IgadiPaper nº91

Distribuir

Distribuir contido

III Cumio América Latina-Países árabes (ASPA)

Lima, 1-2 de outubro de 2012
 
a) Introdución

A capital peruana Lima acolleu entre o 1 e 2 de outubro o III Foro de Coordinación Política América do Sur e Países Árabes (ASPA), nun principio programado a celebrarse en febreiro pasado pero finalmente suspendido pola inestabilidade e os acontecementos políticos acaecidos no mundo árabe desde 2011. Desde a súa creación en Brasilia en 2005, os tres cumios ASPA reuniron a altos representantes dos 22 países membros da Liga Árabe e dos 12 países pertencentes á Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR).

Nesta oportunidade, e baixo o lema “Unha cultura de paz, inclusión e desenvolvemento”, este cumio centrouse principalmente na concreción de mecanismos de cooperación económica, coa celebración paralela do III Encontro Empresarial América do Sur e Países Árabes, que reuniu a máis de 400 empresarios de ambas rexións.

Así e todo, o contexto político actual ocupou un lugar preponderante neste cumio, á vista da ausencia de Siria e Paraguai, países respectivamente suspendidos tanto da Liga Árabe e de UNASUR, o primeiro polo conflito interno que confronta o presidente Bashar al Asad con diversos grupos rebeldes e, no caso paraguaio, pola destitución vía lexislativa en xuño pasado do entón presidente Fernando Lugo, substituído dende aquela polo ex vicepresidente Federico Franco. Deste modo, foron notorias as ausencias de xefes de goberno e de Estado neste cumio ASPA, principalmente no caso árabe.

Coa celebración deste encontro en Lima, o Cumio da ASPA consolida a súa posición dentro do escenario internacional como un foro de consulta e cooperación Sur-Sur, prevalecendo as perspectivas e demandas emanadas dos países en  desenvolvemento. Cómpre sinalar que este foro alberga a países emerxentes a nivel global, como é o caso de Brasil, con outros actores que comezan a evidenciar un peso rexional cada vez mais preponderante, como é o caso de Catar dentro do mundo árabe, sen esquecer a presenza de países líderes en produción de petróleo e gas natural, como son os casos de Venezuela, Arabia Saudita, Bolivia, Iraq, Kuwait e Emiratos Árabes Unidos, entre outros.  

b) Ausencias nun contexto de cambios

Cabe destacar o contexto rexional e internacional no que se desenvolveu o Cumio ASPA recentemente celebrado en Lima. O Foro ASPA reúne aos 22 países da Liga Árabe, é dicir, Alxeria, Bahrein, Illas Comores, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Iraq, Xordania, Kuwait, Líbano, Libia, Mauritania, Marrocos, Omán, Palestina, Catar, Arabia Saudita, Somalia, Sudán, Siria, Tunisia, Iemen e Djibuti. Complétase cos doce países membros da Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR), isto é, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Guiana, Paraguai, Perú, Surinam, Uruguai e Venezuela.

A significación deste foro determínase por incluír dous espazos xeopolíticos en ascenso, con son América do Sur e o mundo árabe, con fluídas relacións históricas a nivel de emigración (a emigración árabe é importante en países como Brasil, Arxentina, Chile, Colombia e Venezuela) e de relacións enerxéticas (a través da OPEP). O Foro ASPA agrupa un mercado de máis de 550 millóns de habitantes, con países emerxentes no contexto internacional como Brasil e o outros con elevadas rendas per cápita, como é o caso de Catar, que posúe o maior PIB per cápita a nivel mundial, cifrado nuns US$ 100.000.

Non obstante, os aspectos conxunturais emanados dos contextos rexionais en América do Sur e no mundo árabe, imprimiron o seu selo neste III Foro ASPA de Lima, especialmente no que atinxe á ausencia de xefes de Goberno e de Estado. Por parte árabe participaron o rei de Xordania, Abdullah bin al-Hussein; o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas; o emir de Catar, Hamad bin Jalija al Zani; e os presidentes de Tunisia, Moncef Marzouki e de Líbano, Michel Sleiman. Un total de 16 países árabes enviaron aos seus respectivos ministros de Asuntos Exteriores ou ministros de Estado mentres Djibuti e Sudán enviaron a embaixadores. Siria non participou por estar expulsada da Liga Árabe mentres Somalia non confirmou a súa participación no foro de Lima.

