images publicacions IgadiPaper93

IgadiPaper nº93

Eleccións municipais en Brasil: Unha chamada de atención para o PT

(17/2012)

Eleccións municipais en Brasil:
Unha chamada de atención para o PT

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper93

Os comicios municipais celebrados en 5.000 alcaldías brasileiras o pasado 7 de outubro confirmaron un clima de notoria atomización e fragmentación política a nivel nacional, un aspecto que implica diversos e novos retos para o gobernante Partido dos Traballadores (PT), para a presidenta Dilma Rousseff e para os diversos actores políticos brasileiros, con especial incidencia de cara ás eleccións lexislativas e presidenciais previstas para 2014.

Así e todo, a tendencia política principal destes comicios denota unha preponderancia dos partidos de esquerda no plano municipal brasileiro, con especial incidencia na preponderancia de formacións políticas como o PT, o Partido Socialista Brasileiro (PSB) e o centroesquerdista Partido do Movemento Democrático Brasileiro (PMDB). No marco da oposición, igualmente sae reforzado o Partido Social Democrático do Brasil (PSDB), ideoloxicamente socialdemócrata pero con tendencia cara o centrodereita e que erixiuse como o principal contrincante electoral do PT na última década.

O epicentro de atención destes comicios municipais centrouse nas contendas electorais celebradas en estados e cidades estratéxicas como São Paulo, Río de Janeiro, Porto Alegre, Belo Horizonte, Salvador e Recife. Tras os resultados destas eleccións, un total de 50 municipios deberán afrontar unha segunda volta electoral prevista para o próximo 28 de outubro, unha vez as candidaturas gañadoras non obtiveron maiorías suficientes (absolutas). Neste sentido, o test político principal radicou na disputa electoral a nivel nacional entre o gobernante PT o PSDB, liderado polo ex candidato presidencial José Serra, con especial incidencia no estado de Săo Paulo. Aquí, Serra obtivo o triunfo co 30% dos votos pero deberá competir pola alcaldía en segunda rolda co candidato Fernando Haddad (PT), quen alcanzou o 28,8%

O panorama político postelectoral suxire diversos retos para Rousseff e o PT, en especial á hora de configurar alianzas políticas tanto a nivel municipal como de cara ás eleccións lexislativas e presidenciais de 2014, con especial atención ao presumible ascenso de liderados como o mencionado Haddad e o impacto que isto tería en formacións como o PSB e o PMDB, aliados do PT en diversos municipios que irán á segunda volta o próximo 28 de outubro. Un caso particular é o ascenso de Eduardo Campos (PSB), gobernador do estado de Pernambuco e que comeza a erixirse como un eventual candidato presidencial, con pretensións de por remate á condición “satélite” do PSB.

Paralelamente, o PT vese inmerso no escándalo de corrupción popularmente denominado mensalão, que explotou a partir de 2005 durante a xestión do ex presidente Lula da Silva (2002-2010). Este escándalo abunda nun presunto desvío de fondos públicos para obter votos parlamentarios e implica a altas personalidades “petistas” como o ex ministro José Dirceu, o ex presidente do partido e actual asesor do ministerio de Defensa José Genoino e o ex tesoureiro, Delubio Soares. En total, no mensalão foron acusados de corrupción 22 dos 37 procesados.

b) O “mensalão” e o ascenso do PSB

O factor distintivo dos comicios municipais celebrados en Brasil o pasado domingo 7 de outubro radica na consolidación a nivel nacional dun amplo abano de partidos políticos con tendencia cara a esquerda. Neste sentido, o gobernante Partido dos Traballadores (PT), o Partido Socialista Brasileiro (PSB), o Partido do Movemento Democrático Brasileiro (PMDB) e o abertamente opositor Partido Social Democrático do Brasil (PSDB), obtiveron diversas ganancias electorais que clarifican un panorama político igualmente atomizado.

Non obstante, estes comicios municipais reflectiron tamén un test electoral para o PT, principalmente por realizárense na metade do mandato presidencial de Dilma Rousseff, abrindo así un compás de espera de cara aos próximos comicios lexislativos e presidenciais previstos para 2014. Se ben Rousseff e o PT seguen a conservar sólidos índices de popularidade, mobilizados polo crecemento económico, o alcance dos programas sociais, a consolidación dunha ascendente clase media e un peso maior de Brasilia nos foros internacionais, estes comicios municipais igualmente significaron diversas variables que colocan ao PT ante importantes dilemas políticos.

