IgadiPaper nº85

Distribuir

Distribuir contido

China-Filipinas ¿ás portas da guerra?

a) Introdución

A comezos de abril, un barco de guerra filipino intentou arrestar a un grupo de pescadores chineses que fanaban preto dun territorio, as illas Huangyan, que ambos países reclaman como seu. A rexión ten o potencial para desatar un conflito. A controversia por esta diminuta illa situada no Mar de China meridional foise agravando co paso das semanas dando orixe ao enfrontamento máis serio entre China e Filipinas no mar en anos recentes. 


As illas Huangyan é un grupo de arrecifes e illotes localizado a unhas 550 millas náuticas da illa de Hainan, no sur de China. Coñécense tamén como os arrecifes Scarborough, no espazo do arquipélago das Spratleys. Recentemente, Filipinas pasou a denominalas  Banco Panatag, co obxecto de facer valer o seu reclamo de soberanía, eliminando os sinais de presenza chinesa.

O conflito remóntase aos anos noventa, con incidentes de certa gravidade como os rexistrados en 1998 cando 51 pescadores chineses foron detidos durante preto de seis meses. En maio de 1999, un barco pesqueiro chinés foi cotado e fundido por un barco de guerra filipino. Segundo China, entre 2000 e 2011, máis de trinta barcos pesqueiros víronse involucrados en incidentes coa Armada filipina.

O 9 de maio a maioría das axencias turísticas de China suspendían as viaxes a Filipinas. O día seguinte, o Diario oficial do Exército Popular de Liberación (EPL) aseguraba que “non permitirán que ninguén arrebate a China a soberanía da illa”. O 11 de maio protestas cívicas desenvolvíanse nas rúas de Beijing e Manila. O 12 de maio, o EPL desmentía que unidades militares da provincia de Guangdong e da Flota do Mar de China Meridional entraran en alerta de segundo nivel. O luns 14 Beijing anunciou a imposición dunha veda á pesca na parte setentrional do Mar Meridional de China, incluídas as augas adxacentes a Huangyan, durante dous meses e medio a partir do 16 de maio.

Segundo os especialistas, as augas do Mar de China meridional contan con entre 23.000 e 30.000 toneladas de reservas de cru e 16 billóns de metros cúbicos de gas natural, os cales representan unha terceira parte de todos os recursos petroleiros e de gas do xigante asiático. Velaí a razón última do litixio e a maior dificultade para atopar unha solución diplomática que satisfaga a ambas partes.

En 2002, China e os países da ASEAN (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, siglas en inglés) asinaron unha Declaración sobre a Conduta das Partes no Mar de China meridional prometendo manter a moderación e non realizar actividades que puideran dar lugar a escaladas de tensión. Pero a realidade desmente a boa vontade recollida na literalidade do citado documento.

b) China , ¿un dragón de papel?

China di estar preparada para defender a súa soberanía sobre as illas Huangyan. A vice ministra chinesa de Relacións Exteriores, Fu Ying, declaraba o pasado día 8 de maio que non era optimista sobre o conflito e que China estaba preparada para responder ás provocacións. Nun mes, en tres ocasións reuniuse co encargado de negocios da Embaixada filipinas en Beijing, Alex Chua, sen que os encontros serviran para calmar a situación.

China di que as illas son parte integral do seu territorio dende tempos antigos, pide a Filipinas que retire os seus barcos da zona marítima arredor da illa Huangyan e que non volva a impedir as operacións dos pesqueiros chineses ou a navegación dos barcos do goberno chinés. China enviou misións científicas á zona en 1977 e 1978, completándoas en 1985. En 1994 instalou alí un monumento de cemento. 

En paralelo, Beijing anunciaba que a primeira plataforma de perforación de augas profundas desenvolvida por China entraría en funcionamento o día 9 de maio nas augas do citado Mar, a instancias da CNOCC (Corporación Nacional de Petróleo Submarino de China). Preto do 70 por cento de reservas de petróleo e gas do Mar de China meridional atópase en 1,54 millóns de km2 de rexións de augas con máis de 300 metros de profundidade.

c) Filipinas quer facer valer a súa proximidade xeográfica

Algúns acusan ao presidente Benigno Aquino III de utilizar esta confrontación con China para distraer á sociedade das dificultades internas e reactivar unha popularidade en decadencia. Ata 1997, Filipinas nunca disputara a xurisdición da illa, utilizada en tempos como campo de tiro polas tropas estadounidenses (cando tiñan en Subic Bay a súa maior base naval no estranxeiro). O seu reclamo baséase principalmente na proximidade xeográfica ás súas costas. Manila afirma que as illas atópanse na Zona Económica Exclusiva de 200 millas náuticas do país e reitera que a súa demanda concorda coa Convención de Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. Manila anunciou a China a súa disposición a someter o tema da soberanía sobre esta illa á arbitraxe internacional.

Pola súa banda, China nega que a distancia xeográfica sexa un criterio determinante para definir a soberanía territorial e que como tal non aparece recollido na legalidade internacional vixente. As illas británicas do Canal da Mancha están a menos de 12 millas náuticas da liña costeira francesa, o lugar máis próximo. Algunhas illas territoriais francesas esténdense por todo o Atlántico, ata a liña costeira canadense en América do Norte e incluso no Pacífico. E que dicir das illas Canarias…. Por outra banda, asegura que nos mapas oficiais filipinos de 1981, 1984 e 2006 exclúese a illa Huangyan. O límite occidental do territorio filipino está situado a 118 graos lonxitude este e a illa está a 117 graos 48 minutos lonxitude este …. unha moi fina fronteira.

