O “escudo” sirio de Erdoĝan

Son cada vez maiores as especulacións enfocadas nunha presunta invasión militar turca a Siria, a través da denominada “Operación Escudo do Éufrates”. De eventualmente certificarse, asistiríamos á primeira invasión militar en Siria por parte dun país membro da OTAN que, ironicamente, ten reorientado nos derradeiros meses un xiro xeopolítico de cariz “euroasiático”, especialmente manifestado coa súa entente con Rusia. Alén das pretensións xeopolíticas establecidas polo cada vez mais autocrático presidente turco Recep Tayyip Erdoĝan, cuxa masificación da represión interna consolídase ante a opaca reacción occidental, este súbito xiro dos acontecementos por parte de Erdoĝan en Siria supón un cambio de ecuación de carácter disuasivo e preventivo, a fin de asegurar os intereses turcos ante a próxima asunción presidencial de Donald Trump e para neutralizar as inquietudes atlantistas sobre a definición xeopolítica de Ankara. 

Apartados xeográficos Oriente Médio
Palabras chave Siria Turquía Erdogan
Idiomas Galego

Son cada vez maiores as especulacións enfocadas nunha presunta invasión militar turca a Siria, a través da denominada “Operación Escudo do Éufrates”. De eventualmente certificarse, asistiríamos á primeira invasión militar en Siria por parte dun país membro da OTAN que, ironicamente, ten reorientado nos derradeiros meses un xiro xeopolítico de cariz “euroasiático”, especialmente manifestado coa súa entente con Rusia. Alén das pretensións xeopolíticas establecidas polo cada vez mais autocrático presidente turco Recep Tayyip Erdoĝan, cuxa masificación da represión interna consolídase ante a opaca reacción occidental, este súbito xiro dos acontecementos por parte de Erdoĝan en Siria supón un cambio de ecuación de carácter disuasivo e preventivo, a fin de asegurar os intereses turcos ante a próxima asunción presidencial de Donald Trump e para neutralizar as inquietudes atlantistas sobre a definición xeopolítica de Ankara. 

Con isto, Erdoĝan aplica unha estratexia militar que, coa probable benevolencia dos seus aliados Rusia e Irán, focalízase en establecer un reparto de esferas de influencia dentro do post-conflito sirio. Con isto establece unha zoa de protección e de contención de cara á posibilidade de irredentismo kurdo de feito, así como contra a expansión do xihadismo salafista do Estado Islámico dentro das fronteiras turcas.

Neste sentido, comezan a definirse informacións sobre os proxectos militares turcos no norte de Siria. Algunhas fontes(1) afirman que Ankara xa ten establecida unha segunda base militar estratéxica en Siria, neste caso na localidade de Akhtarin, na provincia de Aleppo, centro das operacións militares rusas en Siria. O obxectivo estaría aparentemente dirixido en crear unha especie de “escudo defensivo” (reprodución dun  “buffer State” ou “Estado-tapón”) contra o Estado Islámico, a fin de arrebatarlle a estratéxica localidade de al-Bab.

Neste sentido, Ankara establece operacións militares conxuntas con EUA a fin de axilizar un rápido avance da coalición internacional liderada por Washington para expulsar ao Estado Islámico da localidade de Raqqa(2), seguindo o mesmo patrón de actuación anteriormente realizado en Mosul (Iraq). Sendo o único país membro da OTAN fronteirizo con Siria, estas operacións conxuntas confirman a estratexia “a dúas bandas” que Erdogan aplica en Siria, equilibrando os seus intereses a través dos seus contactos coa OTAN, Rusia e incluso Irán.

A imprevisible visión que en materia de política exterior establecerá a próxima presidencia de Trump semella incrementar estes imperativos xeopolíticos de Erdoĝan. Neste sentido, a brutal represión interna post-golpe establecida polo presidente turco a todos os niveis institucionais e sociais en Turquía, certifica en qué medida a súa definitiva deriva autoritaria busca igualmente exercer un efecto persuasivo cara Occidente(3).

