A infausta invasión de numerosas tropas rusas a Ucraína na noite do día 24 de febreiro foi un choque para todo o mundo, unha labazada para todos os que crían que no continente europeo a guerra anexionista estaba definitivamente condenada polo tribunal internacional de Nuremberg e ninguén se atrevería a cometer tales crimes capitais de novo. Con todo, non debía sorprender a ninguén, era previsible e inevitable, porque se trataba de fases dun proceso de agravamento dunha antiga e profunda contradición, capaz de desatar unha guerra de envergadura continental, se non mundial, dado que Rusia pretende revisar a orde mundial e superar a “humillación” de Rusia como consecuencia do colapso da URSS. Moi parecido ao que pretendeu Hitler atacando a Polonia e desatando a II Guerra mundial…