Galicia Solidaria. O sistema galego de cooperación ao desenvolvemento

Distribuir

Distribuir contido

Xulio Ríos, Carlos Teijo (eds.), edicións Xerais de Galicia, 2009, Vigo, 332 páxinas. 


Galicia Solidaria é un libro de autoría colectiva que analiza o sistema galego de cooperación ao desenvolvemento desde unha visión panorámica, abordando a súa evolución e manifestacións desde a opinión reflexiva dos propios protagonistas e a partir de diferentes ópticas. O papel institucional, a axuda humanitaria, o comercio xusto, os medios de comunicación, a educación, o contexto galego, o sistema internacional, a acción exterior, a evolución, o marco normativo…, son algúns dos temas que se dan cita neste libro onde se pon de manifesto que é posible mudar o mundo.

A cooperación é un instrumento transformador que contribúe non só a mellorar o estatus das persoas desfavorecidas, senón tamén a sementar unha conciencia crítica e solidaria sobre o mundo.

As sociedades desenvolvidas temos unha especial responsabilidade á hora de promover unha orde internacional máis xusta e equitativa. Desde Galicia, persoas, colectivos, entidades e institucións impulsan diferentes dinámicas de cooperación internacional que tratan de acompañar os procesos de desenvolvemento nos países do Sur, ao tempo que promoven iniciativas dirixidas á cidadanía galega para alentar o compromiso e o fomento destas políticas. Este libro explica todas as claves.

Froito do programa de investigación do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org) sobre cooperación ao desenvolvemento, colaboraron na edición: Manuel Dios, Juan Carmelo García García, Fidel Martín, Rosa Muñiz Castro, Enrique Peña, Margarita Pérez Herráiz, David Reinero, Virxinia Romero, Susana Ruíz Seisdedos e Xavier Sánchez Pazos. A concepción e edición foi obra de Xulio Ríos e Carlos Teijo, autores tamén de varios capitulos do volume.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais