Xulio Ríos: “A diáspora é o noso principal activo nunha sociedade globalizada”

Iria Méndez: ¿En qué consiste o programa de cooperación empresarial que se desenvolverá en Brasil, México e Venezuela?

Xulio Ríos: Trátase de organizar cinco encontros cos principais sectores empresariais de Valencia e Caracas, en Venezuela; de Bahía e Sao Paulo, en Brasil; e de México DF. Os encontros enmárcanse na iniciativa dos Foros Bilaterais que impulsan a creación de espacios de comunicación plurais, a nivel micro, pero que pola relevancia dos seus integrantes aseguran unha repercusión importante en diferentes colectivos. Neses encontros co mundo empresarial queremos espertar o interese por Galicia, complementando o nivel de información dispoñible cun contacto persoal que achegue solucións a demandas concretas. O factor humano segue a ser moi importante. E no caso de Galicia constitúe o seu principal activo nunha sociedade globalizada. Por iso estes encontros, que contan co apoio do Igape e da Consellería de Emigración, poden axudar a incrementar as relacións interempresariais.

I.M.: ¿É posible establecer unha nova canle para reforzar a captación de investimentos por parte de empresarios de orixe galega asentados en América?

X.R.: Sen dúbida. Estou convencido diso. A nosa diáspora está moi integrada nas súas sociedades de destino e representa un activo esencial para favorecer os achegamentos de todo tipo, non soamente na orde económica e empresarial, tamén no eido educativo, socio cultural ou institucional, facilitando a creación dunha tupida rede de relacións. Os nosos empresarios na diáspora, os galegos que ocupan postos de responsabilidade nas administracións económicas, poden servir de axentes de Galicia no exterior, se somos quen de vinculalos ás dinámicas da nosa Terra. Iso esixe agora información e atención, procurando fuxir dos grandes escenarios e buscando sobre todo a eficacia.

I.M.: ¿Existe un censo de empresarios galegos na diáspora?

X.R.: Non é completo, pero en moitos lugares, nos máis dinamicos e mellor organizados, dispoñen de organizacións propias, cun nivel de asociacionismo importante, á marxe, aínda que en conexión cos centros galegos, que constitúen unha referencia insustituíble. Con esta iniciativa queremos completar, mellorar e perfeccionar ese coñecemento, para que tamén os empresarios galegos dispoñan de mecanismos complementarios que faciliten a súa internacionalización. Ese é un dos sentidos da páxina web, www.galicia-relevante.com, pero despois de dous anos desenvolvendo este proxecto descubrimos con ledicia que hai aínda moita Galicia por descubrir, tamén nese eido, o que pode multiplicar as oportunidades.

I.M.: ¿Cantos empresarios son potenciais participantes neste proxecto? ¿A qué actividades se dedican?

X.R.: En cada unha destas reunións pretendemos reunir a un cento de empresarios dos sectores mais significativos. Nalgunhas cidades, a diáspora galega está moi concentrada sectorialmente (moble en México, poñamos por caso); noutras, a diversificación é a nota dominante. Pero a diáspora non é o destino final. A diáspora é a ponte tamén para aproximarnos aos sectores máis relevantes do país, con independencia da súa condición étnica, actuando os nosos como intermediarios e facilitadores dos contactos. E á marxe das reunións plenarias, digamos, haberá outros encontros máis reducidos.

I.M.: O Igape pretende con este proxecto desenvolver accións de divulgación da promoción económica de Galicia mediante un achegamento personalizado ás necesidades dos empresarios, ¿de que xeito se vai plasmar esta intención?

X.R.: Este é un primeiro contacto que xurde despois de múltiples e pequenas xestións que dende o Igadi, como secretaría técnica dos Foros Bilaterais, vimos impulsando para facilitar a cooperación e o investimento empresarial. A implicación do Igape é unha prolongación da súa participación nos Foros ante a constatación da importancia dunha realidade, a necesidade de mellorar o coñecemento de Galicia por parte da nosa diáspora e a activación de medidas que os convirtan nos embaixadores dos nosos atractivos. Iso require hoxendía accións informativas serias, un traballo continuado, rigor e unha atención persoalizada, diría que caso a caso, idoneidades que o Igape comparte.

I.M.: ¿En qué consisten os "Foros bilaterais"?

X.R.: Os Foros constitúen un espacio de comunicación e de xeración de ideas entre galegos de aquí e da diáspora. Baséanse nun traballo previo de identificación: o coñecemento dos galegos máis relevantes e influíntes en determinados países e en varios sectores, incluíndo o empresarial, pero tamén o político, o social, o académico, etc. Cada Foro está integrado por unha selección de galegos relevantes da diáspora aos que se suman aos seus partenaires da Galicia territorial. Este lobby reúnese unha vez ao ano e alternativamente en Galicia e en América, desenvolvendo as súas actividades seguindo un Plan de Actuación que se aproba en cada xuntanza. Actualmente funcionan con Brasil, México e Venezuela. É unha aposta moi sólida da Consellería de Emigración que cun pouco máis de percorrido proporcionará excelentes resultados. A diáspora galega non ten porque ser menos que a irlandesa, a chinesa, a italiana ou a armenia, poñamos por caso. Debemos facer un traballo de fondo e a longo prazo que implique a toda a sociedade galega. Por iso tamén, a pluralidade política é esencial nos Foros: a diáspora é un lugar de encontro, non de controversia irresoluble.

I.M.: ¿Os empresarios galegos no exterior están dispostos a servir de ponte para formalizar relacións comerciais bilaterais? ¿Importan ou exportan a Galicia? ¿Ten datos de volume de importacións e exportacións a Galicia?

X.R.: Coido que si. A iniciativa está sendo moi ben acollida, insistindo moito no valor da reciprocidade e da bilateralidade. Sen cooperación non é posible entender as dinámicas empresariais e económicas de hoxendía. A Confederación de Empresarios de Galicia e o seu presidente, Antonio Fontenla, xa asinou acordos nesta liña e participa activamente neste impulso que, co tempo, debe resultar nun incremento dos vínculos, hoxe moi febles, tanto na dinámica importadora como exportadora.

I.M.: ¿Estas empresas son de estructura familiar? ¿Contan con delegacións en Galicia?

X.R.: O tecido empresarial é moi variado e, en moitos casos, moi similar ao de Galicia, por iso a aproximación e o entendemento é moi factible, pero coa condición de superar a desconfianza, que non se evapora por arte de maxia polo simple feito de operar entre galegos. Os Foros e a Administración, ao igual que as entidades profesionais máis representativas, poden contribuír a superar esas desconfianzas e facilitar a presencia en Galicia dos empresarios da diáspora.

I.M.: ¿En qué outros proxectos participa o Igadi?

X.R.: O Igadi aspira a situar a Galicia no mundo, somos unha autonomía no mundo e no mundo contamos cun capital inmenso, a nosa diáspora, un capital relacional que constitúe un factor de elevadísimo valor e que podemos aproveitar se sabemos pasar dunha masa inerte a ese lobby do que os Foros constitúen o embrión. O Igadi (www.igadi.org), ademais, desenvolve actividades de análise, formación, documentación en todo o que atinxe ás relacións internacionais, incluída a cooperación ao desenvolvemento.