Por parte da UNASUR destacaron a presenza en Lima das presidentas de Brasil, Dilma Roussef e de Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, así como os mandatarios de Colombia, Juan Manuel Santos; de Chile, Sebastián Piñera; de Bolivia, Evo Morales; de Ecuador, Rafael Correa; e de Uruguai, José Mujica; e obviamente do presidente anfitrión, o peruano Ollanta Humala. A ausencia mais destacada pro parte sudamericana foi a do presidente venezolano Hugo Chávez, tradicional impulsor deste foro e das relacións co mundo árabe, inmerso na campaña electoral presidencial no seu país ante os comicios do próximo 7 de outubro. O seu lugar foi ocupado polo ministro de Exteriores, Nicolás Maduro.

Tamén foi notoria a ausencia de Paraguai, preventivamente suspendido de participación na UNASUR trala destitución lexislativa en xuño pasado do ex presidente Fernando Lugo, sendo desde entón substituído polo ex vicepresidente Federico Franco. Igualmente, ao cumio de Lima non asistiu a presidencia de Surinam, sendo substituída polo seu embaixador Errol Alibux.

A Declaración de Lima subscrita e asinada o martes 2 de outubro recolle uns 70 puntos. Neles se destacan aspectos relativos á coordinación política, económica, financeira, cultural, educativa e de medio ambiente, así como a solución pacífica de controversias, a necesidade de fortalecer os mecanismos do multilateralismo e parágrafos específicos relativos á condena da situación interna en Siria pola intensificación do conflito iniciado en febreiro de 2011; e de apoio a Palestina, que volverá a presentar a súa lexítima demanda de recoñecemento ante a Asemblea Xeral da ONU, desta vez baixo a categoría de “país asociado non membro”.

c) Integración sudamericana e Primavera árabe

O Foro ASPA de Lima estivo igualmente condicionado polas respectivas conxunturais rexionais en América do Sur e o mundo árabe. No primeiro caso cómpre facer mención do fortalecemento dos mecanismos de integración sudamericana, cun peso específico no marco de actuación da UNASUR sen esquecer a persistencia doutros foros como MERCOSUR, a Comunidade Andina de Nacións (CAN) e a Alternativa Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA). A crise paraguaia de xuño pasado puxo a proba a consistencia tanto da UNASUR e do MERCOSUR, con especial énfase á hora de suspender a participación do novo goberno paraguaio de Franco.

Ao mesmo tempo, a conxuntura sudamericana está determinada polo inicio a partir do próximo 8 de outubro en Oslo do proceso de negociación de paz entre o goberno colombiano e as guerrillas das FARC e do ELN, un escenario que igualmente involucraría a participación e atención por parte dos gobernos de Venezuela, Ecuador e Perú. Noutro contexto, as eleccións presidenciais venezolanas previstas para o próximo 7 de outubro igualmente constitúe un tema central de atención, en particular ante a perspectiva de reelección do presidente Chávez. Finalmente, o cumio de Lima veu precedido por unha renovación das tensións limítrofes entre Bolivia e Perú con Chile,  ante das demandas de La Paz de saída ao mar.

Con maior intensidade que no contexto suramericano, a situación no mundo árabe ocupou un lugar central nas discusións do Foro da ASPA en Lima, en particular a crise interna que vive Siria desde febreiro de 2011. Con especial impulso por pare de Arabia Saudita e Catar, países con intereses directos no conflito sirio, a Liga Árabe expulsou ao goberno de Damasco mentres ven amosando unha forte contrariedade e confrontación co goberno sirio de Bashar al Asad.

