Distribuir contido

Oriente Medio

Distribuir

Distribuir contido

Boa parte do traballo do IGADI plásmase en numerosos artigos e colaboracións en prensa e revistas especializadas.

Para unha mellor clasificación e localización dos actuais 2456 artigos que integran a sección de Análise e Opinión, temos dividido estes nos seguintes apartados temático/xeográficos:

16/05/2021
17/05/2021
Praza

Ten, por fin, a guerra que buscaba e precisaba para desatascar a parálise política de Israel, tras catro eleccións frustradas e cun encoraxamento á alza dos ultranacionalistas xudeus. Netanyahu, o primeiro ministro que máis tempo leva no cargo, observaba con preocupación como os seus rivais, desta vez podían chegar a formar un goberno para desbancalo. A guerra é o balón de osixeno que lle permite coller aire cando esas negociacións esvaran. Que alegaron os que se retiraron da negociación alternativa? Os enfrontamentos. Todo vale para Netanyahu. As vítimas, palestinas ou israelitas, milicianos ou civís, pouco importan. Xa dixo que as operacións “levarán tempo”, o que precise para selar a súa permanencia no poder.

07/12/2020
07/12/2020

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

No complexo conglomerado étnico, racial e relixioso de Oriente Próximo en xeral e na rexión do Crecente Fértil e o antigo Levante en particular, destacan tres grupos humanos cuxos devanceiros xa ocupaban este territorio miles de anos antes de Cristo. Tres grupos humanos caracterizados por unha longa historia de invasións, ocupacións e xenocidios. Tres grupos cuxos descendentes preservaron unha cultura, unha tradición e un idioma propios, peculiares e únicos. Tres grupos humanos, armenios, xudeus e curdos que, ademais, hoxe representan a resiliencia ante a fagocitación que os diferentes pobos invasores pero, sobre todo, os grandes imperios históricos: o persa e o otomán, intentaron levar a cabo.

07/12/2020
07/12/2020

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

En 2013 Shadi Khaled decidiu abandonar a súa vila natal, no Curdistán sirio, na procura dunha vida mellor. En primeiro lugar, buscaba saúde, xa que Hadiya, a muller, estaba enferma. En segundo lugar, precisaba tranquilidade e paz, ambas totalmente afastadas do seu país, sumido en guerra dende as protestas antigobernamentais de 2011. Por último, necesitaba vivir e para iso debía fuxir da morte, que era o único que habitaba daquela no seu fogar.

28/06/2020
27/06/2020
Praza

Co mundo pendente da pandemia, Donald Trump e Benjamin Netanyahu porán fin efectivo a semana próxima ao proceso de paz que seguiu á sinatura dos acordos de Oslo en 1993. O primeiro ministro israelí fixou o 1 de xullo como a data para iniciar o plan de anexión unilateral de parte dos territorios ocupados de Cisxordania. Aínda que os palestinos clamen por un Estado coas fronteiras de 1967 co preciso aval da legalidade internacional, aínda que conten co apoio formal da inmensa maioría da comunidade internacional, que os asentamentos israelís sexan ilegais, etc., Netanyahu seguirá adiante, a sabendas de que conta co apoio estadounidense e que ninguén vai facer nada por impedilo.

13/02/2020
13/02/2020

Documento escrito e traducido ao galego por Luis Antonio González Francisco, publicado en castelán polo Grupo de Estudios sobre Seguridad Internacional (GESI) da Universidade de Granada.

O MeK (Mujahedin-e Khalq, Guerreiros Santos do Pobo do Irán) aínda que coincidiu nos seus comezos coa  revolución islámica do Irán, non tardou en distanciarse da mesma ata converterse nun dos seus principaies detractores. Paulatinamente foi sendo obxeto dunha metamorfose ata converterse no NCRI (National Council of Resistance of Iran, Consello Nacional de Resistencia do Irán), pasando polo abandono da actividade terrorista. Ao longo desta evolución foron acusados de comportamentos  canto menos coincidentes cos dunha secta o cal non foi óbice para que fose eliminado da FTOs (Foreign Terrorist Organizations, Lista de Organizacións terroristas Estranxeiras) dos EUA. Nese país ten certa implantación e goza do favor de varias figuras públicas, algunhas delas con importantes cargos na administración Trump.

29/01/2020
29/01/2020
IGADI

É a paz do século”. Fiel a súa estridencia e grandilocuencia, así cualificou Donald Trump o principio de acordo presentado este 28 de xaneiro en Washington, orientado a eventualmente concretar unha solución de “dous Estados” entre Israel e Palestina. Pero alén do “histórico” dun acordo unilateral que beneficia claramente ao seu aliado israelí, o mesmo ten obvios resortes xeopolíticos para EUA. Como sucedera co asasinato do xeneral iraniano Qossem Soleimani en Bagdad, Trump da outro golpe efectista en política exterior nun 2020 electoralmente decisivo para el, cun impeachment en pleno curso.

08/01/2020
08/01/2020
IGADI

A tensión militar in crescendo entre EUA e Irán ten un claro carácter efectista nun 2020 político e electoral para Donald Trump. Toda vez, esta tensión traduce igualmente os intereses de diversos actores, non só de Washington e Teherán, por reconstituír as súas respectivas esferas de influencia estratéxica dentro do mapa xeopolítico entre Oriente Próximo e o espazo euroasiático, tramitados en conflitos aínda abertos (Siria, Iemen, Libia), sen desestimar os efectos colaterais que esta crise pode ter noutros contextos (Venezuela) igualmente importantes.

