images Sahara 3

Sáhara Occidental

Nun inmenso curruncho do vasto deserto do Sáhara, a monotonía de area doutros lares é aquí unha calma melódica. Na beira oeste da África areenta, no límite entre a terra dos brancos e a dos negros, está Turab il-Bidán, un territorio rico en fosfatos e peixes. Mais a riqueza das súas terras, das súas augas e mesmos dos seus gases está rodeada dun muro de case 2700 km. que aprisiona eses 270.000 km. (unhas dez veces Galicia) de terra ocupada.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos África
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Nun inmenso curruncho do vasto deserto do Sáhara, a monotonía de area doutros lares é aquí unha calma melódica. Na beira oeste da África areenta, no límite entre a terra dos brancos e a dos negros, está Turab il-Bidán, un territorio rico en fosfatos e peixes. Mais a riqueza das súas terras, das súas augas e mesmos dos seus gases está rodeada dun muro de case 2700 km. que aprisiona eses 270.000 km. (unhas dez veces Galicia) de terra ocupada.

Turab il-Bidán, terra dos brancos, é unha zona delimitada por imposicións métricas e convenios políticos. Antes deses trazados de mapas, a única fronteira era o cansazo da viaxe de xentes nómades que se asentaban no territorio que máis conviña en cada momento. Daquela, a súa xente, os saharauís, eran libres para innovar rutas e descansar  onde quixesen, mais o descubrimento mineiro da África aínda sen explotar provocou un cambio enorme nas vidas dos seus habitantes. E así, xurdiron nomes novos e mais divisións que buscaban xuntar e unións que só separaron.

images Sahara 3

Nese recanto de África repleto de area, fosfatos e pesca está o Sáhara Occidental. Segundo a ONU é un territorio non autónomo, limítrofe con Marrocos, Alxeria, Mauritania e España. Sen papeis que plasmen nin identidade nin xentilicio ningún, é o fogar de milleiros de persoas. Mais ese lar é inaccesible para moitas delas. Coa retirada de España, en 1976, Marrocos e Mauritania repartiron o territorio, que Mauritania abandonou en 1979. Dende aquela, o Polisario representa o pobo saharauí, que pide un referendo de autoderminación, un dereito sempre negado.

images Sahara zoco

O pasado colonial español está presente na lingua dalgunhas das súas xentes e tamén nalgúns dos edificios que aínda se conservan dese período. A igrexa de San Francisco de Asís, os bloques de vivendas Corominas e o colexio La Paz son pegadas desa España. Amais da historia que desprende a arquitectura, as formas que debuxa a area son unha paisaxe constante que se mestura no zoco e nas rúas que crecen á vez que se afastan do pasado e da memoria do pobo. Os edificios crecen en vertical e ofuscan así a horizontalidade do extenso nomadismo. O mesmo sucede coas praias, ás veces bañadas de surfistas, a maior parte das veces zarrapicadas de barcos pesqueiros e nalgunhas ocasións visitadas para observar o horizonte ou a desembocadura das tubaxes que transportan fosfato.

images Sahara Coromina 3

O fértil deserto do Sáhara Occidental alimenta cos seus fosfatos os fertilizantes usados para cultivos en todo o mundo. O mar do Sáhara Occidental baña cardumes que nutren peixarías de alén das súas augas. Con todo, o territorio do Sáhara Occidental segue sumido na impotencia da falta de liberdades, ancorado nun presente tatuado de colonialismo.

images Igrexa Sahara 2

 

Este artigo saíu publicado orixinalmente en Praza.gal o sábado 21 de novembro de 2020.