Post-Múnic

Baixo o intrigante lema “Post-Verdade, Post-Occidental, Post-Orde?”, a recente celebración da 53º Conferencia de Seguridade de Múnic (17-19 de febreiro) simplifica a discusión sobre a inevitable transición que estase observando nun sistema internacional comprimido por sinais aínda confusas. Os temas de discusión ampliaron estas expectativas de inquietudes sobre a “nova orde mundial” en curso, destacando os efectos globais da presidencia de Donald Trump, as secuelas do Brexit, o impasse nas relacións transatlánticas e a tensión entre Rusia e Occidente. Así e todo, a Conferencia de Múnic 2017 achega un punto de inflexión no que o previsible sistema “multipolar non hexemónico” post-westfaliano, determinado polos equilibrios e pulsos existentes dentro da troika conformada por EUA, China e Rusia, deberá contemporizarse coa heteroxeneidade dos actores emerxentes e a multiplicidade dos desafíos que se definen na seguridade e na gobernanza do mundo da post-“posguerra fría”. 

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Baixo o intrigante lema “Post-Verdade, Post-Occidental, Post-Orde?”, a recente celebración da 53º Conferencia de Seguridade de Múnic (17-19 de febreiro) simplifica a discusión sobre a inevitable transición que estase observando nun sistema internacional comprimido por sinais aínda confusas. Os temas de discusión ampliaron estas expectativas de inquietudes sobre a “nova orde mundial” en curso, destacando os efectos globais da presidencia de Donald Trump, as secuelas do Brexit, o impasse nas relacións transatlánticas e a tensión entre Rusia e Occidente. Así e todo, a Conferencia de Múnic 2017 achega un punto de inflexión no que o previsible sistema “multipolar non hexemónico” post-westfaliano, determinado polos equilibrios e pulsos existentes dentro da troika conformada por EUA, China e Rusia, deberá contemporizarse coa heteroxeneidade dos actores emerxentes e a multiplicidade dos desafíos que se definen na seguridade e na gobernanza do mundo da post-“posguerra fría”. 

A diferenza de citas anteriores, a Conferencia de Múnic 2017 non acolleu aos principais líderes mundiais. Non estiveron nin Trump nin os seus homólogos Vladimir Putin ou Xi Jinping, entre outros. A troika mais ben apostou por enviar a representantes de segundo perfil, nos que destacaron por parte estadounidense o vicepresidente Mike Pence, o secretario de Defensa James Mattis e o secretario de Seguridade Interior, John Kelly. Toda vez, Rusia enviou ao seu ministro de Exteriores, Sergei Lavrov e China igualmente ao seu ministro de Exteriores, Wang Yin.

Tanto como as ausencias, as presenzas son neste sentido significativas. Mentres Washington apostou mais ben por enviar a altos cargos principalmente vinculados cos intereses de seguridade nacional, Moscova e Beijing preferiron enviar aos seus principais representantes diplomáticos.

A crise “post-Flynn”

As secuelas do “escándalo Flynn” en Washington e os seus efectos nas relacións transatlánticas vía OTAN e, principalmente, nas tensamente expectantes relacións ruso-occidentais, dominaron a axenda en Múnic. Neste sentido, para Washington, o foro foi aproveitado para ilustrar algunhas das variables sobre as que xirarán varios dos obxectivos da administración Trump en materia exterior.

Pero as mesmas seguen a transitar no terreo das confusas expectativas e das incertas especulacións, particularmente no cometido das súas relacións transatlánticas e, principalmente, sobre cal será a relación a partir de agora con Rusia.

Por tanto, o vicepresidente Pence tentou contemporizar o estado das relacións con Rusia e Europa, amosando a perspectiva de confeccionar unha “post-OTAN” con menor cabida para Washington. Toda vez, tentou tranquilizar aos seus socios transatlánticos garantindo o “compromiso” estadounidense coa Alianza Atlántica mentres criticaba a Moscova pola súa inherencia no conflito do Donbass no Leste ucraíno.

Persuadindo aos seus socios europeos a incrementar  un gasto militar vía OTAN excesivamente dependente de Washington, Pence tampouco desestimou o seu apoio ao escudo “atlantista” desde o Mar Báltico ata o Mar Negro, establecido con evidentes implicacións de contención dos imperativos estratéxicos rusos.

Para o Kremlin, o “escándalo Flynn” aborda un efecto disuasivo que moi seguramente complicará as expectativas existentes sobre cal será o status real das súas relacións coa Casa Branca de Trump. A visión en Moscova semella apostar pola realpolitik. Polo pronto, Lavrov defendeu en Múnic un inevitable mundo “post-Occidental”, suxerindo que precisamente Occidente non quere “recoñecer a emerxencia dunha orde mundial multipolar”(1).

Pero o clima de aparente cordialidade que Moscova agardaba transitar con Trump na presidencia pode verse truncado polo contexto “post-Flynn”. Un día despois da Conferencia de Múnic, Trump elixiu como substituto de Flynn no cargo de novo asesor de Seguridade Nacional ao coronel Herbert McMaster, un “falcón” que considera a Rusia como unha “ameaza” e un “antagonista” de EUA(2). Como veterano militar, McMaster ten experiencia no terreo dos recentes conflitos de Oriente Próximo.

Estes recentes e inesperados movementos na relación ruso-estadounidense baixo o contexto “post-Flynn” disuadiron a Moscova a ingresar nunha fase de “expectante vixilancia” sobre cómo poden transitar estas relacións ante o súbito cambio de expectativas. E aquí ponse en consideración que a relación entre a troika Washington, Moscova e Beijing debe necesariamente acadar compromisos globais que, non obstante, poden verse obstaculizados pola preponderancia dos respectivos intereses xeopolíticos.

Nun sentido mais amplo, a Conferencia de Múnic estivo igualmente contextualizada pola renovación da tensión nuclear con Irán e Corea do Norte, aspecto que revitaliza o tema da proliferación nuclear. Con menos impacto, outros temas abordados na axenda como a crise da democracia liberal, a auxe dos populismos, a guerra en Siria, a loita contra o terrorismo xihadista e a seguridade en Asia-Pacífico, foron visiblemente opacados pola preponderancia do contexto que se abre agora entre Occidente e Rusia.

Cuestionada a hexemonía occidental e da globalización neoliberal, o mundo “post-Múnic” vai cobrando forma na medida en que se configura un sistema multipolar non hexemónico, aínda que igualmente non menos confuso e volátil. Fai exactamente unha década, na Conferencia de Múnic de 2007, o propio Putin advertiu sobre o obsoleto predominio do sistema unipolar predominante na “posguerra fría”. Considerado como un discurso “histórico” e incluso “profético”, hoxe esa diagnose asúmese como irreversible.