07/01/2020
07/01/2020

El 14 de julio de 2015, y gracias a los importantes esfuerzos realizados por el Secretario de Estado estadounidense John Kerry, se firmó un histórico acuerdo mediante el cual Irán se subsumía a las norma del Tratado de No-Proliferación Nuclear y al sistema de salvaguardas de la Agencia Internacional de Energía Atómica (AIEA). Como resultado de dicho acuerdo, Irán se comprometía a eliminar el 98 por ciento de sus reservas acumuladas de uranio medio enriquecido y a reducir en dos tercios el número de sus centrífugas de enriquecimiento de uranio durante un plazo de trece años. Más aún, abría sus puertas a la AIEA para que en forma regular inspeccionara su cumplimiento a los términos de dicho acuerdo.

10/10/2019
10/10/2019
Praza Publica

A xeopolítica detrás da ofensiva militar turca en Siria

A táctica anuencia de Washington e Moscova á ofensiva militar turca no Norte de Siria, particularmente enfocada na rexión de Rojavá, controlada polos kurdos sirios, denota intereses estratéxicos, moitos deles contrapostos, enfocados na futura reconstrución de Siria e dos prolíficos proxectos de desenvolvemento que se agardan instaurar no país árabe. Nesta dinámica de intereses de diversos actores, o obxectivo de Washington enfócase en desequilibrar o eixe ruso-turco-iraniano instaurado en Siria dende o cumio de Sochi de 2017. Para Moscova, significa manter en pe ese “eixe de Sochi” a través do seu aliado turco, cuxo presidente Recep Tayyip Erdogan busca consolidar as súas esferas de influencia rexional mantendo un equilibrio entre dous eixes polarizadores como Trump e Putin. Na recámara está o drama kurdo, un pobo historicamente sometido a intereses alleos posibilitados polos silencio da comunidade internacional.

22/04/2019
22/04/2019
Praza Pública (Galicia)

O actual proceso de reforma constitucional vía Asemblea Nacional exipcia que se leva a cabo actualmente, entre o 22 e 24 de abril, orientado a ampliar ata o 2030 o período de mandato do “xeneral-presidente” Abdel Fatah al Sissi, denota os intereses do establishment dese país pero tamén dos seus aliados occidentais (EUA e Europa) de inmunizar un socio tan estratéxico como Exipto para non ver reproducidas as tensións políticas de países veciños (Libia, Alxeria, Sudán) que eventualmente repliquen nun inesperado e indesexable cambio político no Cairo. Por tanto, esta reforma “faraónica” para al Sissi asúmese como imperativa para estes intereses, tanto internos como externos, especialmente ante os recentes acontecementos no conflitivo contexto rexional magrebí e do Corno de África.

31/10/2018
05/11/2018
Revista Luzes (Galicia)

España é o cuarto vendedor de armamento á “petromonarquía” do Golfo Pérsico, por detrás de EUA, Gran Bretaña e Francia. Negándose a suspender definitivamente este lucrativo comercio de armamentos, o goberno de Pedro Sánchez cumpre cos compromisos militares con Riad sacrificando a súa reputación en materia de defensa dos dereitos humanos. Isto é mais evidente en escenarios conflitivos como Siria e Iemen, onde Arabia Saudita ten presenza, sen desestimar aqueles grupos terroristas xihadistas aos que o Riad apoia loxística e militarmente desde fai moitos anos.

15/05/2018
15/05/2018
IGADI

O case absoluto esquecemento da situación palestina no 70º aniversario da creación do Estado de Israel e da Nakba, o éxodo palestino, que simultaneamente conmemóranse este 15 de maio, obriga necesariamente a reflectir e denunciar sobre as adversidades que vive o pobo palestino tras décadas de ocupación israelí. Un aniversario triste e opaco que contrasta claramente coa fastosidade do aniversario israelí, amparada no apoio irrestrito da administración de Donald Trump, decidida a fortalecer os obxectivos do poderoso lobby sionista en Washington e do ultranacionalista primeiro ministro Benjamín Netanyahu de recrear o “Gran Israel”.

20/02/2018
19/02/2018
esglobal (España)

O crecente interese xeopolítico sobre o Mar Vermello está desenvolvendo unha nova fronte conflitiva que involucra directamente a Exipto, Turquía, Sudán e Eritrea, pero no cal vense colateralmente inmersos outros actores como Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Estados Unidos, Qatar, Israel, Rusia e China. A crise in crescendo no Mar Vermello revela os alcances provocados polos recentes cambios en canto a esferas de influencia que está transformando a xeopolítica entre Oriente Medio, o Golfo Pérsico, o Golfo de Adén e o Corno de África.

27/12/2017
27/12/2017
Esglobal (España)

Cómo e en qué medida o emerxente eixe euroasiático trazado por Rusia, Turquía, Irán e Qatar pode transformar a xeopolítica rexional é unha chave estratéxica que, sen embargo, deixa varias interrogantes sobre a súa consistencia e continuidade.

26/12/2017
01/01/2018
Tempos Novos

“Miren como nos hablan del paraíso,

cuando nos llueven penas como granizo.

Miren el entusiasmo por la sentencia

sabiendo que mataban a la inocencia.”

 

Violeta Parra: Fragmento de “Qué dirá el Santo Padre”

 

O estatus da cidade de Xerusalén é un dos temas máis sensibles e complexos que, por agrupar elementos políticos, identitarios e simbólicos, transcende desde o mero ámbito local cara ao espazo rexional e ata o transnacional e, en suma, mundial. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais