A Arte da Guerra de Sun Zi

Distribuir

Distribuir contido

A Arte da Guerra de Sun Zi é o traballo teórico militar máis antigo existente en China e tamén no mundo. Saíu á luz nos anos finais do século VI antes de nosa era. Sobre este libro e o seu autor Sun Zi, Mao Yuanyi (1594 - ao redor de 1644), escritor militar da dinastía Ming, dixo: “Quen antecederon a Sun Zi non podían compararse con el e quen o sucederon tampouco podían compararse con el”. Quérese dicir con iso que Sun Zi herdou e sintetizou os pensamentos militares que lle antecederon; os científicos militares posteriores a Sun Zi non puideron divorciarse del nin pasalo por alto.

Sun Zi, do mesmo xeito que Confucio ou Lao Zi, son nomes citados con gran respecto polas xeracións posteriores. Na historia chinesa, só os grandes eruditos, os grandes pensadores e os grandes educadores poden ser cualificados de “Zi”. En realidade, Sun Zi leva o apelido Sun e o seu nome é Wu. É máis ou menos contemporáneo de Confucio (551 - 479 a.n.e.). Viviu durante a dinastía Zhou da antigüidade chinesa. A época en que viviu Sun Zi achábase concretamente nos derradeiros tempos do Período de Primavera e Outono; posiblemente, morreu a comezos do Período dos Reinos Combatentes.

Este libro ten ao redor de 6.000 caracteres chineses. O tamaño é máis ou menos igual que o das Analectas de Confucio ou O libro do camiño e a virtude de Lao Zi, que teñen ambos uns 5.000 caracteres. Todos eles caracterízanse comunmente por utilizar unha linguaxe moi sinxela e concisa, o uso fundamental do estilo de adagio, que deixa casos concretos por razoar e ofrece unha alta síntese en case cada frase, por iso os termos son concentrados e compendiosos e o contido, amplo e profundo.

Nos seus trece capítulos, as exposicións de Sun Zi abarcan amplas temáticas como o concepto da guerra, a estratexia e as tácticas, a garantía dos combates, a construción do exército e a intelixencia, e abarcan os aspectos principais da teoría militar, dos cales, moitos son obxecto de análise e comentario por vez primeira na historia.

Desde que A arte da guerra de Sun Zi deuse a coñecer a fins do século VI antes da nosa era, tivo primeiro unha ampla influencia en China. A comezos do primeiro século antes de nosa era, Sima Qian, gran historiador chinés, dicía: “Ao comentar a arte da guerra, o costume habitual é non deixar de mencionar os trece capítulos da arte da guerra de Sun Zi.” De aí dedúcese que esta obra era xa entón moi popular e obxecto de admiración en China. No século XI, a dinastía Song estableceu unha academia militar; a corte da dinastía seleccionou sete obras dos estudos militares de distintas dinastías do pasado como manuais obrigatorios e no ano 1080 compilounos e editou de xeito unificado, chamándolles Sete libros da arte da guerra. Dos sete libros, A arte da guerra de Sun Zi foi catalogado en primeiro lugar. Deste xeito, quedou definida a posición clásica primordial desta obra na ciencia militar chinesa.

Durante milenios, os numerosos conceptos, temas e deducións contidos na arte da guerra de Sun Zi foron sempre branco dos debates de maior alcance na ciencia militar tradicional chinesa. Os estrategos e obras militares de diversas dinastías complementaron e desenvolveron sen cesar no teórico A arte da guerra de Sun Zi, pero non excederon no fundamental este traballo. Pódese dicir que esta obra encadrou o rumbo do desenvolvemento da teoría chinesa da guerra clásica e estableceu o espírito fundamental do pensamento militar tradicional de China.

Na dinastía Tang do século VII, A arte da guerra de Sun Zi introduciuse sucesivamente en Corea, Xapón, Vietnam e outros países e tivo unha ampla repercusión na rexión de Asia Oriental. En 1772, Jean Joseph Marie Amiot, misioneiro xesuíta galo, foi o primeiro en traducir ao francés A arte da guerra de Sun Zi; máis tarde, apareceron sucesivamente en Europa as versións en ruso, alemán e inglés. Desde o século XIX ata a primeira metade do século XX, esta antiga obra militar chinesa foi espertando a atención e interese en Occidente.

Un crecente número de academias militares de diferentes países inclúen A arte da guerra de Sun Zi como importante clásico militar, exhortando os seus alumnos a lelo e estudalo. Coa entrada da sociedade humana no século XXI, en lugar de diminuír a súa influencia, remonta os límites rexionais e lingüísticos, sendo apreciado cada vez máis por persoas de diferentes orixes. Desde a segunda metade do século pasado vénse difundindo aínda máis en todo o mundo. Segundo datos incompletos, hoxe en día existen versións en xaponés, francés, ruso, alemán, inglés, italiano, checo, romanés, hebreo, grego, árabe, holandés, español, vietnamita, danés, birmano, tailandés, coreano e malaio, e está amplamente difundido. A partires de agora, tamén en galego.

A Arte da Guerra de Sun Zi transcendeu as fronteiras do ámbito castrense para afirmarse como unha lectura obrigada para calquera humanista. As súas máximas son de aplicación en todas as ordes da vida, dende as estratexias políticas ata o mundo dos negocios. 

Dispoñible en: https://teofilocomunicacion.com/tienda/historia/arte-da-guerra-sun-zi

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais