images publicacions IgadiPaper77

IgadiPaper nº77

“Xogos de guerra” entre Irán e EUA
(01/2012)

“Xogos de guerra” entre Irán e EUA

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper77A tensión actual no Estreito de Ormuz ante os exercicios militares levados a cabo pola Armada da República Islámica de Irán, incluíndo importantes ensaios con mísiles de longo alcance, así como a inmediata reacción de Washington apostando por ampliar as sancións contra as exportacións petroleiras iranianas, abre un novo pulso na prolongada confrontación entre Irán e Occidente que, tendo en conta a súa escenificación actual entre o Golfo Pérsico e o Estreito de Ormuz, afectaría sensiblemente aos prezos mundiais de hidrocarburos nunha conxuntura de crise económica global.

Polo Estreito de Ormuz transita, aproximadamente, o 40% do tráfico marítimo petroleiro global, especialmente cara Europa, Oriente Medio e Asia. As advertencias (ata agora incumpridas) por parte de Teherán de pechar o paso marítimo deste estreito podería incrementar nun 20% o prezo mundial do cru, que actualmente cotiza a 108 dólares por barril.

Baixo presión dos republicanos con maioría no Congreso estadounidense, o presidenteBarack Obama asinou o pasado 31 de decembro de 2011 unha lei que busca endurecer as sancións financeiras contra Teherán, especialmente as súas exportacións de petróleo e dificultar o avance do seu programa nuclear. Un factor esencial tendo en conta que Irán é o cuarto produtor mundial de petróleo. Aínda así, os exercicios militares iranianos e as súas intencións de proceder ao bloqueo do  paso no Estreito de Ormuz corresponden mais ben a unha política de disuasión cara EUA e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA). Teherán anunciou recentemente a súa disposición a recomezar as negociacións sobre o seu programa nuclear.

Non obstante, a tensión vense incrementando nos derradeiros meses. Os anuncios públicos por parte de Israel de ultimar plans de ataque contra as instalacións nucleares iranianas “con ou sen o apoio de EUA”, así como ante a recente captura en Irán dun avión espía estadounidense non tripulado, de presuntos espías británicos e de diversos sucesos internos no país persa, como as explosións en instalacións militares, que poden máis ben corresponder a accións de desestabilización dende o exterior, principalmente Israel e EUA, constitúen evidencias claras. Este contexto altera sensiblemente o escenario rexional, convulso pola evolución da denominada Primavera árabe, con especial énfase nos procesos electorais en Exipto, Marrocos e Alxeria, a incerta transición libia e o agravamento da crise política en Siria.

b) Tensando a corda

Durante dez días, entre finais de 2011 e comezo de 2012, a República Islámica de Irán realizou unha serie de exercicios militares navais no estratéxico Estreito de Ormuz, que linda co Golfo Pérsico e o Golfo de Omán, considerados de carácter disuasivo e persuasivo por parte de Teherán, principalmente cara EUA, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e Israel, xunto a Washington o seu principal rival militar e político en Oriente Próximo.

Os exercicios militares iranianos probaron incluso o lanzamento de mísiles de maior alcance, calculado en 200 quilómetros. Esta manobra foi inmediatamente denunciada por Israel como unha ameaza clara. Tel Aviv advertira anteriormente da posibilidade dun ataque militar “preventivo” por parte das forzas armadas israelís contra as instalacións nucleares iranianas. Durante días, especulouse con que o almirante iraniano Mahmud Musavi anunciara un peche do tráfico marítimo no Estreito de Ormuz, o cal provocaría unha inmediata crise enerxética internacional e unha posible reacción militar e política por parte de Washington, presente na zona a través da súa V Flota.

Polo estratéxico paso do Estreito de Ormuz transita aproximadamente 
o 40% do transporte marítimo mundial de petróleo.

A cuestión de fondo é o futuro  do programa nuclear iraniano, trala paralización en 2011 das negociacións entre Teherán e o denominado “Grupo dos Seis” dentro da AIEA, sendo estes os cincos países membros do Consello de Seguridade da ONU (EUA, Francia, Gran Bretaña, China e Rusia) mais Alemaña. Con catro roldas de sancións por parte da AIEA aplicadas contra Teherán nos últimos cinco anos, o pasado 31 de decembro de 2011, o presidente estadounidense Barack Obama anunciou unha ampliación das mesmas, prexudicando as exportacións petroleiras iranianas e a aquelas entidades financeiras públicas ou privadas que negocien co Banco Central de Irán. Por tanto, estas sancións poderían estenderse cara países aliados de Teherán, como Siria e Venezuela.

Tras un período de advertencia, estas sancións de Washington poderían aplicarse nos próximos 60 ou 180 días, ao mesmo tempo que a Unión Europea estuda implementar un embargo ás importacións petroleiras iranianas, un factor que afectaría sensiblemente á esmorecida economía do país persa, sumamente dependente das súas exportacións petroleiras e de gas natural e que amosa un serio panorama de recesión e crise desde 2009. Paralelamente, o eventual peche do Estreito de Ormuz por parte de Teherán dispararía de inmediato (e con cálculos de ata un 20%) os prezos internacionais do cru, un aspecto aínda mais sensible nunha conxuntura de crise económica global. O prezo actual do barril está calculado en aproximadamente 108 dólares.

