A recente ofensiva militar nas localidades iraquís de Faluya e Ramadi contra posicións yihadistas agrupadas na organización Estado Islámico de Iraq e o Levante (ISIS), ofensiva ordenada polas forzas de seguridade iraquís ao mando do primeiro ministro Nouri al Maliki, implica retrotraer ao centro da atención o que sucede no delicado labirinto iraquí, cun opaco prisma para unha opinión pública mundial practicamente concentrada nos conflitos propios da post-Primavera árabe, en especial a guerra civil en Siria e o golpe militar en Exipto.
A recente ofensiva militar nas localidades iraquís de Faluya e Ramadi contra posicións yihadistas agrupadas na organización Estado Islámico de Iraq e o Levante (ISIS), ofensiva ordenada polas forzas de seguridade iraquís ao mando do primeiro ministro Nouri al Maliki, implica retrotraer ao centro da atención o que sucede no delicado labirinto iraquí, cun opaco prisma para unha opinión pública mundial practicamente concentrada nos conflitos propios da post-Primavera árabe, en especial a guerra civil en Siria e o golpe militar en Exipto.
Segundo cifras de Nacións Unidas e do británico Iraq Body Count (IBC)(1), no 2013 mais de 9.000 iraquís, a enorme maioría deles civís, morreron pola violencia política e sectaria propia do Iraq post-Saddam. Precisamente, o caos iraquí veuse paulatinamente silenciado e esquecido da atención mundial ante a inesperada vaga de cambios políticos en Oriente Próximo, cuxas incertezas aducen igualmente a tanxencial reconfiguración do mapa xeopolítico rexional.
Este silencio vese igualmente posibilitado ante a importante cantidade de xornalistas asasinados pola violencia iraquí. Diversas ONGs como Human Rights Watch (HRW) e Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) confirman que, desde a invasión internacional liderada por Washington en 2003, mais de 400 xornalistas e profesionais da información morreron en Iraq, 21 deles no 2013(2). HRW igualmente acusa ao primeiro ministro al Maliki e ás autoridades iraquís de propiciar unha política oficial de acoso contra os xornalistas, moitos deles denunciando a corrupción institucional e a ineficacia dos servizos públicos.
Pero a ofensiva militar en Faluya e Ramadi ten outras vertentes, principalmente de carácter político nun contexto preelectoral. Iraq irá o próximo 30 de abril a eleccións parlamentarias onde a comunidade internacional espera preservar o inestable status quo propiciado pola coalición liderada por al Maliki, no poder desde 2006. Nas pasadas eleccións lexislativas de 2010 confirmaron a tensa polarización política iraquí, cun Parlamento conformado pola alianza Al Iraqiya (91 escanos), o partido Estado de Dereito (89) e a coalición xiíta Alianza Nacional Iraquí (70)
Pouco antes das eleccións lexislativas iraquís, Afganistán, outro escenario esquecido pola opinión pública internacional, celebrará eleccións presidenciais o próximo 4 de abril, nun marco político notablemente similar ao iraquí. Coa perspectiva enfocada na definitiva retirada militar das forzas estadounidenses pautada para decembro de 2014, Washington e os seus aliados esperan igualmente preservar o status quo mantido polo polémico presidente Hamid Karzai (no poder desde 2003), pero agora nun contexto diametralmente diferente, tomando en conta o reforzamento de posicións das forzas talibán na porosa fronteira entre Afganistán e Paquistán.
Con todo, as variables xeopolíticas semellan xogarse con máis forza no escenario iraquí que no afgá, e a recente ofensiva de Faluya pode clarificar algunhas delas. Mantendo no poder a Nouri al Maliki e unha inestable alianza entre sunnitas e xiítas no poder, Washington amosase expectante ante a posibilidade de que a ofensiva en Faluya aplaque o avance de células yihadistas que comezan de novo a proliferar na cada vez mais inestable fronteira entre Siria e Iraq, determinada no 2012 coa creación da organización Al Qaeda en Siria e Iraq, que pretende erixirse como o núcleo organizativo das redes e células yihadistas.
O temor en Washington e Bagdad é que o ISIS e outras células aliadas establezan unha especie de “corredor estratéxico” entre Siria e Iraq, que ameace o status quo imperante e fortaleza as opcións de recrear un hipotético Estado Islámico en pleno corazón de Oriente Próximo.
Neste sentido, non é descartable que o recente acordo nuclear entre Irán e o G5+1 albergara un efecto colateral auspiciado por un eventual pacto tácito entre Washington e Teherán a fin de manter as súas posicións dentro do status quo en Iraq, acosando con isto ás células yihadistas que proliferan entre a comunidade sunnita. Tomando en conta a sensación de parálise da guerra siria, Washington estaría persuadido a apoiar indirectamente os ataques contra células yihadistas tanto en Siria como en Iraq.
Pero o concerto preelectoral iraquí pode intensificar un ciclo de violencia na medida en que se aproximen as eleccións parlamentarias, escenario que podería ser reproducible no caso afgá, tomando en conta que os talibáns xa anunciaron a mediados de 2013 que non participarían nestes comicios.
A indefinición da guerra civil siria, o caos iraquí e as incertezas sobre o futuro de Afganistán unha vez se materialice a retirada militar estadounidense son escenarios que afrontan perspectivas preocupantes sobre a eventual integridade estatal de cada un destes casos. Non sería, por tanto, descartable unha hipotética fragmentación política e territorial, o cal igualmente podería implicar unha reconfiguración en contextos como Oriente Próximo, tomando en conta a eventual intensificación das demandas curdas por erixir un Estado soberano, sempre coa mente colocada na autonomía de feito do Curdistán iraquí.
Por tanto, son igualmente relevantes os comicios municipais en Turquía previstos para marzo próximo, onde as formacións políticas curdas aumentan as súas probabilidades de obter maiorías municipais, principalmente no Curdistán turco fronteirizo con Iraq e Siria, complicando así a perspectiva hexemónica do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e do seu partido islamita moderado AKP.
En todo caso, dous conflitos que definiron a atención internacional na derradeira década, como son Iraq e Afganistán, volven ao centro da atención a pesar da post-Primavera árabe. Un regreso dos pantasmas do pasado, herdanza da unilateral ilegalidade da era Bush que Obama non semella poder descifrar o seu final.
(1) VAN AUKEN, Bill: “Iraq Slides Toward Civil War”, Global Research (Canadá), 3 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.globalresearch.ca/iraq-slides-toward-civil-war/5363551
(2) ADRIAENSENS, Dirk; “The Killing of Journalists in Iraq”, Global Research (Canadá), 4 de xaneiro de 2013. Ver en: http://www.globalresearch.ca/the-killing-of-journalists-in-iraq/5363716