partir de 1990, tras a celebración das primeiras elección multipartidistas. Deste modo, Cabo Verde transita cara a normalidade democrática, afianzando un modelo político que pode constituír unha referencia significativa dentro do contexto africano.

Fonseca asumirá a presidencia o próximo 9 de setembro. O pasado 6 de febreiro de 2011, nas eleccións parlamentarias á Asemblea Nacional, o PAICV, de filiación socialdemócrata, obtivo a vitoria, co 51% dos votos, que lle outorgan a maioría no Parlamento con 38 dos 72 escanos parlamentarios en disputa. Por vez primeira dende a instauración en 1990 dunha democracia multipartidista, un mesmo partido era reelixido en Cabo Verde. En segundo lugar quedou o MPD co 38% dos votos e 32 deputados, logrando evitar unha maioría absoluta do PAICV. O terceiro partido político con representación parlamentaria foi a Unión Caboverdiana Independente e Democrática (UCID), quen mantivo os seus dous parlamentarios.

O actual mapa político caboverdiano configurouse en maio de 2008, coa celebración dunhas eleccións municipais que reflectiron unha nova correlación de forzas internas. Entón, o MPD  obtivo unha significativa vitoria, ao alcanzar once municipalidades por dez do gobernante PAICV, entre elas as municipalidades mais grandes e importantes do país, como son a capital Praia, Santiago e São Vicente.

Actualmente, Cabo Verde exhibe un marco de estabilidade social e económica, así como de consenso político, en gran medida manifestado polos acordos lexislativos realizados nos últimos anos entre o goberno de Pedro Pires (PAICV) e a oposición, principalmente liderada polo próximo presidente Fonseca e o MPD. En 2007 creouse unha comisión mixta entre o PAICV e o MPD concibida para alcanzar o consenso na aprobación de diversas leis na Asemblea Nacional.

Paralelamente, apreciase unha notoria consolidación do sistema democrático dentro da sociedade caboverdiana. Unha enquisa do Proxecto Afrobarómetro (2011) dirixido por centros universitarios surafricanos e estadounidenses, afirmou que un 34% dos caboverdianos aseguraban vivir “en completa democracia”.

Diversos factores explican esta satisfacción: o incremento do nivel de vida dos caboverdianos e a estabilidade política, aínda que relativamente alterada por acusacións políticas de corrupción ou fraude electoral, cómpre telos en conta. O PIB per cápita dos caboverdianos, calculado en $3.466 (2010), está considerado o máis elevado dos países membros da Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste (CEDEAO). Non obstante, Cabo Verde segue a ser altamente dependente da cooperación internacional e dos seus socios comerciais: un 80% dos seus alimentos son importados.

c) Un socio fiable para o exterior

Ao mesmo tempo, existe unha óptima percepción exterior cara o futuro do arquipélago africano, basicamente determinada polos seus recentes éxitos, principalmente de índole socioeconómica, así como pola súa estabilidade política.

Desde 2007, Cabo Verde conserva o estatuto de “socio comercial especial” da Unión Europea, ampliado cara o status de “asociación estratéxica” a partir de 2008, tras asinar con Bruxelas unha “Declaración Conxunta do Acordo de Mobilidade”, un documento que facilita a circulación de cidadáns caboverdianos en Europa e que permite igualmente unha maior implicación da diáspora caboverdiana no desenvolvemento do seu país.

A cooperación entre Cabo Verde e a UE está contextualizada pola participación do país africano na Asociación Cotonú que Bruxelas leva a cabo con 79 países de África, Caribe e Pacífico (ACP). A actual “asociación estratéxica especial” permitirá no período 2008-2013 o envío ao país africano de 51 millóns de euros, en virtude do Fondo Europeo de Desenvolvemento (FED), mecanismos de financiamento do Cotonú.

A partir de xaneiro de 2008, Cabo Verde pasou de ser membro do grupo de Países Menos Avanzados (PMA) a formar parte dos Países de Desenvolvemento Medio (PDM), segundo a clasificación do Banco Mundial (BM), en gran medida determinado polos seus progresos económicos. Entre os éxitos máis notorios cabe sinalar a redución da inflación que, entre 2006 e 2010, pasou do 6% ao 2,2% actual. Igualmente, o sector turismo, que representa o 18% do seu PIB, creceu a índices anuais do 15,6% desde 2007. No primeiro trimestre de 2011, o turismo en Cabo Verde creceu un 20,4%, coa chegada de 18.840 turistas.