Neste contexto, Teherán calcula estratexicamente cada paso desta crise, oscilando entre unha política de disuasión e outra de “radicalización” que dende Israel apresuráronse en interpretar como un “síntoma de debilidade” do réxime iraniano. Ao mesmo tempo, o presidente Obama opera un cambio abrupto de posición cara Teherán, principalmente baixo a presión da maioría republicana no Congreso estadounidense, e coa mirada posta nas perspectivas de reelección nos comicios de novembro próximo.

c) Un pulso hexemónico no Golfo Pérsico

Sen sepultar a súa oferta de retornar ás negociacións coa AIEA, Teherán tenta disuadir a Occidente cunha posición de forza que lle permita gañar terreo no escenario diplomático, no eventual suposto de recomezo das negociacións nucleares. O contexto amósase igualmente delicado pola intensificación dunha crise diplomática con Londres e Washington dende decembro pasado, tralo derrube en territorio iraniano dun avión espía estadounidense non tripulado e tralos ataques contra a embaixada británica en Teherán, unha vez as autoridades iranianas capturaran a presuntos axentes británicos infiltrados no seu país.

Desde 2010 son evidentes diversos focos de desestabilización interna en Irán cunha moi posible implicación exterior, presuntamente da man dos servizos secretos israelí e estadounidense. Estes incidentes relaciónanse con diversas explosións en bases militares iranianas no último trimestre de 2011. A presenza militar naval de Washington no Golfo Pérsico e de tropas estadounidenses en países fronteirizos con Irán, como son os casos de Iraq e Afganistán (a pesar dos respectivos anuncios de retiradas militares en curso por parte de Washington) son factores que igualmente intensifican un cerco exterior contra Teherán, moi probablemente manobrado por Washington e Tel Aviv, e con implicación dos seus aliados rexionais, principalmente dos emiratos petroleiros do Golfo Pérsico.

Precisamente, atizar a sensación do perigo provocado pola “ameaza iraniana” supón un aliciente político considerable para “petromonarquías” como Arabia Saudita, Bahrein, Emiratos Árabes Unidos, Kuwait ou Omán, dependentes de Washington en materia de seguridade e apoio militar. Así, estes emiratos buscarían blindar a súa rexión fronte a posible expansión da vaga de cambios políticos orixinada pola Primavera árabe dende o Magreb ata o Golfo Pérsico.

Esta sensación é maior en países como Bahrein, cunha predominante comunidade xiíta (maioritaria en Irán), onde os disturbios de febreiro de 2011, brutalmente reprimidos pola monarquía, contaron co apoio militar saudita e o implícito aval estadounidense. Doutra banda, a contención de Irán é un aspecto clave da seguridade nacional de Arabia Saudita, con especial énfase no equilibrio xeopolítico e militar entre Riad e Teherán no Golfo Pérsico.

Esta perspectiva de contención igualmente cabe referila á actual crise política siria, cuxo presidente Bashar al Asad, un aliado incondicional de Teherán, vese cercado por EUA, Europa e boa parte da comunidade internacional ante a brutal represión levada a cabo polos seus organismos de seguridade contra os sectores opositores desde febreiro de 2011 e que, segundo diversos servizos informativos e ONGs sirias e occidentais, provocaron decenas de miles de mortos. Esta crise aparentemente mantén a Teherán fora de acción no escenario sirio, polo que a eventual caída do réxime de Bashar constituiría unha perda xeopolítica clave para Irán. Velaí porqué Teherán prepárase para un hipotético escenario post-Bashar en Siria.

Pero alén da retórica e dos exercicios militares, resulta pouco probable que Teherán cumpra coas súas advertencias de peche do Estreito de Ormuz, ante a perspectiva de dar curso a unha crise que podería resultar incontrolable e contraproducente. A súa mensaxe semella mais ben marcada pola necesidade de persuadir a Occidente a tomar en serio a potencialidade do programa nuclear iraniano, especialmente ante a actual necesidade occidental de centrar a súa atención en Corea do Norte, trala recente morte do seu líder Kim Jong-Il e as incertezas ante a sucesión a favor do seu fillo Kim Jong-un.

Por outra banda, a implicación chinesa na crise do Estreito de Ormuz e, en menor medida, dunha Rusia actualmente convulsionada polas protestas políticas, contribuiría á resolución desta crise. China e Rusia son socios enerxéticos e militares esenciais para Teherán e amosan unha posición crítica e contraria ás sancións da AIEA e de EUA contra o país persa. Pero crises como estas seguramente se reproducirán a medio prazo, en tanto Washington non asuma unha óptica diferente que non sexa a de intensificar o seu cerco contra Irán, contando co obvio beneplácito israelí e saudita.  

IGADI, 4 de xaneiro de 2012.