O principal test para Rousseff e o PT cifrouse no impacto electoral que tería o escándalo de corrupción, coloquialmente denominado mensalão, en especial de cara á mobilización de votantes e na consolidación (ou eventual ampliación) das alianzas electorais do partido gobernante en diversos estados brasileiros. Entre outros, o mensalão implicou directamente a “pesos pesados” do PT como o ex ministro da Casa Civil de Brasil, José Dirceu, acusado recentemente de corrupción polo Tribunal Supremo ao igual que o ex tesoureiro do PT, Delubio Soares. O impacto do mensalão gravitou directa ou indirectamente na campaña electoral do PT de cara a estas municipais, factor que obrigou ao ex presidente Lula da Silva (actualmente convalecente dun cancro de larinxe) a implicarse directamente xunto a Rousseff na campaña electoral do seu partido, coa finalidade de mellorar a imaxe electoral da súa formación e mobilizar o seu caudal de votos.

Así e todo, o mapa postelectoral sinala diversos escenarios políticos para o PT e os seus movementos aliados. Cobra importancia o ascenso do gobernador do estado de Pernambuco, Eduardo Campos (PSB), tradicional aliado de Lula e Rousseff. Con seis gobernadores, 30 deputados federais e 400 alcaldías gañadas o pasado 7/O, o PSB de Campos pode erixirse como un futurible candidato presidencial que compita con forza co PT eventualmente no 2014 ou nos comicios de 2018, en caso de non renovar a súa alianza co PT.

En estados como Recife e Belo Horizonte, o PSB de Campos logrou impoñer as súas candidaturas por riba das inicialmente deseñadas por Lula dentro da coalición PT-PSB. Incluso, no caso de Belo Horizonte, o PSB de Campos aliouse co candidato do partido opositor PSDB, o ex senador Aecio Neves, para afianzar a súa vitoria ao mesmo tempo que o PT mantivo un notorio distanciamento co seu candidato Patrus Ananias (imposto por Lula), cunhas posibilidades electorais que eran claramente menores. 

A nivel nacional, nestes comicios municipais o PT obtivo 17,6 millóns de votos mentres o PSB subiu a 8,6 millóns de votantes, un aspecto a tomar en conta en caso de barallarse eventuais candidaturas presidenciais a medio prazo.

c) A batalla por São Paulo

Xunto ao impacto do “fenómeno Campos”, Rousseff e o PT deberán encarar outros escenarios de atención. Noutros estados, o PT debeu renunciar a presentar candidaturas propias a fin de manter as coalicións electorais con partidos aliados como o PSB e o PMDB, en gran medida para contrarrestar a competencia electoral do PSDB, formación que a nivel nacional obtivo 13,6 millóns de votantes nestes comicios municipais. O PSDB gañou en nove das principais cidades brasileiras e pode converterse en partido de goberno en outras 13 capitais, en caso de gañar na segunda volta o próximo 28 de outubro.

Un caso paradigmático foi o resultado no estratexicamente importante estado de São Paulo, o máis rico do país, que cos seus 42 millóns de habitantes ten un peso determinante a nivel nacional. A vitoria pola mínima do ex candidato presidencial José Serra (PSDB) por riba de Fernando Haddad (PT) obriga a unha segunda rolda electoral na que o PT deberá afianzar diversas alianzas electorais co PSB, o PMDB e o Partido Republicano Brasileiro (PRB), do candidato “tele-evanxelistaCelso Russomano, inicialmente favorito nas enquisas.

Pero como ocorrera no caso de Ananias en Belo Horizonte, foi notoria a escasa implicación de Rousseff e Lula na campaña de Haddad, a quen as enquisas non lle outorgaban posibilidades de alcanzar a segunda rolda electoral en detrimento de Russomano e do PRB, curiosamente receptores dun notable caudal de votos das comunidades evanxélicas e doutros movementos de esquerda. Por tanto, este distanciamento con Haddad podería abrir feridas e posibles loitas intestinas dentro do PT, un escenario que pode presentarse no caso de que Haddad gañe a alcaldía de São Paulo.

Noutros referentes electorais chave como Río de Janeiro, o PT observou con beneplácito a contundente reelección do alcalde Eduardo Paes (PMDB), quen acometerá agora o importante reto político que significa ser o alcalde dos Xogos Olímpicos 2016 a celebrarse nesa cidade, sen ignorar que Río de Janeiro igualmente será sede do Mundial de Fútbol 2014. Paralelamente, a reelección de Paes certifica o peso e influencia política do PMDB como aliado do PT, outro factor que Rousseff igualmente deberá tomar en conta á hora de avaliar contrapesos e equilibrios políticos. É relevante salientar que o actual vicepresidente da República, Michel Temer, é membro do PMDB.

d) Un mapa atomizado e fragmentado

Sen pasar por alto que o principal pulso político e electoral brasileiro segue a concentrarse na bipolaridade PT-PSDB, o mapa actual revela un ascenso das opcións de esquerda a nivel nacional, aspecto que obviamente obrigará a Rousseff e ao PT a redeseñar as súas estratexias políticas de cara a conservar a presidencia nos comicios lexislativos e presidenciais de 2014.

Vistos os resultados municipais, o PT semella conservar unha base electoral firme así como un visible apoio político por parte de formacións consolidadas a nivel nacional, como é o caso do PMDB e doutras formacións políticas menores. Non obstante, os “petistas” contemplan cómo o ascenso do PSB pode configurar unha eventual candidatura rival pola esquerda para futuros comicios. Por tanto, a relación política e estratéxica entre Rousseff e Campos eríxese como vital para conservar a ata agora firme coalición PT-PSB.

Con menor incidencia pero non menos importancia, outro factor a tomar en conta polo PT ten que ver coa imaxe e popularidade presidencial. Rousseff non posúe o carisma e capacidade oratoria de Lula pero a súa tendencia máis tecnocrática lle confire unha imaxe de eficacia administrativa, vital para conservar o apoio das clases empresariais e dos investidores estranxeiros pero que non asegura a consecución de votos a nivel popular. Distanciándose do escándalo do mensalão, a medio prazo Rousseff e o PT esforzáranse en consolidar os notables datos macroeconómicos de Brasil, a súa benevolente imaxe exterior como receptor de investimentos e os programas sociais de redución da pobreza como móbiles que garanten a súa popularidade e a base social “petista”, eventualmente reforzada pola alianza política dun PSB en ascenso que demandará, igualmente, diversos réditos políticos.

No caso do PSDB, o seu cometido orientarase a incrementar a súa base electoral para derrotar ao PT nos comicios lexislativos e presidenciais de 2014. Cun Serra concentrado na elección en São Paulo, o PSDB podería impulsar o liderado do senador Aecio Neves como eventual candidato presidencial, reforzado pola súa vitoria en Belo Horizonte.

Así e todo, o factor mais revelador das eleccións municipais do 7/O derívase do atomizado mapa político brasileiro, con especial preponderancia das formacións de esquerda. Por citar exemplos: o Partido Democrático Laborista (PDT), aliado do PT, foi reelixido na estratéxica e simbólica alcaldía de Porto Alegre mentres disputará a segunda volta noutras tres capitais. Outro aliado do PT, o Partido Progresista (PP), tamén venceu nunha alcaldía (Palmas) e disputará a de Campo Grande

Pola súa banda, o movemento opositor Demócratas (DEM) venceu na alcaldía de Aracaju e disputará co PT a alcaldía de Salvador de Baía, o terceiro maior colexio electoral a nivel de capitais. O tamén opositor Partido Socialismo e Liberdade (PSOL) disputará dúas capitais en segunda volta ao igual que outros aliados do PT como o Partido Popular Socialista (PPS), o Partido Comunista do Brasil (PCdoB), o Partido Social Cristiá (PSC), o Partido Verde (PV), o Partido Laborista Cristiá (PTC), o Partido Social Demócrata (PSD) e o Partido Laborista Brasileiro (PTB). Deste modo, sete partidos diferentes venceron nas nove capitais que decidiron a súa elección en primeira volta (PSDB, PT, PMDB, PSB, PDT, DEM e PP), evidenciando así a atomización e fragmentación do mapa político brasileiro actual.

IGADI, 11 de outubro de 2012.