Polo momento, a ASEAN asegura manterse neutral no contencioso e Hillary Clinton asevera que tampouco tomará partido por unha ou outra parte.

d) China insta a mediación de Estados Unidos

Durante a visita que realizou a EEUU a partir do 7 de maio o ministro de Defensa chinés, Liang Guanglie, a primeira nos últimos nove anos do mais alto cargo deste departamento, solicitou de Washington a súa intervención para relaxar a tensa situación no Mar de China meridional. Á vista do punto morto no que se atopa a disputa entre China e Filipinas, pediu a Washington que xogue un papel máis construtivo. A visita desenvolveuse en paralelo á cuarta tolda do Diálogo Estratéxico e Económico China-EEUU, que reuniu en Beijing a representantes de ambos países.

A Liang acompañárono nesta viaxe os comandantes das importantes rexións militares de Shenyang e Xinjiang, áreas próximas ao noroeste e centro de Asia onde EEUU ten presenza militar. Para os próximos meses están previstas novas visitas de alto nivel: en xullo, Mike Mulen, antigo xefe do Estado Maior Conxunto de EEUU, visitará Beijing e mais tarde farao o secretario de Defensa Leon Panetta.

A relación militar entre EEUU e China é moi inmatura aínda. A confianza mutua é o reto esencial para construír o novo modelo de relacións entre ambos países evitando o fatalismo da confrontación e a traxedia. Non obstante, a fenda de confianza é evidente. Na mentalidade de ambos exércitos están enraizados factores e visións que fan complexas as relacións mutuas. Ambas partes coinciden en que deben pasar do diálogo e visitas recíprocas a compartir actividades militares con outros países da rexión, pero de chegar precisará tempo. 

China asegura que a afirmación de que Washington non toma partido respecto ás disputas no Mar de China meridional é insostible á vista da crecente cooperación militar con Filipinas. A sucesión de manobras militares conxuntas de EEUU con Hanoi ou Manila, ás que respondeu China con exercicios navais con Rusia en augas do Mar Amarelo, revelan a diferenza entre o dito e o feito.

Os principais diferendos que enfrontan a chineses e estadounidenses neste plano están relacionados coas vendas de armas a Taiwán, as actividades de recoñecemento de avións e barcos estadounidenses en China e a vixencia dunha lexislación cautelar que identifica a China como un claro rival estratéxico do que compre protexerse. O anuncio da estratexia de EEUU de regreso a Asia descansa en boa medida na implicación da súa Armada na preservación da liberdade de navegación polas rutas do Pacífico, un argumento que alenta as reivindicacións dos países limítrofes con China que tamén aspiran a beneficiarse dos recursos enerxéticos presentes en territorios disputados.

e) Hipóteses de futuro

¿Arriscarase China a recorrer á forza armada? Polo momento, a actitude de China consiste en instar esforzos diplomáticos, ao tempo que envía buques de vixilancia á zona. China non quere nin admite a internacionalización do problema e nunca  recoñecerá a intervención de terceiros. 

Por outra banda, subestimar a determinación de China nun momento tan delicado da súa transición interna, en vésperas do XVIII congreso do Partido Comunista previsto para outono, pode saír caro. Non acostuma haber titubeos respecto a cuestións relacionadas coa soberanía e o territorio. Este é un tema moi sensible no liderado chinés. As máis graves humillacións sufridas polo país están relacionadas cos gravames territoriais. O recurso á forza será a derradeira opción, pero cabe tomala en serio.

Filipinas seguirá buscando o apoio internacional presentándose como vítima da confrontación. Manila entende que a estratexia de EEUU de volver a Asia pode reportarlle beneficios inmediatos e pula por activar as reclamacións de soberanía fronte a China doutros países do área.

Por razóns internas, a ambos países pode interesarlle manter o pulso en niveis controlables. É pouco probable que dean marcha atrás a corto prazo.

O comercio entre ambos estados ascendeu a 27 mil millóns de dólares en 2010. China é o terceiro socio comercial de Manila. Ambos países fixaran como obxectivo chegar a 60.000 millóns en cinco anos. Preto de 2 millóns de filipinos son de ascendencia chinesa e viven nese pais desempeñando importantes tarefas na economía e na sociedade. 

O 8 de maio, a compañía filipina Philex Petroleum Corporation anunciaba o inicio de negociacións coa CNOOC para a explotación conxunta dun xacemento de gas natural no Mar de China meridional, na concesión de Sampaguita. Esta cooperación, de confirmarse, podería calmar as tensións e marcar o rumbo para unha solución de compromiso. Formalmente, China sempre afirmou a súa disposición para explotar conxuntamente os recursos.

Pero Beijing acusa a Vietnam, Filipinas, Indonesia e Malaisia de explotación ilegal das reservas de petróleo do Mar de China meridional, o que lle priva cada día de 1,4 millóns de barrís que equivalen ao 30 por cento das súas importacións diarias. Razón suficiente para non baixar a garda.

 Igadi, 14 de maio de 2012

AnexoTamaño
IgadiPaper nº85312.16 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais