O pacto en Palestina e a “revolución” no mundo árabe

Compre observar con atención os resortes que se traducen do recen constituído acordo político entre os movementos palestinos Hamas e Al Fatah para alcanzar un goberno de unidade nacional, de cara á previsible proclamación dun Estado palestino para setembro próximo.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

Compre observar con atención os resortes que se traducen do recen constituído acordo político entre os movementos palestinos Hamas e Al Fatah para alcanzar un goberno de unidade nacional, de cara á previsible proclamación dun Estado palestino para setembro próximo. Os eidos que contribuíron a certificar este pacto poden albiscar novos escenarios en Oriente Próximo, en particular explicado pola vaga de cambios políticos na rexión.

Trala violenta ruptura de 2007, a Autoridade Nacional Palestina (ANP) definiu unha bicefalia de poder entre Hamas e Al Fatah nos territorios palestinos de Gaza e Cisxordania que, progresivamente, traduciu un illamento exterior para Gaza, moi probablemente propiciado para minar a potencialidade política de Hamas. Por tanto, o súbito pacto entre ambos movementos acaecido o pasado 26 de abril na localidade exipcia de Sanáa, explica un inédito achegamento orientado a potenciar unha ANP institucionalmente preparada para o eventual anuncio de independencia palestina, cuxo recoñecemento internacional supera actualmente con creces o centenar de países membros da ONU.

Alén dos factores internos que expliquen este pacto de unidade gobernamental Hamas-Al Fatah, o salientable é a diplomacia exercida polo novo goberno exipcio post-Mubarak, auténtico actor clave na consecución deste pacto. Nun momento en que Exipto avanza cara a transición política, a súa diplomacia deu curso a este acordo en Palestina que, moi probablemente, tivo unha especial significación a través do papel exercido polo movemento exipcio dos Irmáns Musulmáns, en especial de cara a súa eventual influencia sobre Hamas, así como o beneplácito do estamento militar exipcio.

Deste modo, o achegamento entre os Irmáns Musulmáns e os militares exipcios, dous inimigos irreconciliables durante a era Mubarak, explícase ante a aceptación de ambos actores por moderar a transición exipcia, especialmente ante próximas consultas populares como as eleccións presidenciais e o referendo de reforma constitucional. Igualmente, o movemento islamita exipcio tenta influír no seu similar palestino na necesidade de abordar unha reforma do seu programa político, menos radical e mais pragmático.

Neste apartado compre considerar a posible influencia do partido islamita turco AKP, actualmente gobernante en Ankara, manexando unha especie de alianza rexional cos Irmáns Musulmáns exipcios na tarefa de influír como baluartes dunha visión mais moderada por parte dos movementos islamitas rexionais.

Paralelamente, o novo goberno exipcio anunciou a necesaria apertura do paso fronteirizo de Refah con Gaza, un aspecto estratexicamente importante porque permite normalizar as relacións entre Hamas e O Cairo, severamente reprimidas polo ex presidente Mubarak e consonancia coa alianza exipcia con Israel. Dentro desta dinámica diplomática, Exipto tamén anunciou a súa intención de normalizar as relacións con Irán, un aspecto xeopolítico inédito que pode ser explicado como un vector indirecto dos vertixinosos cambios que actualmente acontecen na rexión.

Obviamente, o pacto Hamas-Al Fatah con implicación exipcia, así como o cambio de visión de O Cairo co respecto a Teherán, colocan no centro de atención á posición israelí e estadounidense e as súas reaccións e expectativas sobre o que acontece na rexión. O goberno dereitista de Benjamín Netanyahu reaccionou con dureza ante o pacto palestino, rexeitándoo por consideralo unha especie de “declaración de guerra contra Israel”. Paralelamente, Tel Aviv afianza a súa expectativa para que Washington manifeste a súa posición de veto de cara á proclamación da independencia palestina.

A presión de Netanyahu sobre o presidente da ANP, Mahmud Abbas, de elixir “entre a paz con Israel ou a paz con Hamas”, evidencia a escasa visión de apertura israelí ante os cambios xeopolíticos rexionais. Paralelamente, un achegamento entre Exipto e Irán, un escenario onde Turquía ben puido xogar un papel esencial, a raíz da súa influencia xeopolítica no Cairo e Teherán, complicaría aos ollos israelís os seus intereses rexionais, manifestando un inédito viraxe da diplomacia exipcia que pode implicar, igualmente, unha reacción aínda por determinar por parte de Washington.

Mentres a guerra civil en Libia, a represión militar en Siria e a inestabilidade en Iemen intensifican os escenarios de conflito na rexión, o acordo en Palestina supón un respiro indirectamente determinado por esta vaga de cambios que acontece no mundo árabe. Resta observar se a aparentemente imperturbable alianza estratéxica entre Israel e EEUU se verá finalmente alterada por esta dinámica de cambios, en especial ante o inesperado viraxe diplomático e xeopolítico causado por tradicionais aliados occidentais na rexión, como son os casos de Exipto e Turquía. E preguntarse tamén se este acordo Hamas-Al Fatah constituirá unha consecuencia da revolución que actualmente ocorre no mundo árabe, ou polo contrario se dilúe nun pacto de mínimos con poucas perspectivas de consolidación.