O Cumio das Nacións Unidas sobre ambición climática (CAS) celebrado na Sede das Nacións Unidas, Nova York o 20 de setembro de 2023, tivo como obxectivo acelerar a acción climática como preludio da 28a Conferencia das Partes (COP28) da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC).

As portas do inferno están abertas

A crise climática é unha realidade que está a avanzar a un ritmo aínda maior do agardado, provocando desastres e acendendo alarmas por todo o planeta. Despois de décadas de acción climática insuficiente, “a humanidade abriu as portas do inferno”, en palabras do secretario xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres, pronunciadas o 20 de setembro pasado na Climate Ambition Summit, auspiciada por el en Nova York. Un encontro concebido para tentar impulsar a acción climática a pouco máis de dous meses do cumio climático anual que terá lugar en Dubai.
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave Crise climática
Idiomas Galego

Guterres presentou a súa Axenda da Aceleración da acción climática, que para el segue a ser “anana con respecto á escala do reto”. Unha evidencia confirmada polo Climate Action Tracker, algo así como unha axencia de cualificación do desempeño climático que avalía a UE e 39 países responsábeis do 85% das emisións globais. Ningún acada a día de hoxe a máxima cualificación, compatíbel co obxectivo do Acordo de París de non superar o limiar de 1,5 ⁰C de aumento da temperatura media global. No mundo desenvolvido só Noruega obtén a cualificación “case suficiente”. E iso porque non se teñen en conta as emisións asociadas ás súas exportacións de petróleo e gas fósil. Mais a partir dunha produción eléctrica xa practicamente 100% renovábel, Noruega está a electrificar rapidamente o transporte, liderando a venda de vehículos eléctricos.

A Axenda da Aceleración de Guterres propón obxectivos diferenciados de recorte das emisións de gases de invernadoiro para os países desenvolvidos e para as economías emerxentes, en correspondencia coas súas desiguais responsabilidades climáticas. No caso de Galicia, obviamente un país desenvolvido, o obxectivo a asumirmos sería atinxirmos as emisións netas cero (emisións brutas igual a absorcións pola vexetación e os solos) cara a 2040. Porén, a actual Estratexia de Cambio Climático e Enerxía da Xunta atrasa esa meta a 2050, como tamén fan as políticas climáticas de España e a UE. Impulsando a transición enerxética e ecoloxizando a produción gandeira, Galicia podería lograr as emisións netas cero ben antes de 2040, para o que conta coa vantaxe da elevada capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2) dos seus montes, aínda que parte importante dela é atribuíbel á excesiva superficie cuberta por eucaliptais. Despois de asegurar emisións netas cero habería que conseguir emisións negativas, para ir compensando o exceso de emisións acumuladas.

Nada hai máis importante para frear o cambio climático que abandonar rapidamente a enerxía fósil, como ben suliñaron na Climate Ambition Summit os presidentes de Colombia e Chile. A Axenda da Aceleración pon o foco na produción eléctrica, cuxa desfosilización é chave para a descarbonización de todos os usos enerxéticos finais, mediante unha maior electrificación do consumo, que no noso país hoxe é só do 26%. Os obxectivos suxeridos para os países desenvolvidos son deixar atrás o carbón, o combustíbel fósil máis intensivo en emisións, antes de 2030, e atinxir un sistema eléctrico con emisións netas cero antes de 2035. A que distancia está Galicia destes obxectivos?. Coa desconexión da central de carbón das Pontes o pasado 4 de outubro, Galicia puxo fin de vez ao uso do carbón na xeración eléctrica, máis como resultado de políticas europeas que da propia vontade. Porén, non dispomos dunha folla de ruta para acardarmos un sistema eléctrico 100% renovábel canto antes. En 2022, ano marcado pola seca, un 65% da electricidade xerada foi de orixe renovábel. Até agora non superamos ningún ano o 75%.

A Axenda da Aceleración fai fincapé na xustiza climática global. Os países que máis sofren a crise climática son os que menos contribuíron a xerala. Os países desenvolvidos, alén de reducirmos de forma máis rápida e profunda as emisións, debemos contribuír ao financiamento da descarbonización e da adaptación á crise climática dos países empobrecidos. Neste eido Galicia tamén ten algo a facer. A loita contra o cambio climático considérase un ámbito estratéxico e unha prioridade transversal no V Plan director da cooperación galega (2023-2026), que ademais inclúe as persoas refuxiadas ou desprazadas por motivos ambientais entre os colectivos prioritarios. Porén, os recursos mobilizados seguen a ser extremadamente baixos. O orzamento para 2023 de todo o programa da Xunta de cooperación exterior e ao desenvolvemento é de tan só 8,9 millóns de euros.