Mentres ampliaba a represión no tecido universitario turco, Erdoĝan ameazou á Unión Europea con dar un “portazo” definitivo ás negociacións de integración para así apostar por unirse á Organización de Cooperación de Xangai (OCX)(4), alterando así a tradicional orientación xeopolítica “atlantista” a favor dunha elección “euroasiática” de intereses conxuntos con Rusia e China.

Pero a eventualidade de invasión militar turca en Siria a través da “Operación Escudo do Éufrates” implica outro escenario, se cabe mais estratéxico: neutralizar e incluso illar a posibilidade de observar un corredor kurdo nas fronteiras turcas con Siria e Iraq. Un obxectivo estratéxico que Washington e os seus aliados rexionais, en especial Arabia Saudita e Israel, ven observando con especial atención e beneplácito.

Este factor moi probablemente influíu no recente desxeo das relacións diplomáticas entre Turquía e Israel (suspendidas desde 2010). Un desxeo igualmente posibilitado polos imperativos rusos en Siria, tomando en conta os recentes contactos diplomáticos de Moscova con Tel Aviv, con epicentro de atención no conflito sirio(5).

Neste taboleiro, Erdoĝan intúe o clima de preocupante incerteza que impera na Alianza Atlántica cun Trump fortemente crítico coa OTAN, así como a certificación dos prazos establecidos polo Brexit a partir de marzo próximo, e igualmente polo contexto electoral 2017 que agarda no corazón da Unión Europea. Aquí obsérvanse as pulsacións “antieuropeístas” por parte de partidos e movementos de corte populista de cara aos comicios presidenciais de Francia (maio) e de Alemaña (outubro). Socavando os temores do establishment atlantista, Erdoĝan interpreta unha ecuación xeopolítica global basicamente orientada a reforzar o seu cada vez mais autoritario poder.

           

 

 



(2) http://www.washingtontimes.com/news/2016/may/31/turkey-offers-joint-ops-us-forces-syria/ Na ofensiva contra o Estado Islámico en Raqqa tamén participan as Forzas Democráticas Sirias, a plataforma opositora ao réxime de Bashar al Asad apoiadas por EUA, Arabia Saudita e Iraq, así como as milicias kurdas do YPG, igualmente rivais de Turquía na rexión. Este escenario aborda as complexidades de intereses, moitas veces conxuntos e outras veces contrapostos, existentes dentro dos actores involucrados no confuso labirinto do conflito sirio. Así, o futuro do post-conflito sirio e dos presumibles repartos de esferas de influencia estarán moi probablemente concentrados nas operacións militares que actualmente lévanse a cabo no norte de Siria en torno ao triángulo Aleppo-al-Bab-Raqqa. Para maior información, consultar: http://mebriefing.com/?p=2609

(3) Diversas enquisas afirman que a popularidade de Erdoĝan e do seu partido islamita AKP aumentou un 10% co respecto á derradeira elección realizada no país (novembro de 2015) Dun xeito paradoxal, esta popularidade aumentou coa represión post-golpe desde xullo pasado, aspecto que confirmaría para Erdoĝan a lexitimación da súa deriva autoritaria nun momento en que o modelo de democracia liberal vese fortemente cuestionado en Occidente. Para maior información, consultar: http://www.al-monitor.com/pulse/originals/2016/11/turkey-why-is-erdogans-rise-unstoppable.html

(4) http://www.lavanguardia.com/internacional/20161121/412014986574/erdogan-hartazgo-ue-alianza-rusia-china.html O Parlamento Europeo votaba este xoves 24 a posibilidade de conxelar a longo prazo as negociacións de admisión turca na UE, por mor da represión aos dereitos humanos establecida por Erdoĝan.

(5) Con todo, Israel acusa a Turquía e Rusia de que a súa política de manter ao réxime de Bashar al Asad en Siria beneficia igualmente os imperativos xeopolíticos rexionais de Irán, o principal inimigo israelí en Oriente Próximo.