A dinámica e as incertezas ante os cambios políticos acontecidos no mundo árabe desde comezos de 2011 determinaron en gran medida as ausencias deste foro da ASPA en Lima. A situación en Exipto (e por conseguinte en diversos países islámicos) ante as protestas pola emisión en EEUU dunha gravación considerada ofensiva sobre a figura de Mahoma expresa igualmente un pulso de poder entre a gobernante Irmandade Musulmá e grupos islamitas de corte salafista radical como Al Nur, sempre baixo a atenta mirada do poderoso estamento militar exipcio así como de EUA e Israel, tradicionais aliados do Cairo.

Igualmente, Libia ven vivindo nas últimas semanas unha renovación da confrontación entre milicias armadas e eventualmente grupos salafistas radicais, que levaron a comezos de setembro ao asasinato do embaixador estadounidense na cidade de Bengasi. Ao mesmo tempo, o mundo árabe está pendente da evolución da crise nuclear entre Irán, Israel e Occidente, neste caso coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) non centro de atención. Finalmente, cabe facer mención do problema palestino, aparentemente atomizado no contexto rexional pola preponderancia da Primavera árabe pero que manifesta unha renovación das súas históricas demandas de recoñecemento estatal na Asemblea Xeral da ONU.

d) Fortalecendo un mundo Sur-Sur

Desde a súa creación no Cumio de Brasilia en 2005, con gran impulso do entón presidente brasileiro Lula da Silva, o Foro ASPA ven consolidando a súa presenza no concerto internacional. En marzo de 2009 celebrouse o II Foro ASPA en Doha (Catar), con especial énfase na remodelación da arquitectura financeira internacional e na adopción do proxecto da Alianza de Civilizacións.

Os Foros ASPA veñen prestando especial atención a unha mellor coordinación política orientada a revitalizar diversos postulados do Movemento dos Non Aliñados, agora concretados na intensificación da cooperación Sur-Sur en diversos foros e organismos internacionais, principalmente coa finalidade de remodelar o sistema internacional e potenciar as demandas dos países en desenvolvemento. Na perspectiva de recrear un novo modelo de desenvolvemento global e unha maior pluralidade nas relacións internacionais, estes foros reivindican o fomento do multilateralismo, da solución pacífica de controversias e as críticas ao unilateralismo e á excesiva hexemonía occidental, así como tamén afondan nas causas da actual crise internacional e desenvolven iniciativas de cooperación económica, financeira, cultural e educativa.

A celebración no cumio de Lima do III Encontro Empresarial América do Sur e Países Árabes, coa participación de máis de 400 empresarios árabes e suramericanos, imprimiu un carácter de maior cooperación económica, especialmente na área agroindustrial e na concreción de fondos de investimentos. Do mesmo xeito, está en perspectiva a eventual apertura de embaixadas conxuntas entre UNASUR e a Liga Árabe.

O factor inmigración ten unha especial incidencia na concreción dos Foros ASPA, á vista da notable presenza de inmigración árabe en América Latina. Calcúlase en aproximadamente 20 millóns a cifra de emigrantes árabes e descendentes en América Latina, principalmente de orixe siria, libanesa e palestina, e con especial incidencia en países como Brasil, Arxentina, Chile, Venezuela, Colombia e México. Aínda que virada en causas mais económicas que políticas, a emigración árabe en América Latina é resultado dun proceso histórico de gran intensidade entre 1860 e 1918, coa crise e caída do Imperio otomán, e principalmente trala creación do Estado de Israel en 1948, especialmente no caso palestino.

Esta emigración imprime unha valiosa pegada económica, social, cultural e incluso política nos seus países receptores. Paralelamente, países produtores de petróleo como Venezuela posúen unha tradicional apertura cara o mundo árabe a través da creación da OPEP en 1960 e, na actualidade, co constante apoio político do presidente Chávez á causa palestina e a diversas demandas do mundo árabe. Estas variables converxen para consolidar o Foro ASPA como unha referencia da cooperación Sur-Sur nun mundo cambiante.

 

IGADI. 3 de outubro de 2012

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº91319.53 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais