O da Siria non é tan simple como nolo contan

Arredor do conflito que se está a desenvolver na Siria existen, grosso modo, dúas posicións sustentadas por dous bloques de países, un que no debate público lideran os EUA e outro que lidera a Rusia. Ambos os países con fortes intereses particulares no país e na rexión. No entanto, os medios de masa occidentais asumen unha posición fortemente parcial en favor do grupo dos EUA, baseándose en informacións non ofrecidas por corresponsais no terreo, senón por axencias terceiras que nalgúns casos non contan tampouco con corresponsais ou que, contando con eles, prefiren recorrer a fontes partidarias. É o caso do recorrente Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, que nalgúns medios aparece referido como parte da oposición Siria, mentres que noutros tan importante información tende a ser, ou é sistematicamente, obviada.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

Arredor do conflito que se está a desenvolver na Siria existen, grosso modo, dúas posicións sustentadas por dous bloques de países, un que no debate público lideran os EUA e outro que lidera a Rusia. Ambos os países con fortes intereses particulares no país e na rexión. No entanto, os medios de masa occidentais asumen unha posición fortemente parcial en favor do grupo dos EUA, baseándose en informacións non ofrecidas por corresponsais no terreo, senón por axencias terceiras que nalgúns casos non contan tampouco con corresponsais ou que, contando con eles, prefiren recorrer a fontes partidarias. É o caso do recorrente Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, que nalgúns medios aparece referido como parte da oposición Siria, mentres que noutros tan importante información tende a ser, ou é sistematicamente, obviada.

Neste sentido, é conveniente lembrar dúas renuncias relevantes no canal catariano Al Jazeera, Ali Hashem, correspondente de guerra en Libia, e Ghassan Bin Jeddo, ex-director do escritorio de Al Jazeera en Beirut. Ambos os dous demitiron a causa do tratamento interesado da información do conflito. Convén acrecentar que Catar e Arabia Saudita, están a fornecer armamentos (estadounidenses) á oposición siria, segundo Phyllis Bennis, do progresista Institute of Policy Studies, dos EUA.

A narrativa xeral, con máis ou menos matices, establece que na Siria, como antes na Libia, existe un pobo oprimido que se defende pola vía das armas dun goberno criminal e ilexítimo, a fin de substituílo por un réxime democrático en que cabería esperar unha aceptación ampla da mera confrontación política para a resolución de conflitos futuros. Existen, no entanto, informacións de fontes relevantes que están a ser conscientemente marxinadas e que veñen a introducir, cando menos, dúbidas razoables a esta versión e, en todo o caso, a facer menos recomendable a eventual intervención, de calquera tipo, no terreo por parte de países terceiros. Sabemos, por confesións directas ou indirectas, que xa están a apoiar faccións da oposición a Alemaña, os EUA e o Reino Unido.

A oposición é a boa

Na narrativa dos medios occidentais a oposición aparece como boa ou menos má. Con todo, non parecemos ter probas en tal sentido. Antes ao contrario. Segundo un relatorio de Nacións Unidas, feito público o pasado 15 de agosto, ambas as partes terán cometido crimes de guerra e contra a humanidade. O curioso aquí é que o propio Congreso dos EUA é perfectamente consciente disto desde, polo menos, xullo. Un relatorio de 19 de xullo elaborado polo Servizo de Investigación daquela institución admitía “abusos” dos dous lados.

Recentemente a Campaña Emblema de prensa (PEC) advertía que 25 xornalistas tiñan sido asasinados desde xaneiro, cabendo a responsabilidade a forzas gobernamentais e da oposición. Tampouco cabe esquecer que foron forzas rebeldes as que, por accidente segundo elas propias, explosionaron o pasado 15 de agosto unha bomba que afectou o hotel dos observadores da ONU, que tres días despois comezaban a retirarse do país, antes de finalizar oficialmente a súa misión que, como se explicará, non parecía estar a facer un mal traballo.

Que oposición?

A famosa oposición siria non é tal. Cabería falar de oposicións, chegado o caso. Por outro lado, afirmaba recentemente Charlie Glass, o que fora correspondente de ABC News en Siria, xefe de informativos e xefe para Oriente Próximo, que “as persoas que realmente comezaron isto, xente que pasou tempo no cárcere ao longo dos anos [...] que querían manifestacións populares, que querían desobediencia civil, que querían negociacións co réxime, para conseguir unha transición pacífica [...] están a ser afogadas na cacofonía do fogo de artillería”.

A vía diplomática non está a resultar

Segundo analistas como o xa referido Phyllis Bennis, os esforzos en curso no cadro do plan de paz posto a andar por Kofi Annan estaban, lentamente, a dar os seus frutos. Aldea por aldea, a equipa da ONU liderada polo Xeneral noruegués Robert Mood, avanzaba na consecución de cesar-fogos locais, nun país no que calquera iniciativa de paz que se queira desenvolver con eficacia probablemente non poida recorrer a outro método. Isto porque non se trata dunha rebelión do pobo contra a elite, tal como Hillary Clinton se obstina en soster publicamente, senón dunha guerra civil, tal como estableceu o Comité Internacional da Cruz Vermella hai algunhas semanas. O pobo está dividido.

Os Dereitos Humanos e Al Qaeda son as preocupacións do “noso” bando

Segundo aseveran reiteradamente desde a Casa Branca, e asumen desde a maioría dos medios de persuasión occidentais ou pro-occidentais, as preocupacións fundamentais do bloco de países liderado polos EUA son os DDHH dos civís e a posibilidade de que Al Qaeda, dun ou outro modo, poida fortalecerse na rexión.

É difícil deixar de admirarse da dilixencia con que os EUA se preocupan do respecto dos DDHH fóra das súas fronteiras. Un país que, de modo ben documentado, é sabido que tortura contravindo dereito interno e internacional, a cidadáns propios e alleos, con ampla impunidade. Un país que, en parte por iso, boicotea un dos maiores avances no Dereito Internacional: a creación dunha Corte Penal Internacional. Tratado, claro, de que non é parte a pesar de se ter comprometido, nun inicio, a selo.

Por outro lado, non está clara a relación da oposición siria con Al Qaeda. Sabemos que Abu Ammar, comandante rebelde na cidade de Aleppo, afirmaba ao xornalista Nino Blinac, da AFP, literalmente: “Non queremos a Al Qaeda aquí, pero se ninguén máis nos axuda, aliarémonos con eles”, engadindo aínda que “Pode apostar que se Al Qaeda vén, lavarán o cerebro á xente. Se Al Qaeda entra en Aleppo, a cidade converterase na súa base en tres meses”. Como mínimo, isto denota que algunha oposición Siria non ve Al Qaeda cos mesmos ollos que os EUA e a maior parte de Estados do mundo.

Pero é que os propios EUA van aínda máis alá no relatorio, xa referido, do seu Servizo de Investigación do Congreso, do pasado 19 de xullo, ao afirmar que “A intelixencia dos EUA está a axudar a coordinar a entrega de apoio letal a elementos armados sirios da oposición non aliada con grupos terroristas como Al Qaeda”. É dicir, asumen que existen elementos armados da oposición que si está aliada con tales grupos terroristas. Parecen, de feito, suxerir que nin sequera é Al Qaeda o único grupo terrorista que está a apoiar a oposición armada ao réxime de Al-Assad.

Onde está Bahréin?

A versión que os nosos medios de persuasión sosteñen para Siria quizá puidese encaixar mellor para o que está a ocorrer en Bahréin. Neste caso, no entanto, onde os intereses dos EUA son ben diferentes, a cobertura é ben menos sistemática ou case nula.