20050617teheran carteis akbar hasemi rafsanjani

¿Mudanzas en Irán?

 Teheran, carteis electorais de Akbar Hasemi Rafsanjani, clic para aumentar
A pesar de non ter relacións diplomáticas con EEUU dende o triunfo da revolución islámica en 1979, a necesidade dunha xanela de diálogo con Washington semella un imperativo político, non só a nivel exterior, para o próximo presidente iraniano. Neste aspecto, os candidatos presidenciais, o conservador Akbar Hashemi Rafsanjani (apoiado pola teocracia), Mohammad Bagher Qalibaf (apoiado polas forzas de seguridade) e o reformista e liberal Mostafá Moin, amosan un consenso practicamente xeral. (Foto: Carteis electorais de Akbar Hashemi Rafsanjani nunha rúa de Teherán).
 

Hai dous factores que inflúen poderosamente nos comicios presidenciais iranianos do 17 de xuño, independentemente de quen sexa o vencedor. En primeiro lugar, que Irán, a pesar do illamento mantido por EEUU e do reforzamento xeoestratéxico do poderío militar anglo-estadounidense dende Afganistán ata Iraq, está ocupando un plano relevante no escenario internacional, principalmente polo seu polémico programa nuclear. O segundo aspecto ten que ver cos cambios experimentados por unha sociedade nova e dinámica, que está a madurar nas súas pretensións por avanzar na democratización dun réxime oficialmente teocrático.

O ascendente plano internacional iraniano obrigará a mudanzas importantes na configuración política de Oriente Medio. A pesar de non ter relacións diplomáticas con EEUU dende o triunfo da revolución islámica en 1979, a necesidade dunha xanela de diálogo con Washington semella un imperativo político, non só a nivel exterior, para o próximo presidente iraniano. Neste aspecto, os candidatos presidenciais, o conservador Akbar Hashemi Rafsanjani (apoiado pola teocracia), Mohammad Bagher Qalibaf (apoiado polas forzas de seguridade) e o reformista e liberal Mostafá Moin, amosan un consenso practicamente xeral.

As negociacións de Irán coa Unión Europea (Francia, Alemaña e Gran Bretaña) e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica, polo seu programa nuclear, engadido á súa estreita relación con Rusia, poderían propiciar unha alternativa de diálogo que minore a intransixente posición estadounidense de querer levar o caso iraniano ao Consello de Seguridade da ONU, a fin de reforzar as sancións ou ben aplicar unha política de desestabilización interna nese país. A nivel diplomático, Irán ten cartas importantes para saír airoso.

Outro escenario ten que ver coa sociedade civil e as demandas de democratización. Irán é un país de 68 millóns de habitantes onde máis da metade ten menos de 25 anos, polo que só coñeceu ao réxime islámico. A idade legal para votar comeza aos 15 anos. A mocidade, especialmente os estudantes universitarios, é o referente principal dos reformistas liderados polo actual presidente Mohammed Khatami.

A dinámica entre conservadores e reformistas ven dominando a política iraniana dende o triunfo de Khatami en 1997, cunha ascendente proliferación de movementos civís que demandan maior apertura democrática e, incluso, o fin do réxime islámico. Como constitucionalmente Khatami non pode presentarse nestas eleccións, o seu legado se traslada agora ás posibilidades de Moin.

Sen embargo, a frustración xerada na mocidade polo aminoramento das reformas, debido á perda do pulso político por parte de Khatami, principalmente tralas eleccións lexislativas de febreiro pasado, deixa un escenario máis favorable ao reforzamento dos conservadores no cargo presidencial, neste momento liderados polo septuaxenario Rafsanjani, sucesor no seu momento do aiatolá Ruhollah Khomeini. A pesar de non contar con gran popularidade, Rafsanjani é un pragmático e consumado mestre da "realpolitik" que avoga pola mellora nas relacións co Occidente. Do mesmo xeito, a ameaza dunha gran abstención electoral reflicte unha posición política contestataria a tomar en conta.

Este escenario asegura o mantemento da tradicional estrutura do poder iraniano en torno á primacía da teocracia islámica, a Garda Revolucionaria e os sectores conservadores. Pero, a pesar das acusacións occidentais e da rixidez do sistema, a república islámica garante tamén o sistema democrático, reforzado agora polo ascenso de diversos movementos sociais. Se ben estas eleccións non presentarán mudanzas significativas, poden incluír a Irán na fase de transición post-Khomeini. Pero moito depende tamén de cal sexa o tratamento diplomático por parte das potencias occidentais, especialmente EEUU.