images publicacions IgadiPaper73

IgadiPaper nº73

Un Estado palestino na ONU?
(19/2011)

Un Estado palestino na ONU?

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper73O próximo 23 de setembro, o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP),Mahmud Abbas, elevará ante a ONU a lexítima petición palestina de ser recoñecida como unha entidade estatal independente e con asento permanente na ONU “dentro das fronteiras de 1967”, neste caso os territorios de Xerusalén Oriental, Cisxordania e Gaza. O momento, por tanto, anúnciase histórico para Palestina.

Non obstante, a conxuntura actual presenta un escenario polarizado dentro do Consello de Seguridade da ONU, tanto por parte dos seus membros permanentes como dos membros rotatorios, á hora de votar o eventual recoñecemento dun Estado palestino. A pesar do voto a favor de China e Rusia, e sen saber cal será finalmente a posición de Francia e Gran Bretaña, o recen anunciado veto de EE.UU moi probablemente dirixirá a disputa polo Estado palestino cara a Asemblea Xeral da ONU, onde unha maioría simple podería aprobar a resolución de “estatus elevado de observador” para a ANP ante a ONU. Así e todo, a posición de Washington é a que xera maior controversia e tensión, tendo en conta a súa necesidade de gañar credibilidade cara un mundo árabe convulsionado polos cambios políticos e que votará en masa a favor dun Estado palestino na ONU.

Pola súa banda, e nunha conxuntura marcada pola ausencia de negociacións de paz coa ANP, Israel amósase illada dentro do novo contexto rexional, en especial ante o cambio de orientación xeopolítica de aliados tradicionais de Tel Aviv como Turquía e Exipto, razón pola que deixará en mans de EE.UU a posibilidade de boicotear a proclamación do Estado palestino. Sexa cal sexa a decisión final na ONU sobre o estatuto palestino, o escenario posterior experimentará a renovación das tensións e crises políticas nun Oriente Próximo sumamente convulsionado polos actuais cambios políticos.

b) O poder do veto estadounidense

Tras a Declaración de Independencia palestina de 1988 e ata o momento actual, un total de 124 dos 193 países membros da ONU recoñecen a legalidade do Estado palestino. Igualmente, a ANP ten representacións permanentes en máis de 70 países, así como mantén estatus de observador en entidades como a Organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), a Organización Mundial da Saúde (OMS) e é membro permanente do Movemento de Países Non Aliñados, da Conferencia Islámica, do Grupo dos 77 e da Liga Árabe.

Tras un prolongado período de paralización das negociacións de paz entre Israel e Palestina nos últimos anos, en setembro de 2010 se retomaron as conversacións entre o goberno conservador israelí do primeiro ministro Benjamín Netanyahu, e o presidente da ANP, Mahmud Abbas, fomentadas polo denominado “Cuarteto de Paz para Oriente Próximo”, conformado pola ONU, EE.UU, Rusia e a Unión Europea. Nesas conversas, fixouse para setembro de 2011 a posibilidade de votación e eventual proclamación dun Estado palestino na ONU, razón pola que a ANP intensificou a súa actividade diplomática no período 2010-2011 ante a necesidade de obter o recoñecemento de diversos países, especialmente latinoamericanos.

No contexto actual de cambios no mundo árabe iniciado coas revolucións políticas en Tunisia e Exipto a comezos de 2011, o debate sobre o Estado palestino adquire un rol preponderante para afianzar un novo escenario en Oriente Próximo. En abril pasado, o partido laico palestino Al Fatah e o movemento islamita Hamas acordaron subitamente a creación dun goberno de unidade nacional na ANP, a fin de pechar momentaneamente a crise política e a leve “guerra civil” instalada desde 2007, en aras de acudir “unidos” á ONU para reclamar o Estado palestino.

Paralelamente, a recente xira do primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan por Exipto, Tunisia e Libia, intensificou a necesidade de crear unha especie de eixe rexional que permita premer na ONU pola lexítima proclamación do Estado palestino. Anteriormente, a finais de agosto, o enviado especial chinés para Oriente Medio, Wu Sike, anunciou durante a súa visita a Ramala (Cisxordania) o apoio de Beijing á reclamación palestina, con capital en Xerusalén Oriental e con base nas fronteiras territoriais de 1967 previas á Guerra dos Seis Días.

Non obstante, a votación anúnciase polarizada no seo do Consello de Seguridade da ONU, principalmente entre os seus membros permanentes (EE.UU, Rusia, China, Francia e Gran Bretaña) e os seus actuais membros non permanentes e rotatorios ata finais de 2011 e 2012. A semana pasada, o presidente estadounidense Barack Obama anunciou que Washington vetará na ONU a proclamación do Estado palestino, un factor que desequilibra a balanza e intensifica a polarización e as controversias, colocando a Washington nunha posición sumamente delicada ante o mundo árabe, principalmente pola súa pretensión de “lavar a súa faciana” e gañar credibilidade no contexto de cambios no Magreb e Oriente Próximo.

