images publicacions IgadiPaper88

IgadiPaper nº88

Paraguai; crise e implicacións no contexto suramericano
(12/2012)

Paraguai; crise e implicacións no contexto suramericano

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper88

A decisión do Senado paraguaio do pasado 22 de xuño de destituír ao entón mandatario Fernando Lugo, tras unha votación parlamentaria unánime a raíz dunha crise política suscitada pola represión policial dunha mobilización campesiña, abre un compás de incerteza e complexidades políticas para este país suramericano, en especial de cara á celebración das próximas eleccións presidenciais, en principio previstas para abril de 2013.

A nivel rexional, as inmediatas reaccións aos sucesos en Paraguai dan conta do non recoñecemento do novo goberno de Federico Franco, en especial por parte de países como Venezuela, Bolivia, Ecuador, Uruguai e Arxentina. Outros como Brasil, Colombia, Chile e Perú transitaron as súas respectivas posicións entre descoñecer ás novas autoridades paraguaias, manifestar a súa preocupación e criticar a situación de anomalía legal e institucional pero sen adoptar sancións específicas contra o novo goberno de Asunción. A crise paraguaia dominou igualmente o XLIII cumio do MERCOSUR celebrado a finais de xuño en Mendoza (Arxentina), ao que non foi convidado o novo goberno paraguaio, sendo este país temporalmente suspendido do bloque MERCOSUR-UNASUR, aínda que non sancionado.

Con todo, existen síntomas de expectación a nivel rexional que dilúen a posibilidade de adoptar un consenso xeral sobre a crise paraguaia. Os partidos políticos e movementos civís partidarios do ex presidente Lugo así como a maioría dos gobernos suramericanos, non dubidaron en cualificar esta destitución como un “golpe de Estado” de carácter parlamentario. Non obstante, a propia aceptación de Lugo da súa destitución tras un controvertido xuízo político express no Congreso paraguaio amparado baixo parámetros constitucionais, imprime certo carácter de legalidade institucional á súa destitución, sen pasar por iso por alto que a mesma reflicte factores viciados de ilexitimidade e de revanchismo político.

Esta crise revela síntomas dunha polarización emanada das elites políticas e económicas contra a axenda progresista impulsada por Lugo, en especial no que respecta á reforma agraria, que afecta aos intereses dos grandes terratenentes. Ao mesmo tempo, e de consolidarse o goberno de Franco a pesar do seu inmediato illamento internacional, o preocupante exemplo paraguaio podería servir de referencia política para sectores reaccionarios a nivel rexional cos procesos de cambios escenificados en países veciños como Bolivia e Ecuador, sen perder de vista a próxima celebración de eleccións presidenciais en Venezuela.

b) Un “golpe constitucional”?

O controvertido xuízo político express contra o ex presidente Fernando Lugo acaecido no Congreso paraguaio o pasado 21 e 22 de xuño, así como a súa posterior destitución en favor do ex vicepresidente Federico Franco([1]), deixa no tapete unha serie de desequilibrios e polarizacións de carácter político, así como un conxunto de presións sobre o tecido institucional e constitucional que colocan a Paraguai no epicentro dunha crise política interna, con implicacións no escenario rexional, de cara á celebración de eleccións presidenciais previstas para abril de 2013.

Ao mesmo tempo, esta crise política certificou as presións e dificultades de gobernabilidade que tivo que acometer o ex presidente Lugo desde a súa chegada á presidencia en 2008, como líder da plataforma “Alianza Patriótica para o Cambio”, a cal inclúe a diversos partidos e movementos de esquerda, indixenistas e cristiás. Nese momento, Lugo contou co estratéxico apoio do Partido Liberal Radical Auténtico (PLRA), un dos históricos partidos políticos paraguaios xunto ao outrora hexemónico Partido Colorado, este último gobernante no país durante seis décadas. Non obstante, co paso da lexislatura, foi acrecentándose un notorio distanciamento entre Lugo e o PLRA.

Tanto o PLRA como o Partido Colorado conservan a maioría parlamentaria, un aspecto chave que levounos a impulsar toda serie de presións no Congreso para propiciar un xuízo político contra o ex presidente Lugo. Dentro dun marco de diversas acusacións([2]), o suceso detonante da destitución de Lugo foi un confuso incidente acaecido o pasado 15 de xuño nunha invasión de campesiños dunha finca da poboación de Curuguaty([3]), propiedade da familia Riquelme, de coñecidos vínculos co Partido Colorado. Este suceso, aínda non esclarecido, así como a decisión de Lugo de substituír ao ministro do Interior por un membro do Partido Colorado, intensificaron a ruptura definitiva entre Lugo e os liberais, dando curso ás presións destes no Congreso por posibilitar o seu xuízo político.

Nunha lectura estritamente institucional e constitucional, a destitución de Lugo non semella amosar ilegalidade. Impulsados polas presións do PLRA e do Partido Colorado, os dous terzos das forzas parlamentarias e do Senado decidiron o pasado 22 de xuño ampararse no artigo 225 da Constitución paraguaia, que sinala a posibilidade de iniciar un xuízo político contra un funcionario electo no caso de considerárselle responsable dalgún delito([4]). Só a Fronte Guasú, plataforma de partidos de esquerda e centroesquerda creada en 2010, segue a manifestar o seu apoio parlamentario á alianza de partidos de Lugo.

Por tanto, o voto de destitución de Lugo foi case unánime, razón pola que o ex presidente paraguaio respectou esta decisión, probablemente coa finalidade de evitar unha eventual confrontación violenta nas rúas, non sen antes remarcar que sufriu un “golpe de Estado parlamentario” con “profundas feridas para a democracia paraguaia”([5]).

Non obstante, a destitución de Lugo deixa no tapete unha serie de especulacións e expectativas sobre a eventual manifestación de intereses políticos por parte das elites e das oligarquías terratenentes, contrarias á súa proposta de reforma agraria. Diversas ONGs e movementos cívicos dentro e fóra de Paraguai denunciaron a existencia dunha presunta trama de intereses por parte de grandes produtores brasileiros establecidos en Paraguai, a fin de  introducir e sementar a produción de soia transxénico.

Así mesmo, outro factor que explicaría a destitución de Lugo derívase da oposición á reforma agraria orientada a acabar co desigual reparto das terras: un 85% das mesmas están en mans dun 2% de propietarios pertencentes a unha oligarquía terratenente([6]) moi vinculada cos partidos políticos tradicionais, coa cúpula eclesiástica e coas forzas armadas. Esta implicación de terratenentes brasileiros aliados coa oligarquía local ven provocando diversas tensións cos movementos campesiños que defenden a reforma agraria. Este conflito no rural paraguaio é latente ante a presenza de forzas paramilitares de defensa dos sectores oligarcas e que, aparentemente, escapan á autoridade estatal e institucional.

c) Sudamérica contra Franco

Mentres nas rúas paraguaias están organizándose protestas e manifestacións por parte dos movementos e partidos simpatizantes con Lugo en rexeitamento do que consideran un “golpe de Estado parlamentario”, as inmediatas reacciones dende o exterior contrarias á destitución de Lugo sinalan complicacións para o actual goberno de facto de Federico Franco que podería verse illado rexionalmente, un aspecto sensible para Paraguai no marco do MERCOSUR, debido á súa dependencia económica deste bloque de integración.

Desde Bos Aires, a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner cualificou sen ningún tipo de ambigüidades esta destitución como un “golpe de Estado”, retirando ao seu embaixador en Asunción. As palabras de Cristina K foron secundadas polo seus homólogos venezolano Hugo Chávez, o ecuatoriano Rafael Correa, o boliviano Evo Morales e o uruguaio José Mújica. Pola súa banda, a presidenta brasileira Dilma Roussef igualmente condenou a destitución de Lugo, negándose a recoñecer ao novo goberno pero sen anunciar sancións contra Paraguai, toda vez que diversos sectores políticos en Brasilia premían pola expulsión paraguaia do MERCOSUR.

Desde a perspectiva xeopolítica, a posición e implicación de Brasil e Arxentina na crise paraguaia son factores sumamente importantes que poden clarificar o panorama, a tenor das súas respectivas influencias política e económica neste pequeno país. Outros veciños como Chile, Perú, Colombia e Bolivia amosaron a súa preocupación pola estabilidade institucional e social en Paraguai, criticando ao mesmo tempo a destitución de Lugo.

