Hai moitos anos que dialogan a igrexa de Roma e a Igrexa de Inglaterra, no marco de iniciativas e organismos ecuménicos. Ese diálogo non é doado, pero até agora viña sendo respeitoso e recoñecedor das diferencias no que se podía. O mes pasado a impacencia do Papa, secundada pola dilixencia do seu sucesor no Santo Oficio, o Cardeal Levada, impulsouno a disparar unha constitución apostólica que abre a porta aos cregos anglicanos que se sintan incómodos coa ordenación das mulleres e outras novedades da disciplina desa igrexa e queran ¨emigrar¨ á romana. Saíndose de todos os precedentes, o Vaticano non informou ao Arcebispo de Canterbury desa medida até a antevéspera.
O xesto pontificio ten siñificación para alén das cuestións eclesiásticas- A Igrexa de Inglaterra foi sempre unha ¨igrexa ampla¨ na que caben diferencias importantes, das que a máis básica é a que existe entre o sector máis apegado á tradición común anterior á Reforma e o sector máis ´protestante¨, que é o evanxélico. Esa coexistencia criou un clima de liberdade e diálogo, no que foi e sigue sendo importante a forte participación do laicado no Sínodo, organismo cuasiparlamentar de goberno.
O feito de que a partires de 1688 a Igrexia de Inglaterra convivise cun réxime democrático nunha historia de mutua adaptación foi decisivo para a configuración da democracia no Reino Unido. O proceso de erosión do absolutismo polìtico non bateu, como no continente, coa intolerancia agresiva de Roma. Quen estude e talvez admire o sistema polìtico de Inglaterra non debe descoñecer que ese sistema foise criando como distanciamento do modelo católico-romano de sumisión incondicional á autoridade.
Benedicto XVI pensa que a secularización da sociedade pide unha resposta autoritaria, un retroceso á seguridade das conciencias que abdican da autonomía e descansan na autoridade omnímoda e omnipotente. Non faltan ningures espíritus que debecen por esa tranquilidade. O Papa préstase a ofrecerlles un reducto fortificado. Os que se refuxian nele son os menos dispostos á convivencia con ninguén que non pense exactamente o que eles pensan, que é o que lles mandan pensar. Ao mesmo tempo que o Vaticano lles abre as portas aos seguidores de Lefebvre na Sociedade de Pio X, ábrellas tamén aos cregos máis reaccionarios da Igrexa Anglicana. Tanto que pensa deixarlles que sigan casados, a diferencia dos católicos que tiveron que cesar no seu cometido pastoral para poder casar.
Non é unha cuestión de sacristías nin debe deixar indeferentes aos que non sexan cristiáns. O autoritarismo romano toca cuestións que afectan a toda a humanidade. Neste caso, dalle azos moi especialmente á misoxinia.