Desde xullo de 2010, en Cabo Verde funciona un centro rexional para desenvolver enerxías renovables en África Occidental, o Centro de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética (ECREEE), un organismo especializado da CEDEAO. Este centro conta co apoio da Organización Industrial das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial (UNIDO) e dos gobernos de Cabo Verde, Austria e España, cunha amplitude cara 18 países da África Occidental. Cabo Verde tamén está apostando decididamente pola enerxía eólica, a través dun plan de investimentos orientados a reducir notoriamente a súa dependencia petroleira.

En materia diplomática, o goberno de Pedro Pires impulsou a ampliación dos seus socios internacionais, con especial énfase en potenciar as relacións bilaterais con China e Brasil, un aspecto que deberá reforzar e ampliar o próximo goberno de Fonseca. No caso brasileiro, o terceiro socio comercial caboverdiano tras Portugal e Angola, o arquipélago asinou en xuño de 2008, a creación dunha comisión permanente de diálogo e cooperación política, a fin de consolidar a Cabo Verde como unha plataforma portuaria e aérea e un centro de desenvolvemento de tecnoloxías da información e da comunicación, con alto nivel de penetración no continente africano.

Ao mesmo tempo, é cada vez maior o impacto dos investimentos chineses en Cabo Verde. En 2008, China investiu US$ 23 millóns en proxectos de desenvolvemento no arquipélago. Para o período 2011-2013, esta cantidade aumentará a US$ 240 millóns, especificamente en sectores como a enerxía e as dotacións marítimas.

Igualmente, o arquipélago caboverdiano comeza a incrementar a súa importancia estratéxica e xeopolítica. En xaneiro de 2008 ingresou no Comando Africano (AFRICOM) promovido por Washington en África Central, así como ven sendo escenario desde 2006 de exercicios navais tanto da OTAN como da Unión Europea. A capacidade diplomática de Cabo Verde vese igualmente confirmada co seu papel de mediador en conflitos rexionais como o de Côte d`Ivoire (2011), coa participación do seu ministro de Asuntos Exteriores,José Brito, como representante da Unión Africana.

d) Os retos de Fonseca

Consolidada a estabilidade política e democrática, o novo presidente caboverdiano deberá agora lidar cunha serie de desafíos que porán a proba a consistencia do seu goberno, en especial no relativo á continuidade dos programas de redución da pobreza. Segundo o Banco Mundial, Cabo Verde experimentou unha redución da pobreza na última década do 36,7% ao 26,65%. Así mesmo, un 84% da poboación caboverdiana está alfabetizada mentres a esperanza de vida aumentou aos 69 anos, o terceiro mais alto a nivel africano.

No aspecto da redución da pobreza, os seus índices vesen mais acentuados no medio urbano que no rural. Localidades como Santo Antão, Paul, Monastérios e o interior das illas de Santiago e Fogo corresponden aos lugares con maiores índices de pobreza, calculados cerca do 50%, mentres Sal e Boavista son as localidades con menor incidencia da pobreza, con 4% e 8% respectivamente. Así, o Banco Mundial considera que o país afronta un difícil panorama en materia de desigualdade socioeconómica, especialmente nas áreas urbanas e rurais, así como entre homes e mulleres e, incluso, entre as diversas illas que conforman o arquipélago.

Noutro apartado, existe igualmente inquedanza respecto ao aumento do narcotráfico, especificamente proveniente de países africanos veciños como Guiné Bissau, pero tamén dende Brasil e Colombia, como porta de acceso cara Europa. Tamén é significativo o papel de Cabo Verde como enlace de tráfico ilegal de persoas, principalmente dende países africanos cara Europa.

Un aspecto de importancia ten que ver con desenvolvemento da numerosa diáspora caboverdiana, que dobra en poboación aos habitantes do arquipélago. A mesma está calculada en aproximadamente 700.000 persoas, principalmente radicadas en Portugal, Países Baixos, Italia e EEUU. As remesas dos emigrantes caboverdianos representan o 12% do PIB do país.

Esta relevancia da diáspora caboverdiana vese politicamente garantida pola súa posibilidade de votar nos comicios internos, un aspecto que obviamente lle confire a capacidade de influír nos resultados electorais. Unha diáspora que igualmente conta cunha importante presenza en Galicia, e que demanda a necesidade de aplicar unha estratexia global por parte de Galicia cara Cabo Verde, con especial énfase en aspectos relevantes para a relación bilateral, como a pesca, a enerxía, o turismo, os servizos e a cooperación ao desenvolvemento.

IGADI, 1 de setembro de 2011