Mentres Rusia e China xa anunciaron os seus respectivos apoios ao Estado palestino, Francia e Gran Bretaña aínda non aclararon a súa posición, que pode finalmente declinarse cara a abstención, unha inhibición que reforza a polarización interna no seo da Unión Europea sobre o estatuto palestino. Entre os membros non permanentes e rotativos que actualmente forman parte do Consello de Seguridade da ONU, só Brasil e Líbano amosaron o seu apoio ao Estado palestino, mentres Alemaña e Colombia votarán en contra e Portugal formula a posibilidade de absterse.

Pero é precisamente o veto estadounidense o que, con case total probabilidade, levará ao fracaso esta moción sobre o Estado palestino, abrindo así unha próxima crise política no seo da ONU e, colateralmente, nos territorios palestinos de Cisxordania e Gaza e en Oriente Próximo ante a frustración que xerará tal decisión. Incluso, diversos lexisladores en Washington pediron ao goberno de Obama que suspenda a axuda financeira estadounidense á ANP, valorada anualmente en US$ 500 millóns, como evidente medida de presión e persuasión cara Abbas a fin de que este non continúe coa reclamación dun Estado palestino na ONU.

Ratificado o veto estadounidense, barállase a posibilidade de dirixir a reclamación palestina cara a Asemblea Xeral da ONU, onde o voto da maioría simple podería outorgarlle o rango de “estatuto elevado de observador”, similar ao existente con respecto ao Vaticano. Diversos países da UE liderados por Francia persuaden, igualmente, á ANP para que acepte esta posibilidade, con claras pretensións de desactivar momentaneamente o debate e retomar eventualmente as negociacións de paz entre Israel e a ANP.

c) Unha crise á vista

Sexa cal sexa a votación na ONU, o escenario posterior sinala a eventual renovación das tensións en Oriente Próximo, unha rexión xa de por si inflamada polos conflitos, actualmente contextualizados pola “Primavera árabe” que levou ás caídas das presidencias autocráticas de Zine el Abidine Ben Alí en Tunisia e Hosni Mubarak en Exipto, así como á actual guerra civil con intervención da OTAN en Libia, e a práctica caída do réxime de Muammar al Gadafi.

Aínda que a maior parte da sociedade israelí semella a favor dunha solución de “dous Estados”, o goberno de Netanyahu considera a reclamación palestina ante a ONU como unha “decisión unilateral”, incluso ameazando aos palestinos con “perigosas consecuencias”. As tensións están intensificándose entre os colonos xudeus en Cisxordania: segundo a Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCAH), a violencia dos colonos xudeus en Cisxordania está aumentando nos últimos meses, contribuíndo ao desprazamento de varias comunidades palestinas.

Estimase que uns 500.000 colonos xudeus viven en asentamentos ilegais en Cisxordania e Xerusalén Oriental, entre unha poboación palestina de 2,5 millóns de habitantes. Diversos activistas de dereitos humanos informan que en Cisxordania se están formando patrullas de defensa dos colonos xudeus, armados dende Israel,  a fin de actuar na véspera da eventual proclamación dun Estado palestino. Esta inmensa rede de colonias ilegais de xudeus, a presenza militar israelí, a apropiación do 50% dos recursos acuíferos en Cisxordania e a persistencia do ilegal Muro de Contención construído a partir de 2002, fragmenta a xeografía física e humana dos territorios palestinos que, a grandes trazos, dificulta a viabilidade e normal operatividade dun eventual Estado palestino.

Paralelamente, diversas faccións palestinas asentadas en Damasco (Siria), anunciaron o pasado 19 de setembro a súa oposición á decisión da ANP de buscar o recoñecemento do Estado palestino ante a ONU baixo as fronteiras de 1967, por considerar que esta decisión carece “dun consenso nacional” en Palestina e que “cancelaría os dereitos da Palestina histórica”, perpetuando a “colonización sionista” israelí.

Este escenario complicaría o acordo político alcanzado por Al Fatah e Hamas en abril pasado, debido a que poderían renovarse as tensións ante as reclamacións do movemento islamita de non recoñecer ao Estado israelí e de recuperar as fronteiras da Palestina histórica anterior á guerra de 1948 e da entón proclamación do Estado de Israel. Para Abbas, o recoñecemento da ONU dun Estado palestino supón un factor político decisivo que relanza as opcións do seu partido Al Fatah de cara aos próximos comicios presidenciais e lexislativos, previstos inicialmente para 2012.

Paralelamente, Israel tentará manobrar ao seu favor o fait accompli dun non recoñecemento oficial do Estado palestino na ONU, amparado polo veto e a presión política de Washington, como unha medida que reste presión ao seu repentino illamento no contexto rexional de Oriente Próximo, especialmente ante o distanciamento manifestado por dous aliados xeopolíticos e estratéxicos como Turquía e Exipto.

Paralelamente, e a pesar de manterse expectante e pouco ilusionada ante a votación na ONU, a perspectiva dun fracaso sobre o estatuto palestino na ONU intensificaría a frustración na sociedade palestina, sen descartar a posibilidade de renovación dunha “Intifada” ou levantamento popular en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Oriental, unha perspectiva igualmente condimentada polas convulsións derivadas da Primavera árabe.

IGADI, 22 de setembro de 2011