A crise paraguaia dominou igualmente a axenda do XLIII cumio do MERCOSUR celebrado o 27 de xuño en Mendoza (Arxentina), e que tiña como tema central a posibilidade de adoptar un acordo comercial con China, a resultas da recente visita a Arxentina do primeiro ministro chinés Wen Jiabao. A este cumio non foi convidado o novo goberno de Franco([7]), aínda que tampouco acudiu o ex presidente Lugo, sendo substituído polo seu ex chanceler Jorge Lara Castro. Unha reunión de ministros de Exteriores da UNASUR considerou a destitución de Lugo como unha “manobra antidemocrática”.

Paraguai corre o risco de verse temporalmente expulsado do MERCOSUR e, incluso, da UNASUR, toda vez o actual presidente Franco manifeste a súa vontade de cumprir co resto do mandato presidencial, que expira a mediados de agosto de 2013, pouco despois das eleccións presidenciais previstas para abril do próximo ano. Non obstante, a posición de Brasil e a súa destreza á hora de acordar consensos e equilibrios seguramente será o factor chave que permita dirimir unha solución política á crise paraguaia, incluso albiscando a perspectiva dun eventual adianto electoral presidencial para finais de 2012.

d) Un pernicioso “exemplo” rexional

Non deixa de ser relevante que a destitución de Lugo podería servir de referencia para outros sectores reaccionarios e opositores con presidentes progresistas e de esquerda existentes a nivel rexional, como poden ser os casos de Bolivia, Ecuador ou Venezuela.

Neste sentido, e a pesar de revestirse dun marco legal e constitucional, a crise paraguaia reproduce outras situacións de alteracións da orde legal, constitucional e institucional anteriormente existentes na rexión, como foron os casos do golpe contra Chávez e a súa a breve remoción do poder en abril de 2002; as tensións secesionistas no Oriente boliviano contra o goberno de Evo Morales a partir de 2006, referendo revogatorio mediante; o golpe contra o ex presidente hondureño Manuel Zelaya en xullo de 2009; e os confusos incidentes de confrontación policial, con claro carácter golpista, realizados contra o presidente ecuatoriano Rafael Correa en setembro de 2010.

Compre sinalar que, en paralelo á crise paraguaia, na veciña Bolivia se presentaba desde mediados de xuño un confuso motín policial con implicacións sediciosas, un suceso con síntomas similares ao ocorrido en Ecuador en 2010 contra o presidente Correa. Nun marco de espallamento de diversas protestas sociais e indíxenas, no caso boliviano vense denunciando, a través dunha Rede de Intelectuais e Artistas. En defensa da Humanidade([8]), presuntos plans sediciosos por parte de “forzas golpistas de dubidosa orixe que tentan sumarse a reivindicacións sociais lexítimas para xerar condicións de desestabilización xeral”.

A curto e medio prazo, resta observar cal será o verdadeiro peso e influencia da UNASUR e do MERCOSUR e, particularmente, de actores externos como Brasil e Arxentina, á hora de solucionar a crise paraguaia respectando os compromisos de legalidade democrática. Por tanto, e a pesar de non recoñecer a lexitimidade do goberno de facto de Franco, os organismos rexionais e os países implicados na crise paraguaia deberán medir con cautela os efectos da consolidación do novo goberno en Asunción ata a celebración de eleccións presidenciais, especialmente se este escenario estaría lexitimando unha especie de “golpe legal e constitucional” con perniciosas repercusións noutros ámbitos e contextos hemisféricos, así como na consolidación da arquitectura democrática en América Latina.

 

IGADI. 2 de xullo de 2012.


