Palestina, dividida en dous bloques que cada vez se separan máis: Gaza e Cisxordania, só gaña pezas nun quebracabezas político, social e económico, que cada vez resulta máis difícil de compor. Se ben xa se fala da imposibilidade de construír un futuro estado unido; de cando en vez repítense os augurios que preconizan a existencia de pequenos cantóns dentro de cada territorio, unhas demarcacións que parecen avivadas por intereses externos que se camuflan no conflito e sobreviven aos problemas internos.
As diferentes loitas palestinas provocaron que Gaza continúe a mudar de réxime segundo as diferentes voces que se alzan cun feble poder, e cunha variabilidade descontinua. Así, esta fin de semana a fronteira sur da Faixa, Rafah, foi declarada Emirato Islámico independente por un grupo salafista afín a Al-Qaeda: Jund Ansar Allah, Os soldados de Deus.
Abu Musa, líder do grupo salafista que o primeiro ministro Ismael Hanie definiu como radicais con ideas estrañas, anunciou o comezo dun mandato teocrático en Palestina, empezando en Rafah. Para esta organización, Hamas é demasiado liberal, posto que permite a secularización dentro do seu dominio e o armisticio con Israel. É por isto que os ataques contra o goberno de facto en Gaza estaban asinados por Jund Ansar Allah, que durante o ano intentou diferentes asaltos contra persoas e lugares, incluso en territorio israelí.
Durante estes días, preto de cen persoas, vinculadas ao grupo salafista, foron encarceradas, despois dun venres no que morreron 24 persoas e houbo máis de 125 feridos. Os ataques, que as forzas de Hamas trataron de repeler, negociando cos membros de Jund Ansar Allah a idea dun Islam moderado, tiveron lugar nunha mesquita de Rafah, comezo e fin do intento de independencia dun emirato cuxo obxectivo era estenderse por toda Palestina. Así, tras un silencio de varios meses en canto ao conflito palestino-israelí, os minados habitantes da Faixa de Gaza continúan a sufrir as inxustizas de loitas de poder fatais para a súa propia existencia real e duradeira.