([1]) Ex vicepresidente e ex aliado político de Lugo, Federico Franco provén dunha familia política moi vinculada ao Partido Liberal Radical Auténtico (PLRA). Franco é considerado un político achegado aos sectores privados e empresariais e á oligarquía terratenente. Desde 2003 existen diversas acusacións contra a súa familia por casos de presunto nepotismo e tráfico de influencias. Para observar o seu perfil político, consultar o enlace: http://www.americaeconomia.com/politica-sociedad/politica/conozca-el-perfil-del-nuevo-presidente-de-paraguay-de-aliado-rival-de-lug

([2]) Ao ex presidente Lugo se lle acusou, entre outras cousas, de ser responsable da crecente inseguridade cidadá no país e de presuntos vínculos con grupos guerrilleiros; de alentar a invasión dunha finca privada na localidade de Ñacunday; de permitir o uso dun cuartel militar en 2009 para celebrar un acto político coa mocidade de esquerda; e da firma do Protocolo de Ushuaia II do MERCOSUR, adoptado en decembro de 2011 en Montevideo (Uruguai) que establece a eventual adopción de sancións e posible expulsión temporal dun país membro onde se manifeste unha ruptura da orde democrática e da legalidade institucional. Os sectores reaccionarios e opositores consideraron que este protocolo atenta contra a soberanía de Paraguai. Para revisar o contido destas acusacións, recoméndase a lectura do artigo de RAMOS, Felipe, “Paraguay: el golpe legal y la amenaza a la democracia en América Latina”, América Economía, 26 de xuño de 2012. Ver en: http://www.americaeconomia.com/analisis-opinion/paraguay-el-golpe-legal-y-la-amenaza-la-democracia-en-latina

([3]) Os enfrontamentos entre forzas policiais e campesiños sen terra deixaron seis policías e unha ducia de campesiños mortos, así como decenas de feridos. Os sectores opositores a Lugo, en especial do PLRA, acusaron ao ex presidente de responsabilidade no confuso suceso, incluso sinalando insólitas acusacións da “capacidade de fogo” e armamento por parte dos campesiños, argumentando unha presunta infiltración da guerrilla do Exército do Pobo Paraguaio (EPP), presuntamente con conexións coas FARC colombianas. Unha análise pormenorizada do contexto político que levou á destitución de Lugo pode atoparse no revelador artigo de VERA, José Antonio, “Paraguay: el golpe anunciado”, Brecha (Uruguai), Nº 1.387, 22 de xuño de 2012, páxina 40.

([4]) HERNÁNDEZ, Vladimir, “En Paraguay no hubo golpe ni quiebra institucional”, BBC Mundo en español, 23 de xuño de 2012. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2012/06/120623_paraguay_nuevo_gobierno_franco_vh.shtml

([5]) Tras aceptar a súa destitución, Lugo acusou directamente ao millonario Horacio Cartes como o perpetrador da súa caída política. Pre-candidato a presidente polo Partido Colorado e propietario de grandes extensións de terras, Cartes é acusado de presuntos vínculos co narcotráfico e co contrabando dende Brasil. Ver o artigo de CÉSPEDES, Rubén, “El lado oscuro de Horacio Cartes”, ABC (Paraguai), 14 de xaneiro de 2011. Ver en: http://www.abc.com.py/edicion-impresa/opinion/el-lado-oscuro-de-horacio-cartes-207834.html

([6]) “Agronegocios, acaparamiento de tierras y transgénicos detrás del golpe en Paraguay”, GRAIN (España), 25 de xuño de 2012. Ver en: http://www.grain.org/es/bulletin_board/entries/4533-agronegocios-acaparamiento-de-tierras-y-transgenicos-detras-del-golpe-de-estado-en-paraguay

([7]) Os ministros de Exteriores dos países membros e asociados do MERCOSUR adoptaron o 29 de xuño de 2012 o acordo de suspender a participación de Paraguai. De forma temporal, o lugar de Paraguai foi substituído por Venezuela, o cal deu pe na prensa paraguaia a considerar que neste cumio se oficializaría o ingreso venezolano no MERCOSUR. O actual presidente Franco considerou que Venezuela estaba interferindo na crise paraguaia a través do MERCOSUR. Para maior información, consultar o artigo de GUERRERO, Pablo, “Cancilleres suspenden a Paraguay y los presidentes deben ratificar”, ABC (Paraguay), 29 de xuño de 2012. Ver en: http://www.abc.com.py/edicion-impresa/politica/cancilleres-suspenden-a-paraguay-y-los-presidentes-deben-ratificar-420090.html

([8]) "Paremos el golpe de estado en Bolivia", Rebelión (España), 27 de xuño de 2012. Ver en: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=152087